Na procura de Xesús Nieto Pena (III)
Xesús González Gómez.
Xesus Nieto Pena, despois de pasar o Nadal e o aninovo en Vigo, supomos que canda a súa familia, volveu a Santander, La Región dá a noticia o 2 de xaneiro de 1932, e continúa de redactor deste xornal aínda que a súa sinatura vai esmorecendo e, como dixemos, aparece por última vez nese xornal o 28 de xaneiro de 1932. A seguinte noticia en que o nome de Xesús Nieto Pena aparece na prensa santanderina é en El Cantábrico, o 30 de marzo dese 1932, en que se informa da inauguración da Casa de Galicia en Santander, cuxo presidente é, precisamente Nieto Pena. Finalmente, a última noticia en que aparece o seu nome na prensa de Santander aquel 1932, é no devandito El Cantábrico, o 24 de abril, en que se informa do éxito obtido por Nieto Pena nun recital poético realizado na Casa de Galicia. O seu nome, non volve aparecer. Despois de febreiro de 1932, en La Región é como se o seu ex redactor xefe non existise; e despois do citado día de abril, desaparece o seu nome da prensa montañesa, e, como quen di, da prensa galega, até finais de ano, en que El Pueblo Gallego, o 16 de decembro, dá a nova de que forma parte do Comité de homenaxe ao poeta Francisco Villaespesa. E o día de Noiteboa informa de que o día seguinte, domingo, celebrarase en Vigo unha velada homenaxe a Villaespesa, no Teatro da Escuela Nocturna Obrera (antigo Círculo Católico) e participará, entre outros, «el joven poeta vigués residente en la capital de la nación, Xesús Nieto Pena, secretario del Comité Nacional Pro Villaespesa, quien hablará en nombre del poeta enfermo». Finalmente, o vigués non puido asistir a esa celebración.
O que non sabemos é que fixo e onde residiu Nieto Pena os meses que van de, digamos, maio a decembro de 1932. Estaba en Vigo? O certo é que en decembro do 32 está Madrid, argalla o Comité Nacional Pro Villaespesa, do que a prensa de madrileña dá a noticia a mediados do devandito mes e que o 16 dese mes, aparece no xornal madrileño La Libertad, naquel momento propiedade do último pirata do Mediterráneo (Juan March, alcumado así por Manuel D. Benavides, natural de Ponteareas), aínda que de ideoloxía ancorada á esquerda, un artigo de Xesús Nieto (así o asina, como co seu nome en galego asinaba os artigos en La Región) titulado: «La enseñanza en Marruecos».
Dende finais de 1932, até o 27 de abril daquel 1933, marzo de 1933, só demos cunha noticia en que esta «involucrado» Xesús Nieto Pena:
Ningunha nova sobre a súa vida e dous escritos seus, en castelán, aparecidos en El Pueblo Gallego, titulados: «Sonetos de Gerardo Diego», 26 de marzo, e «¡Hossana!», homenaxe a Emilia Docet, Miss España 1933, do 12 de abril. A finais deste mes de abril, o día 27, no xornal madrileño La Libertad, aparece, asinada por Xesús Nieto Pena, unha entrevista con Kerenski. A partir de maio, a súa sinatura será habitual neste xornal madrileño, sexa con artigos sobre temas como os prisioneiros españois en Marrocos, a instrución primaria en Logroño, sobre a espionaxe organizada, Menéndez y Pelayo ou política hispanoamericana. Pero a maior parte dos escritos de Nieto Pena neste xornal madrileño serán entrevistas con xente como Emil Ludwig, Ramón Gómez de la Serna, Gabriela Mistral, Marcel Bataillon, Menéndez Pidal, Tatiana Marlow (Miss Europa), cos embaixadores de México e de Italia, Basilio Álvarez, Juan de la Cierva, André Maurois, etc. Mesmo entrevista un xornalista inglés expulsado de Alemaña e xudeus que fuxiron deste país. Tamén envía dende Santander crónicas e entrevistas realizadas durante a Universidade Internacional de verán que se facía nesta cidade, da que en 1934 e 1935 será secretario de Prensa. E mesmo publica un soneto nas páxinas deste xornal, soneto dedicado a Francisco Villaespesa. Neste 1933 dá diversos recitais de poesía en Madrid como antes dera, en marzo, un recital na Asociación Amigos del Arte de Vigo. Debemos volver subliñar que en todos estes artigos, e en todas estas entrevistas, Nieto Pena asina co seu nome en galego: Xesús. E co seu nome en galego se refiren a el a maioría dos seus colegas dos outros xornais.
Entre o 21 de setembro, en que publica no xornal madrileño unha entrevista co embaixador de México en España, entrevista asinada en Santader, até finais de decembro, exactamente o día 28 en que Nieto Pena publica o seu derradeiro artigo no xornal La Libertad: «Los prisioneros españoles en África», o cuarto que dedicaba ao tema (eran españois que estaban prisioneiros en Marrocos) e que levantara algunha que outra ampola e desencadeara unha pequena polémica, publica diversos artigos e entrevistas neste xornal ao tempo que inicia a súa colaboración no xornal madrileño Luz. [Como curiosidade digamos que El Pueblo Gallego, na sección «Movimiento de viajeros», consigna a chegada a Vigo, dende Burgos e que se hospeda no Hotel Unión, de Doña Adela Santamaría Ruíz, coa que anos despois casará o escritor galego, mais xa chegaremos a iso noutra entrega.) E a finais deste 1933, publica, en colaboración co ourensán Ramiro de Sas-Murias, o libro El conflicto del Chaco a la luz de la historia. Sas Murias, catedrático de francés no instituto de Tarragona, foi compañeiro de estudos de Nieto Pena en Ourense, ou Nieto Pena era ourensán e coñecía dende novo a Sas Murias? Sas Murias –os meus libros de francés de bacharelato eran da súa autoría– foi un dos fundadores do actual Centro Galego de Barcelona en 1948, ao tempo que ocupaba varios cargos oficiais. Segundo noticias que recollín dun libreiro de vello barcelonés, tiña un piso na rúa Aribau da Cidade Condal, preto da libraría, piso que estaba ateigado de libros: que sería deles?
Cando se inicia 1934, onde está Xesús Nieto Pena? Sábese que o 7 de febreiro, no Ateneo de Vigo, fala do seu libro sobre o conflito do Chaco, o 26 deste mesmo mes, e presentado por Arturo Cuadrado, dá un recital poético na Facultade de Filosofía e Letras, de Santiago. Participa na homenaxe a Alfredo Gómez Jaime, poeta e cónsul de Colombia en Vigo. Gómez Jaime publicou, á parte de diversos poemas dedicados a Vigo e a Galicia no seu idioma, tres poemas en galego: «A Curros Enríquez» (Vida Gallega, ano XX, nº 373, 10 de abril de 1928, p. 10), «Pobre tolo mariñeiro» (Vida Gallega, ano XX, nº 374, 20 de abril de 1928, p. 11) e «As abellas d’a morte» (Vida Gallega, ano XX, nº 375, 30 de abril de 1928, p. 10). o propio Nieto Pena, nesta revista, no número 584, datado o 20 de febreiro de 1934, publica o poema dedicado a Gómez Jaime que recitara na homenaxe a este último. O poema, «Amor del cielo» está datado en Galicia, en febreiro de 1934.
A finais de 1933 encetara a súa colaboración en Luz. Diario de la República, xornal no que entrevistará, entre outros, a Gabriela Mistral (outra vez), Igor Stravinski, o hispanista Jean Sarrailh, o director da biblioteca nacional, o premio Nobel de física de 1933, Erwin Schrödinger, o hispanista Ezio Levi, o filósofo checo –en lingua alemá– Emilio (sic) Utitz, o doutor Tomás Blanco, que fala dun país, Puerto Rico, sometido ao imperialismo estadounidense, etc., e tamén escribe diversos artigos sobre política hispanoamericana e dá puntual noticia da Universidade Internacional de Verán, de Santander e das conferencias que alá se realizan. Tamén, a partir de mediados de xullo, colabora no xornal montañés El Cantábrico, á vez que é, como avanzabamos, secretario de Prensa da devandita universidade. Ao mesmo tempo que nos dous xornais mencionados, comeza Nieto Pena a colaborar tamén no xornal Heraldo de Madrid. Mais, talvez, para nós, para os galegos e galegas, ten máis interese o labor que vai realizar Xesús Nieto Pena a partir de 1935 e do que informaremos na próxima entrega.
Velaí un dos poemas en galego do mencionado Alfredo Gómez Jaime:
Á CURROS ENRIQUEZ
Si no teu idioma rimador doente,
pudera de rosas coroar túa frente,
un himno grorioso fixera en teu loor.
E cal as piadosas, xentís anduriñas,
qu’a Cristo quixeron quitar as espiñas
o teu forte esprito ll’arrincara o dór.
Eu amo a tua fala cheíña d’as meles,
os trinos e arumes que hay nos teus verxeles,
a fermosa fala que con grato son,
foi lira d’os reises e d’os trovadores
y-en ela entoaron os cantos millores
as divinas aves da sua inspiración.
Porque n’esa lingua de saudoso acento,
en rimas que treman com’a voz do vento
qu’empapado en bágoas se queixa o pasar,
creache un «Nouturnio» tan fondo e intenso,
que con el fixeche, trovador inmenso,
os galegos ollos do teu dór chorar.
Porque n’ese idioma santa Rosalía,
como unha pedraza de lume inmortal,
rompeu o rosario d’estrelas un día,
o cantar en trovas de crara armonía
o pórtico egrexio da gran catedral.
Mais non é posibre cumprir meu deseo;
pra o canto a que aspiro non teño expresión;
pois anque antr’os ollos se dilata o ceo,
non podo, atrevido como Prometeo,
d’olímpico fogo roubar a emoción.
Por iso tan soyo che digo, Poeta:
rebelde e grorioso levache unha cruz;
o teu dór esconde virtude secreta,
e anqu’ ensanguiñado chegache hastr’a meta.
O teu nome espella bañado de luz.
¡Teu xenial «Nouturnio» qu’inspira tristeza,
n-a yalma sua múseca por sempre deixou,
y-escoito o queixido que fire e qu’asombra
o marcharse o vello cantando quedou!