Festa de Rosalía, símbolo das carencias do autogoberno
César Lorenzo Gil.

Hoxe, 24 de febreiro do 2017, celébrase o 180º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Non o sei porque a Xunta de Galicia o anunciase cun amplo programa de actos, publicidade institucional ou desgravacións para as empresas patrocinadoras de tal efemérede. E a pesar do silencio gobernamental, unha parte do país festexa a data.
A figura de Rosalía de Castro concita un consenso moi atractivo na sociedade galega, polo que ten esa capacidade de manterse viva a pesar do tempo transcorrido desde que escribiu as súas dúas obras máis famosas: Cantares gallegos e Follas novas. E esa viveza ten outra virtude, non é produto dun traballo de recuperación ou exaltación minoritaria tempo despois da súa morte ou da súa obra. Ben ao contrario, o mito de Rosalía foi adaptándose a todas as épocas. Usando o ditado popular: de Rosalía, coma do porco, aprovéitase todo. Cada época foi proxectando as súas arelas na figura da poeta compostelá. Cada faceta serviu para consolidala como a grande icona da cultura galega. Aínda viva, os seus contemporáneos admiraban dela a forza lírica e esa tan difícil capacidade para xunguir na mesma obra o latexo da poesía popular cunha rigorosa vontade de levantar a lingua do chan e aproveitar a literatura para “mirar” a realidade cos seus ollos e inmortalizar ese punto de vista. Logo de morta, Rosalía serviu para reivindicar as posibilidades expresivas da lingua galega pero tamén para personalizar a autoestima dunha cultura nacional que camiñaba cara á súa maduración cronoloxicamente cabo dela. Rosalía foi cantada polos emigrantes en América que construíron mentalmente o galeguismo; foi honrada polas Irmandades da Fala e polo Partido Galeguista, que aínda segue a ser exemplo de labor de difusión entre o pobo, con ferramentas efectivas e accesibles, a tradición propia. A literatura de Rosalía de Castro valeulles, xunto coa de Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas, entre outros, para ampliar os marcos do legado artístico colectivo con poemas que se volvían cantigas de enorme calidade e perfecto apego á realidade da maioría do pobo galego.
Esa penetración aínda se vive hoxe e nin sequera a apisoadora do franquismo puido liquidala. Conscientes as autoridades culturais da ditadura de que Rosalía xa era unha marca, quixeron dulcificala, presentala como un elemento simbólico dunha terra triste, chorona, onde sempre chove e conviven os bosques virxinais e as meigas dacabalo das vacas. Nese sentido, foi moi valioso o contrapeso de resistencia que exerceu o galeguismo cultural durante aqueles tempos. Aproveitaron esa fenda que lles deixaba o inimigo para manter sempre acesos esoutros valores (os certos) que ten a obra e a ideoloxía rosaliana.
E é por iso que Rosalía chega ao tempo da Autonomía fresca. No tempo da imaxe, o rostro de riscos marcados, icona perfecta da muller galega, de onte, de hoxe e de mañá. Non sei se existe unha enquisa que valore o alcance do coñecemento que de Rosalía ten o pobo galego. Mais seguramente será amplísimo. E o que é máis importante, é unha presenza útil, unha presenza dinámica que axuda a vertebrar un novo discurso, galeguista, feminista, renovador.
Hoxe en día, a escritora é un símbolo útil para a reivindicación social, necesario para a fixación mental das posibilidades da nosa tradición literaria e obxecto de continuos estudos e análises (de María do Cebreiro a Anxo Angueira, por exemplo) que permiten, case 200 anos despois de nacer, o verdadeiro alcance do seu proxecto literario e a medida que dá esa literatura da oportunidade colectiva que no seu tempo agromou en Galicia na procura dun presente distinto: republicano e galeguista, mais que tivo que camiñar nas sombras por mor da violencia institucional da España decimonónica.
A Festa de Rosalía, con todo, explica os límites desa posición na España do século XXI, nunha Galicia que ten institucións propias mais que en moitos casos, carece de autogoberno, no sentido de proxecto político con axenda propia e intereses unicamente centrados nas nosas referencias. Ao contrario do que sucede co tamén icónico Cervantes, o poder institucional galego mantén a Rosalía cun perfil baixo porque no fondo é consciente do seu poder como dinamizador dun discurso alternativo sobre Galicia e sobre a lingua galega. E con todo, parte da sociedade rebélase e consegue fixar no calendario a homenaxe por varias vías: o recordo, o compromiso persoal e colectivo coa súa figura e letras e tamén, con timidez mais cada ano con máis seguimento, logra penetrar nos hábitos desta xornada. Velaí as librarías que estes días, co gallo do aniversario, promoven a compra de libros en galego ou preparan escaparates temáticos ou programan lecturas. Ese labor de difusión xa está feito e cando esas institucións muden de mans, haberá xa moito sementado para crear un eixe 24 de febreiro-17 de maio que consolide a Galicia, como afirma o profesor Henrique Monteagudo, como un dos poucos países do mundo nos que os seus grandes fitos non son batallas nin martirios senón a congratulación mutua pola luz da poeta e da súa poesía.
Mais a grandeza de Rosalía vai máis alá do político. Aínda hoxe a súa poesía segue a conectar coas emocións de quen a le, aínda hoxe seguen a mancar os seus versos sobre a dor e poucas voces coma ela no mundo souberon describir tan ben o desacougo, ese paso espiñoso entre o amor e a morte.