BiosBardia

O país dos libros en galego

O Premio Planeta e Galicia

Gonzalo Torrente Ballester e Camilo José Cela no 1977. INSTITUTO CERVANTES

Xesús González Gómez.

Procurando na rede agora non lembro exactamente que, dou cunha «memoria para optar ao grao de doutor», presentada por Fernando González-Ariza, baixo a dirección do doutor Ignacio Díez, na Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid en 2004, co título Literatura y sociedad: el premio Planeta. E, ademais, como se cumpriron os 70 anos da creación deste (des)prestixiado e cobizado premio de novela, sempre é bo lembrar a historia dos homes, das institucións, etc. Neste caso, a dun premio que comezou con vontade de «promocionar» a literatura, a novela, en lingua castelá e acabou como acabou.

O Premio Planeta, como se avanzou, concedeuse por vez primeira en 1952. Daquela o premio concedíase en Madrid, supoño que era unha estratexia do dono da editorial, José Manuel Lara, para estar perto do poder e poder tirar beneficios, simbólicos talvez, pero, sobre todo, beneficios económicos. O premio concedeuse en Madrid de 1952 a 1958, ambos inclusive. A partir de 1959 pasou a darse en Barcelona, cidade onde tiña a sede a editorial Planeta. Hoxe, a sede virtual está en Madrid: Planeta sempre dixo, antes de que se «proclamase» –daquela maneira– a «independencia de Catalunya», que en caso de darse tal situación, trasladarían a súa sede, cousa que fixo no 2017, pero o poder, non obstante, continúa a estar en Barcelona. E agora non vou entrar en sarillos máis ou menos ideolóxicos, pero cómpre lembrarmos o que ultimamente saíu na prensa sobre as reunións/entrevistas dun dos máximos directivos do Grupo Planeta, Mauricio Casals, co comisario Villarejo e o xornalista Antonio García Ferreras. Menos se sabe do presidente do grupo, José Crehueras. Digamos que na voda da súa filla se cantouse o himno da Lexión, Soy el novio de la muerte, e que os noivos, como a maioría dos convidados, sabían a letra de cor.

O primeiro Premio Planeta de novela, concedido en 1952, foi ganado por Juan José Mira, pseudónimo de Juan José Moreno Sánchez, coa novela En la noche no hay caminos. Mira embolsou a cantidade, daquela moi respectábel, de 40.000 pesetas. Cartos, de seguro, que Mira (nacido en 1907 en La Puerta de Segura, Jaén) necesitaría: loitara no campo republicano, era membro do Partido Comunista –no que militou até o seu pasamento–, ao acabar a guerra foi ingresado nun campo de concentración e unha vez liberado, para despistar, supomos, a policía, estivo un tempo en Galicia, traballando de albanel. Logo foi para Barcelona. Escribiu diversas novelas e unha historia da novela policial. E, en certo modo, desapareceu. Morreu en 1980, en Lloret de Mar. Durante anos, o vello patrón de Planeta, José Manuel Lara, gardou os cartos que lle correspondían por dereitos de autor, pois nada sabía de Mira. Ao final, entregoulles eses cartos aos herdeiros do escritor. Como curiosidade, digamos que Julio Rodríguez Puértolas, na primeira edición da súa Historia de la literatura fascista española, colócao entre os escritores franquistas, o que é dabondo grave. Na segunda, tal nome xa non aparece, como outros que Rodríguez Puértolas incluíra na primeira. O finalista daquel primeiro Premio Planeta recaeu na novela Tierra de Promisión, de Severiano Fernández Nicolás. Até ben entrada a década de 1970, o finalista non tería dotación.

Escritores nacidos en Galicia gañadores do Premio Planeta

Este cobizado premio só tivo dous gañadores que naceran en Galicia. Dous escritores de moita sona pero, para quen isto asina, no seu xa declive literario cando se fixeron co galardón. Por outra banda, as novelas con que gañaron ou eran directamente malas ou nada engadían á obra realizada.

O primeiro foi Gonzalo Torrente Ballester, no ano 1988, coa novela –que algúns alcuman de autobiográfica, cousa que negaba o autor– Filomeno a mi pesar. A novela non era gran cousa, mais no fondo non era das peores que argallou Torrente Ballester despois do éxito de La saga/ fuga de J. B. Evidentemente, nada engadía á obra do ferrolán, pero esta(ba) escrita de tal maneira que o comprador habitual do premio (habería que ver se lector) non ía topar dificultades engadidas e, quizais, pensaría aquilo de «que novelón!» Con este premio, Gonzalo Torrente Ballester embolsou a cantidade de 20 millóns de pesetas. Logo virían os, daquela, escandalosos descontos de Facenda –hoxe corrixidos por sentenza do Supremo, se mal non lembro[1]. O libro vendeuse o que normalmente se vendía daquela un Premio Planeta.

Un Planeta non «resultón», normalmente adoita(ba) recadar o investido: o valor do premio mais toda a parafernalia (comidas, regalos á prensa e cea final nalgún hotel de postín de Barcelona.

Como anécdota diremos que a comida que se daba na cea era intragábel; non así a comida que se lle daba á prensa un ou dous días antes do fallo do premio –por mor do meu traballo, tiven que asistir a tres desas ceas e dúas da prensa. Se era un éxito, podían superarse o millón de exemplares vendidos.

O fracaso (sic) ese 1988 foi a novela finalista: El triángulo. Alumna de la libertad, de Ricardo de La Cierva, o historiador e político franquista, que embolsou 5 millóns de pesetas, que me gustaría saber se a editorial os recuperou nalgún momento. Se a novela de Torrente era a obra dun home que sabía facer unha novela, aínda que ás veces entraba con dificultades niso que Maurice Blanchot denominaba «espazo literario», a de De La Cierva, que só folleei, deume a impresión de que era, simplemente, unha acumulación de frases.

Seis anos despois, é dicir, en 1994, cinco anos despois de que lle concedesen o Premio Nobel e un ano antes do Premio Cervantes, gaña o Premio Planeta de Novela, Camilo José Cela, coa obra: La cruz de San Andrés. Para algúns a peor novela do padronés, aínda que segundo outros a novela non é del, senón de Carmen Formoso, non o sei, e, en realidade, dáme o mesmo. Cela ingresou brutos, e dicir, sen os descontos correspondentes do Ministerio de Facenda, 50 millóns de pesetas. Cartos que a editorial nunca recuperou, nin mesmo co escándalo do posíbel plaxio. Tivo, a editorial, a sorte da finalista, a popular Ángeles Caso (daquela, presentadora de TV), coa novela El peso de las sombras, que lle supuxo, de entrada, un ingreso –sempre en bruto –de 12 millóns de pesetas. Desta novela vendeuse o suficiente número de exemplares para que a editorial recuperase, e aínda gañase, todos os cartos investidos. [Hogano cómprense 20 anos da morte de Cela. Algúns dos seus turiferarios enchen os xornais dando grandes noticias: encontrado o manuscrito de tal obra do autor de La Colmena, etc. A verdade, e iso sábeno todos os libreiros, e tamén os de vello e de lance: Cela non vende un libro, e por moita propaganda que lle fagan, a cousa, infelizmente (porque ten tres obras boas, para min; no resto, hai de todo, aínda que a morralla é maioritaria) continuará así durante algún tempo, logo ao mellor a cousa corríxese, quen sabe. E a continuar con Cela, segundo certas linguas, adoito ben informadas, durante un tempo Cela publicou artigos e galego nun xornal do país. Os responsábeis do xornal decatáronse de que Cela o que facía era mandar traducir uns artigos que publicara nos anos 1940 e 1950 e llos entregaba como orixinais inéditos. O xornal despediu o multipremiado escritor.)

Ningún galego ou galega máis gañou o cobizado «galardón».

Finalistas nacidos en Galicia

No 1956 o Planeta foi para Carmen Kurtz con El desconocido. O galego Raúl Grien foi escollido no segundo posto pola súa novela A fuego lento. A novela que, ao contrario do que aconteceu con obras que quedaran finalistas ese ano, non a editou Planeta, como sería de esperar, senón que foi publicada pola Editorial Mateu. O máis interesante (sic) de toda a obra de Raúl Grien talvez é a polémica que mantivo, por 1966 ou 1967, na revista Irmandade galega, de Caracas (daquela dirixida por Celso Emilio Ferreiro), cun dirixente da Unión do Pobo Galego que asinaba, só lembro o apelido, como Sucasas e que non era outro que Xosé Luís Méndez Ferrín. Grien mantiña posicións anti-idioma galego.

Haberá que esperar ao 2003 para que unha escritora nacida en Galiza sexa finalista do Premio Planeta, aquel ano ganado polo chileno Antonio Skármeta con El baile de la Victoria. Susana Fortes é autora da novela El amante albanés. O premio foi de 150.250 euros.

Tres foron os autores galardoados con este título ao longo da historia.

A mesma cantidade levou outra escritora tres anos despois, no 2006 O ano que gañou o Planeta La fortuna de Martina Turpin, do santanderino Álvaro Pombo, foi finalista Marta Rivera de la Cruz, con En tiempo de prodigios. Como «curiosidade» digamos que Álvaro Pombo pertenceu ao partido de Rosa Díez Unión Progreso y Democracia, e que Marta Rivera de la Cruz foi membro de Ciudadanos até hai dous días.

Agora é conselleira na Comunidade de Madrid (cargo no que recuncou na segunda lexislatura de Isabel Díaz Ayuso, malia na primeira ocupala baixo as siglas de Cs).

Presentar, presentáronse moitos escritores galegos ao Planeta, e a maioría, como era de esperar, non pasaron das primeiras «cribas». Destes que non chegaron só lembro dous nomes: Aurelio Miras Azor, que se presentou ao premio coa novela La juventud de Pepa Loba, editada logo en 1968 por conta de autor, e a versión en castelán de O tempo redimido, de Silvio Santiago.

Velaí, xa que logo, a relación de escritores galegos que quedaron entre os finalistas do Premio Planeta.

1956. Entre as novelas que chegaron ás últimas votacións estaba Los que se fueron, de Concha Castroviejo, novela que editaría o ano seguinte Planeta. Hai pouco foi reeditada por Ediciones El Viento, da Coruña.

1957. O premio levouno a novela La paz empieza nunca, de Emilio Romero. A novela finalista foi Siete puertas, da ilicitana Elisa Brufal: a literatura entraba no Premio Planeta como un elefante nunha «cacharrería», porque tanto a novela gañadora coma a finalista eran á literatura o que o PP á democracia.

O galego Carlos de Arce estivo entre os finalistas coa novela La ciudad desierta. O chantadino escribiu máis de cen libros, de toda caste, desde unha biografía de José Antonio Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, até un libro titulado Grandeza y servidumbre de 20 Premios Planeta (Barcelona, Picazo, 1972), pasando por obras como Cocinar con puré de patatas ou Juegue con sus hijos, e unha serie de novelas criminais (no dous sentidos da expresión) e outras, moitas delas asinadas co pseudónimo de Paul Reader).

1960. Gañou o premio a novela El atentado, do comisario de policía Tomás Salvador, que exercía en Barcelona. A novela finalista titulábase El borrador, de Manuel Sánchez Martín, que usaba o pseudónimo case homónimo Manuel San Martin. Nacido en 1930, finou en 1963, o mesmo ano en que gañaba o premio Leopoldo Alas de contos. O segundo posto continuaba sen dotación.

O nome de dous escritores nacidos en Galicia están na lista de finalistas: José Fernández Ferreiro con La Garduña, e o chantadino Carlos de Arce con Ramassage.

1961. o premio foi para Torcuato Luca de Tena, coa insufríbel La mujer de otro, que lin cando tiña catorce ou quince anos (gozaba, entre rapaces da Rúa un pouco maiores ca min, dun prestixio de novela erótica/pornográfica que non aparecía por parte ningunha) e me aburrira grandemente. Mesmo cheguei a ver 10 ou 12 minutos da versión cinematográfica que dirixiu Rafael Gil. O membro da familia propietaria do diario ABC levou 200.000 pesetas, a novela foi a máis vendida até entón das galardoadas co Planeta, fíxose unha adaptación cinematográfica, como se dixo e, segundo os estudosos, lanzou o premio Planeta á carreira. O segundo posto foi para Andrés Avelino Artis (Sempronio), que viña do catalanismo de dereitas e era colaborador de diversos medios escritos barceloneses, entre eles a revista Destino. Ese ano, o galego que quedou finalista chamábase Xavier Costa Clavell cunha novela titulada Los malogrados. Poucos anos despois, Costa Clavell sería un dos lectores que cribaban as novelas que chegaban á editorial Planeta para o premio. E esta novela: queimouna, ou reconverteuna, e forma parte dunha serie de novelas que, con pseudónimos diversos, publicou Costa Clavell?

1965. O primeiro premio foi para Rodrigo Rubio coa novela Equipaje de amor para la tierra. Finalista foi a novela do franco-falanxista Julio Manegat, Spanish show. Os escritores nacidos en Galicia que chegaron a finalistas foron:Manuel Blanco Tobío, cunha infumábel obra titulada Víspera de juicio final, e Carlos de Arce, con El suburbio de don Tomás.

1967. Gañou a novela de Ángel María de Lera, Las últimas banderas, que se converteu no Planeta máis vendido. O segundo premio foi para Tiempo de morir, do comisario de policía arxentino Eugenio Juan Zappietro. O finalista continuaba sen cobrar, e o ganador facíase con 1.100.000 pesetas. A novela do escritor galego que quedara entre os finalistas titulábase El Terrorista, e o seu autor era Antón Risco.

1969. O premio foi para o exiliado Ramón J. Sender con En la vida de Ignacio Morel. Sender escribiu boas novelas, novelas infumábeis e novelas mediocres: a gañadora do Planeta podemos incluíla entre estas últimas. Curiosamente, a que si era unha boa novela, que aínda hoxe se le con agrado, era a finalista: Redoble por rancas, do peruano Manuel Scorza. O escritor galego que estaba entre os finalistas era Xosé Fernández Ferreiro, e a novela titulábase El furor de vivir. Que foi destas dúas novelas de Fernández Ferreiro? Traduciunas despois ao galego e son algunha das súas novelas publicadas na nosa lingua? Fíxoas desaparecer? Ou «canibalizounas»? ou, simplemente, aínda están entre os seus papeis?

1970. O Planeta foi para a novela La cruz invertida, do arxentino Marcos Aguinis. O segundo premio, sen dotación, recaeu en Retrato de una bruja, do escritor vasco Luis de Castresana, autor dun best-seller un pouco lacrimóxeno titulado El otro árbol de Guernica, do que se fixo unha versión cinematográfica. Castresana gozou de certo renome nos anos do franquismo, logo, de súpeto, esmoreceu completamente. Ese ano o escritor nacido en Galicia cuxo nome figura entre os finalistas é Julio Vázquez Gimeno, que asinaba como Julio V. Gimeno, tanto os seus libros (era considerado un escritor humorístico) como os seus artigos en La Región, onde comezou a traballar en 1937, despois dun periplo de emigrante na Arxentina. A súa novela titulábase El Pantano.

1971. Condenados a vivir, de José María Gironella, recibe o premio. Finalista quedou Seno, novela de Ramiro Pinilla, quen en 1960 gañara o Premio Nadal con Las hormigas ciegas. Polo ano 2004, foi redescuberto pola editorial Tusquets, e Pinilla converteuse nun escritor á vez de vendas e de culto. O único escritor galego que estaba entre os finalistas foi o mesmo que o ano anterior e coa mesma novela, non sei se corrixida ou non, é dicir, Julio V.Gimeno con El Pantano.

1973. A dotación do Premio subiu a dous millóns de pesetas, que levou o barcelonés Carlos Rojas pola súa novela Azaña –Rojas foi acusado de plaxio. Na esteira desta novela, Rojas logo escribiu novelas con García Lorca, El ingenioso hidalgo y poeta Federico García Lorca asciende a los infiernos, coa que gañou o Premio Nadal en 1979, e en 1986 Planeta publicoulle Memorias inéditas de José Antonio Primo de Rivera. O segundo premio continuaba sen dotación, e foi para Mercedes Salisachs por Adagio sentimental, novela altamente non-recomendábel pola súa calidade literaria. Ese ano recuncaba como finalista Antón Risco con En un lugar de la Mancha.

1980. Gañou o premio Volavérunt, de Antonio Larreta, escritor uruguaio exiliado, coñecido por ser un dos guionistas principais da serie de TVE Curro Jiménez, «el bandido de UCD», segundo a oposición. En realidade, os 8 millóns de pesetas gañounos Larreta porque o dono da editorial, José Manuel Lara, pensou que a novela a escribira Jesús Aguirre, que había menos de dous anos casara coa duquesa de Alba. Os dous millóns para a novela finalista foron para El aire de un crimen, de Juan Benet, a quen seica se lle prometera o primeiro premio. Entre os finalistas estivo o falanxista e coñecido crítico de arte Carlos Areán, coa novela Comunismo año 3000. Que saibamos nós, esta novela nunca se editou: estará o orixinal na doazón que Areán lle fixo á Xunta de Galicia?

1984. O premio subira a 12 millóns de pesetas. Gañouno Francisco González Ledesma con Crónica sentimental en rojo –que posteriormente foi levada ao cinema por F. Rovira Beleta; sobre o cobro por parte de González Ledesma dos dereitos de adaptación cinematográfica da novela, véxanse as excelentes memorias do escritor: Historia de mis calles (Barcelona, Planeta, 2006)–, e os 3 millóns para a novela finalista foron para El año del wolfram, de Raúl Guerra Garrido. A galega entre os finalistas foi Marina Mayoral, con Contra muerte y amor.

2001. Este ano a dotación do premio subiu aos 100 millóns de pesetas e a da finalista aos 25. Leváronos ese ano Rosa Regás, con La canción de Dorotea, e a chilena Marcela Serrano, con Lo que está en mi corazón, respectivamente. Este ano aparece entre os finalistas o nome de Ana R. Pereira, coa novela Latidos inciertos. Era galega esta autora? O que sabemos certo que si, era Antón Costa Gómez, que presentou a novela Las Campanas. Esta novela esta publicouna dous anos despois editorial de La Luna Libros. Costa Gómez publicara en galego en 1985, na efémera editorial Algalia, o libro de narracións O delirio do lume.

Seguro que houbo escritores galegos que se presentaron e dos que nunca saberemos o nome. Primeiro, porque existía unha gran «criba» antes de que as novelas chegasen aos membros do xurado, e, en segundo lugar, porque moitas das obras presentábanse con pseudónimo; pseudónimos que nunca saberemos a quen pertencían. Eu apostaría que máis dun escritor galego, en galego, se presentou a tal premio: mágoa non o gañase, non pola literatura (literatura e Premio Planeta adoitan estar rifados) senón porque de seguro, fose o ano que for que o gañase, a súa situación económica melloraría «unha barbaridade». A literatura e, ás veces mesmo a ética, como diría Rimbaud, «elles sont ailleurs».


[1] Durante moitos anos, os descontos de Facenda ao monto dos premios literarios rozaban, segundo a cantidade, o 50% ou máis. Ou sexa, vostede gañaba o Planeta en 1988 e dos 20 millóns ao mellor quedábanlle 11. Téñase en conta que os millóns do Premio Planeta (e a maioría, por non afirmar que todos, dos outorgados por editoriais) son un avance sobre os libros vendidos, é dicir, como se fose unha especie de salario avanzado. O Supremo tomou nota e corrixiu os descontos, neste caso abusivos, de Facenda

2 thoughts on “O Premio Planeta e Galicia

  1. Son tres os escritores nacidos en Galicia que gañaron o Premio Planeta.

    Falta quen ademais foi o primeiro galego en levar o galardón: Fernando Bermúdez de Castro, nacido na Coruña en 1923 e licenciado en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1947.

    Na obra gañadora do premio Planeta o 15 de outubro de 1958, “Pasos sin huella” narra a odisea dun estudante galego en Londres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *