BiosBardia

O país dos libros en galego

Carlos Casares e a pavera polémica sobre antoloxías de poesía

2011-06-18_IMG_2011-06-11_00.41.19__5336909Xesús González Gómez.

Nos anos 1970, ou, mellor dito, do 1970 ao 1975 houbo, en certa maneira, unha proliferación de antoloxías de poesía galega en versión bilingüe e publicadas maiormente por editoriais non galegas. O fogo iniciárao a revista Claraboya, de León, cun número duplo, o 16-17, de 1967, dedicado á poesía galega de posguerra a cargo de Basilio Losada, quen refaría anos despois esta escolma e a publicaría a editorial Llibres de Sinera, na súa colección Ocnos: Poetas gallegos de posguerra, Barcelona, 1971. O mesmo Basilio Losada entregaría, o ano seguinte, na colección Biblioteca Breve de Bolsillo da barcelonesa Editorial Seix & Barral Poetas gallegos contemporáneos (na que se escolmaban 11 poetas), e que tivo unha ampla difusión: a editorial barcelonesa fixo, no 1974, unha edición especial de 5.000 exemplares para a Caja de Ahorros y Monte Piedad Municipal de Vigo; supomos que tal entidade lles regalaría o libro aos seus impositores. Pouco antes da aparición desta segunda antoloxía de Basilio Losada, a revista canaria Fablas. Revista de poesía y crítica, dedicáballes o numero 15, de decembro do 1971, ás letras galegas. E o ano seguinte, 1972, a Editorial Zero, de Madrid, deu ao prelo unha Antología de poesía gallega, de Manuel Catoira: un absurdo total e un deses libros para amantes de sandeces bibliográficas ou do absurdo elevado á enésima potencia, que o autor –véxase a carta que del se reproduce– defendía dicindo que era unha “antología de poesía gallega de vanguardia“: a palabra vangarda, como sabemos, serve para todo, mais non para tanto. Dous anos despois, é dicir, no 1974, a Editorial Plaza & Janés, de Barcelona, da man de Miguel González Garcés, entregaba, na colección Selecciones de Poesía Española, a antoloxía Poesía gallega contemporánea, outra sandez bibliográfica, onde o autor escolmaba oito poetas: Luís Pimentel, Manoel-Antonio, Iglesia Alvariño, Cunqueiro, Eduardo Moreiras, Celso Emilio Ferreiro… e Camilo José Cela (!) e el propio!!!! Para xustificar tal inclusión, na páxina 299 podíase ler, nunha nota do editor (Enrique Badosa): “Miguel González Garcés no es sólo un excelente conocedor y traductor de la poesía gallega, sino que también es uno de los más destacados poetas galaicos contemporáneos. Por este motivo, resulta de toda justicia que en el presente volumen no falte una selección de poemas de Miguel González Garcés,versos asimismo seleccionados y traducidos por este poeta. Que la modestia del antólogo venga compensada por esta decisión editorial“. Que bonito! Mágoa que Badosa, a quen tratei durante moitos anos, non escribise tal cousa, senón que se encontrou con ela cando lle enviou González Garcés o orixinal. Curiosamente, as únicas dúas recensións que criticaban tal selección publicáronse en medios de fóra de Galicia: en La Vanguardia, Xavier Costa Clavell puxo os puntos sobre os is. O outro crítico que afeou tal decisión foi Alfonso S. Palomares na revista… Garbo! (Un día, algún estudoso deberá baleirar tanto a revista Garbo como a revista Diez Minutos –prensa desa que se coñece como “do corazón”: a comezos dos 1970 e, como mínimo, até o 1975, tanto nunha como noutra revista se recensionaban “libros serios”, e tanto nunha como na outra revista ás veces eran comentados libros galegos, en Garbo, como dixemos, o responsábel era Palomares, en Diez minutos Javier Alfaya).

Un día, algún estudoso deberá baleirar tanto a revista Garbo como a revista Diez Minutos –prensa desa que se coñece como “do corazón”: a comezos dos 1970 e, como mínimo, até o 1975, tanto nunha como noutra revista se recensionaban “libros serios”, e tanto nunha como na outra revista ás veces eran comentados libros galegos, en Garbo, como dixemos, o responsábel era Palomares, en Diez minutos Javier Alfaya.

Finalmente, no 1975 apareceu, na editorial Magisterio Español, Literatura gallega. Tesoro Breve de las letras hispánicas, vol. 7. Serie mosaico español II, dirixida por Guillermo Díaz Plaja, Novelas y Cuentos, 159, Madrid, 1975. (Trátase dunha antoloxía da literatura galega desde os seus inicios até os anos 1970. Entre os tradutores e antólogos: Basilio Losada, Manuel María, etc.). A serie fechouna, en certa maneira, a escolma en catalán de Quinze poetes gallecs, feita por Josep Maria Llompart (quen despois publicou diversas traducións de poetas galegos, dúas antoloxías de poesía galego-portuguesa que van desde a poesía medieval até Méndez Ferrín, por parte galega, e volumes dedicados a Pimentel e Celso Emilio. Tamén, durante moito tempo, fixo comentarios de libros galegos en Papeles de Son Armadans, comentarios que están recollidos no volume Articles i traduccions a «Papeles de Son Armadans», Barcelona, Publicacions de l’Abadia de Montserrat, 2005). As traducións de Llompart, prologadas por Basilio Losada, foron publicadas pola mallorquina Editorial Moll en 1976.

No 1972, pasámola por alto adrede no seu momento, deuse ao prelo a que, en teoría, debía ser a máis ambiciosa das antoloxías de poesía galega publicadas fóra de Galicia: Ocho siglos de poesía galega. Antología bilingüe, ao cargo de Carmen Martín Gaite, responsábel da parte medieval; do resto do volume o responsábel era Andrés Ruíz de Tarazona, que argallou unha desfeita de moito sandeu. Foi unha oportunidade perdida para a poesía galega, para o seu coñecemento no resto do Estado, porque o libro publicábase na que, daquela, era a colección de peto máis vendida e popular de toda España: El libro de bolsillo, de Alianza Editorial.

A desfeita de Ruíz de Tarazona tivo rápida resposta en Galicia. Cunqueiro, Casares, e moitos máis atacaron sen piedade tal enxendro. Ao ano seguinte, Ruíz de Tarazona volveu cubrirse de gloria con outra tradución: Las cariátides y otros cuentos góticos, de Karen Blixen (Isak Dinesen), publicada por Barral Editores. Cunqueiro, nun comentario publicado na páxina de letras de Faro de Vigo, avisaba de que a este señor había que atalo curto, porque era capaz de traducir directamente do sánscrito e sen dicionario.

Hoxe traemos aquí a recensión que publicou na madrileña revista Triunfo Carlos Casares, que voltará ocuparse desta malfadada antoloxía no número 38 de Grial (Outubro-novembro-decembro 1972): «Carta abierta a “Alianza Editorial”», e dúas cartas que provocou a o comentario do autor de Cambio en tres. Aquel ano, polo que se ve o resto dos habitantes do estado que lían esta revista divertíanse “de lo lindo” coa literatura galega

Unha crítica e dúas cartas de resposta

Triunfo, nº 529, 18 de novembro de 1972.

Unha antoloxía ilexible

 

Até mediada a década dos cincuenta, as literaturas hispánicas escritas en lingua non castelá foron practicamente ignoradas. A curta experiencia autonomista de vascos e cataláns durante os anos da segunda república e a doutrina de unidade nacional xurdida da guerra civil figuran na base dun bo número de circunstancias que explican dita situación de afastamento (verdadeira separación) que as diversas culturas non oficiais padeceron e que, residualmente, seguen a padecer. Non obstante, a atención que nos últimos anos lles veñen prestando algunhas revistas e editoriais de gran difusión está contribuíndo a restaurar un deterioro que empezaba a ser ruinoso. Neste sentido, o papel xogado pola ampla acollida dispensada ás edicións bilingües de poetas como Salvador Espriu e Celso Emilio Ferreiro foi importante. Desde entón, experiencias semellantes se multipicaron, e no que vai de ano apareceron no mercado non menos de catro antoloxías de poesía galega.

Antes, no 1969, publicárase Ocho siglos de poesía catalana, antología bilingüe, que viña satisfacer a curiosidade que un sector do público empezaba a sentir por unha literatura da que indirectamente tiña unha pequena información (os poemas de Espriu cantados por Raimon, as primeiras cancións de Joan Manuel Serrat…) mais cuxa orixe e desenvolvemento ignoraba case na súa totalidade. Des que a antoloxía de José María Castellet e Joaquín Molas apareceu nas librarías, en Galicia esperábase que Alianza Editorial fixese outro tanto coa poesía galega. Ao cabo de tres anos fíxoo, e o que ao principio foi satisfacción xeral nos medios intelectuais galegos converteuse deseguida nunha non menos xeral censura e desaprobación. E non polas razóns que converten a maioría das antoloxías en fonte de polémicas. Esas razóns, que noutras circunstancias sairían á luz, ficaron nos tinteiros porque Ocho siglos de poesía gallega é un exemplo claro do que non debe facerse.

Deixando a un lado os problemas que se refiren ao acerto ou non dos antólogos na escolma de poetas e poemas, ou na utilización dunha ortografía xa desterrada, ou detalles anecdóticos –como o que Xavier Prado Lameiro se converta en dous poetas diferentes: Javier Prado, un, e Lameiro, o outro–, etcétera, etcétera; deixando a un lado todo isto e máis que é importante, imos deternos na tradución que Andrés Ruíz Tarazona fixo dos poemas a el encomendados, do século XV en diante.

Poucas obxeccións hai que lle facer á autora da outra parte da antoloxía, Carmen Martín Gaite, que en xeral realizou o seu traballo con dignidade, aínda que non sen erros. É lamentable, por exemplo, que na cantiga V (a número 793 do Cancioneiro da Vaticana) de Pero Meogo, traduza “a auga volvía” por “al agua volvía”, cando en realidade “volvía” significaba aquí “turbaba”, co cal o valor estilístico do verso desaparece por completo. E máis lamentable por cando no libro de Méndez Ferrín O cancioneiro de Pero Meogo (Galaxia, 1966) podía encontrar aclaración ás súas dúbidas. Mais xa digo, en xeral, o labor de Carmen Martín Gaite é aceptable. En cambio, o realizado por A. Ruíz Tarazona é detestable. Os exemplos poderían ofrecerse por centos mais vou limitarme a uns cantos, para que o lector non versado saiba que significan realmente as graves palabras que os autores colocaron á fronte da súa obra, na páxina 28: “En cuanto a la traducción, hemos procurado, sin salirnos de una absoluta fidelidad al espíritu del texto…“.

Na páxina 166 e nunha panxoliña anónima do século XVII traduce “peroliñas” –diminutivo de “pérolas”– por “cazuelitas”, e así o verso “Se me chora de amor peroliña” queda desta maneira: “Si me llora de amor cazuelitas“. No poema “Soia!” de Rosalía de Castro (páxina 281) ignora que “dondas” significa “apacibles” e o verso “Eran dondas as tardes” pasa a “Las tardes eran locas”. En “As dúas pragas”, de Curros Enríquez (páx. 293) confunde “afumado” con “húmido”. E nese mesmo poema, onde di “vina” traduce “venía“. Do mesmo poeta, converte “gorxa confiada” en “multitud confiada” (páxina 311).

Entre os poetas do século XX comeza Ramón Cabanillas dicindo en castelán “racheados” (páxina 334) onde el dixera “rachadores”. E continúa:

Que bien quiere un paloma

si vuelve a su palomar

en lugar de

El buen cariño es una paloma

que siempre vuelve al palomar

Pola súa parte, Manuel Antonio nunca quixo dicir “desahogo” cando escribiu (páx. 379): “Presinto un desacougo que perdura” nin chegaría a pensar xamais que o verso “A chouva entrou na noite” puidese traducirse por “La lluvia entró de noche” (páxina 383).

Para terminar, “remorso” (páx. 385) nunca é “añoranza” nin “arroaces” (páx. 391) son “atunes“; do mesmo xeito que “escachando con estrondo” non é “destrozando con esfuerzo” (páxina 399). Ademais, “tremar” non é “templar” (páx. 404); aloumiñar non é “alumbrar” (páxina 410). E aquí pomos un etcétera que o lector que desexe pode alongar canto queira, incluso até saír do libro que nos ocupa e saltar ás páxinas doutra antoloxía tamén recentemente saída ao mercado (Antología de poesía gallega, Manuel Catoira, Zero, Madrid, 1972), da que non nos imos ocupar, mais onde se encontran cousas tan reloucantes coma esta: Nun poema de Valentín Paz Andrade, os “bandeirantes paulistanos” (páx. 50) convértense nun grupo de “guerrilleros palestinos“.

Esperemos que Alianza Editorial (cuxo importante labor non pomos en dúbida), se non se decide a retirar do mercado esta antoloxía ilexible, saiba solucionar dalgunha maneira, en próximas edicións, os importantes erros aquí sinalados.

Carlos Casares.

Na Antología de poesía gallega, Manuel Catoira, Zero, Madrid, 1972, encóntranse cousas tan reloucantes coma esta: Nun poema de Valentín Paz Andrade, os “bandeirantes paulistanos” (páx. 50) convértense nun grupo de “guerrilleros palestinos“.

 

Triunfo, nº 532, 9 de decembro de 1972

Antoloxías galegas

Eu sabía que Carlos Casares estaba a xestar un artigo crítico sobre a resurrección múltipla das antoloxías galegas bilingües que, ao parecer, á marxe da selección de poetas, están mal traducidas ao castelán.

A de Carmen Martín Gaite a pon a parir porque a editorial que a lanzou (Alianza) lle parece máis ambiciosa. Carlos Casares é un novelista cun gañado prestixio (Cambio en tres) ao que coñezo só de vista por vivir en Ourense, aínda que nunca mo presentaron por moverse noutra esfera social.

O formulamento do seu artigo paréceme correcto e propicio, mais, con respecto ás alusións ao meu libro, a súa intención transfigúrase. Non teño culpa de que non captase o significado do meu libro. Casares, empuxado por un encomiable instinto de conservación do idioma galego, ou quizais polo complexo desexo de dar paus (home, tanto coma iso non sei…) obrígame a formularme esta autocrítica a salvo das hemorraxias ocasionadas por posibles abortos intelectuais. É admirable como nas autocríticas se van superando os residuos dunha xubilosa afloración. Con respecto a este nivel anterior, a circulación comercial de toda obra realizado baixo as canles laterais da expresión deben ir despexándose das posibles oscilacións de tipo temporal que, aínda sendo dificilmente previsibles, as ten cada escritor, cada escola, cada xénero en particular. As ideas bases que un lector pode tirar dunha antoloxía terminan nunha acepción similar á entrevista que profesan imaxinación e desexo. (Recoñezo a teima sobre tal asunto que puxo Casares.) As cousas que antes eran importantes agora quedan en inútiles; todo nos concerne agás nós mesmos. Na frase que Casares transcribe sobre “guerrilleros palestinos“, trátase dunha transformación mental porque o problema palestino é máis actual e o poema gaña en consistencia.

Lamento que os meus críticos sexan tantos. As cicatrices reflíctense cada día máis e máis na miña cara. Lentamente abriranse aínda máis as miñas ideas, e aos críticos entraralles anguria até tal punto, que pronto a súa única saída será o suicidio. Vai ser mellor para todos que eu me dedique a escribir sobre O Lute…

A miña antoloxía de poesía galega de vangarda é esencialmente bilingüe e, polo tanto, para casteláns.

Só pido un favor: que me deixen xa en paz.

Nas futuras edicións (que espero sexan moitas) terei que arranxar varios fallos, pois de intención non existen. Un abrazo a Carlos Casares. Nós, que somos mozos valentes, etcétera…

Manuel Catoira

Poesía galega

Despois de ler a crítica a Ocho siglos de poesía gallega, de Martín Gaite e de Ruíz Tarazona, feita por Carlos Casares, o lector non informado da literatura non galega soamente pode quedar cunha lectura puramente formal da reseña do señor Casares: que o señor Ruiz Tarazona é un mal tradutor, que sabe tanto galego coma o español normal checoslovaco, pero o libro anteriormente citado –que no seu día denunciou a crítica galega– non só é un desastre de tradución senón tamén que parece ser que o señor Ruíz Tarazona non ten nin a máis remota idea do que é a poesía galega da posguerra aos nosos días; así poetas tan representativos como Luís Seoane, Eduardo Moreiras, A. Tovar Bobillo e algún máis que a miña memoria esquece, parecen non existir máis que de nome para o citado antólogo. Vemos con sorpresa, os que sabemos algo de literatura galega –imaxino a dos que non teñen nin remota idea–, o nome de García Lorca (saiba o lector non informado que García Lorca, no ano 36, escribiu unha cousa que se titulou Seis poemas galegas, cousa de lle agradecer ao autor de Poeta en Nueva York, pero que non engade nada á obra do mentado autor, vistos con obxectividade diriamos que son un pouco “chuscos”). Pois ben, o señor Ruíz carga a man en García Lorca e esquece os autores antes citados, algúns que se non son fitos da poesía galega de posguerra pouco lles falta: A. Tovar Bobillo. Logo vese tamén con sorpresa, como non, o nome dunha tal Anne Marie Morris, muller estadounidense que escribe en galego mais que, por outra parte, as súas poesías son bastante malas. Léanse, se non, na antoloxía do señor Ruíz. Pois todo isto e bastante máis non nolo di o señor Casares, narrador ao que temos en bastante estima, xa que o considero, con Blanco Amor, o mellor narrador actual en lingua galega. O porqué supoño que nolo dirá el. É de esperar aínda que, segundo noticias, xa se ocupou diso, como se ocupou da outra antoloxía que cita e que, para maior gloria de todo aquel que se interese pola cultura galega, é mellor esquecer, xa que non é máis que unha proba de que a subnormalidade está ás súas anchas na cultura do chamado recanto verde de España.

Xesús González Gómez (Huesca)

One thought on “Carlos Casares e a pavera polémica sobre antoloxías de poesía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *