‘Reconversión’, teatro con valor lírico e sociolóxico

Héitor Mera.
Sae a nova obra dramática de Santiago Cortegoso. O director, produtor, actor e escritor de Domaio (Moaña) cunha amplísima traxectoria no mundo do teatro, decide poñer ante os nosos ollos este Reconversión que, desde o punto de vista da escrita, é un texto que semella lle sae das entrañas, da necesidade de sacar fóra lembranzas e vivencias que estaban aí amolecendo ata poder saír.
Digo isto porque Reconversión sendo como é memoria do acontecido na década do 1980 coa reconversión naval na ría, ten moito de íntimo: é unha homenaxe ao pai. De aí esa reflexión inicial.
Conciencia social, humor, intimismo… Esta obra vai do xeral dentro dun contexto como foi aquela tolemia na que a xente quedaba sen traballo, ao concreto, ao particular: a visión que o autor ten sobre o seu pai. Clase traballadora e papel que tivo o seu pai nesta situación.
Podería semellar que ao falar da clase traballadora en momento de conflito, o papel do pai naquela voráxine e demais, o autor puidese pecar de certa mitificación ideolóxica na que sería moi fácil de caer e, polo tanto, devir, de certo xeito, nun folleto. Porén, a análise é acertadísima facendo constar as contradicións internas dos sindicatos, traballadores ou mesmo a dialéctica que se crea no seo da familia en situacións tan tensas como foron as que se nos describe no texto. Todas estas cuestións trátaas Cortegoso cun acerto admirable e merecente de recoñecemento. Tanto é así que esta obra ten un valor sociolóxico inmenso. En moitos sentidos, este texto provoca que os que non andamos lonxe en idade daqueles traballadores que viñan de criarse e vivir a primeira mocidade no franquismo nos sintamos identificados con moitos dos comportamentos paternos que en Reconversión se expoñen. A verosemellanza desta obra é incuestionable.
Neste drama amais do puramente sociolóxico, está o íntimo que ten tamén un tratamento obxectivo en canto que os acontecementos foron os que foron, e un tratamento humorístico-catártico e intimista-lírico que fan da obra unha verdadeira fermosura, aférrese un ao vector que se aferre á hora de lela.
Aclaro que, obviamente, Reconversión só a lin. Aínda non tiven oportunidade de gozala como espectador polo que, o que deseguido vou comentar sobre algunha cuestión técnica vén fundamentada da miña interpretación como lector que, de seguro, non ten por que coincidir coa maneira de expoñelo en escena o director —o propio Cortegoso—, escenógrafo e demais profesionais.
E é que o que nos ofrece de entrada é unha contextualización espacial —apoiada no audiovisual— que vai dende o ceo baixando en zoom paulatinamente ata achegar a vista en Galicia, nas rías e Domaio. Esta técnica serve para situar tamén os estaleiros nos que se dá parte da acción. Estas acoutacións, como é lóxico, dan información valiosa: sitúanos, mais con todo o dinamismo que achega esta maneira de presentar a trama, o que é verdadeiro logro neste Reconversión son os diálogos, moitísimos deles de réplica e contrarréplica que, coma ese zoom, nos levan pola historia cun ritmo frenético, pero que ao tempo fan reflexionar sobre os tempos e a condición humana.
No paratexto indícasenos que a obra foi estreada o 7 de febreiro do 2025 (sic), polo que ese erro haberá que poñerllo na conta ao editor que, apostando moi atinadamente pola publicación, debeu ter coidado na súa revisión.
Ao lector só lle queda facerse coa obra para lela e saber que datas hai para poder gozala en escena.
Coido que, e aquí tiro da miña vea docente, para os profesores e profesoras de Literatura e Historia é unha obra moi recomendable para ofrecerlle ao alumnado. Os beneficios serían moitos.
♦ Reconversión, de Santiago Cortegoso. Positivas, 2024. 102 páxinas. ♠10€