BiosBardia

O país dos libros en galego

A Espada do Metal: 6. En camiño

Demo.

Lois Z.

Navegando a media potencia ó Regurxitación dos mares levoulle un bo anaco acadar o punto da costra máis próximo, o cal por desgraza distaba bastante do lugar onde Ghincho e os demos quixeran chegar co vapor.

Cando tocaron terra, Rabia debuxou cun pau un mapa no chan. Vicio buscou pedras e garabullos para representar os sitios de interese.

―Onde demos está o norte neste condenado inferno? ―Ghincho tentaba, sen fortuna nos dados, orientarse escudriñando a bóveda infernal.

―Utiliza o compás ―díxolle Agonías―, que para iso o trouxen.

O demo sacou da mochila que enchera de trangalladas na casa unha caixiña circular que puxo en mans do humano. O paladín abriuna con coidado e oíu unha voz diminuta.

―Miña nai me asista! Este bruto outra vez!

O ser que así falou tiña un brazo na estribeira e unha venda na fronte.

―Onde está o norte? ―preguntou Ghincho alzando a voz.

Venancio, que pasara a vida laboral na bicicleta do reloxo espertador, tragou saliva.

―Onde está o norte? ―volveu dicir Ghincho, máis alto, seguro de que aquel ser de orellas tan pequenas non oiría nada con elas.

O imp comezou a fregar con nerviosismo as mans e a mirar para todos lados sen saber que facer. Non podía quitar da cabeza as palabras de seu primo, que lle aconsellara pedir o traslado: “Vente para o compás, curmán, que non o usa ninguén e poderás descansar” , dixéralle o malnacido.

―Nai que o fixo, pero que desgraciado. Seguro que quere quedar coas leiras todas ao mandarme aquí a unha morte segura ―murmurou o pequeno con ira, rañando a queixada coa man do brazo san.

Entón pareceulle que o humano collía alento para repetir de novo a pregunta. A súa pequena vista fixouse rapidamente nunha diminuta agulla que ficaba ós seus pés. Ergueuna e comezou a apuntar cara a todas as partes.

―Pois por aí mesmo, e ó carallo con todo.

Ghincho pechou o compás. Un berro de poucos decibelios, pero tremendamente arrepiante, resoou dentro. Uns minúsculos dediños verdes quedaran entrillados ó cerrar a caixa.

―Síntoo, pequeno becho nativo do inferno ―comentou Ghincho abrindo un pouco a tapa para permitir que os dedos volvesen co dono.

AAAAAAAAAAAAAAAi!!!!!!! Isto xa é cebarse, que che fixen eu a ti se pode saberse? A ver! Vouche poñer un preito como que me chamo… ―Clap!

A tapiña cerrouse de novo afogando as protestas do imp, que quedou chiando na escuridade.

―Debe de haber algún campo máxico facendo interferencia ―comentoulle Ghincho a Agonías ó devolverlle a caixiña―, porque o compás non funciona neste lugar.

Agonías e o paladín achegáronse ata onde Rabia e Vicio discutían a ruta que seguir. Rabia facía unha liña curva entre o punto no que se atopaban e o Pazo do Maligno.

―Imos mal de tempo ―dixo o demo―, pero aínda temos algo de vantaxe. Se tiramos por aquí, que é todo camiño empedrado, chegaremos en menos dun día ó Pazo do Maligno.

―Se imos pola Infernal VI como dis ―retrucou Vicio―, atoparemos gardas e será un problema, porque levamos un humano vivo e indocumentado con nós. E iso no caso de que xa non nos estean buscando a conciencia. Eu suxiro ―E debuxou unha liña identicamente curva pero que unida á outra formaba un círculo perfecto― que vaiamos mellor polo Monte do Desatino, un lugar afastado e moderadamente tranquilo.

―Iso serían catro días de andaina con estes dous ―observou Rabia sinalando a Ghincho e Agonías―, e chegar alí co Maligno de seguro xa avisado con tempo da nosa chegada.

Ghincho mirou o mapa e trazou unha liña recta entre eles e o seu destino.

―Por que non así? Aquilo ―dixo o paladín referíndose ás árbores que se vían desde onde estaban― parece só un bosque.

―Atravesar polo Eido do Mal? ―reflexionou Vicio sen deixar de mirar o mapa―. Aí só medran o toxo baixo, a silva alta e os eucaliptos. Está cheo de monstros errantes e falsos autónomos. Non o recomendo.

―A min tampouco me gusta ―asegundou Rabia―. Serían só dous días de viaxe, pero se nos perdemos alí dentro…

Ghincho sorriu cara a Agonías.

―Mira, xa os puxen de acordo. Atallaremos por aí, non se fale máis.

Os demos non estaban moi convencidos (a proposta de Agonías era marchar e volver outro día), pero fixéronlle caso ó paladín, que para iso o contratasen. Avantaron polo valado e metéronse no Eido do Mal, mantendo como referencia o pico do Monte do Desatino, que debía quedar sempre cara ao leste para ir na boa dirección. Algunha vez tiveron que subir polos eucaliptos arriba para asegurarse de que non andaban perdidos, porque eran tan altos que non deixaban ver.

Avanzaron a bo paso durante un bo treito, aproveitando as últimas horas do alumeado público, que se acendía polo día e se apagaba pola noite (no plano infernal non hai sol). Pero non tardaron en atopar o primeiro obstáculo. De repente víronse nunha zona moi densa en malas herbas que había que ir rozando para poder moverse. Por sorte Agonías trouxera un coitelo na súa mochila de contención, que Ghincho comezou a usar de machete para abrir camiño. Aínda quedaba algo de luz cando Ghincho mandou parar.

―Isto xa non hai por onde collelo ―dixo o paladín pasando o polgar polo fío do coitelo.

―Un momento… ―Agonías púxose a remexer na mochila― creo que a teño por aquí… pois non. Neste peto tampouco está. A ver por aquí… Oes, Rabia, non a collerías ti?

―De que falas, miñoca? ―respondeu o aludido.

―Ai! ―chiou Agonías dándose unha palmada na fronte―. Estamos perdidos, acabados!

―Que pasou?.

―Pois que me quedou a pedra de afiar na casa.

―Non sei que é máis digno dunha malleira ―gruñiu Rabia―, que pensases en traer unha pedra de afiar ou que querendo traela a esqueceses. Debías ir ti diante roendo cos dentes!

―Chist! Ti caladiño, que un despiste teno calquera. E se o ten calquera como non o vai ter el ―saíu Ghincho en defensa de Agonías, que estaba empezando a facer pucheiros―. A ver se vas a ir ti rañando o peito de primeiro!

―Vasme obrigar ti?

―Resultaríame moi fácil obrigarte, ademais de moi entretido ―replicou o humano achegando a súa cara a escasos centímetros da de Rabia―. Quérelo ver?

A resposta de Rabia veu en forma de cabezada ó nariz de Ghincho. O humano retrocedeu coas mans sobre as fosas nasais. Acto seguido colleu o coitelo, decatouse de que non lle ía servir de nada, tirouno a un lado e botouse enriba de Rabia. Rodaron por riba dos toxos dándose labazadas e bocados. Agonías choraba, consciente de que a pelexa fora pola súa culpa, aínda que máis ca o motivo, fora só a escusa.

A discusión levoulles un bo anaco. Ghincho saíu de entre a maleza cheo de feridas e negróns, co vestido de mantel reducido a saia e sen a armadura de latón. Agonías correu cara a el rebuscando algo na mochila.

―Non pode ser que tamén esquecese o alcohol de desinfectar! ―exclamou pasmado.

―Nooon, non o esquenchiches, camarada Asgonías ―aclarou Vicio.

A botella de alcohol, xa pola metade, ía baixando pola súa gorxa. Levaba un cacho petando no coitelo cun croio. Afiar, o que se di afiar, non conseguira afialo moito, pero xa case podía valer de serra.

Ghincho quitoulle a botella das mans ó demo e foi sentar apoiado contra un eucalipto. Despois botou tamén el un longo grolo.

―Pero vós, calamidades ―desesperábase Agonías―. Unha misión tan perigosa coma esta e ídesvos poñer coma pelellos?

Ó pouco saíu Rabia da toxeira. Levaba a armadura de Ghincho de colar e ía arrastrando un ramallo de silvas nos pés. Estaba tan mazado e redondo que parecía un arando. Sentou a carón de Ghincho, quen lle pasou a botella. Rabia baleirouna dun chopo. Estiveron un anaco en silencio suspirando.

―Pfffff, dende logo, mira que pfelexarnsnos prof efsa tontría… ― comentou o paladín.

―Ás vesces é que eu astúo semmpemmsar ―reflexionou o outro.

―Mira ―o paladín parou un intre buscando as palabras exactas―, a minf, ás vesces parféfeme como que… como que chon chó un… un tróspico, un heroi arquetíspuo deturpado do que fan rifsa duns deufes que me sulgan con indisferensia, sbes?

―A minf me falas de tóspicos? A muá? ―respondeu Rabia ó envite do paladín―. Mira, mira esto ―o demo comezou a griñir e botar escuma pola boca―. Poich afí paso toda a visda, che!

―Chábeslle a do lasgarto da Carolina?

―Perdoade que me entremeta ―cortou Agonías a escena―, pero… esa cousa que hai naquel eucalipto que pode ser? ―sinalou cara a unha póla da infernal árbore.

O ser que alí estaba acazapado e ó que apuntaba o dedo de Agonías non se daba por aludido. De feito o tipo mirou para atrás por riba do seu ombreiro pensando que se referían a outro cazarrecompensas que podía estar noutra póla por alí cerca. Suicidio tiña esa certeza porque o seu traxe de neopreno dispoñía dun dispositivo de camuflaxe óptica e non era posible que o detectasen con esa facilidade, xa que era practicamente invisible. Pero as dúbidas asaltaron o intrépido mercenario en canto fixo o xesto de mirar sobre o seu ombro, e non porque non vise a ninguén detrás ó que puidesen referirse os demos, non, non. O que o fixo desconfiar foi que cando mirou cara atrás, viu o seu (en teoría) invisible ombreiro e a empuñadura dunha das súas (en teoría) invisibles catanas.

Unha pinga de suor frío percorreu o seu lombo mentres xiraba o pescozo para comprobar que todo o seu corpo era visible. Por algún motivo, a camuflaxe óptica non estaba activada e o cacharan nas patacas.

Nun acto de desesperación, o embozado demo tirou coma un poseso do cordel que prendía o pequeno motor a queroseno que facía funcionar o mecanismo de camuflaxe. Cinco ou seis intentos tivo que facer antes de conseguir arrancalo e desaparecer diante dos ollos dos que o observaban.

Por sorte para el a adrenalina que segregara fixérao actuar con rapidez. Aquel maldito aparello non lle daba máis ca desgustos ultimamente. Non vía o momento de acabar o traballo e cobrar as almas acordadas para mercar un traxe de mimetización de última xeración. Xa estivera a tarde do sábado mirando escaparates no centro comercial e tíñalle o ollo botado a un kit de combate moi chusco que incluía unha armadura de fibra de carbono chulísima cun canón láser sobre o ombreiro dereito. E todo a un prezo bastante razoable…

―Mecaaaaa!!! Desapareceu o becho ese ―exclamou Agonías.

―Que bescho, Agofnías? ―Ghincho e Rabia facían esforzos por seguirlle a corrente―. Un esquío?

―Para min que é algún demo que nos vén seguindo polas árbores ―aventurou con crecente preocupación o agónico demo.

―Non sesxas presaxio de malos paxaros, a ver, ti xamemtemdes ―protestou o paladín― quen vai ter intrerese en seguirnos?

―Quen quen vai ter…? Todos!!! Todos, Ghincho!! Todos os demos do inferno!

―Ghischo ten ración, Asgonías ―interviu Rabia―. Cheguro que non era nasda, home. Transquelistate, disgo… eeeeeh, transmatízat… cómo se di? tronsmatíz… Non te posñas nerviocho.

Pero Agonías non deixaba de vixiar os eucaliptos mentres acendía o lume da fogueira, cousa que ninguén máis estaba en condicións de facer. Ghincho e Rabia cantaban abrazados e rubían ás árbores na busca do esquío invisible. Vicio afeitaba unha barba imaxinaria co coitelo adentado, con catastróficas consecuencias para o seu cute. O cheiro das fabas na tixola conseguiu atraelos a todos onda o lume. Ghincho curou con maxia as feridas de todos os necesitados. En agradecemento, Rabia regaloulle a Ghincho a súa chaqueta de coiro negra. O conxuro tamén atenuou os efectos perniciosos do alcohol. Cando por fin sentaron a papar xa case non se vía.

―E vós con esas ás todo o día ó lombo ―deulle por dicir a Ghincho mentres enchía a boca de fabas quentes― e non vos vin voar aínda.

―Ha! Pois se as temos é por cousa túa ―soltou Rabia sen explicar máis.

―Que queres dicir, demo? ―esixiu saber o paladín.

―Ogf qe quifgo… ―falou Vicio coa boca chea. Tragou antes de seguir―. O que quixo dicir Rabia é que a nosa aparencia é unha imaxe mental derivada dos teus preconceptos subconscientes sobre a natureza dos seres demoníacos. Nós, os demos, non temos corpo físico, nin xénero, somos manifestacións cuántico-psíquicas que só tomamos forma cando un observador nos determina. Ti imaxínasnos así, con ás, cornos, rabo e, por algunha razón que quedará entre ti e o teu pediatra, manifestáchesnos a todos con aspecto masculino e sen nada entre as pernas ―Vicio ergueuse para ensinar unhas virillas lisiñas, lisiñas.

Ghincho botou un chorro de fabas pola boca.

―Eu chámome Loreto ―dixo Agonías.

―Estasme dicindo, criatura noxenta, que todo isto está pasando só na miña cabeza??

―Non, non ―seguiu Rabia―. Na túa non. Na doutros.

―Na de quen? ―Ghincho puxérase de pé disposto a partirlle a crisma a eses entremetidos.

―Seres de planos de existencia máis elevados, humano ignorante ―interveu de novo Vicio―. O inferno non é un plano físico, senón psíquico ―tocouse unha tempa―. Non te deches conta das poucas descricións que hai aquí en comparación co teu plano natal? Os do plano terrestre pensades que o mundo remata na vosa aldea e que todo está posto aí para vós, pero non é así.

Ghincho volveu sentar. As fabas e os planos de existencia non-euclidianos resultábanlle de difícil dixestión. Volveu meter unha cullerada na boca.

―Pois menos mal que non se me ocorreu organizar un asalto aéreo á fortaleza ―resolveu o paladín dando o tema por liquidado―. E agora… A DURMIR! Agonías, fai ti a primeira garda. E non protestes. Ti farás a seguinte ―dixo sinalando a Vicio―, e ti a seguinte ― ordenoulle a Rabia. Eu fago a última, que é a máis perigosa.

Á mañá seguinte, poucas horas despois de que Ghincho e os demos abandonasen o campamento, pasaron por alí tres demos que tiñan a sensación de que, fosen onde chegaran, ían tarde.

―Mira, mira, Egoísmo! Pasaron por aquí! Non che dicía eu? Non che dicía eu? Ha-Ha! Hm! Ha-Ha!

Así ladraba o máis patético deles corricando a catro patas arredor dos carbóns e dando chimpos e viravoltas, das cales na maior parte saía mal parado, aterrando sobre o lombo de moi mala maneira. Pero así e todo, non parecía importarlle. Ía vestido cun taparrabos e parecía que estaba nos ósos. Arredor do pescozo lucía un colar cun enganche para unha correa. Del colgaba unha pequena medalla que poñía “Malicia” e máis unha dirección, por se se perdía o animaliño.

―Ah, papá Soberbia estará contento comigo! ―comentou o que parecía ser o líder e que levaba na man unha correa enrolada.

―Viva, vivaaaa! ―exclamou o terceiro.

―E agora que, Egoísmo? Destruímos a súa fogueira para que cando volvan teñan que facer outra? Ha-Ha! Hm! Ha-Ha! Siiiii…!

―Non temos tempo para iso! Temos que perseguilos para o amo. Ah, serei rico, famoso …e incluso máis guapo cando teñamos a Espada do Metal!

―Viva, vivaaaa!

―Si, si, pero… destruamos a fogueira! Destruámola!

―Déixate diso, Malicia, e vámonos dunha vez! ―respondeu enfadado Egoísmo―. Que ademais deixáronnos o camiño feito estes pailáns.

Egoísmo meteuse entre as xestas e os outros dous seguírono.

Ó pouco apareceu saíndo da espesura Malicia, quen, tras localizar a pequena fogueira apagada, púxose a pateala con odio e saña.

―Ha-Ha! Hm! Ha-Ha!

―Malicia, ven para acá agora mesmo ou non te ceibo máis no que queda de día! ―berrou Egoísmo desde fóra da escena.

O ridículo demo volveu correndo onda el para continuar a persecución polo Eido do Mal.

6 thoughts on “A Espada do Metal: 6. En camiño

  1. Cada vez gústanme máis estes demos. E a explicación dos demos masculinos, asexuados e con ás (cuase anxos), encántame.
    É un capítulo moi divertido, gustoume o de “monstros errantes e falsos autónomos” (aínda que a estes últimos os teño eu máis por vítimas que por monstros), e a historia do imp, reaparecido no compás, moi boa.
    Cánsame un pouco o falar de borrachos ou de boca chea, quizais faise pesado, aínda que funciona moi ben.
    Tamén resulta cómico o da invisibilidade cun xenerador que hai que arrincar, pero despois desaparece este personaxe. Non comprendo por que non os ataca se arranxou o inconveniente e é invisible.
    En xeral, creo que están moi conseguidas as diferentes voces dos personaxes.

    1. o dos falsos autonomos cando o pensei queria que soara a algo aterrador pensando que te podes converter nun. Coma se fosen pantasmas, que tamen son vitimas en certo modo e atormentan ós vivos coa sua dor, etc. Pero si, parece que os comparo cos monstros errantes. Dubidei moito sobre a escena da borracheira. Ó final decidín metela, por Vicio mais que nada, que mo pedia insistentemente, pero reducina con respecto ó primeiro borrador.

  2. Está ben este capítulo. Xa nos tes acostumados a un ritmo e un sentido da comedia que nunca faltan e que sempre están moi ben medidos, e este non é unha excepción. Malia todo, é pouco máis o que podo dicir, e isto porque desde fóra parece que o obxectivo do capítulo é simplemente facer que os protagonistas vaian de A a B sen dicir directamente: “foron de A a B”. En entregas anteriores coñecemos lugares, personaxes e detalles de construción de mundo novos, mais aquí non hai moito diso. O resultado é un capítulo perfectamente solvente, mais que non se sente moi importante dentro do proxecto.
    Destacaría dúas cousas: o asasino nas sombras, que seguramente sexa o elemento destinado a perdurar máis na trama, e esa idea metaficcional de que cada plano teña un tipo de narración particular. Unha vez se di iso, rapidamente te das de conta de que efectivamente é así. Dálle un nivel de complexidade a o proxecto que ao meu parecer o reforza moito.

  3. Outro capítulo de gargalladas! Pobre Venancio cos seus dediños verdes machucados. Moi visual o de Rabia saíndo da toxeira, eses eucaliptos cualificados de “infernais árbores”, o dos falsos autónomos como monstros do bosque…
    E creo que temos unha intersección no da visualización dos seres de outros planos, ao que ti denominas manifestacións cuántico-psíquicas.
    Como di Pablo, é un texto dedicado a un percorrido, pero forma parte dun todo. Non debemos esquecer que cando se colle un libro nas mans, a lectura vai máis aló de catro páxinas (se engancha, claro).
    Parabéns, Lois.

  4. Este capítulo mantén o ritmo dos últimos e xoga moi ben co humor e os nomes escollidos, a única achega aquí sería a de dosificar as referencias de cada nome, de lugar ou personaxe, para que non resulten demasiados e poidan chegar a saturar a lectura, facendo que as referencias dificulten o seguimento da narración pola parte lectora.
    Moi ben escrita e cun punto divertido esta proposta de Lois Z. Eu quero un bono bús para a Infernal VI, O Eido do Mal e o Monte do Desatino.

  5. Que dicir deste capítulo, desta novela. Gústame moito e concordo no dos falsos autónomos e no dos xogo dos eufemismos cos demos, todo iso encántame e paréceme moi guai. Gustoume tamén o tema do alcol, e de axustar a fala á inxesta, aínda que se me fixo algo longo e complicado por veces, quizáis. Gústame o ritmo, mais tamén me prestaría que nos vindeiros capítulos se describira algo máis, e se deixaran os diálogos que, pese que me encantan, penso que daría algo de pausa a esta novela que está sempre tirando risadas, e a baixaría un pouco e quizáis iso conveña á lectura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *