BiosBardia

O país dos libros en galego

De Sara Vila Alonso a Nikolai Gógol. Dez libros para maio do 2024

Sara Vila Alonso.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

O incendio, de Sara Vila Alonso. Xerais

Premio Blanco Amor de Novela 2023. Esta novela constrúe unha rexa personaxe protagonista que conta, con moita desenvoltura e economía de medios, o seu paso da infancia á adolescencia. Obra ambientada nun medio rural abandonado á súa sorte cuxa metáfora principal é o incendio forestal que lle dá título ao libro. Sara Vila conforma en Neboeiro un universo literario ben aficando no noso tempo, pero non constrinxido polos límites do puro realismo.

Margot, de Alfred de Musset. Tradución de Xavier Senín. Hugin e Munin

Nouvelle francesa (de apenas 80 páxinas) orixinalmente publicada na Revue des Deux Mondes, no 1838. Hugin e Munin segue a actualizar a biblioteca decimonónica, desta volta cunha obra moi característica da literatura do seu tempo: descrición realista das diferenzas sociais, personaxes profundamente definidos, tanto a nivel psicolóxico como sociolóxico e plumas literarias moi ben dotadas para a narración. Todos estes elementos están presentes nesta obra, que se le deseguida e con gran proveito.

Groenlandia, de Fran Fernández Davila. Galaxia

Premio de Narrativa Breve Repsol 2023. Mediante unha hábil trama coral definida por un motor narrativo de gran raigame literaria e que nesta obra funciona como efectivo misterio que mantén a atención de cabo a rabo. Á parte de personaxes moi diversos que serven como ampla rede psicolóxica sobre as moitas facetas do arrepentimento e a redención, Davila insúflalles vida a unhas illas Azores que nesta novela son unha personaxe máis.

Pan galego, de Edu Lavandeira. Xerais

Co subtítulo: “Receitas e historias do mellor pan do mundo”, o autor, creativo audiovisual, fai un percorrido emocional e tamén técnico sobre a tradición da masa no noso país. O libro divídese en catro partes: introdución antropolóxica e histórica, percorrido polos pans tradicionais de Galicia, técnicas básicas para a fabricación de pan e, finalmente, un completo compendio de receitas para podermos facer na casa pans como o de Cea, o de Carral, o de Ousá… mais tamén empanadas, roscas e tortas.

Avelino Cabezas e os seus irmáns, de Antón Seoane. Galaxia

Non son habituais no mercado editorial galego libros de crónicas ou de recuperación da historia local ou familiar. É o que consegue, con nota, esta “historia de Narón”, como reza o seu subtítulo. Seoane pescuda nas vidas de cinco irmáns naroneses que emigraron a finais do século XIX a América do Sur. O máis vello deles, Avelino Cabezas, converteuse alá nun pioneiro das novas técnicas comerciais en varios ámbitos, o que o converteu nun empresario de éxito no primeiro terzo do século XX.

Abril é un país, de Tereixa Constenla. Kalandraka

Co gallo do 50.º aniversario da Revolución dos Caraveis, do 25 de abril do 1974, a autora, correspondente en Lisboa do xornal El País, fai un percorrido polo contexto e feitos daquel golpe de Estado militar contra o Estado Novo portugués que desembocou nun “proceso revolucionario en curso”. Cun ton xornalístico, máis ca propiamente historiográfico, Constenla vai construíndo o mosaico do estado político e anímico dun país sacudido pola represión interna, a crise económica e o desgaste dunha absurda guerra colonial. Nese ámbito agroma unha experiencia revolucionaria que puxo en cuestión moitos dos presupostos xeopolíticos: democracia, comunismo, pacifismo no país máis occidental de Europa e en plena guerra Fría.

Retratos de vodas, partos e funerais, de Silvia Penas. Galaxia

Poesía con ritmo sosegado e liña clara. Confesión e diario, diálogo e reflexión. O novo libro da escritora viguesa é unha obra de madurez que non precisa recrearse nin no escintileo da imaxe nin na experimentación diagramática para expresarse con autonomía e interese. Penas, entre outros moitos acertos, opta por converter este libro en algo así como un elo explícito entre moitas das tradicións literarias (orais e cultas) e o noso presente literario.

Maimai, de Aki Shimazaki. Tradución de Serxio Gómez Blanco. Rinoceronte

Con esta novela, Rinoceronte remata a publicación da pentaloxía ‘A sombra do cardo’, da autora nipocanadense que empezara con Azami. Neste último libro, unha das protagonistas dalgunhas outras novelas do ciclo, a libreira Mitsuko, morre repentinamente e o seu fillo Tarô terá que enfrontarse á viva lembranza que a súa nai aínda mantén viva entre a xente que a quixo. Agora que están todas as novelas da serie publicadas en galego, o ideal é mergullarse nos cinco títulos coma quen acomete unha longa e proveitosa viaxe para desfrutar do estilo e o universo literario de Shimazaki.

Chove!, de Ramón D. Veiga e Iván R. Xerais

Nova aventura dun dos personaxes de Miñoca e ourizo. Desta volta, como di o subtítulo: “Unha nova aventura de Miñoca”. Os autores conseguen crear unha historia moi ben fiada, equilibrada e chea de humor e sorpresas. Con mínimos recursos, tanto gráficos como expresivos, Miñoca faise logo tan carismático que o lector devece por saber doutras das súas aventuras.

As almas mortas, de Nikolai Gógol. Tradución de Lourenzo Maroño Buxán. Galaxia

Gran noticia a publicación en galego dun dos grandes clásicos da literatura universal. Gógol eleva a obra mestra esta novela que quixo revelar unha imaxe total da Rusia do seu tempo. O argumento é poderoso desde o comezo: un pequeno propietario rural decídese a comprar nomes de servos mortos para así poder adquirir as terras que o tsar concedía segundo o número de labregos. No día de hoxe séguese a ler con gran pracer, tanto polos seus altísimos valores literarios como pola capacidade do escritor ruso para explicar os resortes menos atractivos do xénero humano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *