BiosBardia

O país dos libros en galego

Álvaro Cunqueiro reseña a Ángel Sevillano

Álvaro Cunqueiro (á dereita) e José María Castroviejo.

Xesús González Gómez.

Antes de 1936, nas páxinas de El Pueblo Gallego, Álvaro Cunqueiro publicou tres artigos co título «Poesía, craridade»: «Notas e leituras. Poesía, craridade» (10 de setembro de 1935), artigo no que falaba do libro de poemas El senyal, do poeta catalán Tomàs Garcés, a quen o escritor galego coñecera en maio de 1934, cando fora a Barcelona convidado por Amics de la Poesía. (Sobre a estadía de Cunqueiro en Barcelona nese mes de 1934, ver: Josep M. Balaguer, «Els primers contactes de Cunqueiro amb el món cultural català i algunes conseqüències», i Víctor Martinez-Gil, «Álvaro Cunqueiro en els escriptors catalans: una imatge de Galicia», en Alvaro Cunqueiro e as amizades catalanas. Actas, Sada, Ediciós do Castro, 2003, edición de Jordi Cerdà, Victor Martínez-Gil e Rexina R. Vega, pp, 53-86 e 185-210, respectivamente); «Notas e leituras. Poesía, craridade», 10 de novembro de 1935, artigo no que comenta o poemario Joc partit doutro poeta catalán que coñecera o ano anterior, Joan Teixidor, e o libro de poemas de Ánxel Sevillano, O muiño albeiro; e, finalmente, «Notas. Poesía, craridade», no que reflexiona sobre os poemas en galego de García Lorca e a antoloxía de poesía galega que está a facer naquel momento Xosé Filgueira Valverde por encargo do Seminario de Estudos Galegos. Digamos, como mera información, que o volume Álvaro Cunqueiro, O mundo que teño de meu. Artigos en lingua galega. Prensa e revistas (1930-1980), Vigo, Editorial Galaxia, 2013, edición de Henrique Costas e Iago Castro Buerger, só recolle o terceiro dos artigos mencionados. 

Ora, este título Cunqueiro usarao noutras ocasións. Por exemplo, o 9 de abril de 1940 aparece en La Voz de España, de San Sebastián (aínda que sospeitamos que tirado de Arriba, de Madrid), o artigo de Cunqueiro: «Poesía, claridad». Neste escrito, o mindoniense fala dunha escolma e tradución de 50 poemas de R. M. Rilke realizadas por Dorotea Patricia Latz (unha directora e actriz de teatro, nacida en Berlín en 1908, e que recalou en Barcelona fuxindo do nazismo: curiosamente, na cidade catalá fíxose amiga de fascistas notorios, como José Ramón Masoliver ou Dionisio Ridruejo, entre outros, e acabou traballando, como directora do Festival de Teatro Clásico, para o Concello de Barcelona. Morreu en 1959). Para Cunqueiro, Latz «supera las dificultades de la traducción, con una mezcla de maestría e ingenuidad que da que pensar». No fondo, o artigo é unha reflexión sobre a poesía a partir de Rilke. Un excelente artigo, todo hai que dicilo, porque o escritor galego se esquece das arbitrariedades que era capaz de cometer naquel tempo. Sen irmos máis lonxe, se o lector, a lectora, dá con el, pode ler o artigo «Una antología de poesía americana», publicado tamén en La Voz de España e, tamén, parécenos, tirado do Arriba, o 18 de novembro de 1941. Artigo no que comenta a Anthologie de la nouvelle poésie americain, de Eugene Jolas, unha antoloxía na que aparecían nomes como Carl Sandburg, T.S. Eliot, e. e. cummings, E. Pound, Vachel Lindsay ou Archibald Mc Leish, entre outros. Pois ben, segundo o noso escritor (a verdade é que daquela talvez non era tan «noso»): «Con la antología de Jolas en la mano se puede asegurar que si bien existen algunas luces poéticas en los EE. UU., una poesía americana no existe. Los americanos deben notarlo». Mais, se ben é certo que o tema deste artigo ten que ver coa poesía, non se tratará nel a opinión que sobre ela tiña o Cunqueiro daqueles anos; polo tanto,  desaceleremos. 

Desde os pioneiros estudos de Xesús Alonso Montero e Claudio Rodríguez Fer sobre Cunqueiro, e outros escritores galegos, en tempos de guerra, ten chovido moito; e moitos máis coñecementos, e documentos, están ao noso alcance. Álvaro Cunqueiro era (é, claro), un inmenso escritor, tanto en galego como en castelán, pero desde o noso punto de vista era un ínfimo cidadán, tanto desde o punto de vista privado como do público. Un pode entender a súa posición en 1936: sempre nos gusta que os heroes sexan os outros, pero despois de 1940, a súa posición continuou a ser a mesma, con agravante, porque sabía o que lles acontecera a moitos dos seus amigos, cos que nunca se puxo en contacto, e, lixeiramente, a partir de 1948. Os motivos do cambios, ben que temos as nosas hipóteses gardámolas para outra ocasión, porque, simplemente, quería dicir, repetir, aquilo que toda/os sabemos sobre o Cunqueiro posterior ao 18 de xullo: durante moitos anos esqueceuse (el) a mantenta de que fora un escritor galego, é dicir, que escribira en galego. Do 18 de xullo de 1936 até 1948 non se sabe que escribise nada en galego (á parte, seica, dalgún poemiña que mantivo gardado). E non só iso, senón que durante doce anos fixo case todo o inimaxinábel para facer esquecer os seus «pecados» de mocidade, é dicir, os seus escritos no noso (seu) idioma. Como ben afirma Claudio Rodríguez Fer en A literatura galega durante a guerra civil (Vigo, Edicións Xerais, 1994): «A renuncia de Cunqueiro á publicación en galego tivo que ser moi consciente, como revela o feito de que prologara en castelán o libro Fala d’as Musas, de Daniel Pernas Nieto». Porque houbo outros que se ben se amoldaron á nova situación, ao franquismo, non se esqueceron de que eran poetas… en galego, e neste seu, noso, idioma se mantiveron: estamos a falar, sobre todo, de Ánxel Sevillano.

Este poeta, e xornalista, publicara antes do inicio do alzamento O muiño albeiro, do que no seu día, como dixemos, se ocupou Cunqueiro. En 1938 Sevillano publicará O amor, o mar, o vento e outros gozos. Un libro en cuxa portada se pode ler, despois do título, na parte inferior esquerda e a menor tamaño: «foron cantados na primaveira», típica, e tópica, frase falanxista. Logo antes de entrarmos nos versos propiamente ditos, e baixo o debuxo dunha aguia imperial, lense estes parágrafos: «Iste libro foi nado baixo seña imperial. Como un aguia sobor d’unha ponla, un Imperio pode asentar n’unha canzón. Os mais outos destiños foron sempre ben cumpridos de romances. // E foi nado, tamén, en crara lingoa galega, por xeito de boa irmandade para as outras terras da marca hispánica, como a mais belida auga ou fror de Galiza, fermosa terra, moi madura de exemplos.// As mans buscan as mans por riba de todol’os ríos e fánse, eisí, as mais garridas pontes que xamais foran vistas de ollos de home». E veñen os poemas; velaí os seus títulos: «A miña dorna boga ben», «Ouh mar, espello noso!», «Era por aquil tempo», «Cando son dormidas as tempestades», «Ha ter verdes os ollos», «Soñar con anxos», «O máis profundo coñecimento», «Non había froita máis doce», «Iste mar tan antigo», «Agora teño os ollos», «Eramos dous veleiros», «C’os remos sulagados» e «O pombal do teu peito». O libro vai ilustrado co debuxos de Maside, Sesto, Torres e Virxilio Blanco. Fóra das palabras que se reproduciron, e da aguia imperial, nada relaciona os poemas de Sevillano co que poderiamos denominar literatura falanxista, ou franco-falanxista, ou, se se prefire, simplemente franquista. Sevillano xa pagaba o seu tributo á nova «situación» cos artigos que publicaba en El Pueblo Gallego, mais a súa poesía –deixemos calidades fóra– nunca a puxo ao servizo do novo réxime, da súa ideoloxía. E durante a guerra, e na posguerra, Sevillano publicou poemas e recensións en galego no xornal en que traballaba desde antes de 1936 e que era xa o órgano de Falange Española Tradicionalista y de las Juntas Ofensivas Nacional-Sindicalistas. E deses poemas, o máis, digámolo así, franquista que publicou foi o que agora reproducimos e que apareceu o 28 de novembro de 1937 na páxina que dedicaba a Portugal o xornal vigués; páxina na que aparecían escritos no idioma luso:

Saúdo a Portugal

 

Portugal, o das naos destemidas dos ventos,

dos abertos ronseles para as novas conquistas

o das ergueitas augas xunto ás illas lonxanas,

o das claras e alegres proezas nunca vistas…

 

Qué novos duros aérs secaron tua ollada,

ou qué vidros doidos represaron teu sangue?

Mais sodes ben sabidos da quente orela núa,

das roxas labaradas que queiman e non arden. 

 

E nós tamén, irmáns nas roitas e nos soños,

irmáns nas carabelas, nos mares e nas Cruces,

irmáns nos fondos lazos da vella raza altiva,

nas eternas palabras e nas eternas luces…

 

Nós, tamén, ben sabemos isa groriosa cencia

de heroísmos e mortes que paren nova vida:

estremecéuse a terra d’iste solar ou fonte

e frolecéu de novo a verde encina antiga.

Foron as voces idas que Deus recolle e garda,

os pulos inmorrentes, os destiños maduros,

iste cauce que abriron nosas máns, apretadas

nas armas que ganaron os combates máis rudos…

 

A nós chegades hoxe, Mocidade ou nobreza,

a que ama, a que morre a do esforzo belido,

a que levan nas finas venas que xamais dormen

o xermen d’un Imperio “que non é pequeniño”.

 

A vós, que ben queredes, irmáns da doce língoa,

noso saúdo sexa na fala que vos é,

na que dixo Camoens as mais sonoras somas,

as mais outas estirpes, as mais ardidas fés.

 

Noso saúdo, coro de anxos e de homes

que navegan nas rumbos d’un anceio imperial:

reito o brazo que moven as palabras do Ausente,

noso grito entrañábel: ¡¡Arriba Portugal!!

 

Mais o que nos interesa é o libro de Sevillano, que gozou de certa publicidade no xornal en que traballaba, no que apareceu durante uns días o seguinte anuncio: 

Ademais da publicidade, en El Pueblo Gallego aparecerería unha recensión do libro, o 28 de agosto de 1938, dentro da sección que titulada «Poesía, Claridad», que retomaba, como xa vimos, un título cunqueirián anterior aos fatídico 18 de xullo de 1936. Sección –co titulo xa en español–, polo demais, que despois desta última data só aparecera no xornal vigués unha única vez antes de repetirse para dar conta do libro de Sevillano. O primeiro artigo desta sección aparecera o 16 de marzo de 1938, nel A. C. comentaba o libro, atravesado desde o primeiro ao último verso pola ideoloxía máis das JONS que da Falange, ben que as diferenzas eran mínimas, Altura, de José María Castroviejo. É este, que agora reproducimos, o primeiro escrito de Álvaro Cunqueiro a falar de quen será o seu íntimo amigo? Pode ser que si, pero non ten a mínima importancia –que sexa o primeiro escrito en que o mindoniense falaba de quen logo sería chamado o Señor de Tirán. Velaí, sen máis preámbulos, o comentario: 

Notas

POESÍA, CLARIDAD

 

Sean las que sean mis convicciones últimas sobre la poesía. Sea cual sea la posición que yo haya de adoptar, por fidelidad y gracia de Dios, ante la soberana historia de los versos y los poetas, una obligación rigurosa de claridad me mandará siempre. Así, pues, habiendo declarado hace muy pocos días que, en lo que iba de guerra hispánica, no quedaba en boca española regusto de poema, me toca el decir hoy como ha aparecido un libro que, por profunda raíz y segura manera, es el primero de los nacidos en España en el transcurso de la guerra y la fiel y exaltada visión de todo un río generoso y magnifico que, por divina presencia y oscuras sangres, tiembla las jornadas del pulso joven: Altura, de José María Castroviejo.

La poesía es una ascensión a los motivos iniciales del hombre, a la razón del hombre, a la visión del mundo y al relato de esos vientos sutiles o alas oscuras que rondan las puertas y los muros de todo lo creado. La poesía es, más alta que todas las cosas, la certidumbre de que algo vela verdades indivisibles y hermosas detrás del concurso universal de los sucesos cotidianos. En esta definición está Altura. Si a esta bellísima guerra de Dios que España socorre con sus llanos, le buscáramos una proyección sobre el ánimo de los mejores que la entusiasman con sus corazones desbordados, daríamos con algo semejante a Altura, de José María Castroviejo. En esos poemas de guerra está el aliento y el mensaje concreto de los deseos de toda una juventud, en una figura total y soberana, la presencia temerosa del sol y las tierras, la luna y el mar, la diestra de Dios y las huellas de los ángeles. Más bien que poemas, son como trozos acordes y exigentes de un gran epos vivo y triunfal como un remolino. Y la clara, determinante significación histórica –en palabra vulgar: política– de los poemas de Castroviejo ha de ser entendida en razón de que toda épica existe en función de afirmaciones conductoras de hombres y de pueblos. 

Un grande y excelso cantar ha saltado a la gleba. No es un cantar feliz, sino un verso ancho y caudal como una tempestad sobre un bosque centenario. Las encinas se hacen más fuertes y los árboles mozos aprenden el silbido augural de sus ramas eternas.

A. C.

Cinco meses e algún días, despois, publicábase, no mesmo xornal, evidentemente, o segundo artigo da sección «Poesía, claridad» (segundo e… último?; cando menos, nós non demos atopado ningún máis, pero hai que dicir que na web que consultamos o xornal vigués, Galiciana, faltan algúns –bastantes– números): foi o 28 de agosto daquel mesmo ano de 1938. Desta vez A. C. comentaba, precisamente, o libro de Ánxel Sevillano de que falamos parágrafos atrás. A todas luces, o comentario estaba escrito en español, mais ten a «importancia», moi relativa, de que por vez primeira desde que iniciara a colaboración (era redactor do xornal) en El Pueblo Gallego requisado, falaba dun escritor galego contemporáneo: a estes (é dicir, aos escritores galegos dos anos 1920-1930 –escritor galego: aquel que escribe en galego) nunca se referirá, e destes nunca falará o autor de Merlín e familia até os anos 1948/49. Velaí a única importancia do comentario que a continuación se reproduce e que apareceu nunha páxina titulada «Letras y Doctrina», a carón de duns fragmentos do prólogo de Raimundo Fernández Cuesta aos Discursos de José Antonio Primo de Rivera (y Saenz de Heredia),publicado por Ediciones Jerarquía, de Pamplona, e a cuarta entrega do capítulo I de Con las cinco flechas en el yugo, de don (sic) Fermín Yzurdiaga Lorca, sacerdote navarro responsábel, precisamente, da revista Jerarquía e das edicións do mesmo nome. Ou sexa, moita «doutrina» e poucas «letras». 

Poesía, claridad

UN NUEVO LIBRO DE ÁNGEL SEVILLANO

 

Si de los libros de poesía pudieran hacerse clasificaciones que tocaran al color, de este O amor, o mar, o vento e outros gozos del poeta Ángel Sevillano, habría que decir, es seguro, que es un libro de color azul alegre, por mucho que pese a sus melancolías, que las tiene, y a ciertos afanes que al autor agobian de fugarse a zonas donde el más amable color es, el verde del a eterna esperanza. Sólo así es noble la voz que canta: 

 

Os millores ventos 

Son os que me veñen falar de ti

Nas duras nordesñia do Grand Sole…

 

Y no es solamente el tema de la ausencia el que pone en el libro el sabor de los romanticismos. Porque se trata –hay que decirlo como se ha dicho de O Muiño albeiro del mismo poeta– de un libro romántico, sencilla y excelsamente romántico, habiendo fraguado en sus poemas, con una clara y resuelta decisión, los más dulces tópicos con las más bellas palabras de la sensibilidad actual; matrimonio éste que en el libro de Ángel Sevillano ha encontrado solución fácil, inexplicable desde cualquier punto de vista que no sea el de la fuerte, libre y anunciadora poesía. Esa fácil solución es, precisamente, eso que se llama así: poesía.

Del libro de Ángel Sevillano no solamente ha de recomendarse la lectura, sino también la meditación. Es seguro que una tal sencillez y claridad no se obtiene tan constante y felizmente sin que algo más complicado pase tras los muros donde la creación tiene su telar. Ese algo más complicado es probable que esté dado por una afectuosa lengua que conserva bien su frescura y sabor, en la que el poeta ha sabido, con ciertas angélicas gracias –que florecen donde la poesía hace estancia–, depositar una simple noción del amor humano, pasado desde el alma a los contornos más amables de todos los paisajes del viento y de todos los espejos del mar. Hay, claro es, muchas otras cosas: alegre imaginería, un encendido ritmo, una ancha riqueza verbal…

A. C.

Sobran comentarios? Non digo que non, pero reteña o lector ou lectora estas palabras: «este O amor, o mar, o vento e outros gozos del poeta Ángel Sevillano, habría que decir, es seguro, que es un libro de color azul alegre», frase, ou palabras, que son o presente do comentarista e estas outras, que (lle) lembran o seu pasado?, quizais non esquecido, pero si apartado e postergado: « Ese algo más complicado es probable que esté dado por una afectuosa lengua que conserva bien su frescura y sabor[…]», palabras que deitan un certo ton melancólico…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *