Lois Z, campión da Liga Maruxairas do Outono 2021
Lois Z foi o campión da Liga Maruxairas do Outono 2021. Só perdeu un duelo, na derradeira xornada, fronte ao subcampión, Carlos Vega, cando xa tiña o título no peto. Na que foi considerada a edición máis complicada polos duelistas, por mor das trabas que complicaron a confección de relatos, o veterano autor ourensán coloca a primeira estrela na camiseta no formato actual da liga. Xa gañara a I Liga, que se xogara co método suízo.
Lois Z: “Gustaríame que a xente se parase máis tempo a falar dos relatos dos demais”
O seu foi un triunfo case perfecto. Des que gañou a xornada preliminar só perdeu un duelo, o derradeiro. Revélenos a súa receita do éxito.
A receita do éxito? Hai moitas formas de cociñar ese prato, tantas coma lectores, pero vou falar dun ingrediente que tento incluír sempre nos meus relatos antes de envialos cada xornada: pedirlle opinión a outra persoa. Tampouco nos enganemos con iso, non vale a opinión de calquera. Ten que ser alguén capaz de emitir un xuízo crítico do que leu e de detectar as fraquezas que un non viu. Eu teño a sorte de ter preto varias persoas con esas virtudes. “Mira, mira que foto me tocou! Que fago con isto?”, voulle chorando cada xornada á miña parella, a miña lectora beta principal. A veces tamén me dan ideas cando non se me ocorre nada. Escribir o relato é unha actividade solitaria. A posprodución non ten por que selo. Que a persoa adecuada che dea a súa opinión dos acertos e dos erros que cometiches non ten prezo. Eu, sen iso, non estaría aquí.
Foi a primeira liga a sete xornadas na que vostede participou. É tan duro como parece?
É moito máis duro do que parece. O peor é o desgaste emocional de enfrontar os teus textos a outros e agardar comentarios e votos. A competición en si. Ganar, perder, recibir comentarios críticos, ver que non te entenden, que non te valoran, ver que perdes xornada tras xornada, ter expectativas que non se cumpren e soportar esa frustración, obrigarte a seguir participando nos momentos en que talvez quererías estar liberado diso. Non falo de min, que só perdín un duelo. A xente remata cansada, algún talvez pensando en non volver. Isto non é un acampamento de verán. Incluso no mellor dos casos, ganando e/ou tomándose a Liga de forma relaxada, un remata esgotado, non é doado integrar as rutinas da Liga na vida diaria dun durante tanto tempo.
Desde fóra apreciouse un gran nivel nos relatos. Concorda con esta afirmación?
O nivel dos relatos —propios e alleos— ás veces é bo e outras non tanto, iso depende de moitas cousas e no fondo non importa demasiado. Tendo en conta a limitación de tempo, os atrancos e o cansazo acumulado xornada a xornada o resultado foi bo. Pero a min o que me importa de verdade é o nivel dos comentarios, que foi, en xeral, pobre (igual de pobre ca nos últimos torneos). E é así por desgana, non por incapacidade.
A gran novidade da Liga Maruxairas do Outono 2021 foron as trabas. Como as valora?
As trabas foron unha dor de cabeza e tamén un grande estímulo. Penso que foron un acerto. Unhas máis ca outras. A de empregar cinco palabras ou a de comezar o relato cunha frase dada a min non me din nada. A de non usar unha letra foi curiosa, pero nada que ver coa da última xornada. Están en extremos tan opostos que case non se entende que coexistan na Liga, excepto nun contexto de aumento constante da dificultade (non sei se foi deseñada así). O único que non me gustou dos atrancos é o que sucedeu nos comentarios da derradeira xornada. O atranco, de tan brutal que era, devorou os relatos e case non se falou deles. Iso, na miña opinión, non foi positivo.
Como definiría a literatura que vostede publicou nesta liga?
Penso que o autor non é o máis adecuando para definir a súa obra. A opinión dun autor sobre o seu traballo é só unha máis. Dito iso, vou tentar responder á pregunta o mellor que poida.
Escribín cada relato coa motivación de ganar os duelos. Non me considero un autor tentando expresar os humanos matices da súa alma, nin un idealista que lle lanza desde a súa illa mensaxes nunha botella á sociedade. Son máis ben un carpinteiro que ofrece solucións funcionais cun acabado estético para espazos reducidos. As personaxes fan o que me convén a min, non o que elas queren, a historia deséñoa co lector en mente e a información vouna liberando de maneira estratéxica. Ás veces teimo en escribir apegado a unha idea imperfecta que non me solta e a cousa adoita saír peor. Por exemplo, son fan dos conflitos espacio-temporais e de Queen e quixen metelos en “En bucle” e o resultado foi frouxo. En “O nome da Rosa” quixen falar dun tema concreto e ninguén entendeu nada. En “O camiño” quixen facer un cambio e deixar descansar os relatos baseados en personaxes torturadas e probar outras cousas. O meu estilo, se é que teño algún, está definido no conxunto de relatos que levo escrito e a min resúltame imposible capturalo nunha soa palabra. Camaleónico, ao mellor. E a miña voz literaria, de monicrequeiro. Sempre saio ó campo cun 4-2-4, sexa a final da Champions ou xogue co pechacancelas.
Cal foi o seu relato favorito?
Houbo bos relatos, non teño un favorito claro. No meu top 10 habería cinco relatos de David Botana. Pelexando polo primeiro posto estarían “Que fas?” do propio Botana e “Ela”, de Sabela González. Hai algúns relatos que ganarían moito cunha revisión. E comparar relatos rematados con borradores é inxusto. Creo que alguén, nun comentario, dixo que lle votaba a x relato por como podía quedar tras unha revisión. Estaría xenial lelos todos de novo revisados. Por desgraza xa non é que non vaiamos ter ocasión de facelo, é que seguramente ninguén mude unha coma do seu texto orixinal. Gústame pensar que é por pereza.
Como inflúe a liga na súa práctica literaria. Escribe máis? Acaba derreado logo do torneo?
Acabo derreado, si, pero necesitábao. Levaba moito sen escribir e isto vénme ben para coller inercia e devolverlle un espazo á literatura dentro do meu tempo. Ao mellor é un autoengano e non vou volver abrir un word ata o próximo torneo. Para ben ou para mal eu non me poño obrigas. Participo nos torneos porque me gusta, pásoo ben comentando relatos. Quizais a verdadeira resposta estea agachada nunha das preguntas de arriba. Se escribo para acadar un obxectivo, onde queda a motivación se non atopo ese obxectivo? Si, algunha vez probei con certames, pero iso é como xogar á quiniela. Envías algo e ó cabo de varios meses sae un ganador. O proceso é tan opaco que tras experimentar iso unha ducia de veces perdes as ganas. Refírome a que ti como autor descoñeces os criterios do xurado, non tes unha orientación sobre o teu rendemento, non tes acceso doado a ler a obra ganadora. Non sabes nin se o teu traballo foi lido.
Que lle gustaría que houbese nas próximas ligas?
Gustaríame que a xente se parase máis tempo a falar dos relatos dos demais. Non fai falta mercar un curso de escritores.org para opinar sobre un texto que liches. O único que cómpre é dedicarlle algo de tempo.
Verémolo na Liga da Primavera 2022 defendendo o título?
A miña intención é estar, si. E se podo tamén estarei nas novas modalidades de torneo que seica pronto vai anunciar Biosbardia.
CLASIFICACIÓN FINAL DA LIGA MARUXAIRAS DO OUTONO 2021
1º Lois Z 6 vitorias +18 votos
2º Carlos Vega 5 (+12)
3º David Botana 5 (+10)
4º Daniel Ugarte 5 (+2)
5ª Sabela González 3 (+2)
6ª Sofía Sicilia 2 (-4)
7º Xerardo Méndez 2 (-10)
8ª Pilar Vilaboy 0 (-30)
HISTORIA DOS TORNEOS DE DUELISTAS DE BIOSBARDIA
I Torneo 2017 Pablo Fernández Barba
II Torneo 2018 Érica Couto
III Torneo 2020 David Botana
I Liga 2020 Lois Z
II Liga 2021 David Botana
III Liga 2021 Sabela González
IV Liga 2021 Lois Z
Parabéns de novo, Lois!
Eu prometo poñerme as pilas nos comentarios, que é o que máis me custa (e o tempo tamén afecta… e moito!). Moitos azos para os próximos torneos!