BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O meu nome é Ninguén’ e o clixé do detective

Manuel Esteban. LIBRARÍA CARTABÓN.

Eva Moreda.

O primeiro que se pode dicir de O meu nome é Ninguén (Xerais, 2018), segunda entrega das aventuras do inspector vigués Carlos Manso, é que supón un avance apreciable, non sei se notable, con respecto á primeira entrega, A ira dos mansos, premio Xerais 2016: unha estrutura máis ambiciosa; un mellor dominio do ritmo; uns diálogos que, sen introducir grandes innovacións, están ben escritos dentro do que son os canons do xénero e non caen, en xeral, no superfluo. Como en moitas sagas policíacas e de xénero negro, ademais, hai unha vontade por ir desenvolvendo o personaxe principal a través de sucesivas entregas, levando o enfoque ao eido da vida persoal e/ou sentimental. Algo que tamén se salientou moito na promoción e a recepción crítica da novela era que tocaba un tema candente, e é certo que este tema, o dos abusos sexuais a menores por parte de membros do clero, non tivo tampouco moitos precedentes nas nosas letras.

Non sei se é un problema en si que o protagonista dunha novela policíaca ou de xénero negro sexa un clixé: o representante da lei que se vai facendo pouco a pouco consciente de que na vida non sempre gañan os bos, de que a suposta restauración da orde que sucede á resolución dun caso en realidade non é tal, de que sempre perden os máis desfavorecidos, e que a todo isto responde desenvolvendo unha coiraza de cinismo mesturada con ocasionais ataques de sentimentalidade. Na nosa contorna máis próxima, igual o referente que antes pode vir á cabeza (pero xa digo que referentes hai moitos) é o personaxe creado por Lorenzo Silva, o sarxento Rubén Bevilacqua, quen nas súas últimas entregas pasou de ser un garda civil algo máis lido e algo menos brusco do que estamos afeitos (e que, por iso mesmo, daba bastante xogo literario) a converterse nun cuñado sen máis interese que repite vaguidades sobre a violencia de xénero e a corrupción urbanística: non sei se este esgotamento do personaxe de Silva vén suxerir que chegamos a un momento en que este clixé, se non se actualiza, xa non funciona, xa cansa. Non sei, xa digo, se é unha cuestión máis profunda que afecta a todo o xénero ou se é simplemente falta de pericia tanto por parte de Silva como por parte de Esteban: porque aquí este último, igual que pasaba na primeira entrega, non actualiza o clixé máis que superficialmente. Sería interesante, por exemplo, ver a Manso conectado máis intimamente coa súa contorna, facer que encarnase unha certa forma de viguesidade, ver aquí máis de Vigo e dos seus habitantes; ao cabo, este, o da color local, é un camiño xa ben asentado á hora de actualizar o xénero negro, con exemplos sobranceiros como Pepe Carvalho ou Montalbano. Aquí, porén (e por moito que se intentase inscribir esta obra no corpus de novelas de Vigo que xa veñen sendo case un andazo), nin os escenarios nin os personaxes e as súas relacións están traballados abondo para que esta actualización se dea; daría xogo, por exemplo, presentar con algo máis de fondura como é que o clero exerce aínda o seu poder para facilitar e encubrir estes abusos, nun contorno social que, queiramos que non, xa non é o do nacionalcatolicismo dos anos cincuenta.

Podería dar xogo tamén explotar a simpatía de Manso por causas que en principio non lle collerían de preto (e que o achegan así ao que entendo é o seu público obxectivo), pero en lugar de sutileza e matiz o que atopamos é elucubracións como: “E grazas a ela descubrira tamén que nos salóns nobres da miña alma habitaban unha multitude de prexuízos, como parasitos indesexables que un tolera sen decatarse, a forza de convivir con eles”, “Metinme na ducha sabendo que non había auga dabondo no mundo para lavar tanta suciedade”, etc. Van no mesmo sentido os insertos (un ao comezo e un, máis amplo, no medio) en que se cambia a voz narrativa de primeira a terceira persoa para nos narrar algún dos crimes cometidos. Estas son páxinas que non están mal escritas e que de seguro teñen potencial dramático se se desenvolvesen noutro contexto, pero, neste, veñen simplemente redundar no ton de condena moral de toda a historia.

Manso, clixé ou non, colleitou unha apreciable cantidade de fans na súa primeira aparición, e se cadra por iso o autor coidou que a personalidade do seu heroe podía levar por si soa o peso desta nova novela: a personalidade, digo, e non as habilidades lóxicas, de razoamento, de investigación, que non é que vexamos moi a miúdo: como xa sucedía na primeira entrega, o caso vai avanzando grazas á pura intuición de Manso ou á intervención de axentes ex machina. Igual tamén é cousa da convicción de Esteban que a escena que se presume sexa unha das máis dramáticas da novela, a confrontación de Manso co malo principal, caia estrepitosamente, co malo dicindo a todo que si e sen revolverse, e sen que se nos dean tampouco razóns psicolóxicas para que isto así suceda.

♦ O meu nome é Ninguén, de Manuel Esteban, Xerais, 2018. 296 páxinas. ♠17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *