BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Ocultar o verdadeiramente importante’ vs ‘Ensaio sobre a soidade’

Duelo de cuartos de final entre o campión do grupo B, Marcos López Concepción, e o segundo clasificado do grupo A, Daniel Ugarte.

Ensaio sobre a soidade

Marcos López Concepción.

A nosa filla naceu cando xa non nos queriamos. A pequena creceu en terra de ninguén e iso marcou o seu carácter apartadizo. Este feito, en aparencia, ten pouco que ver co que vou contar agora pero será de relevancia para o que poderá acontecer nos vindeiros días. 

Non lembro cando foi a primeira vez que escoitei falar deste horror. Non o sei exactamente. Pensei que sería unha trampullada como a tecnoloxía que intercambia caras nos vídeos: Sen motivo ningún a un home apareceulle na casa un dobre. Os informativos entraron nos pormenores pasado certo tempo. Todos sinalaron que esa persoa vivía soa e estando diante dun espello veuse proxectada dúas veces. Atopou unha copia exacta de si mesmo cando mirou detrás súa. Vestido tal cal. Inicialmente a noticia ocupou o espazo dunha anécdota absurda. Ninguén esperaba o que pasou despois. 

Empezaron a circular imaxes por internet. Desconcertantes. Grupos de tres homes, catro… en silencio, apenas movéndose polos recunchos das cidades, todos copias iguais ao primeiro home do espello. En ocasións as gravacións amosábanos mantendo diálogos inconexos. O suceso empezou a encher xornais e televisores cando os grupos creceron en número.  Sete, oito… xogando á petanca. Catorce nas bancadas do futbito. Vinte a mirar as obras da estación. Un asador encheuse trinta e dúas veces do mesmo home repetido para comer leitón ás brasas. Nun mes eran miles.

Dá medo como o importante acontece sen transicións. As cousas non xorden da nada sen consecuencias. O Goberno mandou confinar a poboación nas casas e separar os multiplicados. Cada home réplica era como un organoide simplificado, unha alteración cuántica que podía dividir infinitamente un ser humano. O presidente advertiu nun discurso que non se podían confundir os vermes coas bolboretas. Que a ciencia tiña o dereito de pensar pero el a obriga de actuar. Non achegaban nada os multiplicados máis que ser un perigo exponencial. Os militares equipados con traxes illantes dispararon, masacraron, queimáronos. Eles non se queixaban, deixábanse abater, ardían vivos.

Houbo cidadáns que protexeron os multiplicados botándolle a culpa do sucedido á rede 5G. Agocháronos para xuntar as súas frases como se fosen os parágrafos dun libro de area. Esixían saber onde estaba o individuo orixe da pandemia porque tiña un poder que pertencía a humanidade. Esta minoría fíxose forte en Twitter e foi xeolocalizada. Convencéusenos aos demais de que o confinamento era polo ben de todos. 

No noso particular fracaso familiar o pechamento foi duro de aguantar, discutiamos acotío e a nosa filla refuxiábase das liortas no rocho dos trastes. A min non me gustaba que pasase tanto tempo soa aínda que sabía que esa era a súa forma de ser. Por puro aburrimento tamén eu subín ao faiado. 

Antes de chegar escoiteina falar. Non lembraba que falase así con nós, era un ton despreocupado e franco. Movín lixeiramente a porta para ver dentro como sostiña un espello de man e detrás súa, aínda non de todo acabada, unha copia dela mesma peiteáballe o cabelo.

………………………………

Ocultar o verdadeiramente importante

Daniel Ugarte.

Se pós atención, repararás nunha físgoa no muro de perpiaño. Trátase dunha fenda diferente. No seu centro, un ripio cúbico mantén o equilibrio e crea unha cámara xeometricamente fermosa. No oeste un triángulo equilátero, no norte un isósceles, no leste un escaleno. As xoaniñas adoitan usar este último como pasaxe entre o tronco do piñeiro onde nacen e o xardín onde procuran alimento. O seu instinto dilles que lles traerá sorte.

En ocasións non sucede. Pode que non prestases suficiente atención. Se o fixeses, verías a sombra do paxaro pousado nunha póla, alá onde o carballo tentea o piñeiro e o piñeiro responde. É un reiseñor dubitativo. Por veces escolle a conífera e por veces a caducifolia. O que sempre fai, e niso é moi sabio, é usar a vibración do vento nas follas como camuflaxe. Se a xoaniña chega a advertilo, será xa atrapada no peteiro, desventurada, convertida en morango acedo para a sobremesa.

Deberías ter máis coidado. Poñer atención non implica achegarse. O zoom da pantalla apenas consegue que unha imaxe torne difusa, sen límites. Recúa, toma distancia e concéntrate. Xunto á herba pisada, perto dun croio, unha margarida sobrevive pese a ter perdido a corola. Ou iso nos quere facer crer. En realidade, está disimulando. É unha golden daisy que devece por pasar desapercibida no grupo de margaridas comúns. Ben sabe que integrarse adoita implicar unha renuncia.

Quen non coñece a virtude da discreción é á photinia que medra tras do muro. Forma unha sebe politicamente incorrecta. Esixe a luz toda do único foco, chama por ti e responde cun cheiro que te incomoda. Debería ser floral, mais semella humano. Hai algo de cloro e de esperma no aroma desa photinia. Un perfume que só pode ser o da primavera cando te atopas dentro dos limites da cidade. 

Quizais o reiseñor leve ese aroma con el cando espalle as súas sementes noutros territorios. Explorará desde as alturas e porá atención. El sabe que o segredo radica en non deixarse distraer por figuras antropomorfas, por moito que nolas repitan. Son obxectos que evitar, que só se utilizan para ocultar o verdadeiramente importante.

 

21 thoughts on “‘Ocultar o verdadeiramente importante’ vs ‘Ensaio sobre a soidade’

  1. Unha foto moi suxestiva, dende logo¡
    Ocultar o verdadeiramente importante intrigoume como historia, pero 500 palabras fixéronseme moi pouca cousa para ela, aínda que tamén está ben encollida. O primeiro parágrafo é o único que me saca da narración, quizais se podía substituír a última frase del e non quedaría mal.
    Ensaio sobre a soidade gustoume moitísimo. A linguaxe fíxoseme algo difícil, pero quizais sexa porque ten un ton moi distinto ao do seu contrincante. A apelación directa sempre é doada de que quede pedante, pero non se me fai este o caso. Paréceme interesante a escolla dun detalle tan camuflado na foto en vez de ir a polo becho que anda ahí campando cuadriplicado.
    O meu voto vai para Ocultar o verdadeiramente importante, porque me pareceu mais rechamante que Ensaio sobre a soidade.

    1. Carlos coido que te liaches algo nos títulos dos relatos cando argumentas o que che gusta de cada un, non si? Ou cando menos iso me pareceu.

  2. Ensaio sobre a a soidade
    Cando vin a foto inmediatamente lembreime do “Duplicador” que construían Calvin e Hobbes e pensei que eu tería tirado por aí. E o autor deste relato vese que tamén se achegou máis cara esa idea. E faino con habelencia sen dúbida. A historia resúltame interesante e suxestiva. E lese moi doadamente. Máis tamén coido que, non sei por falta de tempo, necesitaría darlle unha volta a unhas cantas frases e, ó igual que Carlos, coido que o parágrafo inicial non está moi ben acaído na orde da historia. Asemade os paralelismos coa pandemia resúltanme un chisco forzadas.

    Ocultar o verdadeiramente importante
    Gustoume moito este relato entre outras cousas porque me resultou sorprendente. É todo o contrario ó anterior. Carece, a sabendas, de historia (é case tan só unha mera descrición). Isto, que de por si non adoita ser do meu gusto, neste caso xoga ó seu favor pola orixinalidade da proposta. Ademais nótase traballado ata o mínimo detalle, con algunhas frases moi destacábeis (“Ben sabe que integrarse adoita implicar unha renuncia”) e cun léxico moi fermoso. Isto último, á vez, é quizais tamén o seu meirande problema ó necesitar dunha segunda lectura para poder entrar ben nel e aprecialo totalmente.

    O meu voto vai para “Ocultar o verdadeiramente importante”

  3. Ensaio sobre a soidade: “Este feito, en aparencia, ten pouco que ver co que vou contar agora pero será de relevancia para o que poderá acontecer nos vindeiros días”. Esta frase sinceramente espántame. Sóbrame totalmente. A historia dos clons lembroume moito a un capítulo dos Simpson. Atopeille un paralelismo entre o illamento polo contexto actual, coa soidade/illamento ao que tendemos nestes tempos, e paréceme moi ben levado a esa situación particular do protagonista. O certo é que este relato me enganchou a tope e gustoume o final.

    Ocultar o verdadeiramente importante: en tódalas lecturas que lle din sóbrame o “Ocultar” do título. Sen eso, a frase final quedaría con moito máis efecto. Pareceume unha narrativa marabillosa. O parágrafo da margarida, ademáis de ter frases incribles, é tremendamente revelador. Fíxate que vexo este relato máis como “ensaio” que o do seu rival, a pesares de que o outro o leva no título. Desfrutei moito lendo esto. Parabéns ó seu autor.

    O meu voto vai para: “Ensaio sobre a soidade”

    1. O meu voto para Ocultar o verdaderamente importante, pola profundidade e a poesia. Polo,cuidado e a sensibilidade da descripción.
      En contra do que moita xente opina as duas primeras oracions de Ensaio sobre a soedade, pareceme moi boas, lastima, que dende o meu punto de vista non se mistura ben ca otra parte do relato que me parece unha historia independente

  4. O meu voto vai para “Ocultar o verdadeiramente importante”. Pareceume un relato normaliño na primeira lectura, pero conquistoume nas seguintes. Escolle o autor moi ben as palabras e as coloca onde teñen que ir.

    “Ensaio sobre a soidade” pareceume moi bo relato e con flashes de humor que me sacaron un sorriso. Coido que o primeiro parágrafo sobra enteiro; eu non lle atopo relación co resto do relato.

  5. Ensaio sobre a soidade

    Non entendo a aclaracion de que o caracter da nena será de relevancia no futuro. O maior merito do relato é contar todo ese flashback (non sei se é a palabra correcta aquí pero creo que se entende o que quero dicir) de como xurdiron os clons-reflexos e o que pasou con eles sen que decaia demasiado o interés. Pero o autor sabe que toda esa informacion é un cero á esquerda se non pode usalo para producir algunha emocion, e iso é o que tenta no ultimo parágrafo, ó trasladar a pandemia de clons á vida do protagonista. Supoño que o 1º parágrafo tiña a mision de reforzar esa emocion, de adiantala quizais. Se era así, por que non poñer xa no 1º paragrafo que o prota se o clon da nena? En Ensaio sobre a cegueira o prota queda cego na primeira paxina, diante dun semaforo (se recordo ben). Imaxinadesvos que a novela fose un enorme flashback (e aburrido, porque todos os flashbacks son aburrridos por definicion) e o protagonista quedase cego só na ultima paxina? Pois así é como o escribiriades a maioria de vós se me guio polos relatos que estou lendo.
    Está ben dar algo mais no final. Os xiros finais están ben. Pero, como xa dixen, non podes “xirar” se non tes unha base solida sobre a que facelo. O relato ten uqe semellar rematado antes do xiro. Se o relato non se entende (ou semella unha historia irrelevante) sen o xiro, enton non é un xiro, é o primeiro parágrafo ocupando o lugar do último.

    Ocultar o verdadeiramente importante

    Gustoume o xogo de ignorar os multiples Botanas da foto, “o verdadeiramente importante”. Ademais creo que tamén funcionaría ben sen a foto.
    O baile de tempos verbais (pasado, presente, futuro, condicional) cansa un pouco polo continuo cambio de perspectiva. Non estou de como poderia pulirse o texto sen afectar ó espirito do relato. Ten razón Natalia, o “ocultar” do titulo é prescindible. Pareceume un relato con pouca pegada (a descricion non semella ser mais ca iso, unha descricion) pero interesante.

  6. No anterior torneo, Botana tivo o seu momentum cando logrou que o sorteo dispuxese como tema dun duelo ‘Anal Intruder’: https://biosbardia.wordpress.com/2018/06/06/intruder-vs-lua-de-mel/. Desta volta, o azar decidiu que esta curiosa foto o convertese no autor-obxecto. E, curiosamente, os autores optaron por darlle todo o protagonismo ou negarllo, aínda que ningún optou por converter o propio Botana en personaxe.

    Ensaio sobre…

    É un relato ben armado aínda que coincido con quen acha que sobra o primeiro parágrafo. Non porque non teña unha función na historia senón porque coido que é un truco para captar a atención que logo ao final non parece de todo xustificado. O miolo do que se conta paréceme moi correcto e evocador. Unha especie de evolución do mito do doppelgänger postindustrial. Na era da copia ilimitada e barata, por que non ía o ser humano crear as súas propias excrecencias? Parabéns ao autor por ser quen de imaxinar algo tan elaborado a partir dunha foto. Penso que ten un gran mérito conectar unha imaxe allea e “involuntaria”, unha historia e unha lectura sobre o noso tempo. Seguro que o texto por si mesmo podería ser mellorado desde o punto de vista literario pero con estes vimbios, o autor conseguiu un pleno.

    O verdadeiramente importante

    Nete caso tamén a foto foi un referente imprescindible. É a foto a que provoca o relato. Especialmente a necesidade de fuxir do evidente. E iso tamén é loable. Ademais, o autor consegue unha atmosfera poética, delicada, minuciosa, con algún destello de voluptuosidade incluso. Cal penso que é o problema? Que esa vía, digamos preciosista, necesitaría algo máis de ambigüidade, algo máis de expresividade. Cando se ten tan claro que se quere falar do que nos resulta invisible quizais non é conveniente utilizar unha técnica narrativa tan evidencialista. Por resumir, penso que a descrición é demasiado racionalista, que necesitaría máis deslices, máis presenza do caos que tamén rexe a natureza.

    Voto por ‘Ensaio sobre a soidade’.

  7. Gustáronme moitos os dous relatos pero o meu voto vai para “Ensaio sobre a soidade’
    De “Ensaio para a soidade’ gústoume a amvuentacion, ese xeito de falar do coronavirus sen mencionado. E un relato cun tempo e lugar concreto pero funcionaria fóra deste.
    Para nada me parecen accidentais as frases iniciais, creo que é aí onde reside ese “ensaio”. O narrador entende a duplicidades do individuo orixinario da pandemia na súa propia filla. O groso do relato paréceme xenial, con frases moi ben fiadas. 3°, 4° e 5° parágrafos resultaronme xeniais.
    De “O verdadeiramente importante’ gustoume a minuciosidade, a delicadeza de cada frase. Recoñezo que tiven que lelo varias veces para pillarlle o gusto pero mellora con cada lectura.

  8. Creo que hai pouco que quixera dicir que non comentase xa Natalia.

    Do primeiro parágrafo de ‘Ensaio’, a última frase sacoume da historia, e ademais non remata de encaixar. Ten algo extraño dicir que algo “será de relevancia para o que poderá acontecer”: estás a asegurar que vai ser importante pero para algo que ao mellor non acontece. Porén, todo o relato está en pasado, o protagonista está a relatar o que xa sucedeu. O principio e o final están ben, o medio tamén… pero por separado. Tal como está, supón un interludio demasiado longo no relato dun drama familiar. Para conservar esta estrutura (que a min gústame), eses catro parágrafos do medio terían que ser dous como moito para así poñerlle máis peso á historia da nena.

    A ‘Ocultar o verdadeiramente importante’ sóbralle o ‘ocultar’ do título e fáltalle intención. Esta non ten que ser un argumento, pero si unha idea, un concepto último algo máis forte que “mirar ao tío da foto distráeche da paisaxe” (ou, alternativamente, optar pola vía do evocador). Ideas sí que hai, e algunhas boísimas, como a de “integrarse adoita implicar unha renuncia”, pero en xeral é unha serie de descripcións do plano físico nun relato que quere ensinar a mirar máis alá.

    O meu voto vai para ‘Ensaio sobre a soidade’.

  9. En “Ocultar o verdadeiramente importante” encántame esa tendencia á profundidade da que estamos escasos na literatura actual.

    “Ensaio para a soidade” está moi ben elaborado aínda que non acabei de entender certos acontecimientos da historia.

    O meu voto vai para “Ocultar o verdadeiramente importante”.

  10. Eu quería un relato “Botanesco”, nunca volo perdoarei, hehehe… Espero que vos gustase a foto, xa avisei de que as había peores. (Creo que quedan un par delas bastante fodidas…)

    “Ensaio sobre a soidade”. Este relato é un remexido de coidado. Ten a idea brillante do doppelgänger, a acertada reflexión sobre a súa orixe (a soidade), fala da pandemia (algo pillado polos pelos, iso si) e tamén, en certa forma, é un ensaio pouco obvio. Pese a ter a estructura ben montada, penso que igual sobran elementos. Para evitar o párrafo aclaratoria do inicio, penso que podería comezar a machete a falar dos duplicados. Logo meter o desamor dos pais no confinamento e xa rematar ensinando á nena duplicándose. Cun par de voltiñas este relato queda impresionante.

    “Ocultar o verdadeiramente importante”. As voltiñas que deu o autor para non falar de min, hehehehe… Asegúroche que inda que estea por cuadriplicado ignorarme non require tanta enerxía focal. Polo demáis, a sucesión de parágrafos e frases é moi fermosa e delicada. Todo un ensaio de personalización do aparentemente accesorio, a caracterización do detalle. Gustoume moito este exercicio, quedou moi orixinal e refrescante.

    Teño moitas dúbidas con este duelo, a potencia da idea dun contra a fermosa montaxe do outro. VOTO por “Ocultar o verdadeiramente importante” porque o vexo máis rematado e orixinal no formato.

  11. «Ensaio sobre a soidade»
    Tampouco comprendín ese primeiro parágrafo. Era para fuxir do final sorpresa? Aquí hai moitos ingredientes interesantes, mais faltou cocción (e seguramente prescindir dalgún deles) para que todo compactase. O problema familiar queda demasiado xenérico, probabelmente requiría amosar o mal que estaban a través dalgunha situación no canto de contalo, e non era fácil facelo en tan pouco espazo e coa necesidade de introducir tamén o tema dos dobres. Hai boa literatura aí, tamén boas ideas; cómpre retomalo e darlle algo máis de extensión para presentar ben o conflito familiar e guiar un pouco mellor a historia, porque ten moito potencial.

    Se a orixe semellaba ser a soidade, que sentido ten confinar a poboación? A medida non debería ser a contraria?

    «Ocultar o verdadeiramente importante»
    Moi bo. Paréceme brillante a forma de sortear a Botana, de inspirarse moito na imaxe mais non ir por onde se pretendía que fose. Gústame o exercicio de apelar a quen le; a idea está ben estruturada, ben executada, constrúe con éxito ese microcosmos e sabe darlle remate. Paréceme un traballo redondo, parabéns. Para el vai o meu voto.

  12. A miña parte favorita de ‘Ensaio sobre a soidade’ foi a parte final, gustoume a imaxe da nena sendo peiteada por unha copia dela mesma a medio facer. O que non entendín é por que polas distintas ciudades hai copias do mesmo home do principio, e no faiado a copia que aparece é a da filla. Creo que me perdín algo.

    O meu voto vai para ‘Ocultar o verdadeiramente importante’, gustoume moito toda a narración.

  13. Eu pouco máis vou engadir. Gustáronme os dous relatos.

    Tríscoume un pouco o principio de Ensaio. De feito as seguintes lecturas comeceinas polo segundo parágrafo, obviando o primeiro, e a historia semelloume moito máis redonda.

    De Ocultar gustoume o seu estilo e a idea de sortear o obvio á mantenta, como para meterse con Botana, aínda que, ó meu entender, fai que o argumento pague unha peaxe importante. Porén, parabéns, porque hai moito nivel nesa escritura.

    O meu voto vai para “Ensaio sobre a soidade”.

  14. Pois máis unha vez agradecer os vosos comentarios e suxestións. O de mudar o título paréceme unha boa idea. Tampouco me fixara no dos tempos verbais que comentou Lois. Cousas que se van aprendendo.
    Como non tiña unha idea que me acabase de convencer, optei por usar esta historia para praticar a descrición, xa que é algo no que non me sinto particularmente cómodo. O obxectivo era producir un texto fermoso e con ritmo. Pouco máis.
    Felicitar tamén a Marcos. Sinceiramente, víame fóra. Ensaio sobre a cegueira é aínda hoxe a miña novela favorita, e esta versión que nos montou Marcos paréceme que ten moi bo nivel. Destacaría a frase do asador. Son eses pequenos elementos os que enriquecen moito un relato.
    Finalmente, Carlos, aínda non me quedou claro a quen querías votar. Vai haber que instalar o VAR nas próximas edicións do torneo.

  15. Parabéns, Daniel, un moi bo relato. Grazas a todos polos vosas palabras dedicadas aos relatos que quedaron atrás, sobre todo ás que serven para melloralos. Este torneo está xenial, foi moi divertido nas anteriores edicións e este ano ademais, unha compañía que me fixo esquecer a trapallada do que acontece no día a día. Graciñas tamén a César polo espazo e a organización. Merece o torneo ter continuidade. (E un libriño que recolla os textos, tamén 😉 )Seguirei atento as semis e a final, que promete.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *