‘Migrantas’, favorece o programa Erasmus a diáspora?
Eva Moreda.
María Alonso é unha das persoas que no sistema literario galego máis esforzos e enerxías ten dedicado a conceptualizar a nova diáspora, termo que acuñou ela mesma. A conceptualización de Alonso presenta a emigración como expulsión (de persoas altamente cualificadas que se ven obrigadas a vivir na precariedade no estranxeiro polo menos durante un certo tempo) e mesmo como traizón (a promesa que se facía nos setenta ou nos oitenta de que a base de estudar se acadaría un mellor nivel de vida individual non chegou a cumprirse para moitas persoas). No seu momento –penso en 2017, data de publicación de Transmigrantes (Axóuxere), o primeiro ensaio de Alonso dedicado ao tema–, esta conceptualización serviu para poñer sobre a mesa realidades que non casaban moito cos imaxinarios de Galegos polo mundo e por aí (os únicos imaxinarios que para moita xente existían da nova diáspora: “Esta pobre xente ten que emigrar, pero como por aí fóra se recoñece o talento e o esforzo, ao final acabarán por ter o que merecen”). Por outra banda, e se cadra debido á súa urxencia e novidade, pode ser tamén que algúns dos elementos desta conceptualización caesen nunha simplificación pouco acaída: penso, por exemplo, no papel (pasivo, case de vítima indirecta) que nesta narrativa se lle dá á xeración do baby boom, cando o tema desde logo ten máis arestas e matices (como dá a intuír unha das respostas da recente entrevista a Helena Miguélez Carballeira publicada en Biosbardia).
O segundo ensaio de Alonso sobre o tema, Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres (Galaxia, 2021), resulta unha achega valiosa xustamente porque deixa ver algunhas destas arestas e matices. Parte da razón está no formato: trátase dun libro de entrevistas que podemos definir como dialóxicas (as entrevistas comparten unha serie de temas básicos, pero non hai un cuestionario fixo; Alonso intervén comentando nas respostas e determinando o curso da entrevista). Ademais disto, Alonso demostra un criterio moi acaído na selección de participantes; non só se tocan países diversos, senón tamén diferentes cualificacións académicas, traxectorias e motivación para emigrar. Así, constatamos, por exemplo, e non sen certa consternación, que o tópico de que as tituladas en carreiras de Ciencias e Enxeñerías teñen máis facilidades que as de Humanidades á hora de atopar bos traballos semella cumprirse na mostra reflectida no libro. Decatámonos entón de que o fenómeno da emigrante que atopa fóra o éxito que non ten en Galicia (pola falta de tecido económico e laboral) non sempre é un tópico de programa de televisión, senón que pode ser unha realidade, e unha que deberiamos poder incluír nas nosas conceptualizacións da nova diáspora sen que isto implique negar que tamén existen experiencias de precariedade.
Se cadra, un dos aspectos máis interesantes do libro é decatármonos de que un número nada desprezable das entrevistadas non marcharon inicialmente como emigrantes económicas, senón como estudantes de centros de ensino estranxeiros, como estudantes de intercambio (Erasmus, estancias predoutorais e así) ou como beneficiarias doutros programas similares destinados a promover a cooperación internacional e a internacionalización da forza de traballo (programas de prácticas da UE, lectorados e demais). A Alonso non lle debe escapar esta coincidencia, porque nas súas intervencións introduce unha teoría ao respecto: que o programa Erasmus e similares son utilizados polas institucións europeas para habituar ou predispoñer a mocidade do sur de Europa a emigrar. Esta é unha idea que teño para min que merecería máis atención, ensaística e literaria, tanto como idea abstracta coma na súa aplicación ao caso concreto de Galicia. O sociólogo polaco Zygmunt Bauman fala da modernidade líquida como a máis recente etapa do capitalismo, na que nos atopamos nestes momentos: trátase dunha etapa na que o capital se disocia das infraestruturas físicas (como as fábricas) e se fai global, móbil e transfronteirizo. Isto tamén introduce cambios importantes na conformación e a subxectividade do suxeito: para Bauman, o suxeito da modernidade líquida está caracterizado polo nomadismo e polo distanciamento con respecto ás redes de apoio tradicional, como poden ser a familia ou a comunidade inmediata. Estes programas de intercambio teñen, desde logo, aspectos moi positivos, e non parece plausible que na súa orixe se creasen para nutrir o Centro e Norte de Europa de man de obra barata, pero o certo é que, a longo prazo, si que contribuíron a mudar percepcións e actitudes; as entrevistas de Alonso abren a porta a unha análise de como estas ideas e subxectividades se estenderon no caso galego e tamén como de certos xeitos se lles opón resistencia.
♦ Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, de María Alonso. Galaxia, 2021. 196 páxinas. ♠17,95€
Os países que máis Erasmus receben son precisamente os do sur de Europa (España e Italia). Non sei moi ben como cadraría ese feito na tese de que o Erasmus vale para que man de obra barata do sur vaia habituandose ao norte).
Creo que Alonso se refire máis ben a que estes programas favorecen unha certa identidade/mentalidade nómada e unha percepción de que a mobilidade é boa de por si, e non tanto a que se predispoña a xente do lugar A a emigrar ao lugar B ou viceversa.
a min tamén me parece unha forma de fomentar e normalizar algo que debía ser mais persoal e menos institucional. Quero ir para fóra porque iso é o que hai que querer, igual que moitos fomos á universidade porque iso era o que había que facer, independentemente de que botando a vista atrás un considere que foi un acerto, un erro ou ningunha das dúas cousas.
Paréceme un artigo moi interesante.
Penso como emigrante e emigrada que é certo que os lugares que máis Erasmus receben son España, Portugal e Francia, feito que persoalmente creo que está ligado á calidade de vida, festa e condicións climáticas. Esto mesmo relaciónase despois con tódalas nómades dixitais que xentrifican cidades como Barcelona ou Madrid, que teñen coma orixe países do norte de Europa, ou xubilados que van e mercan un piso nas Canarias e expulsan á poboación orixinaria.
Sen embargo, non penso que o Erasmus sexa unha estratexia para preparar á xente para a emigración, senón máis ben de explorar “Europa” como un tecido socioeconómico e cultural máis homoxéneo do que é.
Alén do asunto dos Erasmus, que no conxunto da obra non deixa de ser unha mera anécdota, a min paréceme un libro moi interesante e necesario. Por exemplo, consegue amosar de xeito sinxelo e claro o alleamento co que viven a súas vidas moitas das entrevistadas, que non se recoñecen como emigrantas até que a entrevistadora non llo pregunta ou non llo fai notar. Diante disto, cantos de nós non coñecemos a universitari@s que levan anos emigrad@s en Edimburgo, Londres, Berlín ou New York traballando como camareir@s, criad@s ou dependient@s e seguen a dicirnos que o seu é temporal, que están aprendendo inglés, que van a voltar xa? Contrastade pois o alleamento dest@s universitari@s coa actitude que fronte á emigración amosaron no seu día as persoas saídas das clases populares, como a Virtudes que retrata Xesús Fraga no seu libro. Elas, cando menos, non se autoenganaban a respecto da súa condición real no mundo laboral e na vida que se viron obrigadas a levar na emigración.