BiosBardia

O país dos libros en galego

Carlos Vega: “En ‘Febo’ pasan cousas. Un fratricidio, un ‘sugar daddy’, unha maleta-bomba…”

Carlos Vega.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Carlos Vega

Carlos Vega (1997) é graduado en Lingua e Literatura Españolas pola Universidade de Santiago de Compostela. Publicou algún relato en revistas e un feixe de antoloxías. As medallas de lectura que leva con máis orgullo son as dioptrías. Escribe cando lle dá a cabeza.

O autor recupera un personaxe creado, precisamente, para un relato que tamén publicou en Biosbardia:

“A idea que teño para o torneo é a de afondar na personaxe do meu relato Rataleón. Divaguei entre moitas outras pero penso que esta é a que máis percorrido me pode dar. Como autor de relatos, una das miñas maiores eivas é a de saber manter una trama nun texto de longa extensión, polo que contar cunha personaxe familiar permíteme centrar o meu esforzo na construción dos distintos escenarios e mecanismos que manteñan viva a tensión”.

A obra que vai desenvolver Vega podémola considerar do xénero de bildungsroman ou narrativa de aprendizaxe:

“A novela chamarase Febo, como o protagonista. A trama xirará en torno a un mozo durante a súa época universitaria. Quero reflectir como as distintas esferas que conforman a súa vida entran en conflito co cambio que supón semellante muda de vida. Imaxínoo con un carácter hermético, illado, compulsivo e maniático. Por estes trazos, mergullalo nun ámbito tan desbordante como a marcha da casa e a independencia resúltame de moito interese. Aínda estou no bosquexo, pero podo adiantar que pasar, pasan cousas: Un fratricidio, un sugar daddy, unha maleta-bomba…”.

O autor xa participara no I Torneo Aira de Novelas.

“Outro dos meus erros respecto ao torneo anterior foi  enfocar o proxecto de forma illada ao torneo. Neste pretendo que se nutra da experiencia e dos comentarios dos compañeiros igual que eu intentarei aprender destes e aportar todo o que poida. Agardo superar desta vez a miña marca do anterior torneo, que non é moi complicado”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *