‘A muller de lona’, unha novela sen materia prima
César Lorenzo Gil.
Hipólito Foxo é empregado dun aparcadoiro público. Encárgase de atender a caixa e da vixilancia. Un día a súa xefa proponlle un cambio de funcións que el interpreta como o preámbulo para o seu despedimento, malia que en aparencia o novo cargo habíalle dar máis comodidade e salario. A posibilidade do cambio, no entanto, créalle tanto estrés que empeza unha relación imaxinaria coa modelo protagonista dun anuncio (unha lona) que ve desde a súa garita, sumándoa a outras dúas mulleres (reais) coas que mantén unha relación, a moza e a amante. Así empeza A muller de lona, de Alberte Santos Ledo (Laiovento). Esta é a segunda obra que a editorial publica do autor, logo d’O rebumbio dos vagalumes (2015)
Duascentas trinta e cinco páxinas prescindibles, escritas sen rastro de pulso narrativo nin un mínima destreza expresiva. A razón desta incapacidade para desennobelar o relato poderiámola buscala, quizais, nesta frase entresacada do propio texto da novela: “A iniciativa, pasar dun diario corrente a un escrito con feitura literaria, semellaba un reto superior aos que se impuña (…). Nunca escribira máis de cincuenta liñas de texto. Non sabía como empezar” (p. 63).
O autor intentou converter unha anécdota e un personaxe “peculiar”, ingredientes que se cadra darían para un relato curto, nos alicerces dunha novela, e fracasou con estrépito. A historia é inverosímil, os personaxes están mal trazados, a trama carece da mínima lóxica e os parágrafos tropezan na vista abafados entre frases feitas, circunloquios e adverbios innecesarios. Unha vez por páxina, máis ou menos, aparece unha oración impenetrable: “Os pulos cos que se acomodara semellaban larpados por un furacán de argumentos enguedellados” (p. 15).
A muller de lona non é nin novela de entretemento nin de reflexión literaria; ofrece unicamente unha mangada de tópicos que desconectan o lector. Hai tan pouca materia prima que o autor non crea un mundo para o protagonista, senón que se conforma con facelo xirar sobre o mesmo centímetro cadrado argumental capítulo tras capítulo, até ficarmos todos mareados.
Habitualmente non é cometido da crítica literaria aludir á ortografía e gramática dunha obra, mais en casos extremos coma este é obrigado advertir os posibles lectores e compradores. A novela de Santos Ledo está inzada de erros, non grallas, senón pronomes mal colocados, acentos sen poñer, posesivos sen artigo… case todo o que non detecta o corrector automático do Word pasou á imprenta.
En definitiva, A muller de lona é unha obra sen substancia nin estrutura, unha suposta novela de personaxe cun ton entre alegórico e costumista que apenas ofrece liñas e máis liñas de aburrimento e pésima narrativa.
♦A muller de lona, Alberte Santos Ledo. Laiovento, 2022. 238 páxinas. ♠17,95€