BiosBardia

O país dos libros en galego

Oito aspirantes á II Liga Maruxairas de relatos

Presentámosvos os cinco autores e tres autoras que participarán na II LIga Maruxairas de relatos.

A liga estenderase desde a primeira semana de novembro do 2020 até finais de xaneiro do 2021.

David Botana

David Botana.

Gañador do III Torneo Biosbardia e finalista da I Liga Maruxairas.

Dedícase a dar clases particulares “(do-que-sexa)”, confesa, “mentres agardo a que as catro vacas da avoa xunten o esterco dabondo que me obrigue a facer algo de deporte; é unha sorte, podían ser cinco vacas. O pelo da cabeza múdaseme a lugares insospeitados do corpo, corpo xa con forma de fariñenta pera mol, mol pera que me fag… err… que me vou pudrindo; vamos”, conta. “Estou a escribir esta “Bio_Sbardia” miña (haha) cun pé en alto por mor dun ataque de gota aguda; é unha sorte, podía ser cunha embolia. A persoa coa que vivo leva todo o día a dicirme: «Maldito aleixado!» polo meu pé inflamado, curiosamente iso faime rir, faime sentir ben; é unha sorte, a maior de todas”, continúa. “Escribo cousas, polo xeral na cabeza, ás veces en papel. Son cousas variadas, algunhas con feitura de conto, o máis das veces de terror. Varias están publicadas e todo; é unha sorte, podían… podían… É unha sorte”, conclúe.

Xosé Duncan

Xosé Duncan.

Duncan conta que nunca pensou que escribiría e, de feito, continúa, “hai moitos que pensan que non debería escribir, mais, como todo na vida, as cousas son como son e non como queremos que sexan”. Explica, polo tanto, que seguirá debuxando pesadelos, soños e angurias coas letras dun teclado.

Fran Fernández Davila

Fran Fernández Davila.

Enxeñeiro de Minas e Enerxía, e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo, leva máis de vinte anos traballando no mundo do frío industrial. Comezou a escribir en xaneiro de 2016 cando asistiu ao seu primeiro obradoiro de escrita creativa. Entre outros certames, é ganador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, en 2017, por A Senda de Sal; o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras ‘Antón Avilés de Taramancos’ do Concello de Noia, en 2018, coa novela Alana; e o XII Premio de poesía Victoriano Taibo do Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar, de 2019, co poemario Mover os Marcos.

Marisol Gándara

Marisol Gándara.

Naceu en Francia un 6 de Xaneiro de 1981, “así que podo atopar epifanías en calquera lugar”, di. Os caprichos das migracións quixeron que medrase en Galicia pero considérase nómade de nacemento. Licenciada en Filoloxía Inglesa “contra todo prognóstico” e Grado en Educación Primaria “por pura necesidade laboral”. Agora é mestra de educación primaria “aínda que estou a traballar con adultos. As contradicións perséguenme”. Escribe versos “dende que teño memoria”. Publicou o libro de poemas  e Ata o corazón da mazá (Espiral Maior). “Coido que son máis de escoitar que de contar, e aínda que non me gustan os duelos, poucas cousas me excitan máis que un desafío, e gusto de excitarme. Por iso estou a enrolarme nesta aventura, na que un amigo, todo hai que dicilo, me empuxou en certa medida, así que alá vamos e que sexa o que dite a tinta, ou os píxeles”.

Breogán Martínez.

Breogán Martínez

(Armea, 199?) é adestrador de grilos. Para alén dunha efémera vinculación co Cricotismo, de onde non saíu en boa sintonía, da súa vida pouco máis se sabe

Carlos Vega

Carlos Vega.

Naceu no 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 23 anos e pouco máis sabe escribir.

Ana Vigo

Ana Vigo.

Nacida en Pontevedra. Considérase a si mesma “devoradora e creadora de historias dende que teño memoria. Para min, ler, escribir, debuxar e imaxinar son actos tan necesarios como respirar”. Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC, actualmente é redactora xefe e coordinadora da sección cultural no diario dixital TimeJust. Autora da novela La búsqueda de los dioses (Luhu Editorial), confesa que ten outro puñado de narrativa aínda no caixón. É autora de relatos curtos dispoñibles en diferentes antoloxías.

Pilar Vilaboy

Pilar Vilaboy.

Naceu en Ferrol no 1966. Vive en Vigo desde a década do 1990. É filóloga e traballa como bibliotecaria na Fundación Penzol. É autora da tradución ao galego da obra A praza do Diamante, de Mercé Redoreda (1992). Explica que a tradución lle serviu para intentar ser “unha escritora emotiva”. Sobre a liga Maruxairas conta: “Apunteime a este desafío literario porque me parece un xeito estupendo de aprender competindo. Outro reto para min é xulgar os escritos dos outros participantes. Simplemente espero estar á altura. Boa sorte a todas e todos!!”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *