BiosBardia

O país dos libros en galego

A autoedición e a mala literatura

Algunhas reflexións sobre a autoedición (e II)

Lendo sen ler. ANHER/PIXABAY/PEXELS.

Xesús González Gómez.

Todos sabemos que a autoedición é o elo máis débil do recoñecemento literario. Poucas veces os libros publicados en autoedición van máis alá dun círculo restrinxido. Os libros autoeditados son considerados polas librarías como artefactos publicados por xente non coñecida, que non son interesantes e, xa que logo, a súa venda, se a hai, é mínima. Os críticos, se reciben o libro, poden facerlle unha recensión, favorábel ou non favorábel (normalmente, aquel «crítico» que é, digamos, laudatorio cos produtos das editoriais consideradas serias –con capital cultural, que diría un bourdieniano–, cando comenta un libro autoeditado adoita ser condescendente ou aproveita a ocasión para se facer o matón; por outra parte, a maioría dos críticos considera que a autoedición é cousa de incompetentes, literariamente falando). No entanto, esa recensión, e máis se é un pouco favorábel, é, en verdade, un consolo para o autor, xa que o autoeditado, e tamén o editado en contrato de autor, son actores culturalmente dominados que non se liberan da dominación e maiormente aceptan esta dominación: o mercado manda. Ou como nos berraban hai uns anos aos impenitentes, antimercado: «É o mercado, idiota!». É dicir, o mercado crea hoxe no campo literario, como en todos os outros campos, as xerarquías.

Nestes tempos en que os escritores se multiplican sen descanso, as posibilidades de editar son mínimas para o escritor, digamos primeirizo, nunca editado e que ve como a súa obra é rexeitada unha e outra vez polas editoriais ás que a enviou. Ademais, percibe, polas respostas que lle dan que os editores nin miraron a primeira páxina do seu libro; xa que as respostas adoitan ser fórmulas que valen tanto para un roto como para un descosido, sen que nunca lle digan palabra os editores, á parte de si ou non, cos requilorios debidos na segunda opción. Hai excepcións (entre os editores), léase, con moitísimo proveito, Los libros de los otros: correspondencia, de Italo Calvino (Barcelona, Editorial Tusquets, 1994), onde hai cartas dirixidas a autores que enviaban os seus libros á editorial en que traballaba, Einaudi. Por exemplo, a un autor dille: «Por que escribes “a aldea era un rabaño de casas que tocaba o ceo”? Por que escribes que a rapaza tiña “un perfume selvático”? Aínda acreditas nestas cousas? Por Deus, se me dan ganas de romperche a cara?»: non se limitaba a dicir que si ou que non, senón que lía o que tiña que ler e «opinaba» e transmitíalle a opinión ao autor. Como hai excepcións entre os escritores primeirizos: se gaña un premio, sobre todo de narrativa, ten moitas posibilidades, eu diría que todas, de ver a súa obra editada.

Ao ver a súa obra sistematicamente rexeitada, que pode facer o autor: autoeditala. Porque hai que dicilo, autoeditarse, contra o que pensa moita xente, non é de maneira ningunha un certificado de mala literatura, aínda que é moi certo que en literatura se desconfía daqueles que pagan a súa edición para intentar chegaren ao público (cousa que non acontece, por exemplo, co cine; nin na música «pop»). Mais a autoedición, tamén é certo, non goza de distribución axeitada e o libro pode nacer, normalmente nace, morto… agás as excepcións da regra. Se o autor que se autoedita acepta a dominación literaria, non hai frustración. Se non a acepta, se non consente, se considera que autoeditarse é unha herexía, unha ruptura co canon, a frustración pode ser grande ao ver que o seu libro non aparece nas librarías, non é comentado nos suplementos culturais dos xornais nin nas revistas, etc. A autoedición non lle serviu para entrar no mercado literario nin foi o pródomo para fuxir á frustración. Que camiño, xa que logo, tomar?: a posibilidade de pagar, a edición mediante contrato a conta de autor.

Carlos Meixide afirma que non se autoedita, que creou unha editorial na que el é a parte principal do catálogo, mais que está disposto a editar ou autores, que algún que outro xa publicou. Non sei se existe no país algunha outra editorial deste tipo, pero de seguro que si. Sería de agradecer a aparición de editoriais –en principio, pequenas– que podían dedicarse non só a publicar tal cal o orixinal que reciben e que pagará o autor, senón que tamén deberían axudalo, dar servizos de corrección e de estilo, garantir unha distribución mínima, o envío aos medios, etc., gastos que deberían ou deben entrar no que o autor vai pagar. Porque a autoedición absoluta: eu imprimo, eu distribúo, eu… non é aconsellábel. Sempre hai alguén que sabe máis e pode asesorarnos e fai as cousas mellor ca nós. (E, ademais, a modalidade de contrato a conta de autor «supera» os problemas burocráticos e fiscais que se lle poden presentar a un autor que se inclina pola autoedición: ao vender os seus libros, debe declarar esas ganancias a Facenda; a nome de quen pide o ISBN, se distribúe el propio os seus libros, as librarías aceptaranos sen unha factura oficial, etc, etc.?)

A autoedición non é un mal, como tampouco o é o contrato por conta de autor, non significan, nin unha nin outra, de partida, mala literatura, polo que todos debemos ser máis humildes, sobre todo unha certa parte da crítica, que ás veces se laia de que tal ou cal libro estea editado por unha editora sen «capital cultural» ou económico, etc. (De segundo que comentarista, poderíase facer unha antoloxías de frases contra editoras que non son as grandes: editorial de pouca visibilidade, editorial pequena, etc., como laiándose de que ese libro, do que gustou, non fose publicado por unha editorial dos seus «amores»…) As editoriais que hai no país, e o número de lectores, non dan para poder publicarse mediante contrato de editor todos os libros de poesía, ensaio, historia, narración, etc., que están nos caixóns dos seus autores. O escritor pensa no seu libro como necesidade vital, como proxecto da súa obra, que tamén é o seu proxecto de vida –«o escritor non considera de ningunha maneira as súas obras como un medio. Elas son un fun en si. A tal punto non as considera para si e para os demais un medio, que sacrifica, se é necesario, a súa propia existencia á existencia das súas obras e adopta, aínda que doutra maneira, o principio do predicador relixioso: obedecer a Deus máis que aos homes. El mesmo é un deses homes, coas súas necesidades e desexos humanos [….]», Karl Marx, quen, en certa maneira, sacrificou a súa vida ao que consideraba a súa grande obra: O capital. O editor pensa no libro como mercadoría, o que é lóxico, porque se trata do seu negocio e a súa obriga é mantelo, de aí que elixa os libros que pensa que serán rendíbeis, aínda que de cando en vez poida permitirse un «capricho». E, polo tanto, non pode publicar todo nin todos os libros que lle envían, polo que, como no Evanxeo, moitos son os chamados e poucos os elixidos. E o único camiño que lle queda ao non-elixido, mais que se pensa escritor, que é escritor, que vive para as súas obras, é a autoedición ou, mellor, a edición mediante contrato de autor. Porque en teoría serán uns profesionais quen argallen o seu libro, quen llo distribúan, quen o envíen a críticos ou comentaristas, que polo mero feito de comentalo ou dar noticia da súa aparición xa lle entregan, como mínimo, unha acta de nacemento, etc. Esperemos que esta modalidade de publicación floreza entre nós, porque pode ser un camiño para a renovación tanto da edición como da nosa literatura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *