BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Saturno tamén é Deus’: Na procura do terror

Uxía Casal. AELG.

Eva Moreda.

Sendo como son pouco frecuentes entre nós as reedicións de obras non canónicas, non estaría de máis que Saturno tamén é Deus, de Uxía Casal (Urco Editora, 2017) viñese precedido dun prólogo da autora ou da editora explicando as razóns polas que se decide reeditar estes relatos vinte anos despois da súa aparición en Galaxia. Aínda a risco de caer na perogrullada, podemos imaxinar que, se unha obra se reedita, é porque se pensa que ten algo que dicir máis aló do seu contexto orixinal. E paréceme que esta obra si o ten, por razóns que explicarei a continuación, se ben insisto en que sería interesante saber por que Urco decidiu reeditar esta obra, por exemplo, e non outras do mesmo xénero, do mesmo momento histórico ou escritas por outras mulleres.

O libro consta de catorce relatos que podemos clasificar dentro ficción clásica de terror. Digo “clásica” no sentido de que recollen teimas que xa atopamos no momento de meirande efervescencia do xénero o século XIX: o horror vén causado porque os corpos, as mentes, o mundo natural da nosa contorna (plantas, animais) cobran vida propia e non se subordinan ao racional. É aquí onde me parece que esta reedición dos relatos de Casal pode invitar novas lecturas desde algunhas das correntes críticas xurdidas no ámbito dos estudos culturais nos últimos tempos e que tamén atoparon certo eco entre nós: o ecocriticismo, os estudos do corpo, os estudos animais.

O problema para un lector, digamos, máis preocupado pola estética que pola ética é que estes interesantes temas non sempre atopan a destreza nin a complexidade formal que merecerían. A estrutura da maior parte dos relatos pode reducirse a presentar unha situación na que pasan cousas raras (ás veces o narrador é consciente de que son raras; outras veces non, e o lector ten que deducir que o que alí pasa non é normal); acumúlase rareza tras rareza e, nos últimos parágrafos, preséntase un final que vén aclarar a orixe desas cousas raras e que se espera que sexa sorprendente para o lector. Este é, en realidade, un esquema clásico do xénero, e xa a historia literaria nos demostrou que hai varios xeitos de facelo funcionar. Pode apostarse pola estrutura, dosificando meticulosamente as sorpresas que vai levando o lector e sementando pistas que os máis avezados poidan ir fiando, como atopamos nos exemplos máis populares do xénero. Non é aquí o caso, se cadra coa excepción de ‘Monotonía’. Isto tampouco tería por que ser un problema, como xa dixen, e de feito nos textos do xénero considerados máis literarios atopamos outras solucións posibles: desenvolver a psicoloxía dos personaxes (Poe, Wharton), presentar unha voz narrativa poderosa que arrastre sen remedio (Fole, Méndez Ferrín), crear un universo literario único que pode ter características simbólicas ou non (Hawthorne, García Morales).

O problema é que Casal non opta por ningunha destas estratexias, confiando talvez en que as cousas raras que presenta e o seu sorprendente desenlace poidan atrapar o lector. Si que a maioría das tramas están ben atopadas, pero sen elaboración literaria corren o risco de seren superficiais. O estilo –quitando algunhas páxinas bastante conseguidas en estilo máis coloquial, como ‘Xogo de nenos’– é o habitual que atopamos en moita ficción literaria galega, infelizmente, desde hai xa vinte anos: acumulación de adxectivos, frases ou expresións feitas, sintaxe pouco imaxinativa (“estaba farto de sentirse baleiro, fatal e desoladoramente baleiro”, “virtudes estas que eu valoraba até ao infinito”). Mesmo cando a autora intenta un cambio de rexistro ou técnica (diálogos en vez de narración, presentar a narración en primeira persoa a través dun diario, etc.) non se consegue disipar a impresión de que nos atopamos ante o mesmo esquema repetido unha e outra vez.

É na creación dun universo literario único onde atopamos algunhas das mellores páxinas de Casal. ‘O pequeno Mario’, o único relato que non estaba no libro orixinal senón que veu a luz na compilación Narradoras (Xerais, 2001), crea acertadamente unha atmosfera doméstica de claustrofobia que vén incidir na idea de que o terror procede do noso contorno máis inmediato, mentres que ‘Gaivotas no interior’ nos abre unha fiestra case impresionista ao espazo imaxinado de Bauria. Esta vía, non obstante, vese coutada por unha decisión creativa da autora: na maior parte dos relatos óptase por unha recreación moi minimalista, sen apenas detalles do contexto en que sucede a historia. A maior parte dos relatos poderían acontecer en calquera momento da historia recente entre, digamos, 1960 e 2018, e en calquera lugar do mundo occidental (a única indicación de que algúns dos relatos podería estar ambientado en Galicia está nos nomes dos personaxes). Esta decisión literaria, porén, ten outras vantaxes: axuda en gran medida a que a reedición funcione sen que teñamos que facer demasiada ximnasia mental (esas novelas en que os personaxes pasan un monte de tempo en bibliotecas para averiguar cousas que hoxe levarían cinco minutos en Google!), e proporciónanlles aos relatos unha certa indeterminación e universalidade que vén subliñar a idea de que o terror, en calquera momento e lugar, tende a estar en nós mesmos.

♦Saturno tamén é Deus, de Uxía Casal, Urco, 2017. 168 páxinas. ♠13€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *