BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Rueiro da cidade escura’, apocalipse doce

Patricia A. Janeiro.

César Lorenzo Gil.

De repente, durante a madrugada dun día calquera do 2014, Santiago de Compostela queda sen luz. Aínda que ao principio parece un apagón máis, pronto o grupo de personaxes que compoñen o elenco de Rueiro da cidade escura son conscientes de que a luz marchou. Talvez para sempre. É hora de adaptarse á nova situación.

Patricia A. Janeiro compón na súa novela (publicada en dececembro do 2019 por Positivas) unha pequena apocalipse cotiá. O contexto de lectura da novela xa non é o da normalidade do noso tempo fronte ao que suporía un cambio radical nos hábitos e costumes diarios. O estado de alarma que vivimos todos desde o 14 de marzo do 2020 obríganos a reparar neste libro con outro contexto. Se quixésemos facer unha lectura sociolóxica ou incluso historicista do argumento da novela. Mais coido que sería un erro porque a minidistopía argallada por Janeiro ten outros vimbios e outros obxectivos que o simple debuxo dunha Galicia sumida nas tebras. No seu libro, a autora non quixo tanto atender aos cambios sociais e psicolóxicos dunha poboación en shock senón máis ben desenvolver un exercicio de narrativa, algo así como buscar unha boa historia para contar e contala, con certa humildade, desde as marxes dunha pequena cidade dun pequeno país a través da experiencia dun feixe de personaxes: Que pasaría se todo muda? Que oportunidades se abren para os perdedores do sistema?

Janeiro opta por explicar os pequenos incidentes de diferentes veciños de Compostela para se adaptaren a unha situación inédita. Ao contrario do que sucede na tradición narrativa estadounidense, desde A estrada, de Cormac McCarthy a The Walking Dead, de Robert Kirkman, a escritora procura rescatar o máis humano da sociedade como resposta colectiva a un desastre global. Hai un intento claro de manter os instintos perversos suxeitos polas rédeas dunha natureza humana xenerosa e colaborativa, nun reverso consciente e glosado das teorías egoístas ou autodestrutivas coas que se tecen moitas veces as narrativas distópicas.

Janeiro pode facelo porque a súa é unha catástrofe suave e porque non intenta pór o foco no gran relato senón nas historias de personaxes que se queren adaptar ao cambio porque no fondo vivían condenados na normalidade dunha sociedade capitalista que os amarraba e os oprimía, tamén mediante a comodidade. Rueiro da cidade escura pescuda, a nivel argumental, nas posibilidades liberadoras que pode traer un cambio tan profundo como o que resultaría da falta de electricidade. Nalgún sentido, ese optimismo humanista lembra a O cervo na torre e a súa Nova Grândola, inventada por Darío Xohán Cabana.

No plano literario, Janeiro opta por unha narrativa convencional e correcta. Demostra oficio de artesá e completa unha novela bastante sólida, accesible e con vocación popular: capítulos curtos, frases longas, descricións minuciosas… Os diálogos ás veces transmiten unha atmosfera psicolóxica contraditoria coa que vai marcando a narración, co que se converten nun lastre na comprensión global da novela.

♦ Rueiro da cidade escura, de Patricia A. Janeiro. Positivas, 2019. 270 páxinas. ♠18€

One thought on “‘Rueiro da cidade escura’, apocalipse doce

  1. Por fin unha novela, distopica como din agora, que non pasa en USA, senon nun escenario, situación e con xentes normais e recoñecíbeis. Un romance que entreten, que engancha e á que o lector pidelle máis a medida que avanza na lectura sen que defraude. Recomendábel, moi recomendábel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *