BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Todo ser humano é un río’: Da literatura como memoria e da memoria como literatura

Manuel Veiga Taboada.

Todo aquel (ou aquela) que lera O profesor de vegliota e/ou Os xornalistas utópicos podía albiscar que Manuel Veiga podía dar, máis cedo ou máis tarde, o paso que deu co libro que publicou hai uns meses: Todo ser humano é un río. É máis, talvez algún lector, entre os que me conto, botara en falta naquelas dúas novelas a forte presenza do eu que se dá neste último libro narrativo –un eu, con todo, e por sorte, deformado (ou «desviado») e desdobrado. Porque neste libro (novela) Manuel Veiga entra de cheo nun terreo que, teño para min, talvez sexa naquel que mellor se atope: a autoficción. Digo autoficción para entendérmonos todos, é dicir, unha ficción que o autor constrúa a partir de datos que un escritor se de si mesmo. Que os datos sexan certos (verídicos) é o de menos, porque en primeira e última instancia, eses datos son reais e non só verosímiles.

Os once son textos de difícil «catalogación». O primeiro deles, «Os castelos invisíbeis» podía pensar algún lector que é o relato ou a crónica dunha «excursión», e que o último «Casa vixiada», o texto máis longo, é o intento de «historiar» (iso si, cunha versión da historia afín á súa sensibilidade) un pazo e os seus moradores pasados e presente, e algo máis… Outros textos poden semellar, simplemente, narracións ou recordos persoais, familiares. Outros máis, «O campo e o moderno» e mesmo «A caza da balea», «ensaios» en modo narrativo: ensaios no que o autor entrega, non se sei se conscientemente, penso que si, reflexións sobre a dificultade da escrita e, tamén, apuntes da súa «cociña narrativa», por empregarmos unha locución do seu gusto –apuntes, por outra parte, que aparecen aquí e acolá en case todos os textos. Nada de todo isto, e todo isto e moito máis. Os distintos textos, a pesar de que uns poidan semellar afastados doutros pola «temática» conforman un todo no que o escritor, o eu do escritor, é un espectador activo que busca (en van?) saciar unha insatisfacción do seu espírito, de maneira que observa o que hai, o que existe, liberado de prexuízos, mais finalmente, para ben de todos (sobre todo dos lectores) déixase levar polas imaxes e asociacións inspiradas polo que lle sae ao paso: un home, unha muller, seus pais, familiares, unha montaña, unha árbore, a súa cidade natal, a aldea que coñeceu de neno, un cadro, unha lembranza difusa, un amigo, un libro, un castelo, un pazo, un arquivo, etc. Ao se deixar levar polas imaxes e asociacións inspiradas que lle saen ao paso, o que sucede, real como a vida mesma, que diría un presentador de variedades, é insólito, marabilloso, mais tamén, sen dúbida, inquietante. A crueza, ou se prefire, a realidade do presente despregado ante os seus ollos, certos edificios ou lugares abandonados á súa sorte ou algún nomes ilustres (escritores, pintores, historiadores), indúceno a remontar o pasado, a enfiar estorias dentro da historia para mostrar, descubrirnos, na maioría dos textos, un mundo aínda abarcábel, mais decididamente desaparecido. Ou, se se prefire, dentro de cada historia o autor introduce «miniaturas» que aspiran a representar o que é complexo e que, maiormente, o consegue.

Esa realidade, esa crueza, ou máis ben memoria, do presente recupera a vida nunha suma de estorias, que na variedade dos seus matices trazan o destino dos lugares e persoas de que se fala na súa representación moderna. Mais ao trazar ese destino, ao «actuar», en certa maneira, ao estilo tolstoiano, Veiga, o autor que fala no libro, traza finalmente a historia da humanidade na súa representación moderna (Tolstoi: describe ben a túa aldea e estarás a describir o mundo).

Os 12 textos que compoñen o libro (novela?) entretécense entre si non só mediante persoas ou lugares que poidan aparecer nun ou outro, senón mediante a escrita, mediante a linguaxe, mediante referencias lingüísticas, e todos os 12 sométense ao creto da realidade, mimetizan a autobiografía, rastrexan paisaxes naturais e urbanas en procura de vestixios do pasado con préstamos diversos, entrelazan ficción, erudición e realidade, coquetean co ensaio e incorporan modalidades de escrita que proveñen do xornalismo e da, digamos, historia (de aí a pertinencia da cita de Hayden White, pp. 201-202), mais sobre todo semella que guste de mundo imaxinarios no que se desenvolven historias que conteñen elementos que pertencen á realidade, mais elementos que o escritor «ficcionaliza» até convertelos en elementos «inventados» para presentar, para introducir, por etapas, mediante unha escrita impresionista pero cada vez máis «simple» e sobria (adxectivos: os precisos; requilorios ningún, en suma, unha prosa grandemente traballada), a existencia das clases populares, os diversos aspectos da propia infancia, adolescencia e «madurez», a confrontación cos valores dominantes, a aprendizaxe da diferenza, a memoria das vexacións e humillacións sociais, os inicios ou apuntes de revolta… e o dilema entre dúas culturas e dúas fidelidades (cultura popular-familiar herdada/cultura letrada de escola adquirida) que xeran, en certa maneira, un sentimento de dupla non-pertenza están, talvez en contra dos desexos do autor-escritor, no centro desta obra.

Unha das características desta obra de Manuel Veiga (moito máis que as dúas novelas mencionadas ao inicio) sería a súa capacidade de multiplicar e enriquecer as relacións que unha obra literaria pode manter coa vida do autor, co contexto histórico colectivo e coa realidade vivida tamén polos lectores. Mais tamén pode dicirse que o lector non lerá Todo ser humano é un río en función da realidade autobiográfica (ou histórica), senón que as lerá como o que é, unha obra de arte autónoma (dentro da autonomía que goza toda obra de arte), desprendida de calquera referente biográfico ou histórico.

Para acabarmos. Achámonos, penso, ante un libro diferente na narrativa galega dos últimos anos, non só porque lle outorga a razón ao gran Marcel Proust, cando este afirmaba que as mellores creacións literarias son aquelas cuxos autores se esforzan en traballalas colocándose a si mesmos en escena, tirando da autocontemplación unha nova beleza e superior ás súas propias obras, senón porque son unha exploración constante da memoria, unha memoria que chama na súa axuda non só os «feitos» senón as citas doutros autores e, sobre todo, os cadros dos pintores –de aí que lles recomendemos aos posíbeis lectores deste libro que procuren reproducións dos cadros que cita o autor ao longo dos seus textos– e que se «resolve» en literatura ao tempo que mediante citas e intertextualidades a literatura se converte en memoria.

Nos últimos tempos vimos, e limos, moitas novelas que din recuperar a denominada memoria histórica: a maioría destas novelas, galegas e españolas, adoitan, normalmente, ocultar a historia mediante a creación de mitos consoladores e revisionistas (un exemplo son as novelas, de tanto éxito, de Javier Cercas) ou mediante a, digamos, apoteose dos heroes (Laura no deserto, de Riveiro Coello, sen irmos máis lonxe): Manuel Veiga intenta unha reconstrución da historia mediante miniaturas: a propia familia, unhas ruínas, personaxes reais mais descoñecidos, unha excursión, a propia experiencia, feitos e persoas coñecidas, etc., porque, como avisaba xa hai anos Beatriz Sarlo, «toda reprodución do pasado é vicaria e hipermediada, excepto a experiencia que tocou o corpo e a sensibilidade dun suxeito»: os textos deste libro son a narración dunhas experiencias que tocaron o corpo e a sensibilidade do seu autor. (Como tamén, por exemplo acontece coa novela O Café do Idioma, de Xosé Enrique Acuña –e agora semella que estou a facer publicidade de colaboradores desta web, mais non é así.)

En fin, estamos, por outra parte, perante un libro no que a literatura actúa á vez como memoria da historia e como historia da literatura e que, ademais de situar o autor no pelotón de cabeza da actual narrativa galega, vai esixir do seu autor unha ardua, difícil, mais posíbel e desexábel –para todos autor e lectores– superación (se é que nisto da arte se supera algo, como xa temos dito outras veces).

♦ Todo ser humano é un río, de Manuel Veiga. Xerais, 2016. 280 páxinas. ♠18€

XGG.

3 thoughts on “‘Todo ser humano é un río’: Da literatura como memoria e da memoria como literatura

  1. Remateina.
    Debo dicir que o primeiro relato se me fixo tan complicado como a xeografía que transita, de dixestión dura. Mais, unha vez superado, puiden ler unha sucesión de pasaxes esquisitas, de, por que non dicilo, páxinas e páxinas de moi alta literatura, polas que dende aquí transmito o meu recoñecemento e os meus parabéns ao autor.
    Porén, o que ía camiño de se converter nun dos, para min, mellores textos dos últimos anos, véuseme abaixo estrepitosamente no, penso, máis ambicioso tramo final. Recoñezo a aposta do autor, o risco narrativo aceptado, mais as idas e vidas polos recunchos do pazo catalogando o seu contido, marcháronme pola gorxa pequena. Síntoo.

    Malia todo, valente e recomendable proposta literaria que demostra que non todo está perdido.

    1. Ler é doado. Criticar, máis doado aínda. Pero escribir é un traballiño coma outro calquera. Así que iso: grazas a ti por escribilo.
      Saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *