BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O soño’ vs ‘Tuco’

Estrangulamento.

Xornada 6 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Pilar Vilaboy e Daniel Ugarte.

Traba: Os relatos deben conter as seguintes palabras: bus, decorar, pendular, azo e maioritario. No seu contexto habitual, non coma nomes propios.

O soño

Andaba rebeirando no caixón dos trastes da miña casa e topei un fotograma dunha película en branco e negro. Quedei mirando para o actor porque se me facía unha cara coñecida, lembrábame a alguén pero non sabía a quen.

Funme deitar e o meu subconsciente empezou a cismar. Soñei coa muller loura da escena que se erguía da postura en escorzo de medio lado e achegábase a min facendo un movemento pendular cos brazos. Iamos sentadas xuntas nun bus, eu levaba o fotograma na man. Ela estaba pálida e semellaba cansa.

—Chámome María e estou aquí para saciar a túa curiosidade, pregúntame o que queiras —Mirábame dun xeito raro, entre admiración e incredulidade.

—Que tipo de película era esta?

—De terror. Non era unha película de público maioritario senón máis ben do chamado cine de autor. Este é Marcos, o do traxe de chaqueta con cara de asustado. Era o produtor da película, un home con moito talento, pero ninguén lle recoñeceu os seus méritos. Foi un dos pioneiros en introducir innovacións no xénero como usar armas brancas sen sangue, xa ves que o coitelo parece que está para decorar. E en vez de asasinos prefería heroes que salvasen vidas. Está en crequenas agachado derriba miña para desatarme as cordas das mans. Si, si, eu ademais da actriz, era a muller coa que compartía a súa vida.

—Onde se desenvolve a escena?

—Dáballe moita importancia aos espazos. Este era un camposanto real de Vigo, o cemiterio de Pereiró. Andabamos moi xustos de orzamento. Eu saio descalza porque así non gastaba en zapatos. Coa ilusión que me facía a min estrear uns de tacón. E a dor de lumbares que tiña nesa postura…

—De cando é esta película? 

—Do 1968.

—Ah, vaia, que casualidade… ese ano tamén nacín eu.

—Claro, é que ti es froito do noso amor, es a nosa filliña.

De súpeto espertei e xa non sabía se o que soñara era un pesadelo. Meus pais foran panadeiros toda a vida, non estaban vencellados ao mundo do cine. Aquel mesmo día a mediodía funlle ensinar a miña nai a imaxe e pregunteille:

—Mamá, ti coñeces a estes dous actores? Estaba secando un vaso e caeulle ao chan. Non tivo azo para falar ata pasados uns minutos. Sentamos e contoume a seguinte historia:

Aquel home e a muller eran os meus verdadeiros pais. Casaron o día de santa Clara e chovía auga a chuzos. E cumpriuse o mal agoiro das desgrazas… Dous anos despois do casamento, cando rodaban esta película houbo un incendio no que morreron os dous. Eu acababa de cumprir tres mesiños e miña nai adoptiva era a única familia que se podía facer cargo de min. Caín na conta que eran dúas gotas de auga ela e mais Marcos. Foron pasando os anos e nunca topou o momento de contar o sucedido. Esas verdades tan ásperas que non apetece coñecer. Eu tampouco sei se preferiría seguir vivindo sen sabelo.


Tuco

Tuco ten o antebrazo queimado, unha cruz tatuada no pescozo e unha bágoa xunto ao lacrimal. Antes de saír para a súa cita, prega diante da imaxe da Virxe da Altagraza e comproba que o forasteiro realizou o pagamento acordado. Transfire a metade do diñeiro á súa irmá menor, colle a mochila na que gardou preservativos, roupa limpa, unha bolsa de plástico e un pano de seda, e diríxese cara á parada do bus.

As axencias de turismo recomendan visitar Boston na primavera. Aseguran que a cidade florece con renovada enerxía e que os hoteis aínda manteñen as tarifas da temporada baixa. No hotel no que entra Tuco hai flores de plástico no lobby e cuartos case sen decorar, esquecíbeis, como códigos de barras. 

O forasteiro abre a porta vestido apenas cun albornoz. Ten a dentadura coidada e un peiteado de 200 dólares.  Resulta evidente que tomou a precaución de gardar na caixa forte os obxectos de valor. Baixo o lintel, Tuco explica as regras, non quere dar azo a confusión. Pregúntalle se vai preferir a bolsa, o pano ou as súas mans espidas. O forasteiro excítase. Gústalle o aspecto e a actitude de Tuco. Percibe nel o medo transformado en agresividade que é tan maioritario entre os que son coma el. Escolle as mans.

A xenreira pode facer que algo que non desexamos se volva pracenteiro. Tuco agarra o cabelo crespo do forasteiro e obrígao a se anicar. Ábrelle as nádegas e penétrao cun golpe seco, como se puxese en funcionamento un deses modelos de movemento pendular cos que os executivos decoran a mesa do despacho. O forasteiro puxa cara atrás e Tuco desfaille a pel dos costados cravándolle as uñas. O forasteiro xeme e Tuco desprézao. Sabe que se está disposto a deixar a súa vida á mercé dos demais é só porque sempre se creu invulnerábel.

Entón Tuco voltéao, levántalle as pernas e aumenta a intensidade da penetración. Fixa os ollos nos do forasteiro, leva as mans ao pescozo deste e aperta. O forasteiro reacciona abrindo os ollos e sorrindo e Tuco aperta aínda máis. Fai que o forasteiro se poña encarnado e lle inchen as tempas, mais non consegue dominalo, sometelo. O pracer que experimenta o forasteiro é a proba de que non é outro que Tuco quen está sendo utilizado. Como aconteceu sempre. 

Sentíndose humillado, Tuco aperta máis forte, as xemas dos dedos case tocan o pulso da man oposta. Pensa que chegou o momento da dignidade, dicir basta, tomar o control. Xa non queda aire nos pulmóns do forasteiro e Tuco mantense firme, cos ollos cheos de odio e os antebrazos en tensión. Tuco dá un último impulso cos cadrís e o corpo do forasteiro convulsiona, sacódese cando alcanza o orgasmo. Entón Tuco relaxa as mans e libera o forasteiro. Sabe que ten demasiado que perder.

7 thoughts on “‘O soño’ vs ‘Tuco’

  1. O soño

    Hai xente á que lle gusta que os relatos se apeguen ás fotos do tema. Eu valoro máis cando me sorprenden cunha inspiración inimaxinada por min neses segundos que pasan entre que vexo a foto e me poño cos relatos. Este relato vai máis pola primeira vertente, tanto que penso que melloraría sen a foto, se eu non a coñecese. Desa forma pareceríame orixinal. Un fotograma, un actor (que a min tamen me sona) e unha muller onírica zombie (no relato). Entón entro nun dilema. É xusto sentir os relatos “menos orixinais” por apoiarse tanto nas fotos? Tento abstraerme da foto. Isto por certo lévame a outro dilema -que non ten que ver con este duelo-: é xusto sentir os relatos menos orixinais porque os seus autores repiten estilo e técnicas na súa confeccion? Non me parece xusto en ningun dos 2 casos, pero teño que me esforzar un pouco para non telo en conta.

    Leo o relato, entón, sen facer caso dese cri-cri na miña cabeza. No primeiro terzo vexo -como en moitos relatos- como a/o autor/a vai colocando as pezas para comezar a partida. O segundo terzo é unha especie de interrogatorio cheo de datos innecesarios. Non, vouno dicir doutra forma. Cheo de datos mal dados. Precisamente porque semella unha entrevista sen chicha. As preguntas da prota non foron nada boas, literariamente falando. Era mellor desglosar a conversa en algo mais natural (non por realismo, digoo por proporcionar placer na lectura).

    Neste punto chega, coma sempre, o xiro. A actriz zombie dille a Luke que é a sua nai. A historia posterior está narrada da mesma eficiente e desapasionada forma que o interrogatorio anterior. Darlle a unha historia un final-resume como ese é terrible para o relato. Non vou profundizar na lóxica da relacion entre a prota e a tía porque no fondo o relato non vai diso. Vou imaxinar que é unha nena pequena -isto no relato non é así- e que a tía qeuda pampa porque ese fotograma non deberia existir por causa do incendio (é dicir, que que o feito de que atopase o meto no mesmo saco sobrenatural que o soño). Sendo asi, só direi que esta historia cumpria tela contado doutro xeito.

    Tuco

    Unha intro con forza, a descricion do feo engancha e mete curiosidade, unha curiosidade xa encamiñada pola/o autor/a cara algo macabro. Gustoume tamen como comeza o seguinte parágrafo, falando de Boston, do hotel e despois conectando de novo con Tuco.

    Chamarlle forasteiro á outra personaxe fai que saibamos que diga o que diga o relato o prota absoluto é Tuco. Abre unha fenda nese escudo de tipo duro que o autor explota no culmen da escena sexual, cando nos di claramente xa que non é Tuco o que domina -psicoloxicamente- a situacion. Non considero isto un xiro, xa que desde o momento en que foi pagado está claro que o producto era el. É como poñerlle luces de neon a algo obvio.

    O final non me entusiasmou. Por que esta vez ía ser diferente para Tuco? De feito, non o foi. Penso que a descricion normal das actividades de Tuco deberia ser suficiente, sen ese “ai a ver que pasa” enganoso. O verdadeiro dilema de Tuco sería se deixar de facer iso no futuro ou continuar, non matar ó forasteiro. Nin seqeura tiña por que ser especial en nada o dia de hoxe, chegaba con coñecelo e coa contraposicion da dominacion fisca vs a psicoloxica. Penso que o relato real estaba aí, non en se o deixa vivo porque ten moito que perder.

    Voto por Tuco, por ese gran inicio e o posterior borrador dunha idea interesante.

  2. Boas
    Creo que no primeiro relato “O soño” hai demasiadas ideas ganduxadas cunha linguaxe que non lle axuda no desenvolvemento da historia. Paréceme unha boa trama que necesita moito máis ritmo para encaixar nun espazo tan breve, ou máis detalle e alongar o desenvolvemento. Fállame o ton.
    No segundo relato, “Tuco”, o fío está ben tirado, a pesar dunha introdución, penso, algo dubitativa. A historia é crúa e vaise desenvolvendo con firmeza, e mesmo o final encaixa.
    Voto por “Tuco”

  3. Para min, apegarse á foto do texto é case obrigatorio. Entendo que haxa grados, pero sempre se debe buscar a relación. Calquera pode ter unha idea boa que, collendo a imaxe con pinzas, resucita. Entrándolle de veras á imaxe un entra de veras no desafío semanal. Tampouco quero dicir que hai que basearse completamente nela. Eu case sempre me vou polas lindes, pero sempre intento que teñan algo que ver. O conxunto da imaxe e non unha parte dela. Aínda así hai imaxes que non din nada e hai que tirar para adiante. Supoño que é un tema tan complicado porque se constrúe por enteiro en cada percepción individual e subxectiva perdonpolachapa
    O sono para min peca de falta de paixón. É practicamente un dialogo coa imaxe, estático. Gústame a idea de fotogramas pantasmas, pero penso que se pode narrar dunha forma, con menos exposición. Entendo que había moito que contar para que encaixase todo, pero quizais había que apostar por unha narración menos instrumental, prescindir de lastre ou revolver a idea. Aínda así, moi ben pensada a idea¡
    Tuco gustoume moito. Pero creo que a relación está collidísima polos pelos. O primeiro paragrafo funciona ben, igual que o segundo. Ese tipo de descrición recordoume ao realismo de Palahniuk, pero con personalidade. Moi acertado o trato de forasteiro, e ben narrado o acto. Gústame a figura do péndulo. Remite aos despachos e mantén esa fixación de Tuco polos ricos que ocupa o relato enteiro. A inercia desapaixonada da empotración tamén funciona perfectamente. Igual lle pegaba un final igual de gris, sen a dúbida. Simplemente outro día máis. Un dos meus favoritos desta Liga.
    O meu voto vai para Tuco.

  4. Ola compañeiras,

    Para min a imaxe é precisamente iso, unha imaxe que reverbera na nosa mente e a partir da cal creamos, agora sí, o relato.
    Do soño gustoume o xiro que se lle da ao realto cando di, a miña filliña.
    De tuco gustoume moito a aproximación literaria, a parte de que fai mención ao florecemento de Boston, cidade na que estiven fai poucos días. As veces a literatura é maxica.

    Voto por TUCO

  5. Perdoade a tardanza! Vou breve e malamente, pídovos desculpas.
    “O soño”: Demasiado explicativo, non me acaba de agradar a redacción. Creo que narrada doutra forma podería ser unha boa historia, coma se isto fosen as notas do que algún día quere contar.
    “Tuco”: Non vexo relación ningunha coa imaxe, a verdade. Paréceme que está moi ben narrado aínda que a historia non me guste. Creo que o final podería ter unha voltiña máis, pero co torneo como está paréceme estupendo (a min non me dá a vida xa).
    Voto por “Tuco”.

  6. Boas xentiña. Última xornada de infarto. Eu tamén chego super tarde, intentarei no ser demasiado breve.

    “O soño”. É unha historia con bos mimbres, moi imaxinativa e que, con espazo para desenrolala, pode dar para moito. O que máis me gustou foi todo o trasfondo do que se fala. As películas e todo iso. O que menos é a maneira, é certo que ás veces é algo sobre-expositivo demáis e algo falto de ritmo.

    “Tuco” é todo o contrario. A imaxe algo collida con pinzas. O desenrolo de persoaxes está ben inda que sexa algo típico. Pero o ritmo, o ton e o ambiente son fantásticos. Gañan un duelo por si sos. En ningún dos dous notei o efecto da traba e iso é bo.

    O meu VOTO vai por Tuco. Parabéns aos dous por unha liga tan fantástica.

  7. Boas, só para explicar que a relación do meu “Tuco” coa foto de referencia é que fixen o relato pensando que se trataba dun fotograma de “O estrangulador de Boston”. Algo semellante ao que fixera co do vampiro de Dusseldorf. Claro que igual non era a película. Os meus coñecementos cinematográficos son cativos 🙂

    O propio nome de “Tuco” fai referencia ao personaxe de Eli Wallace en “O bo, o feo e o malo” a quen Clint Eastwood adoitaba finxir que aforcaba para cobrar a recompensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *