De Antón Riveiro Coello a Shirley Jackson. Dez libros para decembro do 2023
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello. Galaxia
Este libro pasará á historia como o primeiro premiado no certame bienal Álvaro Cunqueiro de Novela, que convocou o Concello de Mondoñedo no 2022. En case 600 páxinas, Riveiro Coello compón un relato familiar que reúne varias xeracións e varios espazos xeográficos e sentimentais. Co engado dunha morte misteriosa, a narración, exposta nunha valente segunda persoa, vai camiñando de adiante para atrás como fresco da Galicia que foi e que segue sendo.
A abelliña que perdeu as ás, de Ramón Romero Nogueira. Ilustracións de Uxía Pin. Xerais
Libro con letra enlazada para aprender a ler. Un conto en verso escrito e debuxado con moita delicadeza e sentido do humor. A partir da sinxela anécdota dunha abella que perdeu a parte da súa anatomía máis importante para sobrevivir, escritor e ilustradora compoñen un divertido universo cotián.
Noite no cemiterio, de Carlos Vega. Boadicea
Boadicea segue a publicar novos títulos da colección “A miña primeira novela de…”, neste caso, a primeira novela é de pantasmas, e dáse a casualidade de que esta tamén é a primeira novela en galego do seu autor, o valdeorrés Carlos Vega. Como é habitual, a obra non só conta unha historia (pensada para público infantil), senón que tamén aproveita para explicar determinados detalles básicos do xénero, neste caso da narrativa de pantasmas.
Millennials. Unha xeración entre dúas crises, de Raquel C. Pico. Galaxia
A xornalista santiaguesa, que nos últimos anos vén publicando ensaios divulgativos sobre diferentes temas, encara agora este retrato, ao xeito de crónica, da xeración dos Millennials, é dicir, os nacidos a partir do 1980. Pico analiza como a biografía colectiva de toda esa faixa poboacional en Galicia medrou na promesa de fartura do Aznarato, mais quedou entalada logo da longa crise do 2008. Precariedade, emigración, o mito da sobrecualificación… Un libro da colección “Hoxeéhoxe” para entender a actualidade.
Sacho de seda, de Abraham Pérez. Menino Morreu
Este libro podémolo encadrar dentro do xénero de “hooligans ilustrados”, feliz nome que usa a editorial española Libros del KO para obras, xeralmente curtas, que combinan memoria persoal e historia da afección por unhas cores. Neste modelo encaixa este libro: Pérez lémbrase a si mesmo como seareiro do CD Lugo. É relevante porque o autor naceu no 1990 e moitas das súas experiencias coinciden no período no que o equipo que xoga no Anxo Carro desfrutou de bastantes tempadas na 2.ª División do fútbol profesional.
Muriel. Caos no laboratorio lácteo, de María Canosa Ilustracións de Lucía Cobo. Xerais
Non é de estrañar que Canosa volvese ao personaxe de Muriel, cuxo título inaugural lle valeu o Premio Merlín 2017. A delicadeza e maxia daquela obra pervive agora nunha nova aventura na que o propio Muriel e o seu inseparable raposo Blim terán que cumprir unha misión na que volve ter protagonismo, como non, o leite. A partir de 9 anos.
Todo o ano é (unha) festa, de Pilar Vilaboi Freire. Xunta de Galicia
A autora converte o calendario anual nunha sementeira de efemérides. O reconto dos días santos válenlle para falar sobre antropoloxía, etnografía, onomástica, haxiografía, historia… Cun ton moi divulgativo (este proxecto publicouse primeiro de maneira periódica), Vilaboi vainos contando moitos detalles que se cadra na nosa sociedade, xa apartados os almanaques da nosa beira, están en perigo de extinción. Mais o libro non se contenta con recoller o existente, senón que propón festas novas, caso da vinculación entre 8 de Marzo e Antígona, a mítica filla do rei de Tebas inmortalizada por Sófocles.
Receitas para encher o peito, de Xoanqui Ameixeiras. Galaxia
Novo título da colección de cociña de Galaxia. Desta volta recolle o receitario deste cociñeiro fenés afincado na Arousa que é rostro coñecido de programas de radio e televisión sobre arte culinaria. O mostrario de Ameixeiras é elegante, funcional, apegado á terra, mais moi consciente de certas novidades e modas que aggiornan as súas propostas, todas salgadas e que inclúen un menú diverso e de tempada.
Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación social da lingua, de Fernando Ramallo. Xerais
Manual que recolle 32 cuestións básicas sobre a lingua. O catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo deseña deste xeito un mapa onde é tan importante o que se pregunta como o que se responde, nun momento no que volven ventos do pasado que desautorizan o dereito dos galegofalantes a expresarse en todos os ámbitos na lingua propia. O abano de estudo vai desde a análise das circunstancias sociolingüísticas do galego como lingua minorizada até o porqué do reintegracionismo ou o efecto desgaleguizador da escola, entre outros moitos aspectos.
Sempre vivimos no castelo, de Shirley Jackson. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
A escritora californiana é un deses nomes que, bastantes anos despois do seu falecemento, recuperaron ou incluso ampliaron a súa influencia e o seu lectorado. O seu reespertar ten a ver co rescate das voces femininas, que durante o século XX non conseguiron pórse á altura doutras obras que pasaron ao canon de inmediato. Tamén coa reivindicación dos xéneros populares como campo literario artístico, tras a perda de prestixio da literatura experimental. Sempre vivimos no castelo é a novela máis famosa da autora e nela concentra Jackson moitas das súas teimas: o terror doméstico, a intriga cotiá, o elemento misterioso sen solemnidade… Un libro imprescindible que trae unha nova autora á biblioteca galega grazas a Rinoceronte.
One thought on “De Antón Riveiro Coello a Shirley Jackson. Dez libros para decembro do 2023”