BiosBardia

O país dos libros en galego

Os tres cofres

Cofre. XOANA ABRAIRA.

Manuel Casal Lodeiro, Casdeiro

No lugar de Faustimil vivía unha familia moi humilde, composta por un casal e o seu único fillo, aínda rapazolo, que sobrevivían grazas a unha pequena leira que lles daba para vivir sen apuros, mais sen luxo ningún. Un día, sachando na súa leira, o home petou contra algo que pensou sería unha pedra, mais ao desenterrar viu que era un cofre moi antigo. Levouno para a casa e alí, cheos de expectación, a súa muller máis el decidiron abrilo. Do cofre saíu a cachón un fume mesto e negro que lles tisnou a cara a e roupa toda. Cando o fume marchou polas xanelas e pola porta, viron a carón do cofre un ser con feitura de home pero que home non era, tan negro coma a noite e cuxas maos e cara brillaban cun fulgor escuro baixo as raiolas de sol que se coaban pola xanela.

—O meu nome é Carbonófeles, e por me terdes sacado da terra onde me agachara o tempo, dareivos aquilo que máis desexedes. Dicídeme, que é o que máis apreciades do mundo?

O home e a muller olláronse asombrados, e de aí a pouco a muller dixo: 

—O que máis queremos do mundo, xa o temos, é o noso fillo.

—É comprensible, muller, mais deixade que vos faga unha pregunta: como é que só tedes un fillo, se para vós os fillos son algo tan apreciable?

—Non temos máis terra para alimentarnos nós e mais el, meu señor. Se tivésemos máis fillos pasariamos todos fame e privacións, e ningún de nós sería tan feliz como agora somos —explicou o home.

—Daquela, se tivésedes máis terra, poderiades ter máis fillos e ser todos máis felices, non é?

—Supoño que si, señor —respondeu dubidosa a muller.

—Pois escoitade ben o que vos digo: os meus poderes serven para que a vosa leira medre, e así o faga tamén a vosa prole e a vosa felicidade. Agora dicídeme: queredes que así sexa?

Atónitos e sen ver nada que perder, a parella aceptou.

Naquel intre o rapaz entrou á carreira na casa, e mesmo asustado como quedou por ver nela aquel escuro ser, non deixou de dar a incrible nova que lles traía a seus pais:

—Papai, mamai, correde, vide para fóra… a nosa leira, a nosa leira… tedes que vir ver o que pasou!!

Saíron todos para fóra e alí contemplaron o milagre. Onde antes había unha soa leira de apenas un ferrado, había agora catro. A familia festexou aquilo con aturuxos e abrazos, e cando quixeron dar volta, aquel ser máxico que fixera o prodixio, desaparecera sen deixar rastro.

Nos seguintes anos a familia puido mercar unha vaca e tal abundancia tiñan que decidiron ter máis fillos: case seguidos, tiveron dúas nenas e mais outro neno, que naceron e medraron todos eles perfectamente sans e alegres.

E foi que, uns anos despois, estando a sachar nas novas leiras, o fillo maior petou co sacho nunha gran pedra. Cando lle foi quitando a terra do redor e de riba viu que se trataba dun novo cofre. O pai recoñeceu a feitura semellante ao outro, e emocionado, convocou toda a familia para o abriren dentro da casa, que agora era máis ampla e tiña máis enxoval. Como da vez anterior, un mesto fume negro saíu da caixa e fuxiu polas xanelas cara ao exterior, aínda que desta volta ningún dos membros da familia acabou coa roupa tisnada. No centro da estancia había outro ser que non era deste mundo, tan negro coma o anterior, mais nesta ocasión, no canto de ter faccións durísimas, angulosas e brillantes, eran dondas, case parecían líquidas, a tremer cada vez que o ser se movía ou falaba. E así foi que lles dixo, dirixíndose aos adultos:

—O meu nome é Petrostófeles, e por me terdes sacado da terra onde me agachara o tempo, dareivos aquilo que máis desexedes. Dicídeme, que é o que máis apreciades do mundo?

O home e a muller non o dubidaron: 

—Os nosos fillos e filla, señor. Son o que máis queremos deste mundo.

—Mais vexo que só tedes catro. Se tanto apreciades os fillos, como é que non os tedes en maior número ao redor de vós? Seica vos conformades con tan escasa felicidade?

—Ai, meu escuro señor, pois o caso é que con só catro ferrados, a duras penas temos para alimentarnos toda a familia. E máis bocas queren máis terra para botar o pan e mater o gando —respondeu o pai.

—Comprendo. Pois se iso é o que precisades para aumentar a vosa felicidade, eu podo concedervos máis terra da que agora tedes.

Ao momento sentiron un tremor fóra da casa e cando saíron viron, tal como pasara a vez anterior, que as súas terras medraran, que os marcos estaban moito máis lonxe, e que polo menos tiñan agora sete ferrados.

Tal como acontecera da outra vez, o ser máxico esvaeceuse de súpeto e quedou a familia a pular de ledicia pola súa boa fortuna.

E así foi que nos anos que seguiron a aquela nova visita do alén, o casal case duplicou o seu número de fillos, pois nacéronlles outros dous nenos e outra rapaza, completando tantos fillos coma ferrados tiñan. Construíron unha corte meirande e mercaron outra vaca, máis galiñas e unha porca para criar. E prosperaron grandemente.

E chegou entón o día en que a filla máis vella, a sachar nunha das leiras, petou con algo duro que fixo botar chispas ao sacho. Todos os rapaces se amorearon para sacar o cofre, que unha vez máis, aparecía para o seu festexo. Correndo, levárono onda seus pais, e todos xuntos procederon a abrilo. Daquela non houbo fume, apenas unha pequena laparada azul que chamuscou os bigotes do vello. A laparada continuaba a brillar suspendida no aire a unhas cinco cuartas do cofre, e unha voz que non era de ser vivente ningún, pareceu xurdir xusto debaixo dela, onde parecía percibirse, enxergando os ollos, unha forma transparente, que parecía mesmo feita do aire quente que adoita rodear as cacharelas.

—O meu nome é Metanófeles, e por me terdes sacado da terra onde me agachara o tempo, dareivos aquilo que máis desexedes. Dicídeme, que é o que máis prezades do mundo?

—Sempre foron e sempre serán os nosos fillos, señor… pantasma de lume —respondeu algo temerosa a muller, pois desta volta non podía ver con quén falaba.

—Se é así, podédesme dicir por que é que apenas tedes sete deles, que vexo aquí ao redor noso? Ou tedes máis agachados de pavor na corte?

—Non, sómoslle soamente os que aquí pode ver, se é que ten ollos, cousa que nós non lle podemos ver, señor —faloulle afoutamente o rapaz máis vello, que xa era un mozo cumprido.

—Desculpe o atrevemento do meu fillo, señor. Non lle temos máis, pois é a prole que podemos manter coas terras que temos. Foren máis as leiras, serían máis os fillos, abofé que si! —interveu o pai, xa anticipando o novo agasallo que estaban a piques de acadar.

—Pois se é por iso, co meu poder podo aumentar un pouco máis esa descendencia, meus bos labregos.

Un pequeno tremor levounos todos fóra, e na parte máis afastada do xa extenso quinteiro, enxergaron os marcos máis afastados do normal: debían ter agora, pouco máis ou menos, un ferrado máis. A festa non foi tan grande coma das outras veces, máis tamén festexaron con ledicia, música, comida abondosa e viño, aquela medra das posesións da familia, unha vez a chama parolante se consumiu silandeiramente no aire.

E así foi que de alí a un ano, a muller trouxo un novo membro á familia, e os oito fillos foron medrando sans, fortes, e alegres, aprendendo a cultivar e a coidar as súas terras, a casa e os pais.

Mais no seguinte inverno, nun serán de trebón, cando compartía a familia ao completo a calor da lareira, sentiron petar con forza na porta. Foi o pai abrir, pensando que sería alguén a procurar refuxio da tormenta. Para o seu asombro quen estaban na eira eran os tres seres que eles liberaran aqueles anos de atrás das súas soterradas prisóns. No centro víase o contorno dunha forma vagamente humana pero trasparente, marcada polas pingas de auga que non a daban atravesado nin daban apagado a abaneante chama azul que a coroaba. Os negros irmáns flanqueando a cada lado, un de dura pel que escintilaba baixo os lóstregos, e o outro borbollando mesto e opaco baixo o chuvasco.

—Deus me valla! Bo… boas noites, meus señores. Que… se lles ofrece?

—É hora de levarmos aquilo que vos demos —responderon os tres espectros a coro.

—Arredemo! Pero, como?? —dixo o pai mentres recuaba cara ao interior da casa, e a súa dona se achegaba ao seu carón, disposta a se enfrontar ás inesperadas visitas.

—O que? Ides quitarnos as leiras que nos destes?! —berrou a muller, temerosa tamén, mais indignada.

—Non, labrega. Iso xa volo quitamos. Ollade —e ao tempo que dicía esta última palabra, o demo Petrostófeles levantou o seu fluído brazo para apuntar cara aos campos.

Os rapaces e os vellos asomáronse entón pola xanela máis grande desde a que se podían contemplar os seus campos. Á luz dos lóstregos, que arreciaban un seguido do outro, puideron ver que onde estiveran as súas fértiles leiras, todas agás unha, eran agora apenas un mar de lama negra no medio do cal podían recoñecerse os corpos mortos, a medio apodrecer, de moitos dos seus veciños, sobre cuxas casas e terras estiveran cultivando todos aqueles anos sen sabelo. Tan só quedaba unha leira cunhas espigas de centeo enfermas e unhas verzas raquíticas: a súa leira orixinal.

—Pero entón… entón que é o que nos ides quitar? Non nos destes outra cousa ningunha! —protestou o home.

Os espectros calaron e fitaron impávidos para os oito fillos da parella.

—Nooon!!! Os meus fillos non os ides levar! —berrou a muller e interpúxose diante deles, tentando abranguelos cos seus fortes brazos mentres se encaraba aos monstros.

—Démosvos os fillos porque vos demos a terra que os alimentou. E agora vimos reclamalos porque son nosos. Chegou a hora de que deixemos de ser, e eles deben deixar de ser connosco, pois xa non existe a terra que lles dea substancia —explicou Carbonófeles coa súa voz tan fría como a noite.

—Pero vós nunca nos dixestes… Non sabiamos que… —o home saloucaba entre bágoas, impotente.

—Nunca preguntastes —replicou cortante Metanófeles.

—… Nunca preguntastes o prezo… —dixo polo baixo o primoxénito mentres cravaba unha dura ollada en seus pais.

O pai derrubouse de xeonllos, coa cara entre as mans: 

—Só queriamos ser máis… ser máis felices…

Metanófeles baixou levemente a súa chama, como inclinándose sobre o home e díxolle: —E nós démosvos a cantidade de felicidade que cobizabades. Mais sabiades no fondo que non era real, que esas leiras eran tan pantasmais como é o meu corpo. Tiñades que saber que non durarían para sempre.

—Nunca vos preguntastes onde era que marcharan os vosos veciños? Onde era que estaba o resto da xente deste lugar, e por que era que nunca máis os volverades ver? —preguntou Carbonófeles, mais non obtivo resposta.

Daquela o home e a muller, en silencio, lembraron, coma nun soño esquecido, ter visto algún veciño durante aqueles anos, algunha veciña que lles facía acenos desde o lonxe… que coa alarma no rostro tentaba falar con eles desde máis alá dos seus valados. Comprenderon que cada ano que pasaba aqueles rostros eran menos, que os veciños desaparecían, non sabían onde. Que eles nunca máis lles falaron, nin escoitaron os seus berros. E agora xa era tarde… xacían mortos baixo as súas leiras do inferno, con toda a súa facenda.

—É a hora —sinalou Carbonófeles, e acto seguido un a un, comezando polo máis novo, as fillas e fillos da parella foron converténdose en pó diante da ollada desesperada dos seus pais. Ata chegar ao máis vello.

—Non! El non é voso!! —ergueuse o pai abrazando o fillo primoxénito, aquel que fora o único nado antes de aparecer o primeiro cofre.

—Tes razón, labrego: non o é. Mais debemos tamén cobrar da súa carne —E tras estas palabras do demo líquido, o brazo dereito do fillo e mais o seu ollo esquerdo viraron pó e desapareceron no aire. No chan da estancia o pai, a nai e mais o mutilado fillo primoxénito se abrazaron mentres a porta se pechaba dun golpe de aire que fixo tremer a casa toda.

Os tres espectros deron volta e disolvéronse na noite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *