BiosBardia

O país dos libros en galego

Dez libros recomendados para o día de Santa Icía

Emma Pedreira.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meus criterios críticos, formulados a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase todos os luns. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

1

Os libros que hai en min, de Emma Pedreira. Cuarto de inverno

Non é habitual en Galicia a publicación de libros relacionados co propio labor das persoas que se dedican á literatura. Esta obra foxe do academicismo, máis ben emparenta cun libro anterior da autora, Bibliópatas e fobólogos (2017). Un moi interesante percorrido autobiográfico, desenfadado e radiantemente subxectivo sobre as lecturas que marcaron a maneira de ver a vida da escritora.

2

Así naceu unha lingua, de Fernando Venâncio. Tradución de Elías González López. Galaxia

Un ensaio divulgativo, de grande éxito en Portugal onde xa esgotou cinco impresións. A partir de dúas teses, o historiador da lingua revoluciona moitos lugares comúns sobre o idioma, tanto o portugués coma o galego: o portugués é, na orixe, di Venâncio, galego, a fala común no reino de Galicia cando Afonso Henriques logra a independencia ao sur do Miño. O portugués, especialmente tras a vitoria portuguesa fronte a Castela na guerra de sucesión (1383-1385) foise “contaminando” polo castelán nun proceso que durou até ben mediado o século XVII. Moi ben escrito, moi didáctico e moi incisivo contra determinados mitos académicos ou populares.

3

Interna, de Oriana Méndez. Arte de trobar

Un libro de ritmo prodixioso onde a poeta consegue cimentar un discurso literario de grande altura non coa ampulosidade das palabras do fondo dos dicionarios senón coa lingua do común. Unha aproximación ao íntimo, ao colectivo, ao presente e ao histórico que supón un cambio de rumbo total na traxectoria da escritora viguesa. A obra que a independiza de calquera escola e debera ser ensino e exemplo para aspirantes a poetas.

4

A arañeira, de Joseph Roth. Tradución de David A. Álvarez. Irmás Cartoné

É unha boa nova que, pouco a pouco, a biblioteca galega se vai arrequecendo con obras fundamentais da literatura universal. Por buscarlle un punto positivo ao atraso xeral no eido da tradución, diremos que podemos desfrutar destas obras incuestionables coma se fosen novidades e, polo tanto, inserilas nos andeis máis vistosos das librarías para que moitos lectores galegos as descubran como recentes. Esta novela, máis alá do seu valor anticipatorio sobre a deriva nazi da Alemaña dos anos 20, mostra un Roth, malia ser esta a súa primeira obra, en plenas facultades para a narrativa, cunha gran capacidade para poñer ao servizo da literatura o seu dominio das técnicas xornalísticas e o seu instinto para captar o fundamental nas súas personaxes.

5

A evolução histórica dos limites da Galiza (I e II), de José Manuel Barbosa. Através

Non é habitual que en Galicia se publiquen libros de historia divulgativa. E menos aínda con coordenadas moi especializadas, mais co obxectivo de chegar a un público amplo. Este libro vai repasando, seguindo as fontes, até onde chegou a Galicia histórica (a Gallaecia) e como foi mudando a súa extensión conforme pasou o tempo. O máis interesante do traballo de Barbosa é que non ten medo a reinterpretar as fontes que consulta e non se sente coaccionado por determinadas tradicións historiográficas españolas, que teñen auténtico pánico a que se identifique a Galicia histórica coa Galicia nuclear, aínda que logo usen sen xeito conceptos como Reino de Asturias. Benvido o libro (en dous volumes) de Barbosa para que haxa debate.

6

Soldados forzosos. A memoria esquecida da Guerra Civil Española, de Francisco Leira-Castiñeira. Galaxia

Un libro moi diferente aos que habitualmente se publican en galego. Sen desmerecer o seu contido, o máis valioso é o material gráfico que reproduce. Unha moi interesante colección de fotografías que axuda a contextualizar a vivencia vertixinosa da década do 1930 en Galicia: o paso da monarquía á II República; o golpe de Estado e a mobilización militar de gran parte da poboación, a represión brutal sobre os desafectos ao novo réxime e o encadeamento a unha longa ditadura.

7

A vida incerta, de Montse Fajardo. Cumio

A figura da que foi muller de Castelao ficara até agora ensombrecida pola fulgurante vida e obra do político rianxeiro. Con esta biografía cobra corpo Virxinia Pereira, compañeira fiel e leal non só ao seu home senón ao seu legado e tamén á causa do galeguismo. As fontes que manexou a investigadora permiten colocar a estradesa no alto da loita contra o franquismo por méritos propios.

8

Todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza. Espiral Maior

Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Diario sen datas do confinamento pola pandemia da covidia combinado con referencias paratextuais que multiplican os efectos de cada “entrada”, de cada poema en prosa. O acerto deste libro é xogar a facer poesía. que todo o conxunto pareza algo así como un ensaio xeral dunha obra literaria. Amarrada á pretensión de atopar un refuxio entre a incerteza, a poeta vai debuxando un mundo, pequeno e invencible detrás das pouquiñas liñas que escribiu en cada páxina de papel.

9

Un espléndido mundo novo, de Aldous Huxley. Tradución de Alejandro Tobar. Kalandraka

Clásico da distopía, fonte de inspiración de gran parte da narrativa popular e audiovisual do século XX. É un deses libros que parece que xa todo o mundo leu e que xa non teñen nada que dicir. Mais en realidade a esta obra pásalle todo o contrario e por iso é unha moi boa noticia que Kalandraka a reedite en galego cunha nova tradución. Á parte de tratar moitos temas que hoxe seguen a estar de actualidade, o tempo transcorrido desde a súa publicación e a grande influencia que tivo permite unha relectura, máis sosegada, sobre o momento histórico no que o autor imaxinou o seu “mundo perfecto”.

10

Noite fiel e virtuosa, de Louise Glück. Tradución de Samuel Solleiro. Chan da Pólvora

Primeiro libro da poeta estadounidense, galardoada co Nobel 2020, en publicarse en galego, unha práctica non moi habitual, infelizmente (só hai que reparar nos moitos premiados que aínda son inéditos na nosa lingua). Nesta obra, do 2014, a autora amosa a súa capacidade para deslindar a súa poesía da experiencia e construír cos seus versos e poemas en prosa universos ficcionais moi complexos e evocadores sobre os grandes temas: o paso do tempo, o amor, a memoria…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *