BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Enemigos del Imperio’, o libro negro da Hispanidade

Aitor Jiménez.

César Lorenzo Gil.

Enemigos del Imperio. Los orígenes coloniales, racistas y opresores del Estado español, de Aitor Jiménez (publicado por Verso, 2025) é un libro científico e nada neutral sobre o imperialismo español. O seu autor reflexiona sobre a historia e práctica desta ideoloxía desde a Idade Media até hoxe. Descobre o proceso de causa-efecto entre a fórmula colonial castelá en América, xa española en África, e o modelo actual de Estado.

Jiménez é profesor na Universidade de Euskal Herria e profesor afiliado ao Departamento de Criminoloxía da Universidade de Melbourne (Australia). El mesmo recoñece que este volume ten moito a ver coa onda de neoimperialismo e imperiofilia que se empoderou na España deste século grazas a autoras como Elvira Roca Barea, á escola filosófica de Gustavo Bueno e, principalmente, aos bos resultados electorais de Vox. De todos os xeitos, o libro non é unha resposta (o propio Jiménez recomenda a lectura da obra de José Luis Villacañas Berlanga como antídoto eficaz), senón un enfoque moi concreto sobre as bases da esencia hispánica a través da propia estrutura lexislativa de xestión do territorio e, sobre todo, da poboación.

O libro comeza na Idade Media, no xeito no que Isabel de Castela e Fernando II de Aragón acabaron co Reino de Granada a partir do 1492. Ese foi o primeiro campo de probas no que Castela puxo en funcionamento unha estrutura social racista e imperialista que logo florecería e acadaría o seu apoxeo en América. O escritor non pon en cuestión certas ideas da imperiofilia, como o carácter globalizador da España na que non se puña o sol, con grandes centros de poder na propia esfera colonizada, como México. Porque, afirma Jiménez, o centro daquel imperio non podía estar en Madrid, senón no Atlántico. Era o tránsito de mercadorías e escravos a principal fortaleza dun aparato político que vivía da explotación de seres humanos e recursos e do seu posterior (ou anterior, no caso dos escravos) comercio. Tamén coincide en gabar a innovación en materia xurídica da denominada Escola de Salamanca, que afinou un modelo racista de acceso ao dereito. Para Jiménez, traballos coma os de Juan de Solórzano Pereira, distan moito de poder considerarse como medievais ou atrasados, xa que serán preámbulo da lexislación liberal que no século XIX propiciaron o establecemento de dereitos, mais só para a minoría dirixente, e que excluíu os escravos, os estranxeiros e as mulleres. O autor defende en todo o momento a modernidade das estruturas hispánicas, tamén no plano económico. As facendas azucreiras cubanas do século XIX eran punteiras no seu tempo, incorporaban os últimos avances tecnolóxicos e de xestión.

Neste sentido, no do vangardismo español, Jiménez repara no deseño do consenso constitucional liberal, que pervive hoxe, que profundou na consigna dos denominados “códigos negros”, onde os escravos aparecían, por unha banda, coma obxectos, incapaces de poder reclamar dereitos, pero tamén como suxeitos, cheos de obrigas xa non só para cos seus donos, senón para o conxunto do Estado. O estudoso lembra que a primeira constitución española, a de Cádiz, 1812, era profundamente racista e intentaba garantir o modelo produtivo escravista, base económica da España daquel tempo. O libro repara en como os subalternos (escravos africanos máis indíxenas americanos) foron fundamentais nos procesos de independencia, por exemplo en México ou no Uruguai, e como influíu o alto nivel de dependencia da escravitude na permanencia de Puerto Rico e Cuba na Coroa española.

Para Jiménez, Bolívar é o exemplo dun deses crioulos americanos que primeiro aspiraban a gobernar o territorio sen modificar a estrutura socioeconómica baseada na represión e explotación económica dos escravos, mais que tivo que ofrecer un novo Estado multirracial, aínda que non democrático (no concepto liberal) para conseguir unha vitoria militar que supuxo por fin a independencia da coñecida como Gran Colombia.

No libro reivindícanse figuras como o uruguaio José Artigas, o mexicano Miguel Hidalgo ou o filipino José Rizal, dirixentes anticoloniais que quixeron dotar de poder as masas subalternas e subverter o réxime escravista e colonial. E repárase continuamente no perfil colonial da España actual. O franquismo xorde da práctica colonial, xa non en América, senón en África, de onde procedía o groso do exército golpista que iniciou a guerra no 1936. Pero, tal e como explica Jiménez, non se pode comprender a empresa colonial no Rif a primeiros do século XX sen o “trauma” da derrota do 1898 ante os EUA. Os militares vencidos en Cuba e nas Filipinas ven Marrocos como posible campo de desquite; a rede realmafiosa que os Borbóns mantiñan no Caribe cambiou de localización, pero seguiu detraendo recursos públicos para a casa de Alfonso XIII.

O libro repara no paralelismo entre a codificación lexislativa do dereito sobre indios e escravos e o dereito franquista sobre rebeldes e inimigos de España que se puxo en marcha desde o propio golpe de Estado (dereito-guerra). A elite militar que derrotou a República inzou o territorio (e Galicia é bo exemplo disto) de tribunais sumarísimos que ditaron sentenzas con aparencia de legalidade. Todo ese aparato represor: avogados, fiscais, xuíces… mantívose unha vez acabou a guerra e as súas responsabilidades represivas quedaron impunes. Aínda hoxe, cincuenta anos despois da morte do ditador, é un tabú publicar os nomes dos axentes daquela operación masiva de castigo.

Como punto principal da súa tese, Jiménez nega que a represión xudicial española estivese nalgún momento alicerzada en criterios arbitrarios. Defende a precisión, sofistificación e modernidade da Inquisición e tamén do Tribunal de Orden Público (TOP), antecedente case perfecto da actual Audiencia Nacional, un detalle que o autor considera clara mostra de que por moito que cambien as estruturas e os réximes, as bases do modelo imperialista español permanecen a salvo. O franquista TOP pasou á democrática Audiencia Nacional só cun cambio de rótulo, cos mesmos xuíces e os mesmos funcionarios.

O libro está cheo de datos relevantes. Como por exemplo, que en España hai 452 policías por cada 100.000 habitantes, unha cifra por riba da media europea de 335. Non só hai moita policía no Estado español, senón que desde a aprobación da coñecida como Lei Mordaza, os axentes policiais teñen potestade para xulgar por si mesmos, sen garantía xudicial, o que son ou non son valores democráticos. Na última década, segundo o autor, non só as condutas son sospeitosas, senón as individualidades. Ser musulmán ou independentista, por exemplo, é unha categoría penal susceptible de persecución. A policía, tal e como se ve nas constantes filtracións televisivas de supostas investigacións de, por exemplo, a Unidad Central Operativa (a famosa UCO), toma diante da opinión pública un perfil de “feito consumado”, non de simple sospeita como corresponde a un Estado de Dereito equilibrado.

Tamén se recorda o caso Altsasu, polo que once mozos involucrados nunha pelexa con gardas civís nesta vila navarra penan 13 anos de cadea tras un proceso con moitas irregularidades. Unha das máis evidentes é que a xuíza do caso, Consuelo Espejel, próxima ao PP, está casada cun alto mando da Garda Civil e incluso ela ten unha medalla ao mérito outorgada por este corpo.

Moi interesante tamén é a análise de Jiménez do auto polo que foron procesados os promotores do chamado Procés catalán tras o referendo do 2017. O autor sinala que a intervención xudicial non se fixo co criterio de salvagardar o mandato constitucional senón para intervir e influír nas vías políticas emanadas das institucións democráticas catalás. Este antecedente é fundamental para entender o papel que arestora se auto outorga o Poder Xudicial en España en asuntos como a amnistía ou o modelo de investigación contra Podemos ou contra familiares do propio presidente do goberno central, Pedro Sánchez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *