Pequeno ensaio sobre literatura reaccionaria (e 5)

Xesús González Gómez.
A anterior entrega acababa coa proposición de Jitrik de determinar de que forma procede o escritor reaccionario para «linchar» o lector. Reproducimos o que segundo o arxentino é o primeiro elemento do que fai uso o escritor reaccionario. Faltan os tres seguintes.
O segundo elemento é aquel mediante o cal o escritor reaccionario recrimina o lector «dende o alto». Para recriminar o lector, «manexa valores que non formula nun terreo de accesibilidade para quen non os comparte», mediante este «mecanismo», o escritor semella valente e sincero: «semella afrontar os riscos de definir unha adhesión que sospeita rebotará no lector», e non lle importa. Mais esa capacidade de definición é aparente, xa que «presenta valores como para obrigar aceptalos ou rexeitalos, non para propolos e realizalos de modo que resulten triunfantes despois dunha experimentación.» Non obstante, a liberdade do lector fica intacta, mais o lector non procura nin a súa preservación, nin o convencemento nin a confirmación, «que se orixinan na intocabilidade da xerarquía», nin tampouco procura o lector o seu auto-convencemento nin a súa auto-confirmación, procura, ou debe procurar, «unha riqueza que saia da obra». O escritor reaccionario adoita ser violento e, polo tanto, semella «nítido», mais en realidade o lector non lle importa para realizar a súa obra: «non convoca unha empresa común mediante a violencia, senón que a emprega para que o lector acate o que para el vale na vida», e sinala o exemplo de Montherlant. No ton do escritor francés, di Jitrik, prodúcese unha forza como resultado dunha ferida na intimidade do lector, porque lle lembra a súa miseria, alude á súa pouca importancia social e ao falar dende a altura pretende, ou quere, que o lector se incline. Jitrik pon o exemplo de Montherlant –tamén estudado por Berthelier en Le style réactionnaire. Puido pór outros.
Dende unha perspectiva marxista clásica, Marx, Engels, Lenin, sabemos, ou xulgamos saber, que unha ideoloxía retrógrada coexiste, pode coexistir, cunha creación artística grandiosa no espazo espiritual dunha soa e mesma personalidade. Mais as cousas non son tan simples. Once anos despois do escrito de Jitrik, o francés Olivier Revault d’Allones – «La désublimation libératrice», en Vers une esthétique sans entrave. Mélanges Mikel Dufrenne, Paris, 10/18, 1974, p. 169– observaba que semellante separación «corre o perigo de se converter nunha separación “abstracta”». E citaba o caso de Céline, que ao amalgamarmos nunha unidade non diferenciada as súas novelas e os seus panfletos fascistizantes, un espírito lúcido pode descubrir un vínculo interno entre os dous planos: o pesimismo atroz que quere desmitificar todo e rebelarse, mais tamén unha vontade de aldraxar, de humillar, de macelar, e reducir o ser humano á condición instintiva e de existencia larvaria. O que non fai máis que prefigurar, Olivier Revault dixit, o delirio «fascistizante» e o seu «pesimismo heroico». A redución do ser humano (do lector, da lectora) a existencia larvaria vén sendo o mesmo, ou algo parecido, ao que intenta lograr Montherlant, quen, dende a altura da súa xerarquía, se precipita sobre o lector «que necesariamente debe sentirse marcado na súa insignificancia mais non tirado da súa soidade.»
O terceiro elemento, lembrémolo: «o escritor reaccionario parte dun conxunto de crenzas previas sobre a realidade.» É coma se antes de «entrar no mundo da organización concreta da obra tivera xa concluídos os elementos que logo manexará». É dicir, non se trata, como, por exemplo, ocorre en Proust, de pensalo primeiro todo e logo escribilo como unha versión, «senón que no escritor reaccionario o proceso da realización literaria non cambia en nada as estruturas formais estabelecidas previamente.» Por isto, o escritor reaccionario non «tolera a incerteza» […] a realidade é para el sempre algo anterior, nunca o que nos envolve agora» e, xa que logo, a súa forza de convicción «procede dun exacto coñecemento e manexo das liñas mentais e o tipo de valores que vai seguir ou defender.» Poderiamos pór diversos exemplos deste tipo de escritor que sae xa coas alforxa cheas e despreza todo canto atopa no camiño, mais limitémonos a unha novela, galega: Último destino, de Xosé Carlos Caneiro. Nesta novela, o escritor galego, como o escritor reaccionario, segundo Jitrik, ten o tempo como inimigo case que supremo e o seu xeito de combatelo «consiste en afrontalo como algo xa determinado; non podería aturar a idea de que os esquemas en que basea a súa forza son permeábeis e non incorruptíbeis: non pode considerar senón coma perigosos elementos que aparecen de súpeto, situacións insólitas, debilidades inesperadas [……] valores descoñecidos ou recentemente abominados, todo o que, non obstante, podería enriquecelo ou ampliar as súas perspectivas». As obras do escritor reaccionario están artelladas arredor dunha clasificación de valores «que son máis sólidos na medida en que son menos expostos e discutidos e presentados como englobadores da máxima xeneralidade.» Non obstante, non hai un só tipo de escritor reaccionario, hai aqueles que, máis cautos, teñen o siso de aceptar eses valores que aparecen no camiño. Mais toleran esta variante sempre que «veña como consecuencia dunha presión que provén dunha xerarquía que previamente, tamén, aceptan como superior á propia, mais nunca como algo que se orixinara fóra do sistema.» E Jitrrik dá un exemplo, que reproducimos (traducido) na súa totalidade. Recordemos dinos, «a notoria negativa de Borges ao marxismo: é o que vén de fóra e que ben podería axudalo a ver máis (gnoseolóxica e metafisicamente) ou outras cousas; a súa plasticidade intelectual, o seu dinamismo, consisten só en corrixir o seu Kierkegaard co seu Scheler mais nada que conmova ou lle propoña novas respostas.»
Finalmente, a cuarta proposición ou elemento: «o que escribe non é máis que un conxunto de medios confirmatorios da súa idea preliminar.» No escritor reaccionario é normal que isto sexa así: «como está seguro de que a realidade se comporta segundo valores, non podería explicala doutro xeito, como pensa que os que el ten aprehendidos son os mellores e posto que para continuar controlando encartuchounos, co que evita calquera deterioro da súa compacidade, todo o que escriba será de índole confirmatoria, como moito unha ampla gama de argumentos que tenden a probar, todos, simplemente, que ten razón.» O novelesco nestes escritores está constituído polas vicisitudes que debaixo dos episodios interesantes poden correr as crenzas previas, «e todo o proceso será coroado polo triunfo final», é dicir, polo triunfo daquilo do que se partiu. Por iso, neste tipo de escritores «os medios expresivos xiraran tecnicamente arredor dos previos que debe confirmar» e, polo tanto, a literatura como ámbito desaparecerá, xa que se converterá en, ou só será, «un conxunto de fórmulas, coas súas variantes, arranxadas para unha finalidade que só lexitimamente pode cumprirse se resulta dunha conxugación en que non sufra desterro ningún elemento do feito literario.» Así, debido a esta coherencia, da que está orgulloso, o escritor reaccionario «elimina a experimentación dun mesmo, na que se sabe quizais como se entre mais non como se sairá.» E é así porque o escritor reaccionario «quere a vitoria, quere ser resplandecente, quere que a palabra non o altere, que non se lle extravíe o comando supremo.» Este tipo de triunfo, continúa o arxentino, non pode ser apetecido polo escritor, a non ser que sexa un escritor reaccionario: «debe renunciar a el e despoxarse, entregarse ás sombras, porque escribir non é outra cousa que unha sondaxe no baleiro, unha marcha irregular e angustiosa en que se hai evidencias veñen sempre despois.» Porque escribir significa «aceptar que o que se quixo afirmar pode escangallarse e que pode sobrevir algo menos regulado e previsto, pero seguramente máis fondo que se ergue por riba dos obxectivos como consagrando un dinamismo esencial que, ao mesmo tempo que enaltece o lector, lle descubre ao escritor a auténtica contextura dos eu proxecto, o que realmente quixo dicir.»
E acaba Noé Jitrik afirmando que as catro instancias non eximen do exame particular e que no fondo a súa análise tende «a unha mera aproximación» que esixiría máis precisións e matizacións: «describir unha actitude que defende unha estrutura distinguíndoa da estrutura defendida leva a sondaxes que ás veces seguramente son vacilacións.» Mais algo fica en pé. O escritor reaccionario existe, a súa acción conxela a comunicación e a liberdade, concibe un mundo estático e acabado, nega o tempo, «traslada ao seu oficio e encarna na súa xerarquía o que provén da súa clase, e xugula a palabra á súa necesidade de sometemento e despotismo.» Mais, talvez ao seu pesar, o escritor reaccionario sinala un camiño que «o escritor humanista, é dicir, un auténtico escritor, non debe seguir».
Hai máis de sesenta anos, Jitrik presentou unha proposta para describir o escritor reaccionario. Infelizmente, non ampliou, que saibamos nos, a súa descrición e ninguén, polo de agora, o intentou. Porque, deixando de lado (virtualmente, porque empiricamente é imposíbel), a ideoloxía de escritoras e escritores, non deixa de ser certo que a «posición» perante o lector sinala un dos trazos fundamentais do escritor reaccionario, e moitas novelas consideradas, pola súa presunta ideoloxía, de esquerdas son, en realidade, novelas reaccionarias.






