BiosBardia

O país dos libros en galego

Cando os grupos beat se atreveron a cantar en galego

O conxunto vigués El Clan anuncia que gravará cancións en galego.
O conxunto vigués El Clan anuncia que gravará cancións en galego.

Xosé Enrique Acuña.

Foi a radio, quen ía ser se non, a que un día puxo en contacto a mocidade galega cunhas cancións, ben distintas ás que escoitaran, e que desde as ondas se lles aparecían  cunha sonoridade que os seus sentidos ao momento recepcionan como toda unha revolución sonora. Aconteceu, en Galicia e á vez por todo o mundo, cando as emisoras decidiron radiar os primeiros e máis sorprendentes discos de The Beatles. Un estudante de bacharelato de Pontevedra foi un deses que pensou —como tantos outros polo mundo adiante– que era todo un elixido aquel día que escoitou por vez primeira She Loves You, o tema composto en 1963 por John Lennon e Paul McCartney. Xulio Xosé Pardellas de Blas, alumno do instituto que tiña como director eterno a Filgueira Valverde, e o que co tempo sería un reputado investigador universitario e mais tamén deputado socialista, lembrará sempre como partillou de inmediato o impacto recibido coas súas amizades xuvenís. As mesmas que, en paralelo, gozaban de tan xeracional descubrimento musical.

Esta historia, a dos comezos da música beat, repetida ao, longo do mundo informado e occidental, marcou un grupo de amigos que conformaban a típica “pandilla” vilega; das armadas na contorna dun instituto e que até ese momento só pensaba, a maiores do estudo e das pasantías, en xiras polos montes que arrodeaban a cidade, o aluguer de barcas para ir ás praias ou escoitar discos na jukebox do bar Coral e xuntarse nos parques e xardíns en torno ao amigo que na guitarra, como máis atrevido, tocaba e cantaba pezas do Dúo Dinámico. O de The Beatles xa era outra cousa e o non ter nin idea de inglés tampouco lles tiña. O encontrón con aquela música, con aquel xeito de cantar (e berrar), con aquela estética de perreras e cabelos longos, significaba unha ruptura radical con todo o que previamente tiñan escoitado. E eles querían se sumar, vivilo.

Pardellas e os seus amigos, espelidos e atentos ás novidades, souberon tamén que na súa cidade funcionaba un Ateneo que se mostrou disposto a admitilos como socios xuvenís. En nada, estes estudantes daquel bacharelato chamado superior sentaban nos sillóns da sede ateneísta para neles escoitar a revolucionaria música, privilexiados que se sentían, no tocadiscos hi-fi da entidade cultural. Conseguiran, para súa sorpresa, que o seu presidente Afonso Zulueta de Haz, un notario que chegaría a ser presidente do Consello da Cultura Galega en 2002, atendera a primeira petición que sen disimulo lle estendera a creada sección xuvenil: a de comprar para a discoteca do Ateneo nada máis e nada menos que a totalidade da discografía publicada até ese momento polo cuarteto de Liverpool. Os froitos cultos desta aposta chegarán o 17 de marzo de 1966 cando os bachareis ateneístas xa se atreven a impartir, moi no estilo doutras actividades do Ateneo (un mes antes alí conferenciaban Torrente Ballester, Leopoldo Nóvoa ou Gonzalo Anaya Santos), unha charla a xeito de “audición musical seguida de coloquio”. Atendeu ao título de “Los Beatles, jóvenes artistas” e dela se responsabilizaron, como relatores, Marián Diéguez Dapena e o propio Xulio Pardellas. Con eles, a colaboración de Armando Guerra, un mozo que por eses mesmos días se estaba a converter no primeiro músico beat pontevedrés: dos que se atrevía a lucir —entre insultos de maricón! ou a soportar frases do estilo de Se foses  traballar…— unhas longas e pioneiras guedellas polas rúas gobernadas por un Filgueira Valverde, tamén alcalde franquista.

Unha caricatura de Lalo representando un beat cantando en galego, 1968.
Unha caricatura de Lalo representando un beat cantando en galego, 1968.

Esta historia, até o momento pontevedresa, podería ser narrada de xeito clónico, no que toca ao descubrimento de The Beatles e o resto dos grupos beat, por todas as cidades galegas, con outros nomes e apelidos e á vez a sumar as denominacións que adoptaron un significativo número de conxuntos electrificados creados con intención de imitar uns ritmos que a radio, o cine, a democratización do tocadiscos e a aparición de clubs e boîtes estenderon. Malia o que se pode pensar, estes conxuntos non foron nin moito menos os primeiros en utilizar guitarras eléctricas (grupos galegos pre-beat, todos excelentes, como Los Blues, Los Tamara, Los Chicos, Los Capris, Los Gales, Los Españoles, Los Chicos, Los Players ou Los Tumberos xa as utilizaban desde finais da década dos 50 e nos primeiros 60) mais si foron os que popularizaron definitivamente entre os máis novos a música electrificada con orixes americanos e británicos.

Nacen os conxuntos beat

O dinamismo mostrado polos socios xuvenís do Ateneo de Pontevedra ante a nova música levounos a intentar subir un chanzo no seu activismo. Un ano despois xa se empeñan en organizar un festival que reunise na súa cidade os mellores conxuntos de Galicia. A actividade festivaleira xa era coñecida noutras poboacións por medio de concursos musicais organizados, as mais das veces, polas emisoras de radio locais. Famoso fora aquel “Micrófono de Oro” polo que pulou Radio Lugo durante anos e que tivo na edición de 1963 a primeira presenza activa de conxuntos de estética e práctica beat. Neste evento, xa en 1966, actuarían grupos como Los Santos e Los S.N., os dous de Vigo, Los Flavia de Sarria, Los Camons de Monforte ou Los Magos de Lugo. La Voz Sindical de Lugo organizará, neste caso en Monforte en 1966 e 1967, o “Festival de la canción ligera”, mentres que en Ourense, por parte nesta ocasión de La Voz del Miño, celebrábanse festivais nos xardíns do Posío con presenza de grupos como Los Dráculas, Los Wagner ou Los D-Z de Vigo. Conxuntos aos que, xunto outros que actuaron no “Micrófono” de Lugo en 1968 (Los Cirios, Generación 49, Los Bayars ou Los Truenos) habería que sumar a todos aqueles, moitos, que foron nacendo en Vigo ou actuando nos festivais que nesta cidade, como aquel que en abril de 1966 se celebrou, con enorme éxito e xa a utilizar a denominación “ye-yé”, no teatro García Barbón. E aínda poden aportarse nesta verdadeira avalancha fundacional de conxuntos beat a grupos como Los Mink’s, Los Diávolos, Los Greeps, Los Murciélagos, Los German’s ou aqueles Los Stags, no que era guitarra Fernando Ferreira Priegue, e quen, décadas despois, será historiador privilexiado de toda esta época precursora. Tamén Los Panter’s, Los Robins, Los Nibelungos, Los Doblones, Los Temples, Los Condor’s, Los Rebeldes, Los Munster, Los Tiráns, Los Olímpicos ou Los Watios, que, a sumar exemplos semellantes xurdidos por outras vilas e cidades, é preciso citar como exemplo da rápida extensión por Galicia do movemento musical xuvenil que alumeou e se desenvolveu, sobre todo, desde a recepción dos primeiros discos de The Beatles.

1968: Un festival beat co galego como lingua

A ausencia de cancións en galego no repertorio de todos estes grupos era totalmente maioritaria. Mesmo nin se sopesaba. En tempos no que xa se escoitaban as cancións daqueles cantautores que impulsaron Voces Ceibes, os conxuntos nacidos desde o beat e o rock, por causa de serios condicionamentos políticos e sociais propios da sociedade franquista, non se lles pasaba pola cabeza montar ou harmonizar pezas no idioma do país. Cantaban en inglés, moito en español, non poucas veces en italiano e mesmo se atreveron co francés. Mais o galego (todos recibiran a educación exclusivamente en castelán) estaba distante de ocupar un lugar nas súas actuacións en directo ou nas súas composicións. Unha situación, a de minusvaloración do galego como lingua apropiada para os novos ritmos xuvenís,  foi o que quixo ser solventada desde o entusiasmo dun grupo de mozos pontevedreses que non sobrepasaban os 18 anos. O inicial intento tomaría o nome de “1º Festival Gallego de conjuntos músico-vocales” que terá lugar o 4 e 5 de agosto de 1967, días de vacacións e festas, no Silos Club, un parque que antes acollera os elitistas bailes de verán do Liceo Casino pontevedrés.

O grupo organizador estaba integrado por aquel fato de socios xuvenís do Ateneo no que figuraba Pardellas e no que, con diversas funcións, tamén formaban parte outros mozos que igualmente compartían actividades culturais relacionadas co cine e, sobre todo, co teatro. Manuel Yáñez (co tempo fotógrafo da revista Teima e cámara de TVE), Enrique Torres Mato (despois químico), Martín Marticorena (bancario cos anos), Amando Guerra (o que sería desde os Royal Juvent Group un dos grandes músicos pontevedreses dos 60 e 70), Raimundo Martínez Criado (que desenvolverá labores de crítico musical en Barcelona) e un Rafael López Torre (que se converterá nun destacado xornalista tanto en medios madrileños como galegos). Eles todos, coa colaboración tamén de Marián Diéguez (que estudaría arquitectura en Madrid), converteríanse, con escasos medios e grande apaixonamento, nos que poñan a andar un festival desde o que, chegaron a afirmalo, tentaban “crear una auténtica canción rexional levada ao ritmo moderno”. Á primeira cita de 1967 acudiron, ou se anunciaron, grupos como os pontevedreses Los Phoniks e Los Prontos, Los Cirios, Los Zuecos, Los Potes e Los Santos (Vigo), Los Ibéricos (Vilagarcía), Los Sombras, Los Rodejanos e Los Magos (A Coruña), Los Mayos (Ferrol) e mais tamén Los Dráculas e Los Wagner (os dous de Ourense). A poucos días de que, por iniciativa do alcalde Filgueira se celebrase un moi distinto “Festival de la canción gallega” (centrado na música tradicional e culta), no Silos Club actuaban os conxuntos participantes logo dunha humilde e improvisada campaña publicitaria na que o auto-stop serviu ás veces de método para entrar en contacto cuns grupos que lograron reunir centos de persoas e que cos seus aplausos e entrega apoiaron o triunfo neste certame do grupo beat coruñés Los Sombras.

A prensa recolleu a presenza do galego no evento beat de1968.
A prensa recolleu a presenza do galego no evento beat de1968.

A aposta definitiva polo galego afiánzase, co mesmo grupo organizador, nunha seguinte edición que deciden denominar “Festival Gallego de Música Moderna”. Nas bases de participación que adiantan para o certame xa recolleron a obrigatoriedade, para os grupos que se decidiran participar, de ofrecer dúas pezas e que unha delas xa fose inédita e cantada en galego. Inédita no campo musical xa que desde a organización se aceptaba a posibilidade de que se puidesen musicar poemas de “autores clásicos ou modernos” en lingua galega. A opción destes mozos, así o reflectiron na prensa, pasaba porque “saísen cancións en galego que poidan revalorizar o noso idioma”. Á  vez —ben avisados que estaban— tamén advertían que as letras deberían ser enviadas polos grupos por anticipado xa que, cousas da censura franquista, terían que ser previamente presentadas ante as autoridades do réxime. Cunha mobilización propagandística na que utilizaron un Seat 600 alugado —aos poucos días accidentado— para espallar a cartelaxe do evento, o festival, tamén a celebrar no Silos Club (o seu empresario non lles cobrou nunca pola cesión das instalacións) contaría cunha axuda entre extravagante e singular. O contacto preciso do pai dun dos mozos organizadores consegue que desde a Escuela Naval de Marín chegasen, prestadas, centos de cadeiras que, por riba, foron transportadas nun camión militar doado polos propios mandos da escola. Axuda que tamén se solicitou, con menos sorte, ás institución locais para con ela poder asumir a contía dos premios que se lle prometían aos participantes nun festival que se programou para os días 20, 24 e 27 de agosto de 1968. Nas datas previas, dentro dunha política puramente publicitaria, anunciouse a inscrición de numerosos grupos de toda Galicia, a confirmación como xurados de Xosé Luis Méndez Ferrín e Xerardo Rodríguez e unha previsible chegada de varios autobuses, con fans, desde as cidades que mandaban conxuntos. Los Ponters, Los Quavendous e Los Drakars (Pontevedra), Marco Barolento, El Clan e Los Watios (Vigo), Los Wagners (Ourense) e Los Buhos (Arcade) serían os grupos que chegado o día con maior solvencia ofreceron as súas composicións. No canto das actuacións ofrecidas en galego destacarían, así o ponderaron na prensa improvisados críticos, as ofrecidas por Marco Barolento, formación na que cantaba Suso Vaamonde, a de Los Ponters, cunha peza “moi ao estilo de Los Tamara” e a de Los Watios, de título “Amor de xentes”, interpretada polo seu vocalista Kamali. A decisión final do xurado centrouse nas pezas cantadas en galego e aportadas por El Clan e Los Drakars (Emilio Durán, 15 anos; Miguel Marras, 16; Keko Otero, 16 e Luis Nodar, 18) que —no escenario con material prestado e reforzados polo guitarrista José Prieto O Lupas, despois integrante de Los Micróns— interpretaron “Non chores máis”. Balada, moi ao Lennon-McCartney, que lles reportou un triunfo final e do que circulou, foi o rumor, na realidade lle correspondera aos vigueses de El Clan. Os dixomedíxome transmitiron que, baixo segredo, se pactou, ante a ausencia de cartos para pagarlles o premio, un troco a conta de actuacións no Silos Club. Mentres, Los Drakars, vencedores e amigos á vez dos organizadores, nunca cobrarían o importe do premio.

A celebración deste festival e a utilización obrigatoria do galego mereceu unha repercusión nada desprezable na prensa da época. Fotografías das actuacións, entrevistas (algunha delas realizadas por un pre-xornalista Rafael López Torre) e a publicación da caricatura dun guitarrista que lembraba moito a Luís Nodar, líder de Los Drakars. Lalo, o autor do debuxo, quixo representalo tocando nunha guitarra eléctrica —adornada cun floco propio da gaita patrimonial— e a cantar unha versión en galego da eurovisiva (1968) “Congratulations” de Cliff Richard. Todo un documento visual que testemuña (como as fotografías que se conservan da actuación de Los Watios) o que quizais foi o intento máis natural e á vez máis serio (aínda que o fose por parte duns inexpertos estudantes preuniversitarios) de introducir, fóra de complexos, a lingua galega como elemento transmisor da música beat.

A utilización do galego por parte de El Clan non era unha novidade. O grupo, que comezara a actuar á altura de xaneiro de 1966 cunha formación liderada por José Gabino López, xa anunciara en novembro do seguinte ano a gravación dun disco con catro cancións en galego: “El primer disco moderno en gallego”, serían os titulares da prensa. O seus cinco integrantes (Lara, Pedro, Jorge, Gabino e Paco) fartos de que, segundo declaraban nunha entrevista, “até agora só cantaron en galego os cataláns e italianos” (referíanse de seguro aos cantantes cataláns Luis Olivares e Jacinta. No caso dos italianos escápasenos a quen se podían referir) atrevéronse a preparar unha gravación que mandaron a “unha casa de discos de Barcelona”. O seu contido pasaba por dúas pezas orixinais —as tituladas “Foite” e “Eu non sei que vai ser de min”— que se complementaban con outro par de cancións —“Nimbada dunha branca palidez” (entendemos que se corresponde co máis famoso dos temas de Procul Harum) e “O rapaz da rúa Gluck” (unha rara e “proletaria” peza de Adriano Calentano)— as dúas traducidas para eles polo escritor galeguista Xosé Luis Franco Grande. El Clan, que tamén cantaron cancións con letras en galego do compositor Manuel Cambeiro, remataron disolvéndose sen que se concretase a viabilidade da súa atrevida aposta por un beat expresado na lingua propia.

Mentres Los Drakars —aos que lles valeu o seu triunfo no festival do Silos Club para ser contratados e compartir escenario con Los Pekenikes naquel “Carrousel Ye-Yé 68” que Pío Cabanillas, propagandisticamente, programou en Pontevedra— non esquecerán o seu premiado tema “Non chores máis” cando publicaron en 1972 un LP —xa baixo a novo nome de Queimada e con influencias recoñecidas de The Lovin’ Spoonful, The Beach Boys, Four Seasons e dos valencianos Los Huracanes— no que tamén, malia o pésimo arranxo que lle impuxeron, incluirían unha das mellores pezas compostas polo beat en galego, como foi a composición de Luis Nodar, sempre tan influenciado por Paul McCartney, de título “E tropezou”. A ausencia dunha estrutura de industria discográfica propia do país e as rémoras que perseguiron o idioma na sociedade impediron que se consolidase a aposta de Nodar polo galego, e os diferentes grupos que el funda, malia ser autor de dúas pezas de gran valía e intuición.

Detención, comisaría, multa e fin dun festival

Os mozos da sección xuvenil do Ateneo de Pontevedra non deixaran, nese 1968, de facer labores publicistas sobre a nova música. Conferencias en Cangas de Pardellas e Raimundo Martínez sobre The Beatles e a nova música pop española e outra, a un mes do festival do Silos Club, que moi no estilo dos mozos máis comprometidos do 68, quixeron titular “Una nueva canción: problemas, características, metas, consecuencias”. Activismo cultural que no Ateneo, de man de Xosé Luís Fontenla, igualmente se centra na “Nova canción galega” con charlas a cargo “dos universitarios Xavier del Valle e Benedicto García”. Unha confluencia que igualmente se concreta no “Festival Gallego de Música Moderna” coa presenza, como invitado, dun acreditado membro de Voces Ceibes como era o cantante Benedicto. Foi a súa presenza no evento e o rumbo da súa actuación o motivo dunha vixilancia policial —por parte omnipresente Brigada Político-Social franquista—  no parque do Silos Club durante toda a celebración do festival.

Los Drakars actuando no festival pontevedrés.
Los Drakars actuando no festival pontevedrés.

Benedicto rememora nas súas memorias —Sonata de amigos, Xerais, 2008— como policías interromperon a súa actuación no palco, como foi detido e trasladado á comisaría de Pontevedra e como tamén, aos poucos días, lle impuxeron un multa gobernativa por parte do gobernador civil Ramón Encinas Diéguez, un franquista do que aínda persiste, nun concello desde hai décadas gobernado por nacionalistas de esquerda, unha rúa adicada á súa franquista figura. A acusación que lle fai o falanxista Encinas a Benedicto foi a de “interpretar canciones prohibidas” e a multa imposta —de 1.000 pesetas— e aos supostos motivos da detención policial fíxolles fronte o cantante mediante unha carta aberta que envía a unha prensa que só publicara a visión policial e oficial: “fue detenido y conducido a comisaría el joven cantante universitario, perteneciente a la “Nova Canción Galega”, Benedicto García. Al parecer por alguna de las canciones en gallego que ofreció explicando su sentido al público pontevedrés. Posteriormente, después de haber prestado declaración, fue puesto en libertad”. En Sonata de amigos o cantante de Voces Ceibes rememora o episodio represivo nun festival do que lembrará tamén o papel que asumiu de xurado na compaña de Xosé Luís Méndez Ferrín.

A seria advertencia perpetrada polas autoridades da ditadura non foi só para Benedicto. O que constaba na Delegación de Información y Turismo como responsable do festival tamén sería reclamado para declarar en comisaría. Xulio Pardellas, un bacharel aínda, e logo de amezas de cárcere que cos seus compañeiros organizadores recibiron por parte da gris Policía Armada no Silos Club, tivo que se enfrontar aos “hábiles” axentes da Brigada Político-Social pontevedresa e explicar polo miúdo a presenza do cantante de Voces Ceibes no festival. No corpo de garda da xefatura policial viríase na obriga de xustificar os motivos de por que presentara letras falsas á censura e distintas das que ao final se interpretaran polos grupos participantes. Malia o canguelo, a cousa ao final, desde un calculado e autoritario paternalismo, quedou en nada, mais o certo foi que no grupo organizador asentou o medo, e a posibilidade de se embarcar nunha nova edición do seu atrevido festival pasou a ser descartada. O galego nos conxuntos beat, rock e pop recibira coa súa presenza activa neste festival pontevedrés de 1968 un contundente aviso —agora xa sabían como as gastaban— e as ameazas franquistas lograrían (con éxito, malia as experiencias das discográficas madrileñas con Andrés do Barro) asentar desnormalización e ausencia do idioma, por anos, en composicións, cantos e repertorios.

2 thoughts on “Cando os grupos beat se atreveron a cantar en galego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *