Desertores, esquecedizos, pseudomalditos, apóstatas, meteoritos e outros tipos na literatura galega do século XX (2)
Xesús González Gómez
Quedaramos, a semana anterior, nas portas de enumerar escritores, homes e mulleres, que se deron a coñecer, publicaron libros, mais sobre todo en xornais e revistas, poemas, narracións ou ensaios, entre 1930 e 1936, ambos inclusive. É dicir, homes e mulleres que Méndez Ferrín en De Pondal a Novoneira inclúe, maiormente, no que el denomina xeración de 1936: Cunqueiro, Luís Seoane, Aquilino Iglesia Alvariño, Emilio Pita, Delgado Gurriarán, Carballo Calero, etc. Só cito nomes que logo continuaron a escribir, un seguido, outros intermitentemente, en galego.
Mais neses anos mencionados apareceu un monte de nomes, moitas xentes (poetas, escritores, etc.) dos que, maiormente, despois de 1939 non se soubo máis nunca deles. Un monte de nomes que auguraba un momento brillante para a literatura galega en todos os seus eidos. Os nomes son variados. Podiamos empezar por Enrique Fernández Sendón, que mantivo amizade con Manoel-Antonio e outros escritores galegos, como López Cuevillas ou Bouza Brey ou Otero Espasandín. Pola súa correspondencia (poucas cartas) co autor de De catro a catro, movíase neses anos (antes de 1929) no terreo do nacionalismo galego, mais logo marchou a Madrid e alá imbuíuse de marxismo, militando nas ringleiras da oposición trotskista, até 1935, en que pasou a militar no PSOE. Era coñecido polo pseudónimo de L. Fersen, e era un pensador marxista, talvez só un xornalista, «orixinal» –dentro do que era o marxismo en España antes de 1936. Á parte das cartas dirixidas a Manoel-Antonio non escribiu máis nada en galego, que saibamos. Fersen non foi nin un renegado (aínda que non tiña, no seu tempo marxista, consideración ningunha para o nacionalismo galego), nin un desertor, nin marchou e logo esqueceuse de regresar. Tampouco era un maldito ou pseudomaldito. Era, como o cualifiquei xa hai anos, un pasaxeiro clandestino ao que tarde, mal e arrastro se lle concederon, finalmente, algúns papeis de identidade[1]. Amante (eu) das ucronías, gustaría imaxinar a Fersen escribindo en galego algúns dos seus escritos marxistas… Sobre a súa vida e obra (sic) despois de 1939, mellor correr un tupido veo.
Logo hai outro nome que non puido desertar, que non renegou: Luis Manteiga. A guerra civil matou unha gran promesa. Tronzouno: unha gran promesa que quedou en case que nada, presentándose ao premio Nadal despois de 1945 para intentar gañalo e sobrevivir. Como case nada foron as entregas, interesantes, en diversos xornais e revistas de Prudencio Taboada Tabanera, Urbano Moledo (que puido ser un autor teatral obreirista, diso que tanto faltou na nosa literatura, mais foi fusilado), Xosé Lois Parente, Xohan Luís Ramos Colemán, Alfredo Canalejo, que aparte de Contos, publicados por Lar, entregaba escritos curiosos e interesantes en A Nosa Terra: «O asasinato da paisaxe», «Defensa dos analfabetos», etc. Canalejo, que non publicou nada despois de 1936 mais que, segundo din, non deixou de escribir (en galego ou en castelán?) poderiámolo inscribir dentro do «desertores». A. Goy Díaz, Agustín Baladrón, que quería conxugar marxismo e nacionalismo –non sabemos como acabou, a guerra, como a tantos outros, tronzouno. Xavier Pardo, que alcanzou postos importantes dentro do galeguismo: a partir de 1932 desapareceu, para aparecer nos anos 1960 como vicepresidente da Deputación da Coruña. Corona González Estévez, que era, semellaba, galeguista e feminista: en 1934 cotizaba a favor do exército que reprimira a revolución de outubro dese ano en Asturias; en 1936, a favor da sublevación militar. Matilde Mayán (que pouco escribiu en galego; mágoa!), esta muller dáme a impresión, foi daquelas que marchou e esqueceu regresar. Outro que marchou e esqueceu regresar foi Rafael Ochoa. Escribiu pouco na prensa: en La Zarpa e en El Pueblo Gallego. Logo, unha vez militante do Partido Comunista de España e radicado en Ourense, seica escribiu na revista Espartaco, da que só se sabe o que di Marcos Valcárcel[2]. Ochoa escribiu sobre a normativa do galego, sobre poesía (Manoel-Antonio) e mesmo fixo pinitos de poeta. Foi, tamén ceramista. Como militante do Partido comunista, segundo Xulio Prada, foi un dos que defendeu a expulsión do Partido de Felipe Fernández Armesto. Xesús Nieto Pena, do que xa temos falada aquí amplamente para volvermos a el. E, finalmente, alguén que foi obrigado a marchar e que no momento en que puido regresar, ou non quixo ou esqueceuse: Manuel Luís Acuña.
Moitos destes nomes, sobre todo dos non mencionados, infelizmente, cando acabou a guerra, na que tiveron que loitar, volens no volens, no bando franquista, integráronse na sociedade saída do 18 de xullo, chegaron a ocupar cargos oficiais ou chegaron a ser grandes notarios, avogados, mesmo empresarios, etc. Non renegaron, non desertaron: ficaron tronzados pola guerra e, quizais, pola perda dos seus ideais e dedicáronse á «familia», ao triunfo persoal. Outros, simplemente, mantivéronse en silencio até o día en que deixaron de existiren. Outros foron encarcerados e outros máis paseados ou fusilados despois dun xuízo máis ou menos bufo, outros exiliáronse. Ora, uns e outros, os que abandonaran o galeguismo para se introduciren nunha ideoloxía (socialista/comunista) que consideraban máis de acordo cos intereses de Galicia, da xente de Galicia (e non vou estar en desacordo con eles), como os que só e preocuparon por eles e os seus despois da gran débacle, foron, malia promesas, case todos, meteoritos que atravesaron o ceo da literatura galega e foron caer nun mar fondo que os apagou para sempre, como literatos e, moitas veces, como cidadáns dunha Galicia libre. Mais durante un tempo intentaron co seu labor literario e outros que esa Galicia fose máis libre, máis súa… Esquecémolos, non pasa nada, mais de cando en vez quizais estea ben lembralos, sobre todo para sabermos de onde vimos, e para que o pasado non condicione o futuro, mais, sobre todo, e nos poñemos benjaminianos, para que as futuras xeracións acaben de vingalos…
Da xeración de 1936 ou, simplemente, xeración da República, e da xeración do 25, moitos foron os nomes convocados: quedaron os que despois de 1939 (ou anos máis tarde) volveron ao idioma (sería o caso de Filgueira Valverde) en que encetaran a súa «carreira» literaria e, mesmo, política. Non foron nunca desertores, menos renegados, marcharon?, máis ben obrigáronos a marchar pola forza das armas, mais en canto puideron, regresaron, sabendo que terían que pasar por moitas alfándegas, que terían que pagar moitas taxas, mais regresaron. E regresaron para quedaren e para transmitiren(nos), aínda que as veces parcialmente, unha historia e para daren fe dunha continuidade que en 1936 se quixo romper e, non nos enganemos, case que o conseguiron, se non é que o conseguiron[3].
Demos uns cantos nomes que case nada, ou nada de nada, din á maioría de lectores e lectoras, de aí que reproduzamos unhas cantas «pezas» dalgúns deles:
Antón Goy Díaz
Doas
Unha noite, acorado de apañar estreliñas, despois da espritual ascensión ao ceo das arelas xurdias na compaña de Max Jacob e Reverry[4], dormín prácidamente…
Raul (sic) Verlaine esquirbía con letras de ouro: «Son unha alma viaxeira que camiña errante buscando outros ecos e outros amores».
¡Si Verlaine coñecera a esmeralda de Galiza na primaveira non choraría coa morriña doutros amores, nin máis bellidos (sic) ecos!
Acarón iña Lois Amado: fiaba co fuso da súa inspiración unha rayola:
«O Sol vai guiando as nubens
Coa sua aguillada tépeda»
No bico do fuso tiña espetada a curuxa que niñaba outronte nos escanos das bibliotecas.
¡Ei, Lois, non te finaches; mataches a morte! É como si arrincaras as orellas e as puxeras na man para millor oubir o latexo dos mundos. Tamén, dendes o alto, abrocas con anaquiños de indiferenza os ventres esféricos tanxentes decote coas mesas das Académias.
—
O intelecto é pra vere no azul do ámpito aínda máis aló que os telescopios.
Os telescopios son cañóns que disparan olladas aos outros mundos.
Algúns homes teñenos ollos pra non vere, e a testa pésalles menos que si a tivesen valeira. É porque a teñen inzada co «gas da fachada» cuia densidade é máis cativa que a do ar.
Teño no canto de miolos unha arela acesa, e, o seu fogax rádiase na retina, que soilo deixa pasar as vibracións do roxo.
Choro moitas vegadas porque non teño alas.
–¿Qué faría eu si as tivera?
–Voarías ao Norte ou o Sur?
–Non; ao zenit, a queimala ao Sol.
El Eco de Galicia (A Habana), n.º 356, 10 de febreiro de 1930.
****
Xohan Luís Ramos
Escea sentimental en prosa igrofita
Ti gustabas enredar co río. Un río nas tuas mans como unha cobra de madeira e xestas verdes nas maus dos rapaces. Ti e mais o río áxiles e nuos. Ti berrabas, con voz prestada d’un charlatán, cinguindo o río ás veas do teu fros, do teu van ou dos teus muslos.
Collares e cinturós!
Pendentes!
Quén merca?
Ligas con broches de remuiños!
Sempre fuches caprichosa.com o unha pomba coxa, ou como un camiño de semprevivas. E leda como unha nube, unha veleta ou unha agulla.
Fixeches do río o que quixeches. Canzón. Risa. Navalla. Língoa. Traia. Poma. Camisa.
Hai que decir eiquí que os meus brazos –cauce enxoito que buscaba o esbarar segrel do teu corpo– i-o río dábame un Vostede de rivals. Eu non tiven que facerlle.
Divertíate a sua docilidade chea de ecos como parágoas de equilibrista.
Quixeches que pelexaramos por ti. Nacérate na cabeza un caravel sinvergonza. E nós tiñamos esas olladas atravesadas que tanto traballo custa meter polas portas.
Nos teus ollos non había ningún probrema de axedrez. Semellaban ser mais lixeiros que o ar. E toda ti eras segrel e incomprensibel como un alfiler cravado na lua.
El Pueblo Gallego, 23 de marzo de 1935, p. 5
****
Rafael Ochoa
El Pueblo Gallego, 1 xaneiro 1930.
*****
Agustín Baladrón
Socialismo e Galeguismo
Na miña vida política, eu loitei nas filas de dous partidos, que no fondo do seu obxetivo son algo concordantes. No panorama estatal da Hespaña, son socialista, pero dentro de iste marco, na nosa rexión, fun sempre e serei Galeguista. ¿Qué Socialismo e que Galeguismo debemos seguir? É o motivo do presente artigo.
Vive hoxe o Socialismo hespañol que forza é recoñecer nil, o partido máis forte e orgaizado, de quén se axudaron máis todos os repubricáns, unha fonda disensión. Dun lado están Saborit, e máis aquil catedrático que sendo eu un rapaz, ouvinlle expricar Lóxica, no Instituto d’Ourrense, e logo fun pasados unhos anos, un día a esperar a unha estación de Madrí de volta con outros camaradas do presidio. Defende a tendencia reformista distes dous, o periódico Democracia.
De outro xeito; a tendencia verdadeiramente Marxista, latexa encarnada, pol-os camaradas, Araquistáin, e Baraibar, con un diario que se chama Claridad. Aquiles non conformes coa revolución de Outono, intentaban gañar as masas, pra o reformismo, e istes seguir na postura emprendida por ser a verdadeira Socialista.
Existen diversos Socialismos, dende o laborista Ingrés, hastra o comunista ruso, pasando pol-o Francés, Belga, Italiano, e outros que a exceición do segundo, todos son burgueses. Quén teña lido a «Loita de crás en Italia», de Pietro Nenni, prologada por Felipe Turati, morto no desterro, sabe o que é a cruz dos traballadores italianos, sin dúbida porque o Socialismo diles, era burgués. Deixaron ir o trunfo das máns, cando máis cerca o tiñan. Pouco tempo dispois viron como as horas de Mussolini, levaban arrastro nun automóvil, polas rúas de Milán, o cadávre do diputado Matteoti. A tendencia moderada, levou a iles, a coñecer o desterro, e afrente, cos españoles, ateigaron os presidios e máis os cimenteiros, de militantes. Tiña razón Lenín cando decía: que o Comunismo había tardar en imprantarse na Europa, porque os partidos Socialistas dista era excesivamente burgueses. Por iso nós damos un paso máis, e postulamos o Socialismo marxista dos comunistas rusos.
Agora a causa Galeguista. A psicoloxía do pobo galego, é dunha pasividade que mata. A Galicia estivo sempre domiñada dende os tempos máis remotos, e pro desenrolo da sua vida, necesitou sempore de certa hexemonía. De aquí a tendencia dos nosos campesiños en apoiar ao cacique, que como unparásito vive a costa do seu suor. O pobo onde eu vivo, debátese antre os dous polos dun furibundo caciquismo, e iste problema cálcase en toda Galicia. Mais coido que a culpa de todo isto nos nosos días, foi tan solo da Repúbrica que naceu a vida cun empacho de legalidade; entanto non desaparezan istes efeutos, vivirá como un estómago indixestado. O Partido Galeguista pol-a sua moderación daba a sensación de non eisistir, e os que non éramos partidarios dista ourentación, fomos sempre duramente combatidos. Na derradeira asambrea dándose conta da hora aitual, ergueuse e tomou o rumbo que compría. Entón operouse no partido o mesmo fenómeno que antes vimos no socialismo, e algúns elementos do partido formaron a direita.
Non creio que isto vaia facer trocar a ourentación do partido. Con todo sí asín non fose, non terían perdón no porvir de Galicia, ¿Qué pensan que nos ia dar un réximen de direitas, máis que lle deron a Cataluña e Vasconia?, ¿non estamos vendo que aquiles apodrécense no presidio, e istes vense limpos dos seus dereitos? Igual situación sería a nosa, que co desterro, ou o presidio, ¡e acaso algo máis! afundirían o movimento da Galicia ceibe. Doutro modo; os latifundistas de Castela, Andalucía e Extremadura, coidarán de que non logremos as nosas reivindicacións, porque o sentido común failles ver, que desta sorte perderían un tributo dos millores pras suas obras, entranto nós seguimos abandoados de todo poder. Os terratenentes de Hespaña, son dereitas, e detentan o poder. Veleiquí o que nos agarda por iste camiño.
Si queremos o logo das nosas reivindicacións, será seguindo o senso de esquerda. A xente que traballa e aquí está a de Galicia, loita por unha situación análoga. Ás direitas non lle importa acabar coa escravitú sinon mantela, porque en canto teñan quen os sirvan estarán satisfeitos.
Socialistas, galeguistas, xente que traballa no campo, na fábrica, e no mar, que loitan dentro de un ideal de esquerda pol-as suas reivindicacións, unámonos para defender o noso pobo, seguros de que o día que o galego deixe de ter médula de escravo non haberá caciques e atopará a súa salvación.
A Nosa Terra, n.º 383, 14 de setembro de 1935, p. 3.
[1] Xosé Luís Axeitos & Uxío Bobillo, Enrique Fernández Sendón (L. Fersen):Memoria e antoloxía dun republicano galego, Sada-O Castro, Ediciós do Castro, 1998.
[2] Marcos Valcárcel, A prensa de Ourense e a súa provincia, Ourense, Deputación Provincial, 1987.
[3] Non me esquezo daqueles que se integraron no franquismo, e que escribiron esporadicamente despois de 1936, Ou franquistas que tamén usaron do galego na prensa e no libro ( exemplar –no sentido de prototipo – sería o de Luís Moure Mariño. Outro día haberá que falar deles, dos franco-galeguistas, que os houbo, e máis dos que imaxinamos ou queremos crer.
[4] Supomos que se refire ao poeta francés, Pierre Reverdy (1889-1960).