BiosBardia

O país dos libros en galego

De Queipo a Carver. Dez libros para abril do 2022

Raymond Carver.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente nos meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Final feliz, de Xavier Queipo. Xerais

Nun mercado narrativo moi dominado pola novela, agradécese que aínda haxa espazo para recompilatorios de relatos breves. Queipo, un dos escritores máis veteranos e cuxa obra curta é das máis interesantes da literatura actual, publica doce mostras da súa mestría. Neste novo libro están todos os temas e todas as teimas do escritor compostelán, mais tamén está a súa vontade de pescudar un pouco máis alá sobre a expresión e os relacionamentos cruzados que se dan entre letras e ciencias, imaxinación e realidade, soño e vixilia.

O equipo Chascadentes, de Eduard Bass. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books

Non é moi habitual ter na mesa de novidades libros relacionados co deporte, en xeral, co fútbol, en particular. E menos que se publiquen en galego clásicos populares relacionados con esta disciplina. Este delicioso clásico popular da literatura checa fai cen anos e segue a lerse con moito agrado a pesar do moito que cambiou o espectáculo deportivo. A historia xorde dun lugar común fantasiado por moitos nenos e pais: conseguir ter once irmáns e poder montar así un equipo de fútbol. A versión galega incorpora as ilustracións de Josef Capek.

Alberto Gende. Encher o baleiro, de Xurxo Chapela e Juan Félix Gende Díaz. AC Lumieira/Concello de Carballo

Un percorrido amplo pola traxectoria do artista multidisciplinar carballés Alberto Gende Díaz (1972-2012), que practicou a música, a fotografía, o deseño gráfico e a pintura. Este volume, composto a xeito de catálogo, memorial e homenaxe, explora todas estas facetas nunha edición moi coidada que serve para reivindicar e valorar o legado de Gende. Unha obra moi interesante non só para interesados na propia obra do bergantiñán, senón tamén para profesionais vinculados ás artes plásticas e ao deseño, xa que a recompilación das súas obras opera tamén como unha escola viva.

Antese, de Arancha Nogueira. Galaxia

Con só 33 anos, a ourensá Arancha Nogueira é xa unha das voces líricas máis premiadas. Suma agora o recoñecemento no certame Victoriano Taibo que convocan o Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar. O libro gañador é unha sorte de canto sinxelo á memoria, escrito con habelencia, fincando unha man na evocación da literatura e outra nos novos medios de comunicación, con referencias continuas a Instagram, Spotify ou Whatsapp. Poesía de pouso clásico cun sutil toque posmoderno.

Capitán Lentella. Aventura a todo gas, de Jorge Campos. Xerais

A colección ‘Merlín Cómics’, de Xerais, conta cun catálogo moi valioso, non só pola calidade das obras que acumula senón polo esforzo que fai para normalizar a produción de banda deseñada infantil en galego, un labor editorial dos máis arriscados. E acerta coa publicación deste novo cómic dun dos autores máis prolíficos do momento actual. Campos proponnos desta volta unha especie de soap opera espacial con moito humor e personaxes moi ben traballadas. Unha historia que se le moi ben e que promete novos episodios.

A rosa falsa, de Jakob Wegelius. Sushi Books

Volven Sally Jones e os demais personaxes que nos fascinaron en A lenda de Sally Jones e O mono do asasino. É certo que a nivel literario esta nova aventura non ten o escintileo das anteriores e que o autor talvez abusa de repetir vellos rexistros en vez de buscar novas vías expresivas ou argumentais, pero o universo creado por Wegelius é tan poderoso e está descrito con tanta claridade e solvencia que este libro, aparentemente pensado para lectores novos, é unha delicia para calquera idade. Como curiosidade, a obra ten un detalle con Galicia (hai que ler o libro para coñecelo), en homenaxe á editorial que apostou pola obra do autor sueco.

A velocidade crítica, de Ramón Caride. Embora

O autor de Soños eléctricos volve a un xénero que lle é moi querido, o relato curto, desta volta moi curto. Dúas páxinas, catro no máximo, onde Caride propón unha narrativa breve clásica, con historias que se len seguindo o ritmo de quen as escribiu, nun amén. Nas case 150 páxinas deste volume asistimos a un axuste de contas coa aparente normalidade. O cotián perde pé e convértese nun universo literario cheo de físgoas polas que se escoan as nosas dúbidas e preguntas.

Unha nova Olanda, de Antón Baamonde. Galaxia

Neste ensaio, o autor fai un percorrido global e divulgativo sobre as coordenadas xeográficas, económicas e históricas da “urbanización” en Galicia. Baamonde percorre a relación entre cidade e galeguismo, a importancia da cartografía para coñecer o territorio, a evolución do municipalismo. Mais tamén repara na situación de Galicia na economía global, as súas potencialidades e eivas, e os desafíos dun territorio sen grandes cidades nunha época futura que se caracterizará polo vertixinoso aumento da poboación mundial (até máis alá dos dez millóns de persoas) e a consolidación de megacidades con máis de dez millóns de habitantes.

O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras. Xerais

Unha novela negra clásica. Unha novela clásica do autor ourensán, que desta volta regresa á súa cidade natal como escenario literario cunha historia de baixos fondos e feridas do pasado (e do futuro), ao tempo que recorda o pasado combativo e obreiro da capital do Miño. Ameixeiras volve puír o seu estilo minimalista e o seu gusto polas personaxes con substancia. Fará as delicias dos moitos fans do escritor.

Queres facer o favor de calar, por favor?, de Raymond Carver. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Carver é un dos escritores máis admirados, seguidos e fascinantes do século XX. Por fin chega á biblioteca galega nunha edición que recolle os seus primeiros relatos publicados. Para quen non coñeza este autor, esta é unha oportunidade marabillosa de mergullarse nun universo onde a literatura se nos aparece mediante un sutil sortilexio entre historias cotiás e personaxes e situacións en aparencia anódinos. O estadounidense domina a contención e coñece tan ben as técnicas narrativas que precisa do mínimo para falar dos grandes temas e deixar na mirada do lector un resaibo inesquecible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *