BiosBardia

O país dos libros en galego

As literaturas hispánicas e as do Oriente de Europa, favoritas para o Nobel 2025

Mircea Cartarescu. RTVE

Javier Nogueira.

A temporada literaria ábrese outra volta coas novidades de setembro e o Premio Nobel, que, segundo as previsións, se coñecerá o 9 de outubro pasado o mediodía. Coma sempre, dende Biosbardia imos presentar as principais candidaturas e deixar as nosas apostas… conscientes da imprevisibilidade do Comité Nobel, que no 2024 premiou a Han Kang, que para quen isto escribe era unha candidata por calidade… pero non por idade, xa que se trataba dunha escritora “nova de máis” para o galardón.

Temos que destacar que, segundo as casas de apostas e os analistas habituais, entre os que nos atopamos, continúa o movemento de renovación nas candidaturas: o pasamento prematuro de candidatos sólidos coma Javier Marías, a complicada situación xeopolítica por todo o mundo —que faría cuestionábeis premios a autoras rusas como Liudmila Ulitskaia ou israelís como Etgar Keret a pesar de que tanto eles coma outros sexan opositores ós gobernos autocráticos e asasinos de ambos países— e os Nobel desta década —dados a catro esferas de grande importancia tradicional para o premio como a asiática (Kang), a francesa (Ernaux), a escandinava (Fosse) e a inglesa (Gluck), coa notoria excepción do tanzano Gurnah— fan que nas previsións descendan candidatos case “tradicionais”. Por exemplo, por primeira vez en moitos anos, non atopamos a Haruki Murakami coma un dos preferidos dos apostantes ingleses. Tampouco figura nos primeiros lugares Can Xue, autora chinesa favorita número 1 hai doce meses —e, sen dúbida, asociada a unha filtración xenérica do tipo “muller, novelista e asiática”—.

Por primeira vez en moitos anos temos que poñer en alerta os lectores españois e hispanoamericanos. Figuran na parte alta ata tres candidatos en lingua española quince anos despois do premio a Vargas Llosa, quen vén de falecer, como é de coñecemento común. O máis veterano nestes asuntos é o arxentino César Aira, quen viría ademais arranxar un agravio histórico: é complicado atopar un país con máis calidade literaria no século XX ca Arxentina que aínda non apañase un Nobel —con omisións tan famosas como a de Borges, por razóns xa ben coñecidas—. En ascenso atópase Enrique Vila-Matas, entrevistado hai non moito por Paris Review, todo un sinal do seu prestixio no mundo da escrita actual, quen devolvería o Nobel a España despois dunha seca xa histórica. E nunha terceira posición, pero con posibilidades, soa o nome de Cristina Rivera Garza, quen tería a virtude de recoñecer a literatura latina nos Estados Unidos —e o defecto de chamar ao odio do omnipresente autócrata dos USA, por suposto—.

Non obstante, como diriamos os cataláns, aquest any si semella que chegará o premio para un dos grandes novelistas (homes, non convén desmerecer a magnífica Olga Tokarczuk) do leste de Europa no século XXI. Á cabeza en todos os prognósticos sitúase Laszlo Krasznahorkai, quen a estas alturas precisa pouca presentación. O mesmo ocorre con Mircea Cartarescu, a quen moitos galegos puidemos escoitar e saudar hai un ano nas súas visitas a Compostela e á Coruña. Nun segundo grupo, con menos opcións, aparecen outro húngaro, Peter Nadas —editado en España por Temporal, con apenas un feixe de obras e escasos lectores— ou António Lobo Antunes. Quizais os dous estean penalizados por superar lixeiramente os oitenta anos, fronteira que noutras ocasións foi unha barreira de idade para merecer o galardón.

Que o comité Nobel establecese unha estraña alternancia home-muller durante a secretaría de Peter Malm non implica, por suposto, que esta teña que se manter a gardarrego. Á marxe das xa mencionadas, precísase sempre ter en conta dúas voces de grande poder en Norteamérica: Anne Carson —é posíbel o seu Nobel despois do de Alice Munro?— e Joyce Carol Oates —coa eiva da súa idade, que a convertería nunha das persoas máis anciás en gañar—.

O Nobel dado a Abdulrazak Gurnah no 2021 fai que non podamos pechar esta previa sen atender algúns autores pertencentes a literaturas relativamente menores. Na cabeza das apostas a carón de Krasznahorkai continúa, coma nos últimos tres anos, o australiano Gerald Murnane —tamén coa eiva da idade—. Uns dark horses, que dirían os anglosaxóns, poderían ser o autor libio Ibrahim al-Koni —o que sería un desastre dende o punto de vista hispánico, xa que non está traducido que eu saiba—, quen segundo os rumores tamén estaría ben situado para o premio Neustadt de Literatura de 2026 ou a gañadora deste último en 2024, a escritora francófona de orixe india e nacionalidade mauriciana Ananda Devi.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *