BiosBardia

O país dos libros en galego

Sete poemas e un relato

Mergullo. 7INCHS/PEXELS.

Xesús Manuel Lema Vidal.

I

¡A forza, a morte, o arrepío do samsara!

A ti, terra de sal e de diamantes,

fuxo e procuro coa determinación furiosa de quen dubida.

[Devezo, que así vén, así marcha,

e quen máis azos ten é quen máis os perde.]

Ti, terra de area nos ollos e gloria na lingua,

alumada polo meu facho de bágoas,

pola miña morte fúlxida e sucesiva,

polo cadaleito en chamas.

Oh, camiño, morte, arrepío do samsara!

[e quen máis azos ten

é que máis os

perde.]

Corros polos roteiros aos que me levas

na túa procura

Ti

polo río enxoito

e baixo o ceo nubro

e polo seixal cuberto

cubertos de cinzas

samsara

o vento cofeando coas xemas dos dedos o pó do que foi e xa non é

o camiño! a morte!

Na túa procura, Ti,

terra de…

arfo

…plumas e seixos

un arfar que debuxa un ronsel de derrota no ar

e unha muxica de rexurdimento nos folgos.

Arrepío!

II

Na estepa de neve e de cristais

procuro a túa man coa miña man nocturna.

Obsérvote con doce súplica e

crávasme un ollar. Teu.

Ti, baleiro coma os folgos tras o derradeiro estertor.

Ti, un ollar semellante a un abandono,

e chove dentro do meu peito,

coma pingas dun peniscar insuficiente

que non aplaca a sede dos eidos na estiaxe.

e chove dentro do meu peito,

coma orballo filtrando

a través dos poros do granito

para logo xear e rachar a pedra.

e chove dentro do meu peito,

coma xistra furiosa salferindo os lombos do

cabalo azul na intemperie.

e chove dentro do meu peito,

coma poalla acariñándome as fazulas

no meu retorno perpetuo e solitario

ao meu ningún fogar.

e chove dentro do meu peito,

coma cobra que fura a terra

para que o Sol arda sobre a ferida

e evaporar as nosas sangues.

Na estepa de neve e de cristais

procuro a túa man coa miña man

nocturna, oh, amigo!

tan ausente o teu ollar.

III

No adro nocturno desta catedral

de vidros e de cuarzos ¡oh, amigo!

agardamos a eclipse dos tempos…

[o faro ardente ante a mar chorosa]

…neste frío cráter de volcán morto.

—Agardar.

—Que máis facer?

—Acaso rezar.

—Un sacrificio.

[o faro, ao lonxe, erguéndose ante as sombras]

Neste frío cráter de volcán morto

catedralicia erupción de devezos.

-A noite de pirotecnias sanguiñentas espellándose na túa pupila. ¡Oh, amigo! Dime que mereceu a pena.

—O sacrificio!

[aquel faro contra as ondas famentas]

O ankh no noso peito, ¡oh, amigo!

Congostras xeadas, ollar galvánico,

o amor esfragándose na penedía,

glorioso cráter de volcán xeado

[o faro, soidoso, agardando o amencer]

—O sacrificio!

…neste desespero…

sacrificio para non caer na desesperanza.

Catedral prateada de vidros e de cuarzos!

IV

Quen me dará a man nesta nave á deriva?

Atoparanme …algún día

galgando as correntes …algunha noite

sobre a pupila océana

…algún misterio

Empardece o ceo e as ondas empardecen con el.

A última luz cobriza reflectíndose na clepsidra dentro da que pingan os nosos sangues

unha pinga máis

unha pinga menos

as primeiras estrelas proxectando as súas sombras.

Antes de que verdezan as miñas veas…

Antes de se me escoaren as arterias…

Antes de que chegue o Sono…

empardece o ceo e o meu alento empardece con el

…e ai, Deus, se virá cedo,

quen me dea a man nesta nave á deriva!

V

a sombra do avión nas nubes

a sombra das nubes sobre a choiva

as pingas adheríndose ao vidro do fogar abandonado

por que? tan longo é o camiño…

un perpetuo mal momento

dunha perpetua boa vida

ou un perpetuo marchar nun perpetuo volver

ou un perpetuo resistir nun perpetuo fluír

… o magma arrefriando baixo a mar sibilina

… o soño oculto so as areas do sono

… os sangues rumorosos baixo as nosas valvas

e tan fría a fachada que garda a quentura familiar

as fluorescencias oceánicas sansanicando a testa

perdidas na escuridade inmensa

a sombra do avión nas nubes

a sombra das nubes sobre a choiva

unha pinga que pendura nas pestanas do amor perdido

por que? eterna despedida no eterno coñecer

ou sucesivo esquecemento no simultáneo descubrir

… un solpor que tamén é un amencer

a sombra do avión sobre a tormenta

… un camiño de leix-aprén

VI

Un meu vagar en calma,

unha miña bagaxe esgotada,

sen sentido nin sentindo,

sen senso e sen tino.

Sobre a conciencia pendurada

esta ponte sen patria,

pousada nas brétemas que gardan as escumas

das ondas mariñas rachando nas rochas das furnas.

As cores son cifras,

a distancia, unha medida,

o pranto, mera química do cerebro.

A vida é unha ciencia

sen senso e sen tino

aquí, nesta ponte sen patria

e tan lonxe da poesía.

VII

Á beira dun rego,

-que anos atrás foi río-

entre as pratas tinguidas de verde

e o bafo de pardomonte que zumega dos fociños da besta,

un muíño morto, de ollo podre,

acolle unha viúva no seu peito afundido

ateigado de liques e de toxos;

é a filla anciá do muiñeiro,

e o trémolo nas articulacións

e o trémolo no seu pulso

e o trémolo no rosario

e o bafo de pedranoite que zumega das bágoas do corazón;

“Virxenciña, déixame ser meniña de novo!”

Amén.

VIII

A parroquia atopábase á beira dun fondísimo lago, que na primavera acollía as barcas dos mozos románticos, que no outono trebellaba cas follas caídas das árbores, que no inverno protexía as súas entrañas cunha placa de xeo na superficie.

Era verán e os nenos xogaban a nadar ás carreiras e a rebotar seixos na auga, ata que o Brais tivo unha idea: “imos facer unha competición, a ver quen chega máis profundo e aguanta máis tempo mergullado!”. Sempre propuña a competición porque sempre gañaba e oufanábase contra quen perdía, mais ao Xanciño non lle gustaba o xogo e expresou o seu desacordo. O Brais respondeu co xesto cheo de fachenda: “o que pasa é que che dan medo os mergullos, sempre marchas para casa cedo para non competir”. As mofas escacharon sobre o Xanciño e as sangues subíronselle ás fazulas, quecéndolle o senso. Agora debía defender a súa honra infantil. “Iso é mentira! Eu non lles teño medo aos mergullos. Se non quero competir é porque é demasiado fácil e abúrreme, mais por esta vez xogarei contra ti para cho demostrar”. O desafío foi recibido con sorpresa e as miradas volvéronse sobre Brais. Agora era el quen debía defender a súa honra. “Está ben, compite contra min, pero prepárate para perder”.

Os dous contrincantes puxéronse nas súas marcas e ao seu redor agolpouse un público expectante. De entre o rebumbio saíu Paulo, que aceptou facer de árbitro. “Listos?” preguntou ao tempo que erguía o brazo esquerdo no ar, rexo coma se fose cortar unha rocha co fío da man, “a competición comezará cando diga xa”. O Xanciño morría dos nervios: era certo que lle daban medo os mergullos; “o primeiro en sair á superficie a coller ar perde”; mais agora non pensaba perder. Encheu os folgos e armouse de valentía mentres agardaba pola sinal. “1… 2… 3… xa!”.

Os contrincantes mergulláronse ao mesmo tempo e o Xanciño pechou os ollos e braceou con furia cara ao fondo do lago. A auga entráballe nos ouvidos e os coros dos compañeiros na superficie apagábanse a medida que descendía. Mergullouse no máis fondo para se asegurar de que chegaba máis profundo ca o Brais. Mergullouse máis alá do que os raios do Sol penetran nas augas. Mergullouse ata que todo foi silencio e tocou unha superficie branda cos dedos. Era lama. O Xanciño chegara ata o leito daquel fondísimo lago e aínda tiña a chea de aire nos folgos. Ao final, os mergullos non eran para tanto! Sentiuse parvo por terlles medo antes e dispúxose a agardar alí todo o tempo que os seus pulmóns lle permitisen e ser o último dos dous en sair á superficie, gañador do duelo pola honra. E así o fixo. Agardou e agardou, tan concentrado na súa misión que esqueceu o correr do tempo. 

Cando sentiu a necesidade de coller ar, volveu en si. Emprendeu a viaxe de volta cara á superficie, mais non daba chegado. Ata aquel momento non fora consciente da profundidade que acadara. O seu peito quería contraer o diafragma para expulsar o ar vello e encherse con novo osíxeno, mais o Xanciño sabía que, de facer tal cousa, afogaría. Invadiuno o pánico e abriu os ollos para comprobar canta distancia restaba para acadar a superficie. A luz ainda se atopaba lonxe, mais o seu corpiño disparábase cada vez máis rápido cara a ela polo efecto do cambio de presións. Axiña a viu ao alcance da súa man e recuperou a calma. Baleirou os folgos nunha nube de burbullas para poder enchelos de novo no seu retorno triunfal ao exterior. Mais algo ía mal. Cando o Xanciño tentaba emerxer á superficie, topaba cunha placa dura e transparente. O Xanciño aguantara tanto a respiración no fondo do lago que as estacións mudaran dúas veces e os anxos cubriran as augas coas súas ás invernais. Podía ver as nubes prateadas do mediodía, os bidueiros sen follas e a súa casa na parroquia, onde mamá tería unha sopa quente para el, mais el estaba alí atrapado. Golpear a placa non serviu de nada e axiña os seus brazos ficaron sen forzas. Dende o ceo, unha curuxa podería ver a sombra queda do gañador da competición de mergullos baixo o xeo, coas extremidades estendidas e o pescozo teso, coma unha estreliña negra de cinco puntas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *