De Eva Moreda a Virxilio. Dez libros para marzo do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Pagáns e pragmáticos, de Eva Moreda. Morgante
“A vida no Reino Unido” é un subtítulo ben informativo, que fai referencia ao título do exame que hai que aprobar para conseguir a nacionalidade británica. Tras 18 anos en Gran Bretaña, a escritora fai un percorrido ameno, sintético e moi ben escrito sobre a forma de ser e as rutinas dos británicos hoxe en día. A autora toma elementos concretos (relixión, clima, alimentación, migración, música…) e aplícalles a súa mirada, distanciada, por momentos científica, mais sempre substanciosa.
Heartstopper. Volume 2, de Alice Oseman. Tradución de Nee Barros. Xerais
Xerais segue publicando esta serie tan famosa no mundo enteiro a un ritmo que busca conectar os seus lectores dun xeito máis orgánico do que adoita ocorrer no mercado editorial galego. A editorial viguesa continuará publicando proximamente os demais volumes. Oseman continúa construíndo esta historia na que Nick e Charlie, dous adolescentes compañeiros no mesmo colexio masculino, seguen a descubrir os seus propios corpos, os seus sentimentos e desexos.
As aventuras de Pinoquio, de Gianni Rodari. Tradución de Leandro García Bugarín. Ilustracións de Maruxa Caeiro. Galaxia
Rodari é un clásico da literatura infantil, afortunadamente xa moi traducido ao noso idioma. Agora ve a luz este libro de poemas que rescata o personaxe famosísimo que creara Carlo Collodi. A rima ocorrente, a imaxe intelixente, o constante xogo entre este libro e o libro homenaxeado, fan deste volume unha excelente lectura para o público infantil. Ten o plus das ilustracións de Caeiro, tecnicamente impecables e cunha proposta moi atrevida ao achegarse a un personaxe tan popular grazas especialmente ao cinema.
Arquitecturas e símbolos de Laxedo. Unha aldea planificada na Galicia rural, de Manuel Ángel Bugallo Otero e Cristina Villaverde Ruibal. BUO Estudio
Laxedo é un núcleo de poboación do concello da Lama moi pouco coñecido a pesar de que alberga unha das historias máis fascinantes do século XX galego. Os autores rescatan do esquecemento o conde Cabanelas, un indiano que fixo fortuna hai máis de cen anos no Brasil co jogo do bicho e intentou crear na súa terra natal unha aldea planificada ao xeito das grandes reformas urbanas do seu tempo. A influencia da masonaría, do simbolismo mitolóxico combínase cunha vontade progresista e hixienista. O seu legado aínda se pode contemplar en Laxedo.
A muller xeada, de Annie Ernaux. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Rinoceronte continúa ampliando a colección da autora francesa (gañadora do Nobel 2022) con esta obra que, ao igual ca a maioría do escrito pola escritora, ficciona un propio episodio persoal, polo que toda a súa obra narrativa é un megatexto que se pode ler case coma se fose un único libro. Desta volta, o momento no que a autora/narradora casa e ve con decepción que ten que asumir en solitario as tarefas domésticas.
Desaparecer, de Pilar García Rego. Galaxia
Desde o 2019, a xornalista iniciou unha carreira poética cuxa última mostra é este libro onde a autora se permite maior experimentación formal, cunha evidente homenaxe ás vangardas de hai un século, ao tempo que procura unha linguaxe máis cotiá, máis apegada ás emocións.
A Galicia do século XXI, de Antón Álvarez Sousa (coord.). Xerais
Un libro que pretende avaliar o sucedido no primeiro cuarto do século en diferentes ámbitos da sociedade. Ordenación do territorio, transición ecolóxica, turismo, educación, demografía, pesca, exclusión social… Os autores participantes son especialistas en cadansúa área e intentan non só explicar as tendencias actuais, senón tamén as inercias para o futuro inmediato. Boa guía para nos entender cunha visión diversa e científica.
O mono Xouth, de Iakovos Pitsipios. Tradución de Alfonso Blanco. Hugin e Munin
O autor desta novela xa é el mesmo unha novela. Escritor en grego do século XIX, partidario dunha Unión Bizantina que modernizase o vello Imperio Otomán, e da reunificación das Igrexas Católica e Ortodoxa baixo o mando dun patriarca ecuménico. Acabou asasinado nas augas do Bósforo e non se sabe a ciencia certa cando faleceu. Nesta obra toma un mono humanizado como metáfora dos cambios que se estaban producindo na civilización grega no momento da recuperación da súa independencia. Na época da novela, con todo o debate sobre o darwinismo, era común usar simios como metáforas dos seres humanos en transición.
O enxoval da noiva. Parábola da fin do mundo, de Víctor F. Freixanes. Galaxia
Nova edición desta novela que apareceu por primeira vez no 1988. Desta volta, amais da obvia actualización ortográfica, o autor inclúe unha breve introdución que intenta explicar os seus obxectivos literarios e o contexto histórico no que se encadra a historia. Freixanes recrea a Roma de inicios do século XVI, no tempo do Papado de Alexandre VI, auténtico todo poderoso árbitro da política itálica a través dos seus fillos César Borgia e Lucrecia Borgia. Mais, como ben di o escritor, esta non é unha novela histórica, senón máis ben unha alegoría.
Xeórxicas, de Virxilio. Tradución de Lucía Gómez Fariña. Rinoceronte
A colección ‘Vétera’, que reúne textos da Antigüidade e do Medievo, publica unha das obras fundamentais da nosa tradición. Este volume, publicado no século I a. C., é unha especie de manual para os bos labregos. Publio Virxilio Marón, autor moi próximo ao emperador Augusto, participaba deste xeito do seu programa de tecnificación e ampliación das capacidades agrícolas de Roma. Mais á parte dos seus valores “prácticos”, as Xeórxicas son tamén un cumio literario da literatura latina. Neste volume con introdución e notas de Lucía Gómez Fariña.