BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Nus’, os ‘Tetiñas Free’ ao sol e á sombra

Manuel Gago. DISTRITO XERMAR.

César Lorenzo Gil.

Nus, de Manuel Gago, viaxa a finais da década do 1970 e primeiros da dos 80 para lembrar a experiencia naturista dun movemento que se coñecería posteriormente como “Tetiñas e Piroliñas Free”, e que tivo as praias bravas do Barbanza como principal escenario. O autor, el tamén desa comarca, opta por un narrador en primeira persoa, un daqueles “libertarios” que se converte en símbolo de certa clase social, de extracción burguesa ou fidalga, con estudos superiores, ilustrada, con viaxes, que naquela altura tivo que xestionar o cambio político en Galicia, do Franquismo centralista á Administración autonómica en moi pouco tempo.

Nesta novela podemos diferenciar dous planos. Por unha banda, Gago percorre as orixes, arelas e intereses desa clase social, que poderiamos denominar parte da elite da Galicia da Transición, e como moitos dos seus membros, apáticos con todo o proceso de reclamación do Estatuto de Autonomía e conseguinte autogoberno, acabaron por ser os encargados da súa xestión, especialmente gañando prazas de funcionarios de alto nivel na Galicia autonómica. É dicir, nun estilo gatopardiano, lograron que aínda que todo cambiou, e eles non fixeran nada por trocalo, manter o control socioeconómico do país.

Neste eido, onde o Gago literato lle dá paso ao Gago divulgador e historiador do inmediato, é onde máis interese gaña o libro. Hai lucidez no retrato e está ben conseguida a atmosfera daquela época.

No referente ao propio movemento ‘Tetiñas Free’, o autor é sutil na crítica á súa futilidade e desenvolvemento posterior. Mais a crítica aparece a pouco que se peneire na lectura entre liñas.

Onde fai augas a novela é na técnica literaria. O autor sempre opta polas frases máis ampulosas. Ocúpase de usar moitas palabras, moitas subordinadas e conxuncións para unha narración que gañaría en potencia con menos recursos. Mais parece evidente que o estilo que se busca é comercial, accesible, que agradece a reiteración para que o lector non se perda, e os diálogos, irreais, intrascedentes, mais que funcionan como o aire que se lle engade á graxa, coma nun xeado: buscar facer a lectura máis atractiva e boa de tragar.

Parte da novela é unha especie de memoria sexual do protagonista. O libro emparenta aquí con algunhas obras de Xosé de Cora e con A nosa cinza, de Xavier Alcalá, por exemplo. Percorre a descuberta sexual da mocidade desde a visión do presente dun home maduro e culto: hai unha espontaneidade finxida e un bo acio de tópicos: a muller con iniciativa, a curmá dos primeiros xogos, a exaculación precoz..

É curioso que o principal “eslogan” da novela sexa: “a novela dun crápula”. Mais un crápula non se volve tal unicamente con proclamalo. As aventuras do protagonista son bastante inocuas e convencionais.

♦ Nus, de Manuel Gago. Xerais, 2021. 392 páxinas. ♠20,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *