BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Xeórxicas’, manual para bos labregos

Estatua dedicada a Virxilio.

Héitor Mera.

“Comprei por sete pesetas as Rimas de Bécquer, as Bucólicas e as Xeórxicas de Virxilio, cos meus cartiños, con catorce anos”.

Este comentario deixouno dito Bernardino Graña nunhas entrevistas que lle fixeron aló no alborexar deste século. Hoxe, coa conexión “cangueira” tirando da boa literatura, é Rinoceronte, a través da súa colección ‘Vétera’ a que ten a ben publicar unha tradución á nosa lingua do clásico do poeta Virxilio. Que non daría o adolescente Dinito por unha edición coma esta naquela altura?

Pois esta é unha cuestión importante: a iniciativa de editar traballos coma este. Lembremos que en Galicia, fóra algún texto editado por administracións públicas, Rinoceronte é a única editorial que se atreve a publicar traducións de clásicos da Antigüídade e a Idade Media empregando esta ferramenta que é a colección sabiamente dirixida por Raúl Gómez Pato. O que debera xurdir das administracións públicas sae dunha editorial dunha vila como Cangas talmente vaticinou Bernardino Graña ao expor unha demanda cultural de primeira orde sen ser el consciente. Con estas lecturas, así saen poetas.

Esta edición efectuada en prosa, pois o hexámetro dactílico orixinal das Xeórxicas é imposible de traducir respectando rima e ritmo de xeito satisfactorio, responde a unha necesidade que dun xeito ou doutro se veu manifestando na nosa literatura. Coido que é evidente que a calidade da tradución, da edición e da introdución deste traballo desenvolvido por Lucía Gómez Fariña que debe entrar, aínda que sexa esporadicamente, nas aulas de Lingua galega e Literatura dos nosos institutos. A transcendencia que tivo a obra de Virxilio ao longo dos séculos tivo a súa manifestación concreta nos poetas galegos de principios do S. XX. De seguro que se repetiu ata a saciedade dende calquera libro de texto ou dende as clases de profesoras e profesores que autores como Noriega Varela ou Díaz Castro eran debedores dunha influencia clara da poesía virxilianista. É a oportunidade para non repetir isto coma papagaios e expoñer con este texto o porqué desa influencia, os paralelismos e intencións líricas que tiveron os nosos poetas, en gran medida, seguidores do poeta por excelencia.

Por suposto, este achegamento serve tamén de escusa para presentar a figura de Virxilio. As Xeórxicas publicadas no ano 29 a. n. e. son un conxunto de catro libros que fan referencia a diferentes técnicas para os labores agrícolas. O libro, dedicado a Augusto e a Mecenas, pode parecer inxenuo se quedamos nesta interpretación superficial. Moi pola contra, a intención última é política. Non debemos esquecer as intencións sociais e políticas das obras da Antigüídade e o Medievo pois, o interese de Mecenas, neste caso, era promover que a xente se animase a traballar no campo. Parece ser que naquela altura había demanda deste tipo de traballadores. As Xeórxicas son, polo tanto un encargo do benfeitor de Virxilio para que quen o lese tivese a influencia desta poesía para animarse a contribuír co seu diario labor co colectivo.

Lucía Gómez facilita a análise de todas estas cuestións con esta súa tradución (tamén é responsable da introdución e da inxente maré de notas a pé de páxina que facilitan a lectura e agrandan os coñecementos do lector curioso) equilibrada e rigorosa por canto ten, por unha banda, de achegamento á figura e obra deste poeta, como, por outra banda, pola construción e contextualización dun tempo e unha cultura afastados cronoloxicamente, mais tan presentes na nosa cultura.

Unha vez máis, ‘Vétera’ achéganos os clásicos con edicións puídas que, neste caso, de faltarlle algo, coido que podería ser o texto latino orixinario. Mais entendo que non se pode chegar a todo e o resultado non deixa de ser magnífico.

Nesta nosa cultura empequenecida por forzas belixerantes e con moito poder, estas noticias son unha grande alegría por sermos conscientes de que se conseguiu cun esforzo titánico: non é literatura para maiorías polo tanto, non necesariamente comercial, agora ben, fondamente necesaria. Hai iniciativas privadas con arrecendo a compromiso para os máis que como lectores e actores desta sociedade “estupidizada”, debemos ser pé de apoio para que proxectos coma este sigan facéndonos gozar da boa literatura clásica.

Xeórxicas, de Virxilio. Tradución de Lucía Gómez Fariña, Rinoceronte, 2024. 138 páxinas. 17,00€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *