O tabú da calidade literaria
Eva Moreda.
Escribía Xesús González Gómez hai unhas semanas que entre os ata agora cincuenta e oito dedicatarios do Día das Letras Galegas houbo “desde o melloriño da nosa literatura até autora/es cuxa obra vai de ínfima a infumábel, pasando por ilexíbel, inaguantábel e dunha calidade literaria por debaixo de cero ou superior a cero en só medio punto, ou de mínima produción e esta non precisamente excelente”. Estas afirmacións non sei se procede clasificalas de “segredo a voces”: non ando eu moito polos círculos da filoloxía, da crítica literaria ou dos escritores e escritoras, pero si que máis dunha vez con algún filólogo, algún crítico, algún escritor, temos comentado que a obra deste ou estoutro autor distinguido era en realidade un tixolo, aínda que logo en público todo fosen louvanzas e poñer os ollos en branco. Algunha vez –poucas– si teñen saído escritos na liña do de González Gómez, pero sempre sen nomear autores concretos: e non é que me pareza iso mal tampouco, que supoño que sempre haberá un aquel de pudor, de “e serei eu a que estarei errada, pobriña”.
Non vou eu tampouco falar aquí de autores concretos, pero si de algo que González Gómez coa como non querendo a cousa: a calidade literaria, que nas nosas letras (e noutras, por que non, tamén: deixamos a un lado xa o excepcionalismo) xa se converteu nunha auténtica F-word, ou por dicilo en enxebre: o palabrón ese que empeza por F, tamén na nosa fala. E digo que é unha F-word porque, aínda que non me vou poñer aquí tremenda falando aquí de censura, que non é en absoluto o caso (eu mesma falo nesta revista de calidade literaria, ou inténtoo, cada semana ou cada dúas, e non me pasou nada ata agora), o que si hai é un aquel de que falar de calidade literaria é de mal gusto, de mal ton, non procede, hai cousas máis importantes das que falar, cala nena que molestas, etc.
Que o da calidade literaria sexa un F-word, porén, vale tanto para cando se fala das Letras Galegas como para outros barrios do noso sistema literario: e tampouco, novamente, é algo que nos pase só a nós. No mundo académico, aquí e alén, hai décadas xa que a calidade literaria deixou de ser o criterio principal no estudo de obras e escritores. Hai aquí varias razóns e varias tendencias, procedentes de diversas correntes de pensamento e metodoloxías (estudos de xénero, posmodernismo, estudos culturais, etc.). Atopamos, por exemplo, correntes que acertadamente examinan como o concepto de calidade literaria, de certa calidade literaria, se usou para marxinar certos tipos de literatura tradicionalmente producida ou lida por grupos marxinados. Atopamos tamén que se decatan de que o papel que ten a literatura na sociedade non se pode entender simplemente facendo unha análise, por minuciosa que sexa, dun poema de Keats. E tamén correntes que sosteñen que, dado que a calidade literaria non é un feito obxectivo, tan válida é unha opinión dunha obra coma outra: por exemplo, públicase como crítica literaria, académica ou da outra, un resumo de contido que podería facer un estudante de bacharelato acompañado dun comentario dos “tropos” ou “temas” que trata a obra e a afirmación de que son moi importantes e valentes, etc.
Moitas destas correntes coincidía que comezaban a desenvolverse ao mesmo tempo que se celebraba o primeiro Día das Letras Galegas; non creo, porén, que que influísen moito na Academia entón nin que o fagan agora, polo menos directamente (aínda que isto se cadra daba para un estudo). Penso máis ben que a Academia, individual ou colectivamente, chegou por intuición a algunhas das mesmas conclusións: que, sobre todo á altura dos sesenta, os setenta, cunha literatura con nada máis que cen anos de antigüidade e sometida aos atrancos que todos sabemos, utilizar o criterio de calidade literaria que se lles aplica aos clásicos de sempre de literaturas normalizadas e hexemónicas igual non daba os resultados desexados; tamén, que a aplicación dese criterio podía ser inxusta no sentido de que quedarían fóra nomes sen os cales, polo seu labor de dinamización, edición, erudición, etc., non se entendería a historia da literatura galega: unha visión, xa que logo, da literatura como práctica social e non só estética ou artística, na liña das correntes mencionadas anteriormente e que no caso de Galicia se ve especialmente clara. Ao mesmo tempo, este abandono do criterio da calidade literaria como criterio exclusivo dáse noutros ámbitos das nosas letras que non son o Día das Letras Galegas: premios (á obra inédita, á obra publicada, á carreira literaria: non todos, claro), publicacións de crítica literaria académica e da outra, certas coleccións e reedicións, etc., e aquí si que creo que xa hai influencia de correntes máis globais, implícita ou explícita.
Hai, porén, un problema: que, sendo como é unha F-word a calidade literaria, non se admite nunca claramente que se deixou ou se pretende deixar de lado, por que e cales son as consecuencias de facelo no caso concreto que se está a tratar. Mesmo moitas veces se fai uso sen pudor ningún de mecanismos e prácticas que tradicionalmente se asociaron coa calidade literaria sen problematizalos. Por exemplo: a obra do dedicatario ou dedicataria das Letras Galegas, case sen excepcións, recibe cada ano o tratamento que tradicionalmente se lle viña dedicando ás grandes obras, é dicir, aquelas das que se pretende demostrar ou se lles supón a calidade literaria: así, temos textos sometidos a diseccións minuciosas que, francamente, dan a risa, porque está claro que o material non o resiste; resistiría, como moito, un resumo de contido. Non sería máis honesto levar o estudo do homenaxeado ou homenaxeada por outros camiños que resistisen mellor a análise crítica? Igualmente noutros ámbitos da nosa literatura: escápaseme sempre un sorriso con algo de malicia cando algún dos nosos escritores afirma que a súa obra se estuda en universidades estranxeiras, e isto o fai como dando a entender que isto proba a súa calidade literaria. Pois non. Pode ser ou pode non ser. Iso, por si só, non quere dicir nada.
De seguro que moitos lectores desta revista estarán a pensar: Pois vaia: mira que descubrir a estas alturas que a calidade literaria importa pouco, que hai outras cousas e que sexa como sexa é difícil apreixala entre os dedos, etc. Pero hai unha cousa: estes lectores dos que falo son, digamos, lectores profesionais: non porque lles paguen as lecturas ao peso senón porque as escollen (as escollemos) e as fan sen estar necesariamente guiados polo concepto de calidade literaria: académicos, Académicos, críticos literarios, escritores con gana de aprender (sequera aprender o que non se debe facer), algún xornalista cultural, tamén algún lector de pé ambicioso con gaña de entender que demo é este da literatura. Unha pode, por exemplo, estar interesada nas novelas modernistas de Dorothy Richardson (1873-1957, que algúns sinalan como a pioneira do stream of consciousness: case nada) e dar en roer nalgunhas outras novelas de autoría feminina da mesma época, do mesmo país, moitas delas bastante middlebrow, para ver de onde sae Richardson, de onde saen os temas que trata e que é o que fai que ela poida seguirse lendo con pracer e moitas das súas contemporáneas non tanto. Pero fóra deste círculo (que coido que na literatura galega representa unha porcentaxe sobre o total dos lectores meirande ca noutras literaturas), a calidade literaria segue sendo un valor ao que se lle dá, de diversos xeitos, importancia (e non é o mesmo –non fará falta dicilo– calidade literaria cando falamos de Thomas Pynchon que cando falamos de Agatha Christie). Impórtalle, aínda que pareza un paradoxo, á xente que non le nunca ou moi raras veces: a ver se non por que un autor de folletíns (de malos folletíns), como Pérez-Reverte, ía estar lampando ata a náusea por ser académico, por que lle dediquen estudos académicos, por acumular sinais e distincións que se asocian tradicionalmente a ter calidade literaria. Non creo que sexa radical ou afastado da realidade pensar que o galego medio –que, non o esquezamos, le pouco e case nunca en galego–, a non ser que bebese de certos discursos de Galicia Bilingüe e similares, asumirá que se a un escritor se lle dedica o Día das Letras Galegas é porque a súa obra ten calidade literaria, aínda que el ou ela persoalmente logo non teña intención ningunha por achegarse a esa obra.
E dirédesme tamén: Bueno, isto non importa tampouco: se xa non ían ler de todas todas; déixalle que cada un se engane como queira. Porén, importa porque para as nosas letras hai un terceiro grupo de lectores, aínda que seguramente cada vez sexan menos: os que len pero non son lectores profesionais, os que que non van tragar as obras completas infumables dun autor por moito que este fose unha boísima persoa se as tales obras non lles ofrecen algo por si mesmas (desde puro goce estético, por poñernos sublimes, ata un par de tardes de entretemento). Son estes lectores os que é comprensible que poidan acabar cansando de todos nós despois de tanto facer como que: non mentar de entrada a calidade literaria (porque, lembremos, é de mal gusto, de mal ton, non procede), pero logo lanzar alegremente sinais de que está aí, de que existe, de que, como o valor na mili, se le supone.