BiosBardia

O país dos libros en galego

O solpor español: o caso Virginia Feito

Virginia Feito.

César Lorenzo Gil.

Logo da campaña de Nadal, no período no que a industria editorial adoita publicar os libros nos que menos confía comercialmente, Lumen (editorial do selo transnacional Penguin Random House Mondadori) lanzouse á promoción da novela La señora March, de Virginia Feito, autora novel de 33 anos, publicista de profesión, seica con certos títulos en Literatura, filla dun alto funcionario da diplomacia española. Mais o relevante da promoción é que Feito, até hoxe, non é, propiamente unha autora española. Porque a novela agora publicada é en realidade unha tradución (autotradución) de Mrs March, novela en inglés publicada por Harper Collins (tamén do grupo Random House), publicada nos Estados Unidos no verán do 2021 e que conseguiu o éxito comercial até o punto de que xa se está traballando na adaptación audiovisual da obra.

Este dato, que en realidade esta é unha novela traducida e que chega ao castelán unicamente polo seu éxito fóra, malia ser a súa autora madrileña, queda, con todo, bastante oculto na promoción, que prefire un titular rimbombante e moi efectivo: “Virginia Feito es la Patricia Highsmith española”. Aínda que en rigor podería obviarse o cualificativo española.

Hai moitos anos, durante unha entrevista, Manuel Forcadela gabara a literatura galega pola súa resistencia ante unha dinámica que el consideraba daquela imparable: a consolidación do inglés como lingua do comercio. Escribir en galego era, afirmaba o escritor e crítico literario, un acto de rebeldía, incluso naqueles xéneros editoriais enfocados cara ao consumo.

O caso Feito obriga a profundar nesta afirmación e reparar en que a situación periférica do galego é cada vez máis extrema, pois xa vemos que na literatura en castelán se están a dar fenómenos que só criamos posible para as nosas letras. Na actualidade é habitual que autores de expresión galega publiquen (case sempre ao mesmo tempo) as súas novelas en castelán. Para críticos e estudosos esta práctica xera, en moitos casos, confusión sobre cal é a lingua vehicular dunha determinada obra que aparece ao mesmo tempo en dúas edicións, pois na gran maioría dos casos as editoras non aluden a cal das dúas versións é a traducida e cal a orixinal, nun xogo de aparencias que intenta favorecer “a boa prensa” en ambos mercados: certo lectorado acolle mellor obras orixinariamente en galego, mentres que o sistema editorial español non admite, para o gran público, que determinados autores pasen por “foráneos”, traducidos desde linguas que se consideran inferiores, incapaces de xerar unha produción propia autónoma, continuada e culturalmente autosuficiente.

E por outro lado, o caso Feito pon ao descuberto que, no fondo, a cultura española padece as mesmas eivas da galega, a outra escala. Se para un autor en galego é fundamental o éxito e o recoñecemento externo (neste sentido é moi relevante ver o que sucede cando unha obra recibe algún premio prestixioso en Madrid) porque iso retroalimenta a difusión e atención dentro do sistema galego (especialmente entre a prensa diaria, manifestamente antigalega na sección de Cultura e conectada dun xeito subalterno coa axenda e intereses das grandes casas editoras de Madrid e Barcelona), o caso da novelista madrileña marca unha nova tendencia: para ter éxito en España cómpre antes vender miles de copias en Nova York.

Sería erróneo pensar que a día de hoxe a literatura española chegou ao punto de subordinación que padece a galega, pero si que se albiscan certos síntomas de crise estrutural do sistema literario español. Algúns destes síntomas teñen xa unha longa traxectoria: inferioridade creativa da literatura feita en España fronte á feita na América de expresión hispana; confusión entre alta literatura e literatura comercial… Mais outras van adquirindo máis peso nos últimos tempos: forte peso da tradución (e da reedición) nas novas editoriais que se crean, necesidade de factores externos á literatura para difundir obras (o caso Ana Iris Simón con Feria, por exemplo).

España hai moito tempo que deixou de ser unha referencia cultural, incluso interna. Si, obviamente, goza dunha posición privilexiada na industria, primeiro porque o principal grupo editorial (Planeta) segue a ser de capital español e segundo porque para a comunidade hispana non existe outro polo que compita con Barcelona e Madrid como centro de irradiación para a cultura na lingua común.

Pero o tirapuxa cultural entre España e Hispanoamérica axústase unicamente á dimensión artística. No comercial, os autores españois necesitan unha proxección distinta, cara ás linguas europeas, e como vemos no caso Feito, a ameaza da hexemonía comercial da lingua inglesa comeza a colonizar a propia expresión desas obras. O éxito da ex publicista suporá dous fenómenos moi habituais na industria editorial: que outras editoriais intenten ter as súas propias Virginia Feito (especialmente se funciona a publicidade e o éxito neoiorquino se transplanta ás librarías españolas) e que haxa outros aspirantes a escritores que exploren a vía anglosaxoa para conseguir o éxito na propia España.

Que se naturalizase tan doadamente que unha obra inglesa se considere plenamente española confirma o que lle sucede ao castelán noutros espazos. A súa lenta e sutil colonización polo inglés é xa evidente en ámbitos coma a publicidade e a lingua técnica e chama a atención que o único sinal de resistencia se estea dando cando se entende que o castelán talvez se fale algo menos en lugares como Catalunya. Aquela fórmula que inventara Juan Luis Cebrián para El País de castelán como lingua global parece completamente derrotada, outra proba de que España está no pelotón dos derrotados da mundialización, incluso no relativo á literatura comercial.

2 thoughts on “O solpor español: o caso Virginia Feito

  1. Que marabilla. Non leo narrativa hai tempo, deume ultimamente por ler critica literaria, (chamalle critica literaria ou o que escreben en Prisa sobre as novelas da editorial Planeta e parientes) e tiña exactamente esa sensacion pero non podia explicala

  2. Eu o único que vexo é unha estratexia comercial: unha escritora española xoven triunfa escribindo en inglés. Sen máis. Non creo que a literatura escrita en español teña ningún problema. De feito pódese permitir este tipo de estratexias edtoriais porque non anda a darlle tantas voltas á cuestión de quen é máis poderosa, se a literatura española ou a inglesa, pero os galegos parece ser que si andan moi preocupados con ese tipo de narcisismos mercantís de índolte literaria. Cada un sabe qué lugar ocupa nas dinámicas editoriais e qué estratexias lle resultan máis eficaces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *