BiosBardia

O país dos libros en galego

María Canosa: “Para chegar a máis público necesitamos máis oferta de libro en galego”

María Canosa.

César Lorenzo Gil.

María Canosa (Cee, 1978) fai 20 anos como escritora con obra publicada. Na súa traxectoria hai narrativa, poesía e literatura para crianzas e mocidade. Este mesmo ano gañou o Premio Merlín con Muriel, unha historia con moita poesía sobre un neno tranquilo. Conversamos con ela sobre a súa literatura.

É vostede arestora unha das escritoras máis prolíficas en lingua galega. Se non me fallan as contas, publicou desde o 2015 doce obras, unha delas en colaboración con Concha Blanco. Dá unha media de libro por trimestre. Cal é a razón desta concentración? Cal é o seu método de escrita: Escribe cada día? Corrixe moito?

Eu son moi irregular escribindo, quero dicir, non sento cada día cun horario establecido para escribir. Unha, porque non podo, e outra, porque non é o meu estilo. Non sei se podería escribir diariamente, mais si é certo que cada día vou dándolle moitas voltas á cabeza coas historias que levo dentro, ou con aquelas que creo que aínda non saíron pero loitan por agromar. Son, por tanto, escritora cada día, pero sen esa “obriga” de escribir. Concibir unha historia é moito máis ca poñela en palabras sobre o papel. De feito, moitas veces lévame máis cociñala na cabeza ca o propio feito de escribila.

A razón de que nestes últimos anos saísen unhas poucas obras é produto dun traballo continuo, un traballo de escrita que moitas veces non vai parello coa época de publicación. Intento non deixar de ilusionarme nunca coas historias e libros, pero moitas veces non se publican cunha frecuencia periódica. Así que continúo a escribir, mentres os textos quedan no caixón. E ás veces, cando deciden ver a luz, decídeno máis de un á vez… de aí unha produción que coincide na publicación pero non no tempo de creación.

É por iso que non ten que levar a pensar que un ano moi produtivo en canto a publicación vaia parello cunha maior velocidade na escrita.

En canto ao de corrixir… depende un pouco do tempo que pase desde que o escribín até que o volvo retomar. Canto máis distancia, máis doado me resulta facer correccións. Hai veces que a corrección fai que o texto quede no caixón.

Na súa obra recente hai textos de literatura infantil e xuvenil (LIX) mais tamén narrativa e poesía. Incluso un libro sobre protocolo. Existe algunha diferenza, desde o punto de vista da creación, entre os diferentes xéneros?

Todas as diferenzas! Cada libro é completamente distinto, claro! A actitude de enfrontarme a cada un dos proxectos sempre ten ilusión e tamén certo nerviosismo pero si é certo que a maneira de expresarse dun libro tipo ensaio a un libro de poesía… non teñen moito en común. A linguaxe que demanda cada historia é completamente diferente, e iso é algo que teño moi en conta desde o primeiro momento.: como debe ser contada. É por iso, tamén, que sempre digo que as historias mandan en min para escribilas. Ás veces buscamos historias, e outras aparécensenos. E precisamente, cando son elas as que se nos poñen diante, adoitan impoñer o xeito de narralas. Non só é importante o que se conta, tamén como se di.

Falando de LIX, vén de gañar o Premio Merlín con Muriel, unha historia dun neno, un leiteiro e mais un raposo. O xurado do galardón gabou a calidez dun libro que en efecto propón unha lectura poética sobre a infancia, a dor pola perda e a fantasía da cotidianidade. Como nace esta historia?

É curioso o xeito que teñen de agromar as historias, ou de aparecerse, como che acabo de dicir. A primeira semente naceu ao pensar nos problemas que había coa cota do leite. Eu pensaba en como se enleaban as cousas, en como tiñamos un potencial estupendo que estabamos a estragar, en como deixei de ver as vacas tirando dos carros na aldea na que vivín a miña infancia, como deixei de ver darlles de beber ás vacas nos baldes, cocer a verdura, quentar a auga… o fermoso que fora para min ver nacer un becerro, eses ollos das vacas que me fascinan, ollos ruminantes da realidade… Sentín morriña dese tempo, da infancia, das horas tranquilas e relaxadas na aldea, neses veráns que duraban tres meses… De aí a pensar no leite… non foi nada.

Meses antes, vostede publicara A cazadora de estrelas, que amais de publicarse tamén en Xerais, comparte con Muriel que foi finalista (dous anos consecutivos) do Premio Merlín. Que valor lle concede vostede aos premios? Que plus engaden ao traballo creativo?

É certo que os premios son relativos… o xurado está formado por persoas, con gustos particulares e visións subxectivas. Pero non deixan de ser un recoñecemento. Eu levo moitos anos escribindo, levo facendo “isto” moito máis que calquera outra cousa na miña vida. E neste camiño dubidei infinidade de veces (e continúo a facelo) de se o estaría a facer ben, porque adoita ser un camiño solitario (non no sentido de buscar a soidade para escribir, no sentido de sentirse só). É necesario o contacto co lector, coa crítica, co editor… Saber como te estás a mover, coñecer as carencias e buscar mellorar. Un premio é un pouco reunir todos eses compoñentes e que che digan: isto está ben. Claro que os que teñen a última palabra son os lectores sempre. Amais diso, dá moita visibilidade. Vaino ler máis público e máis crítica. E as reaccións multiplícanse. E no mundo no que vivimos, ser visible é algo que se volveu case imprescindible. O Premio Merlín é un prestixio, así que vén ser algo así como levar unha etiqueta favorable, aínda que, insisto, logo é o público en xeral quen valida o texto. E nesas ando, agardando a reacción dos lectores! Con nervios, expectación e moita ilusión.

A poesía do “mundo normal” é unha constante na súa obra. Cal é o seu método de “inspiración”: observación? Memoria? Ambas cousas?

É que a poesía está arrodeándonos continuamente, por iso insisto na necesidade da súa normalización. Vén sendo unha teima achegar a poesía ao público, en xeral aos rapaces. Claro que hai inspiración. Eu son das que vou tomando notas en panos de mesa das cafetarías, en papeis que vou arramplando por onde vou, en cadernos pequeniños que case sempre levo comigo… Ideas e tamén moitos versos! Esa frase, ese verso, esa expresión que ou o colles xusto cando se che aparece ou quizais se perda e resulta complicado recuperar. Pero creo tamén no traballo, no traballo continuo! Na procura desa palabra, desa maneira de dicir as cousas, así que podemos dicir que os textos son unha mestura de todo iso, a observación, a documentación, o traballo, a aprendizaxe, cociñados lentamente, que é como se mesturan ben os ingredientes.

A pesar da súa traxectoria, até hai pouco tempo non publicara narrativa adulta. Cónteme un pouco a súa relación con este xénero.

(Sorrí) Houbo un tempo no que escoitaba continuamente unha mesma pregunta: Para cando unha novela de adultos? Como se o que fixera até o momento non tivese o valor suficiente, como se a literatura infantil e xuvenil fose un xénero menor. E era algo que me molestaba. Porque, ademais, non sentía a necesidade de escribir para adultos. Eu sempre fun facendo historias para xente da miña idade, até que chegou un punto no que quixen experimentar e volvinme nena. Foi unha experiencia tan extraordinaria que seguín, aínda que facendo cousas distintas de cada vez, nese camiño. Precisamente por ese mesmo motivo, o de innovar e retarme a min mesma cada vez que comezaba un traballo, non desbotaba que un día chegase o momento de escribir para adultos. E ese momento sería cando se me presentase esa historia que tivese que ser contada para adultos.

E chegou. E máis de unha. Pouco a pouco. E seguín volvendo aos máis cativos, e picando nos adultos… Ou sexa: nada cambiou.

Na súa narrativa para adultos máis recente destaca a versatilidade, a variedade de temas e de enfoques. Nada teñen a ver Non é París, DisParo ou Cando cae a luz. Como concibe cada texto?

Cada texto é sempre un reto, de aí que cada un dos libros sexa completamente distinto. Deixei que cada un dos textos me conducise… Uns concibinos como espectadora, outros como protagonista, algúns máis intimistas, outros tomando moita distancia con eles… Cada texto é comezar de cero. O texto en si e eu con eles. E moitas veces non sei como vai acabar a relación!

Vostede leva publicando libros 20 anos. Que significou a literatura na súa vida. Como lle influíu ser a filla da escritora Concha Blanco na súa educación literaria e na súa vocación?

Ser filla de Concha Blanco influíume, basicamente, no gusto pola lectura, por contar as palabras sobre un papel para que non as leve o vento, e tamén para saber que se poden e deben mastigar. Pero, máis ca nada, a non ter medo ao papel en branco, a escribir coma se fose un xogo, ou unha maneira de expresarme, do máis natural posible. Esa foi a mellor ensinanza, sen dúbida. Iso si… logo somos moi críticas a unha coa outra, eh!!! Lémonos de primeiras e… sen piedade!

Conforme pasou o tempo, que foi gañando e que foi perdendo como escritora? Refírome ao plano emocional e ao balance entre abraio e experiencia, se é que un elemento influíu sobre o outro.

Case podería dicir mellor o que non perdo, que é o respecto polo que fago, a ilusión, os nervios… As dúbidas. Esas non marchan nunca. Nin as ganas. É inevitable que, por moitas dúbidas que teña, non haxa un intento máis de facelo mellor. E que así siga…

Hai varios debates ao redor da LIX en galego. Interésame coñecer a súa opinión sobre se existe dependencia sobre o libro escolar no sistema editorial, se iso inflúe nos creadores á hora de escolleren sobre que escribir e para quen?

No meu caso, algo que si aprendín é a crer un pouco en min e no que escribo. Hai temas ou xeitos de escribir que non creo que sexan os predilectos a priori polos lectores pero… si considero que son necesarios. Por poñer un exemplo, con Muriel optei por valorar a sensibilidade e incluso a tristura. Estou convencida de que os cativos preferirán as aventuras, os misterios… Muriel é un neno tranquilo, que precisa do seu tempo para tomar decisións e atreverse… Incluso os elementos utilizados: un leiteiro, un raposo… poden tirar a “tradicionais”, case como un regreso aos contos de sempre. Non introducín á forza elementos que supostamente son clave para atraer lectores. Pero son teimuda nas miñas crenzas, e avogo pola sensibilidade. Que non “vende”? Pode ser… pero eu considéroa tan necesaria… que non podo evitalo.

Tamén me interesa saber que pensa sobre o tipo de libros que se len no ensino. Algúns expertos e incluso autores, como Xabier P. Docampo, cuestionan a idoneidade de determinados hábitos na prescrición para crear hábito lector: hai se cadra un abuso do pedagoxismo nas lecturas recomendadas?

Recoñezo que hai valores que introduzo á mantenta, pero máis porque creo neles que porque busque un moralismo no que escribo. Eu busco que os rapaces queiran ler, e se poden facerse máis críticos… mellor! Ese é o meu obxectivo, axudar a facer lectores (e persoas) máis críticos. Pero prefiro evitar os moralismos demasiado evidentes, aínda que ás veces poida caer neles. Pode ser que haxa certa busca pedagóxica nas lecturas escolares, mais tamén é incuestionable o éxito de certas lecturas propostas, polo que non teñen por que excluírse… Con todo, considero que o mellor xeito de crear hábito lector é dar exemplo. Na escola tamén, por suposto. Un profesor ou un mestre que le, que ofrece, que ten recursos para achegar aos alumnos… pode achegarse a eles e ás lecturas con maior éxito.

Vostede ten publicado con editoras grandes e pequenas, máis veteranas e con menor experiencia. Dado o seu coñecemento do mapa editorial, como o valora? Que se está a facer ben? Que falta? Que cousas poderían facerse mellor dentro das posibilidades do noso mercado?

O que máis me gusta é a diversidade de voces que podemos atopar. Hai novos formatos, novos estilos, novas voces… A oferta é cada vez maior, e iso está sempre moi ben.

Para chegar a máis público necesitamos máis oferta de libro en galego, e cada vez vai medrando, co cal estamos no bo camiño.

Que falta? É difícil saber, porque intúo que é un cúmulo de cousas, non unha soa. Falta medrar máis. Eu diría que nos falta algo de fachenda aínda. Que nos vexamos ao mesmo nivel que noutros lugares, que valoremos o noso do mesmo xeito que o facemos co que vén de fóra. Porque calidade hai!

Dun tempo a esta parte, o seu rostro fíxose máis coñecido por aparecer na TVG. Unha das grandes eivas que sempre se lle apoñen ás letras galegas á a falta de visibilidade. Non sei se ten algunha influencia na súa faceta como escritora entrar nos fogares galegos cada día.

Sinceramente, eu non notei ningún cambio en canto a vendas, entrevistas, atención… Nada. Sinceramente, nada. Quizais porque nunca mesturei as facetas, non o busquei. Pero o certo é que non me abriu ningunha porta, ou cando menos, non fun consciente. O que si é certo é que a miña colaboración nun eido de letras na televisión veume por escribir, iso é certo. Porque a miña formación académica pouco ten que ver coa literatura… Así que, de ter algunha influencia, case diría que foi ao contrario.

Fáleme dos seus novos proxectos literarios.

Agora mesmo estou nesa fase de darlle voltas á cabeza, sen saber moi ben que é o que vai saír de aí. Amais dalgún libro que xa anda polo forno, e algunha outra historia para nenos que leva algún tempo de cocción e que está vivindo agora unha revisión en profundidade porque xa pasou un tempo desde a súa concepción inicial.

Que libros ten arestora na súa mesa de noite?

Vou confesar os tres superiores da pila que teño. A arte de trobar, de Santiago Lopo (premio Xerais), Ceiba de luz, de Manuel Lourenzo González (premio Jules Verne), e Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, publicado por Kalandraka. Pero hai máis!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *