BiosBardia

O país dos libros en galego

Rapazas de Polar. Capítulo 6

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 6

Monxas. CHRISTIAN SENO.

Coincidiu por aquel tempo ademais que empezaba a primavera, e desta vez chegara algo antes do normal: xa o un, o dous, o tres de marzo, andabamos axitadas, e desta vez pinchábanos tamén aquel cantaruxar que nos saíra de ver a Imogen: GIOVINEZZA. GIOVINEZZA. PRIMAVERA. DI BELLEZZA. (Teimabamos en pechar o oído de dentro, e non sabiamos: dabámonos conta, daquela, que había cousas que non sabiamos como facer, e dabámonos conta tamén que se cadra non as iamos aprender xa nunca). Había tamén o de sempre: a teima por írmonos, por fin, bañar á poza: a primeira vez do ano era sempre o sábado de despois da festa de Santa Rosana de Faenza, que se celebraba cada ano, con certo esplendor, en Polar, e xa daquela tiñamos sempre, por dentro e por fóra toda a calor que xuntaramos durante o inverno, que sempre era moita (aquel ano máis). Imogen veu connosco se bañar: e como non ía vir. Estas cousas non facía falta nin dicírnolas entre nós: sentiámolas todas dentro á vez: máis xa non podemos explicarlle, que lle vemos na cara que non entende de todo. Veu Imogen connosco, pois, e pasou que durante aquelas horas volvemos pensar que era unha de nós: o mesmo que as demais. Isto pensabamos cando na poza lle observabamos a carne: a carne dela era como a carne nosa, repetimos unhas cantas veces para dentro. Vimos, porén, que noutras cousas non era coma nós: sobre todo porque nós, en Polar, todo o faciamos serias, e era ese o xeito que tiñamos de sobrevivir, pero en Imogen, mesmo cando non ría ou sorría, había unha alegría que non: nosa non era. Vímola saír da poza espida, como iamos todas sempre, secarse coa toalla moi moi pegada ao corpo, logo sorrir: acabou aí outra vez o pensar que era coma nós: xa non se podía.

Tiramos, así e todo, para adiante: tiñamos horror de pensar que era o que habería que facer: porque non podiamos quedar como estabamos. Aos catro, cinco días, ademais, vimos a Imogen saír da aula de costura de Sor Elvira Lecumberri: e foi entón, sentimos todas á vez, como se a volvésemos ver espida igual que saía da poza, aínda que por suposto espida non estaba (non se podía estar espida dentro de Polar non sendo no dormitorio; non se podía)). De alí a un pouco vimos aparecer detrás a Sor Elvira Lecumberri, e agora non viña pálida, senón encendida. Tiña ademais pinta Sor Elvira Lecumberri de poñerse así de colorada porque Imogen viñese de de quitarlle algo que ela quería moito: o que máis quixese no mundo, que nosoutras non sabiamos tampouco que era. Torcemos a mirada para dentro de nós: nunca tiñamos visto a ninguén acenderse así nin sabiamos que isto fose posible. Volvemos facer as cousas nousas; para o outro día xa estaba Sor Elvira Lecumberri coma sempre, guiándonos no dar puntadas e irritándose un pouco cando non as dabamos ben (pero que pespuntes me andan a facer, dicía: pero que). O conto era que nós non dabamos feito, porque por dentro andabamos a pensar: Hai, xa, que facer algo. A ver que vai ser que poidamos facer. O que podiamos facer,  namentres,porque estaba na nosa natureza, era volver ir nos bañar na poza para o outro sábado: iso pensamos que debiamos facer. As monxas algo debían notar. A ver, que se ve que andan algo arrefriadas, algo encollidas, algo conxestionadas, dicían ao vernos pasar polos corredores para o comedor, para o dormitorio, para as duchas comúns. Andan algo conxestionadas e para esas cousas a auga nunca é boa. Nós botabámonos a tremer: de medo, e as monxas, con iso, envalentonábanse. Pero non ven o calafrío que lles acaba de chegar ata a punta do cabelo, dicían: se as vemos estremecer mirando desde o terceiro piso para o patio abaixo. A próxima vez que as vexamos teremos que mandalas á enfermería con Sor O’Malley, que para iso está. Nós poñiámonos ben dereitas, afoutas, e corriamos polo patio adiante; mesmo dabamos en pelexar as unhas coas outras, para facer ver que nunca tan fortes estiveramos, mazándonos nas carnes co puño pechado, e así, de paso, botabamos para fóra o que se nos cocía dentro. Non lle teremos que dicir que a Imogen, daquelas veces, nin nos achegabamos.

CAPÍTULO 5

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *