BiosBardia

O país dos libros en galego

Sofía Fernández: “Quero que ‘Os corpos fráxiles’ sexa unha carta de amor aos que pasaron pola nosa vida”

Sofía Fernández

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Sofía Fernández

No Torneo Aira de Novelas participan algúns autores e autoras con experiencia nas competicións promovidas por Biosbardia. Eis o caso de Sofía Fernández, que asinou noutrora os seus traballos como Sofía Sicilia. Logo de bater a pluma na Liga Biosbardia do Outono do 2021, retorna cun proxecto longo.

Sofía Fernández naceu en Ourense no 1996. Estudou filosofía, psicoloxía e danza en diferentes lugares. Recibiu diferentes bolsas tanto de estudos coma de investigación e publicou en diferentes medios académicos (Revista Bibliotecas UNA, Verba Volant), divulgativos (A Xanela) ou periodísticos (Vinte na Praza). O seu texto Un verano en Manhattan foi editado polo pequeno selo editorial Distrito93 e está actualmente a traballar coa CUNY University na tradución de catro obras de teatro galego contemporáneo ao inglés, unha da súa propia autoría e outras de Roberto Salgueiro, Teresa Moure e Ernesto Is.

O título do proxecto de novela é Os corpos fráxiles e, segundo a propia autora, “é unha novela que trata a vellez desde o punto de vista da cotiandade, valéndose da dupla corpo novo-corpo fráxil, encarnados a través dunha neta e súa avoa”.

Ese contraste entre as personaxes vai ser un dos cernes da proposta. “Nesta novela, a protagonista narra de xeito pausado o final da vida da súa avoa, que xa ten máis de noventa anos e precisa de coidados por parte da súa familia, pero tamén de persoas externas, institucións e hospitais que a amparen. A protagonista amarra rescaldos do seu pasado, elabora unha investigación memorística que fía a vida da avoa, que indaga sobre o pasado familiar, os tecidos amorosos que existen e, por outra, describe como son as súas visitas á casa, qué fai con ela, como a ve, qué lle di”.

Mais Fernández non só quere compoñer unha historia íntima. “No texto trátanse problemas como a emigración, os padróns familiares, o paso do tempo, a asunción de responsabilidade, a culpa e o amor”.

Sobre o narrador, a autora afirma: “Todos os feitos transmítense a través da voz da protagonista e están encarnados mediante familiares que ela lembra”.

En definitiva, “Os corpos fráxiles trata sobre todo dos coidados e do cariño, e orbita a redor dun sentimento de pertenza que está en constante procura, tanto topográfico coma emocional. O tempo da novela transita entre dous espazos: un presente no cal o corpo fráxil e o corpo novo son os protagonistas, e configuran unha dupla que contrastará narrativamente e estará en constante transferencia sen demasiada reflexión emocional, e un pasado vago no que a historia se construirá en base a contos, imaxes e recordos, todos estes cargados de emotividade. A novela quero que sexa unha carta de amor a todos aqueles seres que pasaron pola nosa vida de xeito fulminante e que pouco a pouco deixan un pouso cada vez máis suave ata desapareceren”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *