BiosBardia

O país dos libros en galego

Antón Riveiro Coello: “Cústame moito dar por boa unha páxina”

riveiro 2Xan Carballa.

Os elefantes de Sokúrov (Galaxia) é o regreso narrativo de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964), despois da monumental e multipremiada Laura no deserto (Galaxia, 2011). Esta nova obra conserva algunhas das constantes narrativas do autor, desta volta cun título que evoca o cine pictórico e poético do siberiano Aleksandr Sokurov. En contraste, Riveiro somete ao realismo unha trama que en dez días debulla, nunha Compostela intensamente literaria, problemas que van da prostitución ao suicidio, as drogas ou o trato á xente maior, todo baixo o pano da crise económica actual.

Nun momento dado da súa novela un personaxe fai unha sorte de manifesto do escritor, “conforme pasan os anos, máis críticos e crueis nos volvemos con nós mesmos. Ao principio, canto peor escribimos, máis nos gustamos e, andando o tempo, o proceso faise inverso até o punto de que canto mellor escribimos máis duros somos coa nosa obra (…) o libro, ao final, é a suma desordenada dun soño”. Que hai da súa propia opinión neste texto?

Que os escritores cando escribimos loitamos contra Joyce é algo que se ten dito con acerto. Conforme pasan os anos pelexas contra ti mesmo e eu convértome no meu inimigo máis esixente. É paralizante. Téñenme preguntado en que momento un se sente escritor e penso que só cando es capaz de verte cunha ollada externa, como se foses un inimigo furibundo de ti mesmo. Trato de facelo e cando lle dou a ler un texto ao editor ou a unha persoa de confianza pídolle dureza porque sei que vai beneficiar o resultado. É curioso que hai xente que con pouco máis de vinte anos é quen de escribir a súa mellor obra, e non penso que sexa eu mellor e máis fresco con máis idade. Quizais porque de máis novo hai menos temores, pero a min pésame o tempo e cústame moito dar por boa unha páxina. Nunca estou contento e iso é terríbel.

Fala máis de técnica narrativa ou do que quere contar?

No primeiro capítulo da novela, o único en terceira persoa, están as claves da obra e do escritor: unha persoa que se dedica a ordenar os recordos das persoas no transo da morte, a elaborar unha verdade co pasado, unha verdade tan críbel para esa persoa como para os lectores. Despois os personaxes na novela van construíndo unha maneira de salvarse a si mesmos. A literatura é tamén iso: as cousas non son como son senón como nos gustarían que fosen. A actitude de ver a vida cunha ollada artística é o que motiva ao creador. A reflexión sobre a suma desordenada dun soño é tamén iso, as persoas reais das que falo gustaríame que se visen mellor do que foron, sen perder nada a súa esencia Velaí estaría o verniz literario.

A novela ten múltiplas voces narradoras, ensaríllanse os días da acción en diversas primeiras persoas. Hai un esforzo de propoñer puntos de vista de mulleres e homes, de xente nova e maior… e todo transitando por unha época contemporánea que está en todas as súas obras.

En Laura no deserto, que contiña catro novelas diferentes, había algo así. Aquí, agás no primeiro capítulo, uso o multiperspectivismo: oito personaxes van filtrando a súa vida e construíndose. É unha ollada máis restrinxida pero que axuda o lector tamén a comprender esas vidas. A min ofrecíame outro ángulo a presenza dunha pintora e dous escritores que procuran na arte a salvación propia. No caso das persoas maiores quería abordalas desde si mesmas e as súas preocupacións. A acción prodúcese en apenas dez días pero circula a vida de varias xeracións e as súas preocupacións, que son os temas que eu quero suscitar.

Algúns deses temas son a crise económica, a vellez, a droga, o suicidio, a prostitución… E ao tempo aparecen farrapos de diferentes épocas, das cicatrices da guerra á resultante social de hoxe. Cal é o motivo principal co que vostede arrincou?

Preguntábamo un amigo, estaban todos os temas xa aí desde o comezo? E si, sabía que escribiría unha historia de amor, falaría da vellez e da vulnerabilidade das persoas maiores, de como se ven arrastradas a momentos terríbeis, desde a perda dos fillos á ausencia familiar, a dependencia física, as situacións de depresión, dor e sufrimento… Pero tamén quería amosar o seu esforzo por saíren adiante no día a día, que devecen polos afectos ou polo amor desde a ironía e o sentido do humor … Dicía Platón que a vellez é unha etapa de deterioro e enfermidade e Aristóteles de sabedoría e aprendizaxe. Quixen dar esas dúas visións porque sempre estiven moi vinculado ás persoas maiores. Desde cativo gustábame sentar na casa con eles cando xogaban á birisca e escoitalos. E nos últimos anos, as circunstancias do falecemento de meu pai e as enfermidades graves dos meus sogros estiveron moi presentes. Igual que en Casas baratas (2005) e A esfinxe de amaranto (2003) esta é unha novela que, sen ser autobiográfica, ten máis dos meus. Porque a familia é unha paisaxe psicolóxica que te acompaña sempre e o que vas detectando non son tanto acontecementos como actitudes concretas que coñezo de primeira man. A muller con Parkinson ten pegadas da miña sogra, a hipocondríaca da miña nai, tamén está a miña avoa… E en Janis, a protagonista principal, pode haber unha mestura das miñas fillas. Por iso é unha novela tan íntima para min.

Eu camiño moito pola cidade e teño ese desexo de ler o meu destino na paisaxe de pedra. En Compostela superpóñense os séculos.

Pairan tamén o suicidio e a prostitución no núcleo da narración.

O suicidio tamén está en toda a obra. Todo ser humano coquetea con el dalgún xeito e quería tratalo. Porque non é só algo que afecte o suicida; o seu contorno sénteo coma un fracaso, e non deixa de preguntarse qué podía ter feito ou dito para afastar o suicida da extinción.

Da prostitución tamén quería falar e formular interrogantes. Eu nacín no 64 e nos anos 70 estaba na aldea cos avós cando houbo en Santiago unha gran manifestación agraria. Fun no autobús cos vellos (así os chamaba eu, pero andarían entre os 50 e 60 anos). Era a primeira vez que ía a Santiago e foi un abraio. Sei que había moita xente, pero cando tiñamos que marchar faltaban tres homes e non había maneira. O meu avó dixo “xa sei onde están” e alá fomos todos en procesión ao Pombal. Quedoume a imaxe das prostitutas pastoreando aqueles vellos. Quedoume gravado e cando nos anos 80 marchei estudar a Compostela non fun quen de pasar por alí, como se fose un lugar prohibido. Que eu saiba só se falara do Pombal n’O ventre do silencio (Méndez Ferrín) ou La Casa de la Troya (Pérez Lugín). Custoume atopar quen me prestase a súa memoria daqueles anos 70 e 80 nos que xa ía desaparecendo a prostitución da rúa e se desprazaba a outros locais. Quixen traer o debate e con dúas prostitutas ben diferentes. Unha é Deolinda, carne de canón das mulleres que viñeron do norte de Portugal, escapando dunha cultura machista e nunhas condicións extremas de miseria para as que a prostitución quizais supuxo un alivio á situación de orixe e unha posibilidade de xestionar as súas propias vidas, aínda perdendo a dignidade. E en contraste está Linda, unha muller que vive en Zürich que exerce deliberadamente a prostitución e no debate da novela defende que a súa decisión é tomada con liberdade e sen coacción… O debate é vivo na novela e na sociedade e a miña visión é que non se pode comerciar co corpo, que a sexualidade ten que ser libre e gratuíta, pero Linda introduce o debate de que o centro é que a muller teña liberdade de decisión non tratándoas como vítimas, porque, di ela, ninguén nace desexando ser prostituta pero tampouco limpadora de escaleiras por 300 euros…

Ademais de todos eses temas, a cidade de Santiago de Compostela actúa como unha presenza continua.

É o pano de fondo e quixen ofrecer varias olladas. Dunha banda a da emoción, a da ollada externa de quen ama a cidade máis alá da arte e da relixión, que é máis que o fin do Camiño, que convida á reflexión e á metafísica. Eu camiño moito pola cidade e teño ese desexo de ler o meu destino na paisaxe de pedra. En Compostela superpóñense os séculos e como di o meu personaxe hai cidades polas que pasa a historia e outras nas que queda para sempre. Pero ademais quería outra visión máis aséptica, neste caso a de Janis, a protagonista principal, que vén do Ensanche, e a do Pombal, onde outrora se concentraba o pecado e que hoxe é un barrio privilexiado.

“A alta cultura axudábanos a entender os grandes problemas da vida. A cultura global, a evadirnos deles”

Por que o cinema do siberiano Aleksandr Sokurov é un dos motivos do título? Só por un gusto persoal ou hai máis razóns?

No título están os elefantes porque aparecen fisicamente na vida da protagonista, pero tamén polo seu sentido metafórico. Son animais altruístas, intelixentes, con boa memoria, con conciencia de si e de grupo, como os personaxes principais da novela. A presenza de Sokurov significa o interese pola arte e a creación. Quería unir a arte de masas coa alta cultura e a metáfora final da novela é que tanto os elefantes como os personaxes comparten un hábitat en perigo de extinción. Dunha banda está a cultura para o pracer, globalizada, e de outra a cultura transcendente como a do cine de Sokurov. El é un cineasta que, sobre todo en películas como Nai e fillo, Pai e fillo ou Fausto, elabora cadros sucesivos. O seu formalismo romántico está perto da estética dos grandes paisaxistas ingleses ou alemáns do XIX, e máis que manexar unha cámara parece que ten unha paleta de cores. Di que o cinema aínda está a medio de camiño de poder ser considerado arte, unha arte suprema que para el está sobre todo na literatura. Sokurov representa a transcendencia, porque a alta cultura antes axudábanos a entender os grandes problemas da vida humana e hoxe a cultura global axúdanos a evadirnos deles. No meu libro, a través de Janis, aparecen outros elementos, tamén a pintura, aínda que considerada con certa ironía e crítica, porque hoxe non hai un consenso sobre que valores estéticos debe ter unha obra para ser considerada artística.

A novela transcorre en plena crise económica e iso está presente con crueza.

Todos viven un momento complicado, e cando debuxaba o personaxe principal pensaba nas miñas fillas. Unha xeración cualificada inxustamente de hedonista ou que está baixo a síndrome de Peter Pan, que non marcha da casa… cando iso moitas veces é hoxe imposíbel. Porque na súa mente xa non está mercar unha casa, un coche, ter compromisos matrimoniais ou ter fillos… todo iso é unha quimera na actual situación de crise. E no libro tamén están tamén as dúas xeracións anteriores, con problemas diferentes, pero que están convivindo e actuando entre elas coa mesma crise, de desatención, de falta de saídas, de falta de traballo, de ausencia de futuro…

Os segredos e os silencios na familia constrúennos e márcannos.

Xa o teño falado con vostede noutras ocasións, pero a potencia e o gancho narrativo que lle dá ás súas obras o segredo familiar é sempre moi especial, tamén n’Os elefantes de Sokúrov.

Os segredos e os silencios na familia constrúennos e márcannos. Se botamos a cabeza atrás atoparemos na infancia moitos fitos senlleiros que nos marcaron, e sobre todo cando no franquismo os silencios ocupaban áreas que ían moito máis alá que a propia experiencia familiar interna. Moitas veces sabes que hai un acontecemento oculto ou escuro, que require explicación. Por exemplo, a meu avó paterno eu idealizábao, e admiraba que con menos de quince anos marchara a La Habana, pero sempre me preguntei como a familia deixaba marchar un neno que vivía ben nun barrio de Lisboa, que pasou, que conflito houbo… Nunca mo dixeron e creo que nin miña nai o sabe. Por iso escribín A esfinxe de amaranto, para imaxinar o que puido ter sucedido. Moitas das miñas novelas buscan respostas a eses interrogantes.

E quere resolvelo para saber a verdade ou para entender as súas propia cicatrices familiares?

Os escritores elaboramos unha memoria coa que queremos salvarnos nós mesmos, como autores e como persoa. A fidelidade dun escritor está nas súas propias obsesións e eu busco curar as miñas. Ás veces interésanos máis a verdade que inventamos para nós que a que foi real. Poño un exemplo: sempre pensei que meu avó volvera da Habana na II República, e que fora concelleiro de esquerdas en Baltar. Pero hai pouco souben por un historiador que regresou e foi concelleiro xa no franquismo –aínda que el non era de dereitas–, e caéuseme o mito. Tería sido mellor a realidade dun avó que ensinou a ler e a escribir a moita xente na aldea e que axudaba a arranxar papeis, que era un home enxeñoso ao que todos buscaban, e aínda que todo iso foi certo, a verdade cronolóxica derramou o meu mito.

 

PARA SABER MÁIS

Entrevista de Xan Carballa a Antón Riveiro Coello co gallo da publicación de Laura no deserto. Publicada en El País o 16 de febreiro do 2012.

One thought on “Antón Riveiro Coello: “Cústame moito dar por boa unha páxina”

  1. Agrádame ver como un escritor como Riveiro Coello, que considero case veciño, medra ofrecéndonos cada vez mellor literatura. Descubrino con aquel “casas baratas” e dende entón non o deixei de seguir. Moita sorte co novo libro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *