‘A condición humana’, de Malraux no seu tempo histórico (1)

Xesús González Gómez.
Despois de aparecer por entregas na Nouvelle Revue Fançaise, nos seis primeiros números de 1933, a novela de André Malraux A condición humana —publicada agora por
Laiovento en tradución de Oriana Méndez pouco antes do 50.º cabodano do pasamento do seu autor (23 de novembro do 1976)— deuse ao prelo como volume autónomo a inicios de maio dese mesmo ano. En decembro concedéronlle o Premio Goncourt, en dura «disputa» coa novela Le roi dort, de Charles Braibant (que se lembra del?!). Finalmente, na cuarta votación, empatadas a cinco votos as dúas novelas, o presidente do xurado, J.-H. Rosny Ainé, decidiu co seu voto que a obra de Malraux fose a novela gañadora.
A novela é talvez a máis coñecida —e a máis vendida— do seu autor. O «cadro», é dicir, o tempo e espazo en que se desenvolve a obra, é o da revolución en Xanghai nas vésperas da entrada de Chiang Kai-shek en marzo de 1927. O líder do Kuomintang esmagará a insurrección dirixida polos comunistas, seguindo estes as ordes da Internacional. «Toda unha serie de personaxes representan todos os matices do empeñamento [engagement[1]] nunha situación revolucionaria», segundo di Antoine Compagnon[2]. «Kyo, fillo dunha xaponesa e dun intelectual francés, o vello Gisors; Katow, ruso militante; Chen, terrorista extático; May, a muller de Kyo, o banqueiro Ferral e o barón Clappique». A novela, afirma o propio Compagnon, é imposíbel de resumir «e o debate parece centrarse no papel do terrorismo na preparación dunha nova sociedade, mais Malraux afirmaba, cando a publicación do libro: “O cadro non é naturalmente fundamental. O esencial é evidentemente […] o elemento pascaliano”», e apostila Compagnon: «Era afirmar que a historia non tiña outra importancia que definir un lugar e un tempo en que as condicións do heroísmo estaban reunidas: todos os personaxes están obrigados a se formularen a cuestión do sentido da súa vida; todos vense confrontados co misterio da existencia individual, co tráxico da soidade e, sobre todo, coa angustia da morte e á “miseria do home sen Deus”».[3]
Malia todo, e sabendo que Compagnon ten razón, a novela tamén deu lugar, como non podía ser doutra maneira, a discusións políticas. Ningunha, en verdade, á altura da crítica que fixera Trotski da anterior novela de Malraux, Os conquistadores (1928). A crítica («La revolución estrangulada») realizada a esta obra polo fundador do Exército Vermello pode lerse no segundo volume de Literatura y revoluciones. Otros escritos sobre la literatura y el arte[4]. Trostki, infelizmente, non fixo ningunha declaración nin recensión sobre A condición humana, mais un pensa que a crítica política que deita de «La revolución estrangulada» podía servir para unha crítica política (que non literaria) de A condición humana. Mais isto son suposicións miñas.
Como as novelas de Malraux xa son «obras clásicas», e A condición humana un dos premios Goncourt máis vendidos de todos os tempos[5], talvez aínda sexa «máis clásica». Unha novela francesa xa clásica que entra, claro, nos planos do estudos do país galo. Debido a todo isto, faremos unha pequena escolma de frases e ditos sobre a esta obra que apareceron en Francia no momento da súa publicación.
Esta pequena escolma é, simplemente, un encirramento a ler a novela de Malraux. Estéase de acordo ou non con el. Lela, tamén, en certo xeito, sen prexuízos ideolóxicos: lela como unha novela que se escribiu para ler, non para acreditar na historia que se narra. [Por outra parte, todas as novelas, e sobre as boas novelas, están escritas para ser lidas, non para acreditar na historia que se narra, se se narra unha historia.]. Ao cabo, a narrativa, a novela, adoita ser o que afirmara Louis Aragon no seu día: le mentir vrai.
Le midi socialiste: quotidien régional, 4 de xuño de 1933.
Axenda do lector
ANDRÉ MALRAUX: La condition humaine (Gallimard). Volvemos encontrar neste libro a atmosfera de revolución e de batalla que bañaba Os conquistadores, do mesmo autor. Asistimos ás convulsións do movemento revolucionario chinés, mais exactamente ao escamoteo deste movemento —até entón fortemente coloreado de comunismo— polo xefe dun nacionalismo inevitabelmente conservador. Paréceme tamén que neste libro o autor está máis despegado dos acontecementos que en Os conquistadores. Vexo a proba en que os heroes de A condición humana non son completamente prisioneiros da súa acción, no sentido de que os seus actos aspiran menos a modificaren a realidade social que a liberalos, por así dicilo, de si mesmos, que a facelos esquecerse de si mesmos. De maneira que os que lanzan bombas ou manexan metralladoras parecen procurar os mesmos fins que aqueles que se entregan á voluptuosidade ou os que, máis apracibelmente, fuman opio. Este aspecto da concepción tráxica da vida, que André Malraux emprendeu desenvolver na súa obra, merece atraer a atención dos seus lectores, felices de veren así renovarse e enriquecerse un gran talento.
J.-B. Séverec
Jean-Baptiste Severac (1879-1951), dende moi novo dirixente do Parti Ouvier français
que en 1905 se integrara na Sección francesa da internacional obreira, socialistas (SFIO). Dirixente en diversos graos da SFIO, en1937 se enfronta a Léon Blum, xa que Sévarac e «ultra-pacifista». Con todo, non caerá, como a maioría dos socialistas pacifistas (e dos pacifistas tout court) franceses, nas redes do colaboracionismo, aínda que tampouco se integrara na Resistencia contra a ocupación nazi-alemá de Francia, polo que en 1945 é expulsado da SFIO e fundará con outros socialistas expulsados do partido, o Partido Socialista Democrático, que non recollera case que ningún voto nas poucas eleccións a que se presentou. Le midi socialiste publicábase en Toulouse, nome francés, Tolosa en occitano. Durante a ocupación mantivo o seu nome, publicouse até agosto de 1944 e, evidentemente, colaborou co Mariscal Pétain e cos alemáns.
Álger étudiant: organe officiel de l’Association des étudiants d’Algérie, 10 de xuño de
1933
André Malraux:
LA CONDITION HUMAINE
Pouco lle falta a este libro para ser perfecto. Mais, velaí, existe ese pouco que definiremos: unha tendencia a querer expresar demasiadas ideas, demasiados sentimentos ao mesmo tempo. Este feito –engadiremos– é a demostración dunha calidade que sitúa no primeiro rango ao seu propietario: a riqueza da creación cerebral.
Isto compensa aquilo, esta novela é á vez poderosa e confusa. André Malraux, o menos conformista dos nosos xoves escritores, non agacha en A condición humana as súas simpatías polos «roxos», os puros, os únicos sinceros evidentemente nesta China diferente. Mais, como sabe observar e deducir, percibe tamén o dobre xogo de Moscova, servíndose á vez do capital e do proletariado.
Percíbese por isto que esta obra formula problemas infinitos e que é máis, moito máis, que unha simple reportaxe novelada!… Exterioriza indiscutibelmente, vista dende un ángulo simplemente literario, dons marabillosos: Malraux é un grande escritor. A vida, as aspiracións, os crimes necesarios (polo que respecta ao seu ideal) destes terroristas chineses, os sucios manexos do Kuomintang e de «Chiang-Kai-shek» son traducidas cunha mestre moi próxima do xenio.
Antoine E. Zischka
Antoine E. Zischka (1904-1997), escritor austríaco que colaborou en diversas publicacións francesas antes de 1945. Pensamos que esta recensión a copiaron os estudantes alxerianos dalgunha publicacións francesa (non demos con ela). Autor dunha ampla obra, simpatizante do nazismo dende moi novo, en 1941 afiliouse ao Partido nazi e estivo destinado en España, no Estado Maior da Lexión Cóndor. Acabada a Segunda guerra mundial refuxiouse en España –en Pollensa, Mallorca, onde morreu–, paraíso de nazis, fascistas, ustaches, colaboracionistas cos nazis e outras castes semellantes. Moitas das súas obras están publicadas en español e poden atoparse nas librarías de vello.
Le matin, 11 de xuño de 1933.
«LA CONDITION HUMAINE, por André Malraux.– A última obra de André Malraux lévanos a China e non se sabe se hai que atribuír ao autor a impresión de confusión que que deita das páxinas, moitas das cales son notábeis, ou se, simplemente, hai que acusar a China de se debater nunha situación inextricábel. André Malraux, que viviu alá, coñece as xentes, as paisaxes, a cidades, a mentalidade dos chineses, dos rusos, dos europeos de Xanghai, non achega no seu libro un cadro de conxunto que daría, talvez, unha idea xeral dos feitos e dos conflitos. Talvez el non ten idea xeral. Talvez só pode anotar episodios, intentar o esbozo dunha acción e dunha psicoloxía. Sinala o azorado esforzo dos comunistas, a miseria dun pobo. O seu libro, forte e lancinante, exixe a estima e obriga á reflexión.»
Les coupe-papier.
Le matin foi un xornal parisiense de grande tiraxe. Xornal de dereitas, conservador, mais en 1940 derivou a posicións de extrema dereita, antisemitas e colaboracionista (cos nazis), polo que foi pechado cando a Liberación. Les coupe-papier (Os abrecartas), era o pseudónimo usado maiormente –outros membros da redacción do xornal tamén o usaron– pola xornalista e escritora Germaine Beaumont (nome literario de Germaine Battendier), gañadora, entre outros, do premio Renaudot en 1930 por Piège.
Commune: revue de l’Association des écrivains et artistes révolutionnaires, 1 de xullo
de 1933.
André Malraux. La condition humaine (N.R.F. éditeur)
A publicación deste libro foi xeralmente acollida pola crítica burguesa coma un acontecemento literario dunha importancia considerábel.
[…]
Queremos sinalar dende o inicio as calidades literarias desta obra: a densidade, a violencia, a simplicidade espida do relato, son feitos demasiado raros nos escritores modernos para que non nos sorprendan aquí. Estas calidades, por outra parte, éranlle exixidas a Malraux pola propia grandeza do seu tema, que está constituído, como se sabe, por certos episodios da Revolución de 1927 en Xangai. A condición humana iníciase co éxito das armas revolucionarias baixo a dirección dos comunistas e acaba, despois da traizón do Kuomintang, coa atroz represión inflixida por Chiang-Kai-shek aos obreiros revolucionarios.
[…]
Malia algunhas reservas sobre o papel histórico que Malraux atribúe á Terceira Internacional, os revolucionarios comunistas teñen visibelmente toda a simpatía do autor.
[…]
Este libro non agacha as mortes, os sufrimentos, o sangue vertido no curso da insurrección armada. Mostra a coraxe total que esixe a Revolución ao revolucionario.
[…] a guerra civil aparece como cruel, mais necesaria.
Este libro non só nos pinta a Revolución baixo o seu aspecto colectivo, senón que tamén nos fai penetrar no drama individual dos personaxes […]. Parece mesmo que este sexa o seu obxecto esencial. Pódese considerar baixo dous aspectos: 1.º como a pintura dun acontecemento do que Malraux comprende toda a súa importancia histórica; 2.º como a análise do esforzo dun certo número de individuos para loitaren contra a angustia da súa
soidade.
Tal punto de vista, que penetra na consciencia dos individuos, que consiste en se preguntar porque os individuos se mesturan cos feitos, e mesmo porque eles os causan, e sobre todo, xustifícanse aos seus ollos por causalos, paréceme superior ao punto de vista que se limita a mostrar os personaxes dunha Revolución reaccionando simplemente aos acontecementos exteriores. Non faltan novelas da Revolución, mais se comparamos a novela de Malraux, por exemplo, a O ano nu, de Boris Pilniak, ou a Cidade conquistada, de Victor Serge, vese que estes autores non se formularon as cuestións que inquietan a Malraux: contentáronse cos feitos e ignoraron as vontades.
Non quero enfrontar aquí novela psicolóxica a novela social: paréceme demasiado evidente, con efecto, que unha novela verdadeiramente psicolóxica non podería ignorar os feitos sociais e, reciprocamente, unha novela social non podería esquecer os dramas individuais. Mais non se pode impedir subliñar que A condición humana realiza esta unión do psicolóxico e do social de maneira particularmente concreta.
Jean Audard.
Jean Audard (1913-1998), cuxo irmán menor, Pierre, foi membro de Le Grand Jeu, fundou en 1928 a revista de poesía Rationale. Pouco despois crea unha nova revista. Zarathrousta, achegada ao surrealismo. (No número 12 e último de La Révolution surréaliste, decembro de 1929, aparece un anuncio: «Unha enquisa surrealista»: «Os verdadeiros fantasmas». Anuncio en que se roga aos que queiran participar enviar as súas respostas a un enderezo determinado.) Durante os anos trinta colaborou en diversas revistas: Messages, Inquisitions, Chantiers, Cahiers du Nord, Europe, La Flèche (até que o seu dono e director Gaston Bergery pasou de posicións pro-socialistas a posicións de ultradereita: foi embaixador de Pétain), La jeune révolution e sobre todo na marsellesa Cahiers du sud, facendo recensións (por exemplo, a de Les Vases Communicants, de André Breton) e traballos máis ou menos orixinais, como «A psicanálise e o destino da Poesía» ou «Do carácter materialista da psicanálise», que lle valeu unha forte crítica de Georges Politzer publicada, precisamente en Commune[6].
Audard, próximo dos surrealistas como se avanzou, asinou panfletos colectivos asinados ou escritos polos estes: «Chamamento á loita», «Enquisa sobre a unidade de acción» ou «Protestade»; participou na enquisa de Breton e Éluard: «Cal foi o encontro capital da súa vida», publicada en Minotaure. En 1945, co amigo e biógrafo de Walter Benjamin, Pierre Missac, fundou a revista Lettres.
Commune, o órgano da A.E.AR., asociación teledirixida dende Moscova e completamente tomada polo Partido comunista francés: á parte de Romain Rolland e Gide, daquela compañeiros de viaxe, os responsábeis máximos eran membros do Partido: Louis Aragon, Pierre Unik, Georges Sadoul (os tres procedentes do surrealismo e que se dedicaban dende esta revista a cuspir sobre a súa propia mocidade, sobre todo o último), Henri Barbusse, Paul Nizan, P. Vaillant-Couturier, etc. Por outra banda, o estilo da revista dáo este pequeno un comentario de Sadoul sobre un escrito do citado Audard (que sempre se manifestou marxista e comunista) na revista belga Documents 35: «DOCUMENTS 35.- Órgano da A(ssociation R(évolutionnaire) C(ulturelle), Bruxelas. Este número non é o mellor da nova serie desta nova revista. Gustaríanos que as cuestións literarias e culturais ocupasen máis lugar. O artigo de Jean Audard “Justice et Jugement”, sería máis xusto se o seu autor tivese un coñecemento sumario da xustiza soviética.» De seguro que o coñecemento de tal xustiza por parte de Audard era mil veces superior ao de Sadoul.
Gringoire: le grand hebdomadaire parisien, politique et littéraire, 8 de decembro de
1933.
Cada unha das novelas publicadas até agora por Malraux expresa á vez un aspecto da traxedia da época e toda a traxedia dun individuo. Parece sempre que no autor de A condición humana dúas preocupacións disputan sen se molestaren: a preocupación de pintar unha atmosfera social (case que sempre revolucionaria) e o de se introducir nas fonduras e os problemas dunha alma humana. A alma interesa moito máis a Malraux que o «contorno». E o conxunto da súa obra non é a final de contas a historia das loitas sostidas polo individuo que, hoxe, non quere deixarse asfixiar por unha sociedade cada
vez máis invasiva? […] Nunca, até aquí, o novelista de Os Conquistadores conseguira fusionar nunha unidade orgánica, viva, as súas dúas intencións dominantes. […]
Presentábase [en A vía real] unha especie de contraste patético entre as imaxes coloreadas e tolas que impuña André Malraux á paisaxe, e a gravidade, a seriedade, a amargura case desesperada das súas visións do home. En A condición humana, pola contra, o ton é un. Unha especie de harmonía complexa mais sempre afinada envolve as
cousas e os homes. O estilo conserva sempre ese ardor secreto, esa violencia na discreción dos medios que fai dun libro excelente un gran libro. […] E en A condición
humana a dualidade non existe. A traxedia atopa a súa plena unidade. Chen, Katow, Kyo actúan segundo as máis fondas potencias das súas almas. […] Con A condición humana un xénero que semellaba acabado revive (e con que espléndido vigor!): a novela ideolóxica –non a de tese. A ideoloxía non exclúe de maneira ningunha a sensualidade. […] Semella que con A condición humana Malraux realizou a obra da que os seus libros precedentes achegaban a promesa, a novela grandiosa e inzada de matices que tiñamos o dereito a esperar del. Tráxico, heroísmo, lucidez… tales son as tres notas da novela de Malraux. A mellor loanza que se pode dicir é que alcanzou un grande obxectivo.
Jean-Pierre Maxence
Gringoire foi un semanario fundado en 1928. Entre os seus fundadores estaba o xornalista e escritor Joseph Kessel (de ascendencia xudía). Como curiosidade, digamos que no primeiro numero da revista se inicia a publicación en folletín de Belle de Jour, da súa autoría. Kessel empezou a se distanciar da revista en xullo de 1930, cando abandona o seu cargo de director literario. A ruptura total producirase poucos anos máis tarde, cando o semanario, de tendencias conservadoras e mesmo dereitistas, deriva cara á extrema dereita e ao antisemitismo. Gringoire desapareceu en 1944, pois foi un dos semanarios que apoiou ao mariscal Pétain e colaborou cos alemáns, cos nazis.
Jean-Pierre Maxence é un dos elementos máis importantes do que se deu en chamar en Francia nova dereita (nos anos 1930). Tamén, nun abuso de linguaxe, está incluído, con outros elementos de extrema dereita daqueles anos (Maurice Blanchot, Thierry Maulnier, Robert Aron e outros que non veñen agora ao caso), dentro dun grupo de escritores e pensadores denominados a posteriori «non-conformistas dos anos 30»[7]. Non conformistas que, case que todos, acabaron nos brazos da extrema dereita, do fascismo e da colaboración. Coincidiu con Blanchot en diversas publicacións Combat (non
confundir co xornal, órgano da resistencia contra os nazis, co-fundado por Albert Camus), La Revue Française, L’insurgé, etc. Despois de adherirse á liga de extrema dereita Solidarité Française, en 1940, unha vez liberado polos alemáns, é favorábel ao mariscal Pétain e á colaboración e dirixe os servizos sociais parisienses do comisariado dos prisioneiros. En 1944, cando a Liberación, exíliase a Suíza, en 1947 é xulgado por contumacia e nove anos despois morre no país helvético.
[1] O substantivo «engagement» tradúcese, normalmente, como compromiso. En portugués (de Portugal e do Brasil) adoita traducirse como «empeñamento», tal como fago eu aquí. E fágoo seguindo a quen puxo de «moda» tal substantivo: Jean-Paul Sartre. Se se le ben a Sartre, verase que cando usa a palabra «compromis» diferénciaa de «engagement». O engagement compromete totalmente, o compromis implica concesións, transaccións, renunciacións, etc.; daquela que use empeñamento.
[2] Antoine Compagnon, «XXe Siècle», in M. Delon, F. Melonio, B. Marchal et J. Noray, Antoine Compagnon, sous la direction de J.-Y. Tadié, La littérature française : dynamique & histoire, París, Gallimard (Col. Folio-essais, 2007, p. 545-832, ás páxinas dedicadas a La condition humaine : 680-681 e 688-690.
[3] Ibid., p. 689.
[4] L. Trotski, «La revolución estrangulada», Literatura y revolución II, París, Ruedo Ibérico, 1969, p.139 , e tamén, no mesmo volume: «De la revolución estrangulada y sus estranguladores. Respuesta a André Malraux», p. 155-163, escrito que inclúe «Sobre una interviú de André Malraux».
[5] As vendas dos libros de Malraux permitiron a este ter unha forte influencia na editorial que publicou as súas obras (Gallimard) a partir de 1930. Con esa influencia, por exemplo, logrou que a súa editorial deixase de publicar en 1948 a revista de Sartre Les Temps modernes e tivese esta que trasladarse á Editorial Julliard.
[6] A quen lle interese a polémica, velaí os textos de Audard e Politzer. E aquí atópase tanto unha introdución a Audard (que, seica, interesou a Lacan) como diversos textos seus sobre psicanálise.
[7] Sobre o tema, aínda que as veces hai que collelo con pinzas, véxase o libro de Jean-Louis Loubet del
Bayle Les Non conformistes des années 30. Une tentative de renouvellement de la pensée politique française






