BiosBardia

O país dos libros en galego

Na procura de Xesús Nieto Pena (VIII)

Imaxe de Lima no 1946.

Xesús González Gómez.

Como vimos na anterior entrega, segundo Martínez Cachero, Xesús Nieto Pena marchou, en 1941, a Hispanoamérica. Máis que marchar, pódese intuír, pola citación dun xulgado de Madrid que se reproduciu a semana pasada, que fuxiu. E a que lugar de Hispanoamérica? A necrolóxica publica en Opinión Gallega, de Buenos Aires, cando a morte de Nieto Pena, acababa, lembrémolo, así: «A su esposa, la eminente pianista Letizia Gandolfi, que fue su dulce compañera de exilio en Lima, Buenos Aires, Roma, París y finalmente en Carcasona, le presentamos emocionados la viva expresión de nuestro pésame». Foi, logo, o escritor galego a Lima?

En 1984, na revista Europa. Arts-Lettres-Sciences, que se editaba en Luxemburgo, e na que aparecían escritos en italiano, francés e inglés, dirixida por Mimmo Morina e en cuxo comité de redacción estaba o canario Justo Jorge Padrón, e que tiña un comité internacional en que salientaban os nomes de Octavio Paz, Luis Rosales, Leopold Sedar Senghor, Eugénio de Andrade, Pablo Antonio Cuadra, Eugène Guillevic ou o sueco Artur Lundkvist, no número 46/47 (ano XIII), correspondente ao outono de 1984, aparecía o escrito de Sonia Gandolfi titulado: «Jesus Nieto Pena. Un intelectuel galicien en exil».

Segundo Sonia Gandolfi, a todas luces filla de Letizia Gandolfi, que foi a compañeira de Nieto Pena desde mediados dos anos corenta até o seu falecemento, o escritor galego naceu en Vigo en 1911 e ficou orfo de nai aos seis anos. (Temos, xa que logo, que dicir, a non ser que aparezan documentos que digan o contrario, que a todas luces Xesús Nieto Pena era vigués e non ourensán). Tamén nos di que estudou Letras e Filosofía na Universidade de Santiago e que proseguiu os seus estudos en Madrid. Todos estes datos, de seguro, díxollos Nieto Pena a Sonia Gandolfi, pero non aparece un documento que confirme que cursou estudos universitarios en Santiago e Madrid. Por outra parte, se naceu en 1911[1], en marzo e 1931 está en Santander, é dicir, ten vinte anos, polo que clarisimamente non segue estudos universitarios en Santiago, e cando vai a Madrid, en 1933, tampouco segue estudos universitarios na capital de España. Ora, no Boletín oficial del Ministerio de Marina, do 2 de novembro de 1929, publícase unha orde pola que certo número de aprendices mariñeiros do Ferrol pasan a ser «Marineros especialistas en Artillería», no número 24, cun «suficiente», aparece un tal Jesús Nieto Pena… (En 1938, a Comandancia de Marina Vigo, demanda que á maior brevidade posíbel se presenten no «detalle desta Comandancia» os inscritos seguinte, entre eles Jesús Nieto Pena. Continúa Gandolfi dicindo que Nieto Pena obtivo unha bolsa para continuar os seus estudos en Francia e Alemaña, e que durante un ano deu clases de literatura española na Universidade de Göttingen. Todo isto é falso. E en Göttingen dubido que dese algo máis que algunha conferencia, se a deu, na universidade desa cidade. No semanario Tablettes d’Avignon et de Provence, do 14 de xuño de 1936, aparece unha pequena noticia sobre os «Meridionaux» (un grupo de narboneses que viven en París), na que se homenaxe ao actor Charpin (Fernand). Dá o discurso de homenaxe, Jean Camp, hispanista e autor dramático, do que Charpin interpretou unha das súas obras. Ao acabar o discurso, Camp preséntalles aos asistentes «le journaliste madrilène Nieto Pena, membre du Comité France-Espagne de passage à Paris, Il annonce par la même occasion le dîner qui donnera dans l’abayyé de Senlis ce Comité France-Espagne le dimanche de Pentecôté». Estaba de paso por París e ía cara a Göttingen. Non sabemos canto tempo estivo en Alemaña e tampouco a data exacta en que torna a Galicia. Ora, se estaba no aparato de propaganda carlista en Vigo e en 1937 xa estaba en Burgos, onde creou a revista Mío Cid en xaneiro/febreiro de 1937 (aínda que Gandolfi escribe que a fundou en Burgos en 1936), e en París a mediados de xuño, como diciamos, en Göttingen non estivo un ano, quizais nin máis dun mes, polo que, como moito, ao mellor deu unha conferencia, máis nada.

Portada dun libro publicado por Nieto Pena en Lima.

Sonia Gandolfi, no seu mencionado traballo, escribe: «comme d’autres écrivains de sa génération, Jesus Nieto Pena s’acheminera, à son tour, sur la douloureuse route de l’exil. Il partira tout d’abord pour Cuba, où sera pendant huit mois professeur à l’Université de l’Havane, puis se rendra à Lima, au Pérou». Foi Nieto Pena profesor na Universidade da Habana? O que si é certo é que foi ao Perú, pois en maio de 1942, en El Eco de Miraflores, revista editada nese barrio da capital peruana, publica un artigo titulado: «Recuerdo a Gabriela Mistral». Nesta revista, en 1946 publica o artigo titulado «Unamuno, Machado, García Lorca», en 1944, no que di: «Os tres xa están mortos. Mortos na guerra civil, en campos amigos e contrarios. Mortos por amor a España». Segundo Gandolfi, durante os oito anos que Nieto Pena pasou no Perú, ademais de fundar a citada El Eco de Miraflores, crearía tamén dúas revistas literarias: Il Rinascimento e La Revista de Arequipa, ambas serían revistas italo-peruanas, xa que, sempre seguindo a Gandolfi, o galego se achegaría á colonia italiana en Lima e animaría un movemento a favor de Italia. Tanto se achegaría, que en 1946 publica o libro: Renacimiento: palabra y símbolo de Italia (Lima, Gráfica Scheuch, 1946). Mais non só fundou revistas e escribiu ese libriño (que asina co seu nome en galego), senón que dá múltiples conferencias en Perú, Chile e Arxentina, conferencias brillantes «où perce l’accent d’une réalité profondément vécue par leur auteur, et que attirent le regard du public sud-américain, non seulement sur la péninsule ibérique, mais sur le scène europeénne en général, seront accueillies avec émotion et enthousiasme». Malia o que di Gandolfi, o «exilio» de Nieto Pena non foi político, como penso que se deixou claro na anterior entrega.

Mais en 1950 Nieto Pena está na Arxentina e, teoricamente, púxose en contacto coa colonia galega en Buenos Aires, como veremos na próxima entrega. De que estaba en 1950 en Arxentina, dá constancia o Boletín. Música y Artes visuales (Dpto. de Asuntos Culturales. Unión Panamericana, Washington DC, 1951), que na páxina seis publica o seguinte: ««[…] La temporada 1950 del Círculo Musical de Córdoba constó de las siguientes audiciones […] El 6 de julio, en el Jockey Club de Córdoba, el señor Xesús Nieto Pena disertó sobre el tema “Glosa de Música Antigua y Evocación de viejos Instrumentos”, conferencia que ilustró al piano la señorita Letizia Gandolfi […].» Por outra parte, no número 747 de A Nosa Terra (xullo de 1950), dedicado a Castelao, aparece un poema de Nieto Pena datado en xaneiro de 1950.


[1] Noutro lugar, La biblioteca del soneto, volumen 14, Autores. Letra N-Ñ, na Biblioteca Digital Cervantes, en que se reproduce un soneto de Nieto Pena, a data de nacemento é 1910.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *