Xurxo Souto: “Como dicía Luísa Villalta, a historia da literatura está mal contada, porque lle falta a música”

O músico, comunicador, escritor, profesor e historiador Xurxo Souto (A Coruña, 1966) protagonizou o sexto episodio da primeira tempada de ‘Conversas Biosbardia: Os oficios do libro’.
Nunha entrevista chea de música e alegría, Souto non só lembrou algúns aspectos da súa biografía, senón que expresou algunhas reflexións sobre os temas aos que máis atención lles prestou na súa traxectoria artística: o papel do mar e dos traballadores do mar na cultura galega; o valor da música popular, a súa admiración por algúns referentes próximos: Pucho Boedo, Arsenio Iglesias, Manuel Rivas, Luísa Villalta…
O autor coruñés repasou algunhas saborosas anécdotas, deu bastantes titulares e demostrou a súa erudición e memoria para facer inmortais moitas voces “pequenas” que escoitou durante todos estes anos.
A entrevista pódese ver no Youtube e oír nas plataformas iVoox e Spotify.