Helena Villar Janeiro: “Os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos”

Poeta e narradora, mestra de escritores, voz dos Ancares, matriarca por dereito propio das nosas letras contemporáneas. Helena Villar Janeiro franquéanos a porta da súa ‘Biblioteca Íntima’, á que sumamos as súas tres últimas obras: Minimal Poetry/Poesía mínima (Alvarellos), Amor por catro e Fina, a pirata (ambas en Galaxia).
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
Lin moito desde moi nena: contos, fábulas, vidas de nenas e nenos santos e TBOs, pero o libro literario da miña infancia foi un tomo de El Tesoro de la Juventud. Tiña pés de ilustracións de textos de Shakespeare, Walter Scott e materia de Bretaña. Adoraba ler e reler neles sen comprender a forma. “Otelo contempla a Desdémona dormida. De Otelo”. “Sir Reginaldo apresa a Cedric, a Rowena, a Isaac de York con su hija Rebecca y a Ivanhoe herido. De Ivanhoe”. “Tristán debe llevar a Isolda hasta Cornualla. De Tristán e Isolda”. Tan apartados da literalidade, fixéronme intuír que a lingua tiña un plano superior marabilloso.
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
A lenda de Gösta Berling (Gösta Berling’s saga), fascinante para traspasar a linde persoal. Os Ancares bulían, desde o escenario á paisanía, nas abondosas páxinas dunha edición moi rústica da novela de Selma Lagerlof . Nos anos sesenta o meu mundo rural estaba iniciando a súa descomposición e a saga abriume á Literatura como conservación e traspaso da memoria colectiva, desde o exótico ao máis próximo. Tería que relela hoxe, pero en calquera caso é unha grande obra dunha grande escritora.
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
Con Enrique Moreno Báez lin os clásicos da literatura española e deixaría algúns se puidese. Non obstante, agradézolle terme achegado ao Quixote, ao Século de Ouro e ao teatro de Lorca. Cando o libro é procurado, se non me gusta déixoo nas primeiras páxinas. Non sei se lin todo o que debera ou seguín un intinerario excesivamente persoal, pero percorrín unha proveitosa traxectoria, sobre todo poética, bebendo en moitas e diversas fontes do meu gusto.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
Infortunadamente, sempre levei mal a falta de descanso nocturno, moléstame o ruído, non bebo alcohol e síntome perdida entre xente cunha chispiña. Non prestándome estas circunstancias da noite, prefiro a charla diúrna, té ou café polo medio, con quen estime o seu traballo, a súa personalidade ou ambas cousas. Aos meus anos, unha conversa demorada con Rosalía nun recanto de Compostela sería unha festa impagable.
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o
Certa diplomacia que eu mesma me recoñezo permíteme estar con alguén cuxa presenza non me é grata. Dentro e fóra da fronteira lingüística, hai xente da que estimo a obra pero non me gusta a persoa. Non obstante, traballei e convivín moito en grupo, e tería que darse algunha circunstancia extraliteraria para non aguantar o tipo se fose necesario facer un papel.
Un libro recente que lle gustase moito…
Sempre teño poemas a man, ultimamente antoloxías-homenaxe a poetas de onte e hoxe nas que me convidan a paticipar, cuxa polifonía é do meu agrado. Ando agora cunhas prosas en plan breviario: Mujeres, de Eduardo Galeano. Galeano traspásanos co azul duns ollos capaces de sacar auga de calquera pozo. É un dos meus escritores contemporáneos favoritos pola súa capacidade engaiolante en calquera texto.
Unha novela que non puido terminar…
Caer das mans ou non poder acabar vén sendo o mesmo. Non me adoita gustar esa “ficción literaria comercial” que se di agora, por exemplo. O primero que me aparta dunha novela é que estea enmarcada nun xénero que non me interesa. Despois, a pobreza e o descoido da lingua, e a carencia de estilo. Se cadra, non paso das primeiras páxinas. Certo que hai novelas que abandono axiña.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Vouno facendo coa da miña vida o mellor que podo. Sáltame axiña a clave literaria no folio da vida. Tomar distanciamento para verme mellor é unha práctica moi divertida da que non é doado escapar e que me serve para me rir de min, un exercicio moi liberador. Volvendo á pregunta, hai protagonistas de ficción secundarias ás que me acheguei con mota empatía: Clelia de La Chartreuse de Parme, a comandanta Ekebey da Saga, Evanxelina da Severa de Xente ao lonxe. O que non me podería ver é nin Ana Karenina nin Madame Bovary, sendo novelas moi do meu gusto.
Que novela a reconciliou coa literatura?
Que haxa cousas que non me gusten non minguou o meu aprecio pola arte de contar, de cantar ou de pensar creativamente, que vén sendo a literatura. Ás veces deixar algo é máis unha administración do tempo que un rechazo real, sobre todo no terceiro acto da vida, no que eu ando. Empezo a desexar re-ler tanto como ler, porque os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Teño bastantes en espera. O primeiro é Salamandra, un poemario da hispanista Satoko Kamura, que finou estes días. Uniunos un coñecemento casual e ser estudosa e tradutora de poetas que admiro: Gabriela Mistral, Neruda, Juan Gelman ou José Hierro, que fixo as ilustracións para esta creación. Tamén teño a tradución dunha antoloxía poética en construcción que está a facer Lluis Felip do autor sami Nils-Aslak Valkeapää desde os textos orixinais. En narrativa estou desexando empezar El amante polaco, de Elena Poniatowska.
Que libro lle gustaría ter escrito?
Sendo fundamentalmente poeta, e se teño que coller un só, Herba aquí ou acolá, texto de Álvaro Cunqueirro que sinto moi próximo. A miñas querenzas por Rosalía, Cabanillas Manuel Antonio ou Iglesia Alvariño sélanse noutro tempo e a outro nivel.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
Non podo condenar á desparición un libro que fixen con esmero e entrega. Quen le, como deixo dito, si pode facer o que lle pareza con calquera obra.
Leva vostede un diario ou un dietario?
Teño moito interese polo vivido individual, familiar e colectivamente. Deixo case a diario nas redes unha expresión de “poesía mínima” con apoio visual, porque a fotografía é a miña última paixon estética, que caso coa literatura. Correspóndese coas estacións, as cargas emocionais que deixan os días ou circunstancias colectivas ben marcadas. Como articulista, en descanso tras 25 anos dunha columniña semanal, sigo de cerca acontecementos tomando notas para desenvolver que van quedando aí.
Escribirá as súas memorias?
Tiven oficio, profesión e vocación, dedicacións sociais exercidas con paixón en momentos de grandes cambios. Vendo morrer un mundo e nacer outro, é ben difícil subtraerse á tentación de intervir literariamente ese tránsito, porque afortunadamente estiven en escenarios de visión privilexiada. Gardo bastantes cousas a medio elaborar: material biográfico, da historia familiar e da memoria ancaresa da que herdei moito coñecemento e me apena que se perda. Son, por herdanza e formación na cultura popular, narradora oral. María do Cebreiro tenme falado de facer unha gravación de relatos que me escoitou moitas veces e deberían ter ese formato espontáneo. Se viñesen tempos animosos, poida que me decidise a organizar todo o material e ir buscándo formas para a súa diversidade.
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Nacín como poeta con Juan Ramón Jiménez. Estábame iniciando en varias artes: música (guitarra), debuxo, pintura e modelado…, pero el púxome nas alas das súas palabras e empecei a voar, sen saber daquela que fora un namorado de Rosalía e de Curros. Tras este primeiro libro vin a anomalía de non escribir no meu idioma e nese paso foi estimulante a Escolanía de merlos, de Faustino Rey Romero. Entrei na riqueza dos nosos clásicos e procurei ir coñecendo as distintas xeracións canda outras voces poéticas do meu gusto, desde a sufí Rabia Al-Adawiyya á italiana Antonia Pozzi, pasando polos franceses —marcadamente Eluard e Prévert, que traducía—, e as iberoamericanas Cecília Meireles, Delmira Agustini, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni… Tamén dei unha boa volta pola poesía anglófona, menos cercana polo escaso coñecemento do idioma.
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Teño moi respecto polo produto cultural chamado libro, sempre que non propague influencias contrarias aos dereitos humanos nin á conservación do planeta. Sei o esforzo que hai detrás del, gústeme ou non. Non son quen nin de reciclar os repetidos que ás veces chegan á casa. Se non me parecen un bo agasallo, pasan ao faiado para non estorbar. A casa está totalmente invadida.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
Inda non dei con el. Como moito, parei de lelo a tempo. Se insistise en seguir lendo, seguro que o atoparía.
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Son bastantes, pero como falamos moito de novela vou escoller Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor. Atopo moitas razón para considerala unha gran novela: temática, técnica, estilo e recuperación memorial.
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado
Teriamos que demarcar o que significa clásico da Literatura Galega, para non incluír o esforzo de ter conquistado a lingua para a escrita ou para un xénero non poético. Quen son valorados pola altura literatura merécenme a maior consideración. A nosa creación é meritoria desde o Medievo e homologable coa literatura universal.
E un clásico galego co que agasallar como mostra de afecto?
Debería coidar os gustos da persoa agasallada. Cantares gallegos ou Follas novas, xa que á Rosalía hai que achegarlla á xente que só a coñece de oídas. A alguén desorientado sobre o país, axudaríalle con Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo. Para amantes do relato coma min, Retrincos, de Castelao. A quen se interese polo mundo que fomos e temos xa case esvaecido, Os outros feirantes, de Cunqueiro. Para mostrar as relacións entre dor, descubrimento e creación, O deserto, de María do Cebreiro.
Reblogged this on Tirar do fío.
Reblogged this on MariaLDario's Blog.