BiosBardia

O país dos libros en galego

A orixe incerta da Festa do Boi de Allariz

O boi de Allariz, nunha imaxe do 2013. JOSÉ ANTONIO GIL/FLICKR.
O boi de Allariz, nunha imaxe do 2013. JOSÉ ANTONIO GIL/FLICKR.

César Lorenzo Gil.

Esta fin de semana comeza oficialmente a Festa do Boi de Allariz. Durante nove días, a vila medieval vive o seu momento máis lúdico ao redor dunha tradición da que os oriúndos do Concello, en especial os do centro urbano, senten grande orgullo.

E logo por que se chama a Festa do Boi? É que comen moito boi nestes días? A pregunta ten lóxica nun país que se caracteriza polo gran número de festas gastronómicas. De feito, na propia Allariz hai de cando en vez xornadas de degustación da carne deste animal. Mais esta festa non celebra o boi como produto senón como símbolo. Correr o boi significa hoxe en día en Allariz acompañar polas rúas máis céntricas do dédalo medieval un boi, que non recibe maltrato físico nin acaba mancado nin morto senón que, unha vez rematadas as festas, volta aos pastos onde vive con outros animais. Iso si, o aumento da sona de Allariz en xeral e desta festa en particular en toda Galicia e parte do estranxeiro converten estas “carreiras” en masificados acontecementos que ás veces acaban baixo tensión, tanto para o público como, lóxico, para o animal.

Que se celebra, concretamente, nesta festa? A día de hoxe, a Festa do Boi é unha das poucas celebracións que hai en Galicia á parte do calendario litúrxico. É dicir, a festa non nace nin se fai como homenaxe colateral a algunha divindade senón que procura a súa esencia na tradición, na comunidade da capital da Arnoia ao redor dun sinal identitario que todos recoñecen e no que se senten cómodos. Ese acomodo ao sentido de pertenza evoluíu nos últimos anos coma a sociedade en xeral e de aí que se adoptasen elementos non autóctonos pero que reforzan esa posición, caso dos panos ao pescozo ou a creación de grupos que celebran por xunto a festa. Crear comunidade dentro da comunidade é algo normal en toda caste de festas, desde a Feira Franca de Pontevedra ao San Roque de Betanzos. A festa vívese “realmente” cando conseguimos trasladala do xúbilo xeral á celebración da comunidade nuclear, ben no seo da familia ben a través da xuntanza coas amizades.

En canto ao feito que se celebra, o primeiro que hai que dicir é que o “big bang” da festividade só ten un valor lexitimador da festa. Non se corre o boi para xustificar ou afirmar a súa orixe pero esa orixe, esa tradición si funciona coma os alicerces da festa. Na explicación do porqué da Festa do Boi hai elementos moi interesantes para coñecermos como se proxecta o presente sobre o pasado e que visión do pasado nos serve para armar de contidos os nosos comportamentos presentes, é dicir, como se constrúe a tradición. É por iso que ten tanto interese esta celebración de Allariz.

Xan de Arzúa

Lemos na web do Concello de Allariz: “No sec. XIV habitaba en Allariz unha poboación xudía respectable, confinada no barrio de Santo Estevo, extramuros, que vivía conxugando un innegable dinamismo económico co acoso provocado pola “oficialidade” cristiá, moradora da cidade amurallada. Chegada a festividade do Corpus, e aproveitando que a procesión do Santísimo necesitaba saír extramuros para achegarse ao convento, era cando aproveitaban os xudeus para desafogaren as súas iras e frustracións, berrando e insultando ao paso da procesión. Contan os cronistas que Xan de Arzúa, un fidalgo alaricano de profundas conviccións relixiosas, decidiu dar fin a esta situación. Chegada a procesión do 1317 montou a lombos dun boi e acompañado por varios criados e cargado de sacos con formigas encabezou a procesión do Corpus. Cando os xudeus apareceron para boicotear o acto, a base de cornadas e chuvia de formigas axotou para sempre os xudeus.

“Dende entón e ata 1936, todos os anos polo Corpus saía o Boi en Allariz. Durante a guerra suspendeuse, para despois dela espertar lentamente, apagándose de forma definitiva a finais dos 50, principios dos 60. Dende entón, e segundo palabras de Antonio Blanco, “o Boi vive agochado no corazón dos alaricanos”, ata que en 1983, un grupo de mozos decide recuperar a festa, e o boi volve correr por Allariz, e con el un municipio con orgullo da súa historia e das súas tradicións”.

O relato sobre a primeira vez que se correu o boi, ese día do Corpus Christi no que o intrépido Xan de Arzúa axotou os xudeus con formigas, está baseado na obra de Xosé Puga Brau, Os xudeus de Allariz. O boi de Corpus e as danzas gremiais, un conxunto de diversos artigos reeditados en libro polo Concello de Allariz en 1996. “O que aí figura é a tradición, sen ningún apoio documental, e incluso con versións contraditorias”, explica o medievalista Anselmo López Carreira, un dos maiores expertos da Baixa Idade Media en Galicia, especialmente en Ourense.

Veciños de Allariz cun espantallo que representa o Xan de Arzúa, no 1948.
Veciños de Allariz cun espantallo que representa o Xan de Arzúa, no 1948.

En efecto, como explica Carreira, non existe apoio documental para ese relato. E non só iso, senón que a propia historia contradí o que se sabe sobre a Idade Media non só en Galicia senón no propio Allariz en canto ás relacións interrelixiosas entre cristiáns e xudeus.

O miolo do mito de Xan de Arzúa é a tensión social entre xudeus e cristiáns. Na redacción da páxina web cóidase desequilibrar a balanza de responsabilidades desa tensión e alúdese a que a frustración dos hebreos por estaren fóra das murallas, é dicir, alleos á sociedade na que vivían, fai nacer neles o desexo, case obvio, de aproveitar calquera fírgoa para desvelaren o seu lóxico rancor. Esa descrición politicamente correcta non consegue eludir, no entanto, que é Xan de Arzúa, o cristián ofendido, quen acaba triunfando nese momento de tensión, non só pola reivindicación da festa cristiá coa solemnidade de aparecer dacabalo, aínda que sexa dun animal bovino, senón porque concreta a carraxe dominadora da maioría da vila ciscando formigas sobre a comunidade asoballada.

O caso é que este relato, á parte de ser inventado, nin sequera recolle a esencia desa relación entre relixiosos de diferente comuñón nese período aludido. Para entender aquel tempo en Allariz debemos recorrer a Carlos Barros, outro medievalista grande coñecedor dos séculos XIV e XV. En moitos dos seus traballos explica como eran as relacións entre cristiáns e xudeus baseándose nos documentos que chegaron aos nosos días. Algúns deses traballos están recollidos no imprescindible Viva el-Rei!, publicado por Xerais no 1996 (hoxe descatalogado).

No tocante aos xudeus de Allariz, Barros desmente esa situación de desigualdade legal ou de asoballamento. A Galicia medieval mantivo un ambiente razoablemente bo de convivencia entre cristiáns e xudeus, que non tiñan vidas separadas e cuxos dereitos de culto estaban recollidos como demostran as sentenzas e ordenanzas. Por suposto non había barrios separados nin polo tanto unha ansia latente de vinganza por parte de uns ou doutros. O modelo de gueto para os xudeus, as famosas xudarías, tal e como tamén recolle Mª Gloria de Antonio, tamén ela medievalista especialista na pegada dos hebreos no noso reino, e autora de Los judíos en Galicia (1044-1492), dáse moi serodiamente, xa no tempo dos Reis Católicos, cando si en efecto desde a corte castelá se ditan diferentes leis que obrigan á separación por razóns relixiosas no reino de Galicia. Esta división, que indicamos non se produce até o terzo final do século XV, é dicir, 150 anos despois do suposto acto de Xan de Arzúa, produciuse a desgusto non só do corpo social senón incluso das autoridades galegas, que se negaran ás medidas de segregación promulgadas polos Trastámara noutros reinos da coroa desde a usurpación do primeiro da dinastía, no 1370, máis ou menos. Como subliñan tanto Carreira coma Barros asemade, o concepto de barrio xudeu foi moi limitado no tempo xa que no 1492, co edito de expulsión dos xudeus, deixou de ter importancia onde deberían vivir os hebreos. Mais o mito histórico perviviu porque comungaba cun sentimento simbólico posterior, o do gueto e o antixudaísmo, común a toda Europa a medida que avantaban os séculos e que chegou a Galicia xa cando non había xudeus cos que lidar. É dese mito do xudeu quintacolumnista, ocupado unicamente en conspirar para derrubar a crenza cristiá, de onde xorde o mito de Arzúa. Os xudeus de Allariz, polo menos, nin cociñaban nenos nin envelenaban as augas nin conspiraban no cemiterio como facerse co control das riquezas de todo o mundo, prácticas que se difundiron noutros lugares, en especial na segunda metade do século XIX. Para quen lle interese o tema cun sentido literario e erudito, é recomendable ler O cemiterio de Praga, de Umberto Eco e, sobre todo, A enciclopedia dos mortos, de Danilo Kis.

O elemento das formigas podería encadrarse no valor lúdico do contacto coa natureza. Lembremos que en Laza, aínda hoxe, durante o Entroido, cazan formigas no monte, embriáganas con vinagre, e guíndanas rabiosas uns aos outros por faceren graza. As orixes non se coñecen, tanto poden ser prehistóricas coma de anteonte pero é posible que Puga Brau utilizase a formiga coma arma seguindo o que viu o sentiu que facían os veciños do sur.

Unha hipótese sobre o Boi

Daquela, se o Xan de Arzúa non foi un restituidor da verdade cristiá fronte aos ataques mosaicos, de onde vén a festa? Non existen máis certezas no tema pero si indicios.

López Carreira recorda que en efecto na Idade Media tiñan moita importancia os gremios. Cada oficio estaba regulado ao xeito de corporación e o seu exercicio dependía de normas ríxidas. Esas comunidades cobraban corpo simbólico en diferentes momentos, un deles nas celebracións relixiosas. “As confrarías profesionais desfilaban na procesión do Corpus, e cada unha delas facíao con algún elemento particular: Certos bailes (espadas, penlas, etc.), a coca (unha especie de dragón que metía medo, que aínda se celebra nalgúns lugares), ou algún outro motivo exclusivo. Cónstanos que os carniceiros en Ourense sacaban un touro (ou boi), e isto debe ser o que acontecía tamén en Allariz. Logo a tradición inventoulle unha orixe mítica”.

É dicir, si houbo procesión de Corpus e si houbo boi. Esta explicación ten máis sentido por dous motivos: ten a ver cunha realidade documentada e baseada na propia rutina urbana dunha vila como Allariz no século XIV, puxante, con castelo propio, protagonista de moitos acontecementos no seu tempo e cunha profunda pegada na documentación como centro económico e político. E aclara por que non se celebra o Xan de Arzúa senón o boi. O animal non como tótem dun arcano senón como “símbolo palpable” da actividade diaria dos carniceiros. Engade Carreira outra curiosidade que pecha o círculo fascinante deste misterio festivo. “No Ourense do século XV había un carniceiro (moi presente na documentación, por certo) chamado precisamente Xoán de Arzúa”.

Daquel acto gremial dos carniceiros da Idade Media hoxe non queda nada, igual que sucede coa Coca de Redondela ou a Danza das Espadas de Arbo, por dar dous dos moitos exemplos que perviven na Galicia do século XXI. Mais como ocorre acotío, o cerne daquela conmemoración pervive adaptado como referente dunha comunidade na que o boi seguiu a ser un elemento principal. Hai que recordar que durante moito tempo Allariz foi a capital dos curtidos. Unha industria foise creando nas ribeiras do Arnoia para aproveitar o coiro bovino e até a reconversión dun sector que ficou obsoleto identificou a propia Allariz. Sacar o boi, máis ca correlo, quizais era un xeito idóneo e seguramente pouco racionalizado de reivindicar a principal ocupación da vila.

Monumento da Festa do Boi, en Allariz. JOSÉ ANTONIO GIL/FLICKR.
Monumento da Festa do Boi, en Allariz. JOSÉ ANTONIO GIL/FLICKR.

A versión moderna do Boi, obviamente, xa comparte con outros eventos nos que participa un bovino certo espírito, sobre todo para normalizarse e lexitimarse socialmente. É normal que no caso ibérico, festas coma o San Fermín de Pamplona exerzan unha influencia difícil de esquivar. Nos últimos tempos medraron as críticas sobre o uso dun boi nunha festa onde se corre, se berra e se xunta moita xente. Un grupo de veterinarios denunciou o estrés innecesario que papa o animal, o que creou unha polémica, por veces altisonante, no propio conxunto social de Allariz. Pór en cuestión correr o boi nos termos actuais empata co aumento de sensibilidade animalista do noso tempo e tarde ou cedo obrigará a unha reformulación do evento. Hai voces que defenden devolverlle ao animal todo o protagonismo, convertelo na cabeza dunha procesión laica e lúdica por Allariz para que o boi se sinta, por unha vez, centro e representación da relación de Allariz coa súa figura. Ese modelo parece ser que era o que primaba antes da última recuperación na década do 1980. Outras voces avogan por eliminar da ecuación o animal real e convertelo en símbolo, mediante a mecánica ou directamente a través da simulación simbólica, é dicir, cunha máquina que finxa ser o boi que se corre ou cun estandarte que capte os elementos simbólicos do animal. Polo momento, o boi sairá esta fin de semana en Allariz. Todo o mundo o sabe agás o propio boi. Na maioría das cousas, os protagonistas das historias son os derradeiros en decatárense do que está a acontecer.

3 thoughts on “A orixe incerta da Festa do Boi de Allariz

  1. Nunca vira a foto “Veciños de Allariz cun espantallo que representa o Xan de Arzúa, no 1948”. Unha xoia alaricana, como algunhas das expostas na taberna de “O Pepiño” e que podedes ver nesta ligazón (http://www.opepinhodeallariz.com/nosa-casa/). O cuarto, comezando pola esquerda e sen contar o neno, é un dos personaxes “reais” do libro do Marcial Suárez, O ACOMODADOR E OUTRAS NARRACIÓNS, concretamente “O Fetén”, que aparece no relato “Unha visita de inspección”, e que na vida real todo o mundo coñecía como “O gachó”. Se queredes saber algo do home que o Marcial descrebe como “No pobo, case que naides sabía quen era o Alfredo González, pero todos sabíamos quen era ‘o Fetén’: un home de ben onde os haxa, un veciño honrado e de fiar, traballador e de humor alegre.”, apurai e non demoredes a visita a Allariz porque cada vez queda menos xente que se lembre de “O gachó”. Eu mesmo terei que apurar e perguntarlle, xa verei a quen, como é que lle chamaban “O gachó” e quen llo puxera, cousa que nunca perguntei.

  2. Cequelinhos:

    Se quer botarnos unha ollada, xa sabe por onde andamos: http://elvotoconbotas.blogsinfolibre.es/?p=28583

    Digo “botarnos” e non sei se é o mais axeitado, porque familia seremos pero coñecer en persoa eu polo menos non coñezo a ninguén, nen tan sequer ao Fermín, a quen nunca vin en persoa nen con quen nunca crucei unha palabra. Pero familia ao fin e ao cabo. Xa ve que por alí sómoslle mais “lixeiros” que aquí, e algúns ao que nos dedicamos sobretodo é a darlle pau ao “indecente” e ao seu PPartido corruPPto, sen esquecer aos outros dous eixos da chamada gran coalición a tres. O Manuel Veiga tamén calzou as botas con voto do Fermín, pero hai tempo que abandonou o barco e agora navega por outros mares. E nada mais, vostede faga a vista gorda e se gosta do meu último comentario, pois xa é algo.

    detective crepuscular en 17 junio, 2016 en 12:41 AM dijo:
    Creo que a partir de agora vou deixar de chamarlle o “indecente” e pasar a tratalo de “alcachofo”. Xa son tantos os nomes que lle temos posto, que un mais… A verdade é que non ten nada de orixinal, pero para quen é o resésigo personaxe… Non lle virían mal unhas clases do Iceta-Queen para desentumecer un pouco ese esqueleto doutrinal aferrollado polo franquismo.

    Como ve, o “indecente” e o seu PPartido, que nunca entenderei como non está ilegalizado, son superiores ás miñas forzas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *