Rosa Sánchez: “A natureza, no senso amplo, é o piar da narración”
Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Rosa Sánchez
Hoxe presentamos outra das tres autoras que a partir do 17 de novembro competirán no torneo. Rosa Sánchez non participara até agora en ningún dos campionatos de relatos organizados por Biosbardia.
Rosa Sánchez é técnica de Desenvolvemento Local, profesión que a obriga a levarse ben coas letras, tanto para facer proxectos e memorias, como para contar e describir os recursos da súa Costa da Morte querida.
Esta Licenciada en Empresariais, non é unha funcionaria ao uso. Rexentou unha casa rural na que tamén se tivo que esforzar en contar historias e fai colaboracións esporádicas cos medios locais, relacionadas coas causas que defenden as asociación nas que participa.
Como di ela, agora que ten os fillos criados, quixo achegarse máis ao mundo da escritura creativa e participa en talleres que lle axudan a darlle forma a todo ese saber que leva dentro.
As paixóns afloran nas liñas dos seus relatos que deixan ver o seu amor polas lendas, as paisaxes da súa terra e as mentes humanas.
A respecto da obra que vai escribir no torneo, Sánchez dános unha breve sinopse:
“Unha profesora descobre, tras sobrevivir milagrosamente a unha vaga de incendios, que está destinada a cumprir cun retante designio. Apaixonada da mitoloxía da súa terra, revélaselle que hai moito de verdade nas lendas que escoitara. Unha misteriosa muller, Isaura, guíaa na busca de alianzas, que se mesturan cos conflitos persoais, económicos e medioambientais da súa contorna”.
A autora explica cales son os seus obxectivos literarios:
“As páxinas desta obra mergúllannos nas paisaxes da Costa da Morte e en como esa identidade atlántica, de fin do mundo e de ocaso do sol moldeou a xente que a habita, coa súa bravura, a súa morriña e a súa comunicación coa vida e o máis alá. As diferentes personaxes amósannos a grandeza e a vileza da humanidade e as estratexias para seguir adiante entre as inseguridades e a falla de control sobre as circunstancias da existencia”.
Sánchez planifica unha obra na que destaca un personaxe colectivo:
“A natureza, no senso amplo, é o piar da narración. Vémola, oímola, ulímola, saboreámola e sentímola en cada ringleira. E ímonos aliando cun compromiso ecolóxico ancestral a medida que avanzamos na lectura. O cambio climático e as súas orixes rezuman nas vidas que camiñan por esta novela”.
Na confección da obra parece moi importante o xogo entre a realidade e a fantasía:
“Un universo paralelo, que formou parte do imaxinario rural galego durante séculos, amósaselle á protagonista, que se ve na obriga de encaixalo no século XXI sen que a traten de tola. Son seres, crenzas e rituais que espertan consciencias e nos retrotraen á visión holística das antigas civilizacións. Quedan plasmadas as consecuencias desa ruptura da harmonía e do equilibrio entre os seres vivos e o mundo inerte, sen perder a esperanza no empeño individual e conxunto”.
Encantame🥰