Preguntas tras as cifras do Sant Jordi’16
Xesús González Gómez.
Nunha anterior entrega publicada a poucos días da diada Sant Jordi e, por extensión, á difusión (vendas) da literatura catalá, relacionabamos a lista dos libros máis vendidos durante a xornada do 23 de abril deste ano. Avanzabamos, tamén, a “caixa” aproximada que se fixera durante ese día en todo o Principado –nas dúas linguas– (para sabermos das vendas do libro catalán habería, ademais, que engadir as vendas das Illes Balears e do País Valencià). As vendas, avanzabamos foran un pouco inferiores, polo día en que caera a xornada (un sábado) que no 2015, mais, finalmente, o Gremi de Llibreters afirmou, nun documento entregado á prensa o xoves día 28 de abril, que estas aumentaran nun 3% con respecto ao ano anterior (20,3 millóns de euros), chegando a cifra de 20,96 millóns. Con todo, a “caixa” debe ser algo máis, porque esta cantidade baséase na facturación dos libros dos últimos dous meses, e moitos dos que se venderon eran fondo das librerías e foran facturados en meses anteriores. Ademais, tendo en conta que moitos libros se venderon en lugares (puntos de venda) que non pasan pola peneira do Gremi de Llibreters, que é o único que dá cifras desta xornada, podemos afirmar que os 20,96 millóns de euros talvez se superaron con creces. Non esquezamos que nos barrios, e nas pequenas vilas, os libros adoitan venderse en puntos que non están afiliados ao devandito gremio, senón a outros, como vendedores de prensa (os quioscos de prensa), estancos, papelarías e/ou mesmo grandes superficies alimentarias. Tamén temos que ter en conta, como avisábamos, as librarías de vellos e os postos que montan diversas asociacións sociais, culturais, políticas, etc., que se ben ofrecen información sobre a súa actividade, e ofertan, maiormente, libros dos seus asociados ou editados por elas ou referentes ás actividades das respectivas asociacións, tamén adoitan ofertar libros que acaban de se daren ao prelo: a venda destes libros sérvelles para recadar cartos. É dicir, a cantidade que dá o Gremi de Llibreters é aproximativa, cun erro, penso eu, dun 7% ao 10% tirando á baixa.
As listas de libros máis vendidos que dá o Gremi de Llibreters case ao mesmo tempo que acaba a xornada, tamén están viciadas por falta de información. De primeiras, digamos que os datos están tirados, ou confeccionados, a partir da asociación de librarías denominada Libridata, asociación de librarías que na provincia de Barcelona agrupa 90 puntos de venda, entre os que non se contan, entre outros, lugares de gran venda potencial como son os diferentes sucursais da Casa do Libro (Editorial Planeta), da FNAC e mais do Corte Inglés, entre outros. As listas de máis vendidos divídense por lingua e xéneros (ficción, non ficción, infantís-xuvenís) no canto de ofrecer unha única lista que esclarecería cal foi o libro máis vendido. En terceiro lugar, e como avanzabamos no anterior artigo, o hit-parade de vendas (en castelán e español, nos diversos xéneros), segundo o Gremi supón un 5% das vendas totais; en realidade, para matizarmos máis a cuestión, un 4,87%, o que non deixa ver a diversidade e pluralismo dos gustos dos lectores. Por dicilo doutro xeito, focalízase a atención nos vinte principais títulos (esquecéndonos agora do libro infanto-xuvenil) que se venderon –sumando publicados en español e catalán de cada “xénero”–. Estes vinte títulos –na realidade menos, xa que algúns dos máis vendidos en español tamén o foron en catalán, segundo o Gremi de Editors, venderon un total de 76.496 exemplares, cando o resto de títulos que se ofertaban (uns 45.257, non sei como afinan tanto nestas cifras) venderon nun total de 1.504.000 exemplares (e continuamos sen saber de onde tiran os datos e como os afinan tanto).
O libro máis vendido en castelán en abril do 2016 é un thriller publicado na primavera do 2015.
Esta falta de datos específicos crea outro tipo de confusión. Segundo os datos de Libridata, continúa durante a Diada de Sant Jordi a hexemonía, como no ano anterior, do libro en catalán no xénero infantil e xuvenil (73,42% fronte ao 26,58%). Dato que, en realidade, nada significa, como saben moi ben os editores e escritores galegos: cantos libros infanto-xuvenís se venden en Galicia sen que ao cabo de anos, é dicir, cando os supostos destinatarios destes produtos infanto-xuvenís teñen idade máis que suficiente para “merecer”, teñan repercusión sobre as vendas de libros considerados para adultos? Dito doutro xeito, a venda de libros infantís e xuvenís en Galicia é importante (como en Cataluña e no resto de todos os lugares do mundo), mais son libros comprados por pais ou familiares ou amigos dos pais para nenos que logo, ao cabo dos anos, nunca saberemos se continuarán a ler, e menos se continuarán a leren en galego; é o caso que nos toca, en catalán. Noutras palabras, e é algo que ventabamos desde hai moito tempo: o libro infanto-xuvenil non crea adicción á lectura. Este dato, ademais, entra en flagrante contradición, case brutal, co seguinte que entrega: en non-ficción os libros en castelán significan esta diada un 61,58% contra o 38,42 en catalán. Tamén se pode argüír ou pensar que a oferta en castelán é superior á oferta en catalán, en cantidade e, xa que logo, en calidade e de aí o arrase do castelán. Sería cousa a estudar de maneira pormenorizada.
No que respecta á ficción, tanto os Gremi de Llibreters como o Gremi de Editors (quen, por outra parte, négase a facer público o número de exemplares vendidos de cada título, o que para un gremio que anda sempre a demandar subvencións e rebaixas fiscais non está nada ben, é dicir, debería ser máis transparente), o Día de Sant Jordi aínda que en castelán hai máis títulos (67,35%) prima a venda en catalán (54,62%), cando ao cabo do ano a cifra é de 8 a 2 ou 7 a 3 a favor do castelán. Alguén pode pensar que se houbese máis títulos en catalán o balanzo final sería un maior equilibrio entre as linguas. Acho que non, no día do libro prímase o autor local, tanto en Cataluña como, por exemplo, en Madrid ou Ciudad Real, non sei en Galicia, non teño datos a man, mais supoño que tamén.
Un dato que corrobora indirectamente o dominio das vendas en español sobre o catalán –en ficción– durante o ano: segundo as listas entregadas polo Gremi de Llibreters dedúcese, simple operación aritmética, que o libro máis vendido este ano na xornada de Sant Jordi foi La chica del tren (La noia del tren), de Paula Hawkins: primeiro en vendas en español e terceiro en catalán; libro, por certo, publicado hai case un ano, en maio/xuño do 2015, o que quere dicir que se converteu, tal e como están nas cousas, no mundo das novidades bibliográficas, nun libro de “longa duración” (como aconteceu, no seu día, con Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez, que tardou case un ano en despegar e disparar as súas vendas). O caso Hawkins, como no seu día o caso Girasoles ciegos, esperta a sospeita de que as recensións, aínda que a maioría das veces sexan pura propaganda, puro réclame, non serven para crear best-sellers nin “éxitos” de vendas e, por tanto, que o poder (sic) da crítica (resic) é, sempre, mínimo. O libro de Hawkins é un thriller psicolóxico, polo que, fóra da súa calidade intrínseca como thriller, un pensa que non é unha grande obra literaria e, xa que logo, sería necesario un estudo sociolóxico para sabermos da súa traxectoria triunfante; un estudo que acabase por nos explicar o porqué do seu “éxito” a case un ano da súa publicación, sobre todo tendo en conta que o filme que se fixo baseado na novela non se estreará, segundo noticias, até o próximo mes de setembro.
Outro dos datos que se pode tirar do triunfo desta novela da Hawkins é o seguinte: como é que habendo versión catalá o lector se decide, maiormente, pola versión castelá? Velaí un problema de difícil solución. Estou seguro de que a maioría dos castelán-falantes que compraron este libro son capaces de leren en catalán, e se son lectores contumaces len en catalán os autores cataláns, por que non len as traducións? Velaí un problema que non se formulou aínda ningunha das asociacións de escritores en catalán (tres ou catro) nin a Institució de les Lletres Catalanes, e que está aí e se repite cada día e que interroga sen achar resposta, ou respostas. Algo está a fallar, alén das “circunstancias” políticas concretas, na estratexia e nas tácticas destas institucións. Sobre todo se se ten en conta que debe existir un tanto por cento de lectores en catalán que compran as traducións en español (o prezo é o mesmo nun e outro idioma).
One thought on “Preguntas tras as cifras do Sant Jordi’16”